Licenza de matrimonio

Un relato de Víctor Fernández Alves. Un conto feito de rutinas e distancias, unha licenza e correntes de auga que baixan máis bravas do que se pensaba.

Xesús chegou demasiado pronto a casa. Era un día estraño. Normalmente entraba pola porta principal a iso das doce do mediodía, pouco antes de que servisen a comida na mesa. Pero hoxe só eran as nove e vinte e xa estaba alí. Demasiada corrente no río para a pesca, polo menos para un home de certa idade coma el. “Culpa do vento”, dicíase a si mesmo, “sopra de tal forma que move a auga e fai que sexa imposible de manexar”. Así que só puido dar un paseo y volver para a casa.

Ao chegar non había ninguén. Abriu o portalón que cercaba o patio dianteiro do seu edificio. Xesús vivía nun baixo xunto a súa muller e, nos outros dous pisos que tiñan, as súas dúas fillas coas súas familias. Sentíase orgulloso de ter acadado aquela pequena fortuna. Pasara corenta anos en Delemond, unha cidade deixada da man de Deus na Suíza e poboada maiormente por veciños de Camariñas. Foron levándose os uns aos outros até producir unha especie de colonización. Tiñan carteis en galego na maioría dos supermercados, ese era o nivel. E Xesús pasara aló a maior parte da súa vida traballando na construción para conseguir todo o que tiña.

Non é que se arrepentise de telo feito. Era unha sensación estraña a que lle percorría o corpo enteiro cando pensaba nese tempo. Todo pasara demasiado rápido. Deixou a Galiza cunha muller nova e dúas fillas por criar e, ao volver, atopou dúas mozas feitas e dereitas e a unha anciá, como era el tamén. Unha imaxe que non lograba asimilar. Unha imaxe que cada vez que se lle pasaba pola cabeza producíalle un xesto de incredulidade. Subía a man na procura de pelo que peitear e só encontraba a súa calvicie. Iso facíao volver a maldicir os cascos da obra. Para el eran os únicos culpables desa desgraza.

Pero as cousas eran así e non se podían cambiar, como o feito de que hoxe non lanzara o fío de pescar nin unha soa vez. “Maldita corrente”, pensaba. Deixou o pasado a un lado e mirou a caixa do correo antes de pasar a súa propiedade. Había un par de cartas. Podía velas a través dun pequeno cristal na tapa. Xa as recollería despois de cambiarse. Non tiñan apuro. Subiu os dous chanzos que separaban a rúa do patio e dirixiuse ao galpón. Era unha pequena chabola a un lado do edificio onde Xesús gardaba as súas cousas. Colleu o cadeado e púxolle a chave. Tiña un pouco de ferruxe e non podía abrilo calquera, só el que lle tiña collido os tentos. Un xesto suave a esquerda e despois un seco a dereita até escoitar o click. Sinxelo.

Abriu a porta e deixou o cesto de vimbio colgado dunha punta pola asa. Era un cesto estupendo que lle fixeran os seus netos nun taller de verán. Era ríxido e forte. Semellaba fabricado de forma profesional salvo por unha forma pouco homoxénea. A súa cana tiña unha esquina reservada. Era unha Saltiga Ballistic Schrf coa que levaba poucos anos. Conseguiuna nunha tenda de segunda man a un moi bo prezo. Parecíalle incrible o que se podía atopar neses establecementos. Despois sacou o máis traballoso, o badeador que parecía recen estreado e iso que tiña máis de trinta anos ás costas. Era normal que se mantivese nese estado, a maior parte do tempo pasárao dentro dun armario encerrado. Foi un impulso comprador de Xesús nos seus tempos en Delemond. Un día ía pola rúa e viuno nun escaparate. Por algunha razón non puido resistirse a compralo, entrou na tenda e levouno de alí sen probar a talla sequera. Tivo sorte, quedáballe coma un guante. O caso é que o levou ao piso, gardouno no armario e non o volveu sacar até o día que regresou a Camariñas. Tíñao alí e observábao de vez en cando, (maiormente cando estaba triste), pensando en como ía ir pescar durante a súa xubilación. Agora usábao tódalas veces que ía ao río durante a tempada de pesca.

Prendeu as tiras dos ombros na percha e deixouno no seu sitio. Hoxe non precisaba secar, pero daba igual. A Xesús gustáballe deixar as cousas ordenadas e feitas no momento e do modo correctos. Pechou a porta con chave e deu media volta. Non había ninguén na casa a esas horas, a súa muller estaría por ai a facer as tarefas, el supuña que chegaba ao redor das once, máis ou menos. Saían xuntos da casa pola mañá despois de que el almorzase e ela recollese a casa e preparase a lista de cousas que tiña que facer. A Xesús resultáballe chistoso que escribise aquela lista. Gustáballe como se preocupaba de anotalo todo de forma minuciosa naquel papel para acabar esquecéndoo a maioría das veces ao carón do teléfono. “Ten a cabeza nas nubes”, pensaba el, sempre a sorrir.

Xesús tiña claro que non se lle podía reprochar nada en absoluto a súa muller. Era a que facía todo na casa e era normal que se lle esquecese algo de vez en cando. Que podía dicir el? Sería un completo imbécil se lle gritase por algo así. Nunca lle pedía axuda e el tampouco lla ofrecía. Non é que se sentise mal por iso, pero tiña claro que, como mínimo, carecía de dereito para queixarse. Era a pedra angular do seu matrimonio. Ambos coñecíanse ben, sabían os puntos fortes e febles do outro e apoiábanse mutuamente sen discusións, nin unha soa despois de cincuenta anos casados. A distancia foi un factor importante neste aspecto, claro. Xesús só estaba no pobo durante tres, catro semanas ao sumo, durante a súa época en Delemond. As liortas resolvíanse sempre do mesmo modo, un dos dous cedía, como se dun pacto xamais firmado se tratase. E agora xa eran vellos como para cambialo.

Xesús abriu a porta da casa e mirou cara a zona do teléfono. Alí estaba o papel coa lista da súa muller. “A cabeza nas nubes”, volveu a dicir, como de costume cun sorriso, e foise cara a cafeteira para servirse unha boa cunca. Prendeu a luz do salón, aínda que era un día con bastante sol. Era un fogar pouco luminoso, o único inconveniente que se lle podía poñer. Logo sentou no sofá.

Alí, Xesús pensou en prender o televisor, pero pouco lle durou. Era mala hora e de seguro que non poñían nada bo. Buscou por unha das súas revistas de pesca. Estaban nunha mesa pequena situada na esquina esquerda da habitación. Alongou a man para agarrar a primeira que había e viu alí a súa antiga licenza de pesca. Déralla á súa muller para que a renovase e ela debeu deixala alí pensando que aínda valía para algo. Xesús mirouna por un momento a sorrir e despois tirouna no lixo feita mil anacos. Non tiña ningún valor e coa nova a cantidade de papeis era máis que suficiente. Preguntouse onde estaría a nova. Seguramente na carteira de María (a súa muller), determinou el tras pensalo un momento. Días atrás dixéralle que xa a tiña, pero non lla dou. “Ten a cabeza nas nubes”, pensou para el mesmo e recordou as cartas que vira na caixa do correo. “Todo o malo se pega” dixo en voz alta levando a man dereita á cabeza.

Camiñou até a entrada e colleu as chaves dun recipiente nas que as tiñan todas. Abriu a porta e atravesou o patio dianteiro. Encantáballe ese lugar. Vía aos seus netos correr dun lado ao outro cada día alí. El e María só tiñan que sentar e deixar pasar o tempo desfrutando de todo iso. Era algo que se gañaran co paso dos anos. Iso estaba claro. Xesús mirou a un lado. Tiña unha morea de leña por cortar. Pensou en facelo ao día seguinte. De seguro que o río estaría nas mesmas condicións e podía aproveitalo.

Chegou ao carón do portalón principal e abriuno a medias para alcanzar a caixa do correo. O fecho deste non tiña truco ningún, abría con toda a facilidade do mundo. Colleu as cartas de dentro. Eran unhas seis, calculou Xesús a ollo polo grosor do feixe. Cerrou todo e volveu ao salón a sentar no sofá. Deu un bo grolo á cunca de café e comezou a revisar as cartas. O plan de ler a revista pasou a un segundo plano.

A maioría das cartas eran para a súa filla máis vella, Andrea. Non se detivo moito a ver de que ían, non era da súa incumbencia. A privacidade das súas fillas era algo que lle preocupaba bastante. Elas vivían alí con esa condición e Xesús tíñao claro, por iso nunca se entremeterse nos seus asuntos. Outra das cartas era para a menor e a penúltima para María. A última, finalmente, era para Xesús. En total eran sete, quedárase corto por pouco, unha so. Mágoa. Abriu a súa. Era da asociación de pescadores fluviais. Pareceulle raro que lle mandasen nada, normalmente só se preocupaban de cobrar e unha vez feito deixabas de existir. Sacou o papel de dentro e comezou a ler.

«Estimado señor X, informámoslle de que, debido ao seu atraso á hora de abonar as taxas de renovación para a súa licenza, terá que pedir a expedición dunha nova e abonar o importe completo do que isto supón.

Dámoslle as gracias polo seu tempo e desexámoslle unha feliz xornada.»

Cágome en tódolos santos evanxeos María!” comezou a berrar Xesús. “Sempre a mesma merda. Cágala e mentes… se vas o primeiro día xa está, cona! Non pasa nada se vas o segundo. Pero non mo deixes pra o último sempre… cago na cona da virxe do Carme, en Deus e na puta cos pariu a todos. Sempre a mesma merda”.

Berrou a soas ate que lle secou a gorxa. Entón parou e bebeu un vaso de auga, que era o único que bebía. Gardou a carta e sentou a ler unha das revistas de pesca. Pouco despois chegou María coas bolsas da compra.

Xesús, e ti aquí?” díxolle ela.

O río estaba imposible. Demasiado pra os meus osos de dinosauro” dixo mentres sorría e lle chiscaba un ollo.

Pero se ti es un trinquete1

Colocaron a compra e prepararon a comida. Logo esperaron a familia para xantar. Ao día seguinte Xesús expediu a nova a licenza e todo seguiu igual.

Licenza de matrimonio
©Reno Tahoe

1En camariñán dise trinquete dun home novo e guapo.

O título para o relato “Licenza de matrimonio”, ocorréuselle ao editor, Guillermo Rodicio, que lamentablemente se ve na obriga de dicilo aquí por petición expresa do autor.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí