Lidia Cao: “O muralismo engancha, nunca vas facer o mesmo deseño nin enfrontarte á mesma parede”

Unha conversa sobre muralismo con Lidia Cao, unha das artistas máis potentes da nova vaga da escena galega.

O 2021 foi o ano da reconquista das rúas e dos espazos abertos. Moitos comezamos a erguer a vista do móbil e a fixarmos nas paredes dos nosos barrios, decatándonos das obras de arte que nos rodean, moitas delas presentes dende vai anos. O arte urbano galego é un referente estatal e bule, como mostra a proliferación de festivais, colectivos e artistas de diversos estilos.

Lidia Cao (Santiago de Compostela, 1997) é unha das artistas máis potentes da nova vaga do muralismo galego. As súas obras reinvindican a capacidade crítica da arte. Nos seus murais mestúranse xestos e miradas de corpos anónimos con elementos crípticos, invitándonos a reflexionar sobre os problemas da sociedade e as historias da nosa contorna. Falamos dos seus comezos no mundo do muralismo, do proceso creativo peculiar do formato e das boas e malas experiencias do traballo na rúa. Por iso, abusando de confianza, acabamos comentando algunhas das súas pezas favoritas. Unha charla que, como os seus murais, invita á reflexión.

Retrato de Lidia en Linares, no festival 27300. Fotografía de Álvaro Herrera.

Como chegas ao mundo do muralismo? Noutras entrevistas comentas que foi fóra do circuito da educación formal.

Crieme con isto. Eu son da vila de Ordes (A Coruña), e aquí levan xa quince anos organizando o festival de arte urbano, DesOrdes Creativas. Teño 24, así que levo máis da metade da miña vida acompañada disto (risas).

Os murais chamábanme moito a atención, aínda que non sabía realmente todo o que conlevaba. En segundo de Ilustración apunteime a dúas masterclass do colectivo Mutante Creativo en Ordes e Carballo, con artistas de diferentes técncas, como sprays e pintura acrílica. Ata ese punto só traballara a ilustración con lapis e tinta e grazas a estes obradoiros engancheime. Dende o primeiro momento atraeume todo o que implica este mundo: a convivencia, o coñecer outras artistas afíns a ti e, sobre todo, a rúa. Parece pouca cousa, pero traballar a pé de rúa deixa moitas anécdotas, tanto boas como malas.

A partir dos obradoiros, chamáronme para pintar nunha exhibición en directo e pouco despois déronme o primeiro mural en Vigo, no túnel da Avenida de Beiramar. Eu era novata de todo, así que pedín un muro pequeno, polas inseguridades do principio. Imaxínate, para min Vigo era estar fora de casa, aínda que é aquí ao lado (risas). Lembro perfectamente o día que me mandaron as características e fotos do sitio. Non vía a parede, así que preguntei onde estaba. Resposta: “Non, non hai parede. É o túnel”. Non contaba con iso (risas). Cando me dixeron que medía 400 m2, non sabía cantos litros de pintura supoñía. Para min era abismal ese tamaño.

 

Como é o paso de medios pequenos a medios tan grandes?

Normalmente nos obradoiros traballas con plafóns individualmente, ou nunha parte do muro, en conxunto con outros artistas. O modo de proceder cambia moito dun obradoiro a un traballo real. O túnel de Beiramar foi a miña primeira obra completa, con toda a xestión de deseño, o pedido de materiais, etc. De feito con ese mural tireime á piscina, fíxenme autónoma e ata agora (risas). Para facer murais tes que cumprir moitos requisitos: seguro de responsabilidade civil, cursos de grúa e de alturas… Non é como facer un deseño en casa.

Lidia Cao: "O muralismo engancha, nunca vas facer o mesmo deseño nin enfrontarte á mesma parede"
Fotografía pintando en Lleida (2021). Fotografía de Rafa Ariño

Calcular as proporcións ou o peso da composición ten que ser complicado con tanto espazo.

O cambio é moi grande. O máximo tamaño co que traballara ilustrando fora un A3. Eu fago sobre todo figuras e tes que adaptarte ás proporcións. Se fas abstracto sempre podes xogar co espazo, pero se fas unha cara ou un corpo e a proporción falla sen ser intencionado, nótase. Costoume bastante e tiven que aprender novas técnicas. Tamén me apoio na tecnoloxía, agora emprego cuadrículas para orientarme, ir máis rápido e ter que facer menos cambios ata chegar á proporción correcta.

 

Entendo que incluso tiveches que variar o trazo, para traballar sobre unha superficie completamente en vertical.

Por exemplo, no mural pintas a medio metro de distancia da parece, polo que non percibes como de gorda ou fina ten que ir a liña ata que te baixas e o ves con distancia. Ese cambio é moi grande. Aínda me pasa hoxe cando me dan un muro máis grande dos que pinto normalmente. Agora corrixo máis rápido, pero aínda teño que adaptarme. Realmente, cada muro é un mundo.

 

Ao final non é tan sinxelo como facer un transfer do bosquexo da tablet.

Si, non é tan sinxelo. Hai xente que proxecta na parede para axudarse. Aínda que emprego guías e cuadrícula, eu prefiro que a man vaia máis solta e o debuxo naza só, que varíe respecto do bosquexo e teña o seu propio encanto. Mesmo ás veces a propia parede pídeche correxir algunha liña.

 

Pese á túa xuventude xa tes un estilo moi definido. Como o lograches desenvolver?

Tiven sorte e boas mestras neste mundo, pero aínda me estou atopando. Se unha artista non evoluciona ao longo da vida, malo. Sempre é interesante mesturar e probar cousas novas. Neste estilo é onde máis cómoda me atopo e é o que me sae naturalmente. Non é algo buscado, sae das vivencias e da aprendizaxe. Igual dentro de dous anos estou facendo algo distinto, pero dentro do meu estilo.

 

Como ves a túa evolución desde que comezaches?

Cando empecei na ilustración e nos primeiros obradorios facía moito realismo. Ao pasar ao mural vin que aquelo non era para min. Gústame tamén transmitir unha mensaxe. Facer hiperrealismo require moita técnica e é moi admirable, respéctoo moito. Pero o concepto non vai máis alá e quixen escapar un pouco diso. Ademais, sempre me gustou partir da mirada ou dos xestos da cara e, co mínimo, trasmitir algo, que penses que o mural che está a contar algo, aínda que non saibas ben o que. Non me gusta o horror vacui (risas).

 

Outra das características do teu estilo é o uso de símbolos, dalgún tipo de elemento onírico ou críptico.

Gústame ser crítica pero dentro dunha atmosfera onírica. Non ser directa, pero que se poida intuír que quero dicir ou criticar algo. Un bo exemplo é o mural “Hic svnt dracones” que fixen en Lugo [preparado para o festival Culturban no 2020]. De primeiras velo e parece unha imaxe doce dunha rapaza lendo, pero é unha crítica ás fake news. Aquelo que dicían nos mapas da Idade Media de “Aquí hai dragones”, un lugar perigoso ou inexplorado… Se te fixas, no lombo do libro pon “magis cogitare minus credere” [“Pensa más, cre menos”]. Hai que informarse e ler ben. Non crer o primeiro titular, nin seguir ás masas ou fiarse do contido viral.

“Hic svnt dracones” Culturban 2020. Fotografía Lidia Cao

Todos os teus murais están protagonizados por personaxes femininas. Algunha vez falaches da importancia de visibilizar os corpos femininos máis alá dunha función estética.

Este é un tema que me gusta aclarar. Son feminista, pero non o fago con esa intención. Intento transmitir unha mensaxe máis aló da figura feminina. Son muller é sáeme que as miñas protagonistas sexan coma min. Hai moitos artistas homes que só tratan figuras femininas e nunca lles preguntan por isto.

 

En canto á cor, empregas sempre tonalidades da mesma gama cromática, con poucos contrastes. Sáeche natural ou é unha elección estética?

Considérome máis debuxante que pintora. Veño do mundo do branco e negro, polo que prefiro que predomine a liña e o debuxo sobre a cor. Ademais, gústanme as cores complementarias ou monocromáticas, non me gusta empregar cores estridentes ou saturadas. Se me ves pintar en directo verás que emprego moito o branco e negro para facer as misturas.

 

Tanto á hora de practicar como á de facer intervencións supoño que estades limitados pola dispoñibilidade de espazos. É doado atopar espazos e vivir disto?

Depende moito da zona. Eu pensaba que en Galiza non era doado, pero falando con xente de Madrid coméntanche que aquí hai unha corrente moi forte, estase a apostar moito polo muralismo. Por un lado síntome orgullosa de formar parte desta escena, pero doutra banda queda moito por facer. Este ano estiven fóra de España, tes que moverte por canto sitio hai. É difícil vivir só disto nunha única zona, non hai tanta demanda.

 

É curioso que falten espazos no noso país, vendo o gran problema que temos co feísmo urbano e rural.

O feísmo é bo e malo á vez. É bo porque pide murais, pero tamén hai moita xente que aínda non o entende o que facemos, é un formato relativamente novo. Nos catro anos que levo nisto cada vez vexo máis aceptación, pero a xente que leva máis anos seguro que tivo que tragar moito. Confúndese moito co tema do graffiti. A min chámanme moitas veces “graffiteira”, cando non emprego sprays (risas). Son conceptos distintos, aínda que moita xente do mundo do muralismo vén do mundo do grafitti. Ao final hai moitas visións do muralismo, eu podo contarche a miña.

 

Hai diferenzas entre o proceso creativo duna peza “propia” para un festival e un encargo, por exemplo dun concello ou doutra institución pública?

Cada artista sempre aporta o seu, a liberdade creativa ten que primar. Aínda que sexa un encargo e teñas unha temática, normalmente hai liberdade. Algunha vez pídenche facer cousas coas que non te sentes cómoda ou non se te dá ben e faiche saír da zona de confort, no mal sentido. Por iso é importante ter unha conversa cos concellos e a xente que che fai o encargo. Estante contratando como profesional, pero ás veces parece que os profesionais son eles (risas).

 

Conservar as intervencións ten que ser difícil. Entendo que os murais ás veces poden entenderse como un arte efémero.

Hai sitios nos que o ven como arte efémero, venlle o encanto do momento, e outros que se preocupan máis, procurando estudar o estado das paredes e coidalos. Por exemplo, en Oviedo [no Parees Fest] fan un estudio previo do teu estilo e ferramentas empregadas, por se o día de mañá hai que facer unha restauración. É un traballo de grandes dimensións, se vai ser moi efémero non compensa nin ao artista nin ao concello (risas).

 

Falabas ao principio do atractivo do traballo na rúa, algo distintivo desta forma de arte. Como reacciona o público cando che ve pintando?

Ao principio a primeira reacción era “Pero ti, tan nova… que fas alí subida?” (risas). E agora menos, pero ao principio tenme preguntado onde estaba o artista. Algunha vez acompañoume o meu irmán e a xente pensaba que o autor era el. Cóstalles asociar que unha rapaza nova sexa capaz de pintar algo tan grande. Sorpréndense máis polo manexo da grúa que porque pinte superficies de catro plantas, cando ao final é como quen ten o carné do coche, forma parte das túas ferramentas e tes que coñecelo (risas).

 

Cambia moito o proceso de empregar unha grúa a un andamio?

Si. Eu, que fago murais figurativos, se traballo con andamio súo bastante coas perspectivas (risas). E non é o mesmo cargar con 15 litros de pintura polo andamio que subilos nunha grúa.

 

Canto pode levar normalmente unha intervención?

Este é un tema interesante, varía segundo o artista, o estilo e as técnicas empregadas. Como con todo, cantos máis días mellor, tes máis tempo para coidar o trazo, correxir erros… Para que te fagas unha idea, nun festival tes uns seis ou sete días para facer o mural. Nun encargo privado ti podes xestionar o tempo e o orzamento, salvo que teñan unha data pechada. Pero si, no meu caso seis ou setes días no muro, descontando a planificación e o bosquexo. Non é o mesmo pintar un corpo máis elaborado que simples masas de cor.

Intervención no estudo de tatuaxe Locus Amoenus. Fotografía de Lidia Cao.

Certas formas de arte como a fotografía ou a ilustración chegan cada vez máis ao gran público. Porén, o muralismo, aínda que presente nas rúas, segue sendo un relativo descoñecido. Que falla nos medios públicos ou na educación?

Aínda que aí está o muralismo mexicano, este é un arte relativamente novo, sobre todo aquí. En parte é normal que custe transmitilo. Pasa en xeral co mundo do street art. Non todo é muralismo, tamén hai graffiti e intervencións con mobiliario urbano. É importante formar e aclarar nestes conceptos. Fai falta máis formación, incluso para a xente que estamos neste mundo. Cando vas a charlas e conferencias aprendes moitísimo.

Por sorte en Galiza contamos cun circuíto de festivais estable de arte urbana como o RexeneraFest en Carballo, o Cromático Mura Fest en Cambre, ou o propio DesOrdes en Ordes.

Ademais neles tamén se organizan moitas master classes e obradoiros. A xente vén con ganas de aprender e en canto lles explicas un pouco como funciona, xa o ve con outros ollos. Por exemplo, teño un recordo moi bo deste ano que me fixo moita ilusión. O meu avó puido verme traballar en directo por primeira vez. Sorprendeuse moito, non contaba con que fose así. “Ui! Isto dá moito traballo. Vas quedar sen vista, meniña, isto é moi duro” (risas). Flipou, e iso que xa lle contara máis ou menos de que ía o tema. Imaxínate o impacto na xente que é totalmene allea.

 

Cales son os teus referentes artísticos, tanto no mundo do mural como noutros formatos?

Intento empaparme tanto do mundo da ilustración, que é de onde veño, como do mundo do muralismo. Quizais ultimamente enfócome máis na pintura mural, que é do que vivo (risas). Os referentes no muralismo son o catalán Aryz, un dos primeiros impulsores do neomuralismo; empezou con poucos medios e hoxe é un dos artistas máis prestixiosos a nivel estatal e internacional. Outro dos meus favoritos, tanto pola técnica como polo concepto, e co que ademáis tiven a sorte de traballar, é Daniel Muñoz, de Moraleja (Cacéres).

 

Dentro da escena galega hai un gran protagonismo feminino, con artistas importantes e consolidadas como Doa, Minia Regos, Vanesa Álvarez ou ti mesma. Incluso contamos con festivais protagonizados 100% por mulleres e con perspectiva de xénero, como o DelaFest (comarca de Santiago).

Fóra dinmo moito. Síntome moi orgullosa de formar parte disto, e todas elas son referentes. Tamén me acordo moito de Xoana Almar, fundadora xunto co seu compañeiro Miguel Peralta, outro artistazo, da colectivo Cestolo na cachola. Elas foron as miñas mestras nos primeiros obradoiros.

 

Ademais, semella que hai bastante unión no gremio, con redes de colaboración e un asociacionismo forte.

En Galiza estase a facer moito neste sentido, algo moi importante porque é un sector complicado. Se cada un fixésemos a guerra polo noso lado, malo. É importante o apoio, tanto para traballar sós como en colaboracións directas. E tamén para reclamar dereitos e estabelecer boas prácticas. Por exemplo, hai xente que polo seu status económico pode ofrecerse a pintar murais de balde. Pero claro, hai que ter en conta que intentamos vivir disto e esas malas prácticas aféctanos a todos. Para min, como artista nova, é unha gran guía e axuda todo o labor ben feito dos outros artista. E tamén serve para educar aos clientes, para que non pensen que por ser un campo novo ten menos valor.

 

O ano 2020 foi un ano complicado para as artes. Como viviches os confinamentos?

É un tema moi delicado tanto a nivel xeral coma no sector. Eu non me podo queixar. Parte do meu traballo é o deseño das ideas, polo que me autoconfino a miúdo (risas). Afortunadamente, a nivel persoal non me tocou ningún caso preto. E no tema profesional, o 2020 foi o meu mellor ano, cando comecei a despegar, pintando incluso fóra de Galiza a finais de ano. Temos a sorte de que é unha actividade cultural que non require moita masa de xente. Foméntanse rutas para que a xente camiñe ao aire libre, nun espazo seguro e sen apenas riscos. Ao pouco que se relaxaron as restriccións, a xente saíu a facer vida na rúa.

Notei tamén que agora a xente para máis a ver o proceso de pintado do mural. Hai pouco en Linares pasoume un detalle que me emocionou moitísimo. Con todo rematado, estaba movendo a grúa para sacar as imaxes do mural e achegáronse dúas señoras maiores, unha en cadeira de rodas. Preguntáronme se podía baixar e estiven falando un bo anaco con elas. Resulta que a señora da cadeira levaba sen saír de casa dous anos e animouse a baixar por primeira vez para ver o mural. Díronme ata calafríos. Nesta profesión pasas moitas horas na rúa, e ás veces tes que aturar certos comportamentos ou comentarios. Por este tipo de situacións bonitas paga a pena o esforzo e esqueces o malo por momentos.

Pásame tamén cando vexo as facianas de ilusión dos rapaces, que con tan poucos anos xa desfrutan co que facemos. Flipan co tamaño do formato e coa grúa, chámalles moitísimo a atención o de pintar dende as alturas. Satisfáceme pensar que algún deles quizais se interese e busque máis información, e que nalgún momento poidamos crear escola.

 

Falando diso, que consello lle darías a alguén que quere comezar neste mundo?

Eu sempre recomendo practicar e practicar. E que non o fagan porque o formato sexa a moda. No mundo das artes é moi doado caer nelas. Que o fagan porque lles gusta e queren transmitir algo. Ás veces é difícil atopar espazos, pero acabando saíndo. Eu comecei nas paredes da miñas casa, na miña habitación. Á miña nai ao principio costáballe, pero a día de hoxe xa está moi orgullosa (risas). Tamén traballei moito con plafóns. Ao final é como pintar un cadro grande, como falamos antes, tes que acostumarte á técnica e ás superficies. De feito eu levo pouco nisto, e cada parede supónme aínda un reto. É o bo desta profesión e polo que tamén engancha. Rachas a rutina que podes ter. Nunca vas facer o mesmo deseño nin enfrontarte á mesma parede.

 

Volvendo ao tema do traballo na rúa, falabas antes tamén das malas experiencias.

Vai pouco estiven traballando nun encargo privado, no que tiña que pintar unha habitación e un vestíbulo. Levei un compañeiro comigo e convivimos un par de días cos obreiros e albaneis que estaban a traballar no edificio. Un día estaba subida na escaleira e notei que alguén subía. Pensei que era o meu compañeiro, pero resulta era un dos traballadores. Colleume o pincel e púxose a pintar por enriba do mural. Eu intentei preguntarlle en inglés que que estaba a facer, pero el non o falaba. Cun sorriso rematou e deixoume o pincel de volta no vaso. Quedeime cunha cara de parva, pintara xusto por enriba da figura, a parte principal e máis complicada do mural. A manager do edificio disculpouse. Díxome que pasaran por alí varios artistas, pero que fun a única coa que tiveran problemas dese tipo.

Pasoume tamén na Coruña, pero traballando na rúa. Achegóuseme un señor que dicía ser pintor e púxose a taparme o debuxo. Eu non entendía nada. Non sei se o fan porque te ven nova, por facer o chiste ou porque non entenden o que facemos. Estas cousas quedan en anécdotas e no momento tes que tomalo con humor, pero creo que é bo visualizar tamén a parte negativa da profesión, para tomar cartas no asunto.

 

Coas redes socias estamos inundados de imaxes, e moitos chegamos ás vosas obras a través delas. Está mal dicilo, pero moitas veces quedamos co resultado final, as imaxes, e non valoramos o esforzo que hai detrás delas, incluídas esas situacións negativas.

Todo o traballo que hai detrás e estas situacións non se mostran. As redes sociais teñen cousas positivas, fan un gran labor de divulgación para que te coñezan. Aquí pode funcionar o boca a boca pero chegar fóra é máis complicado. Pero tamén teñen aspectos negativos. Ás veces parece que tes que producir só para as redes sociais. Tes que ter claro que economicamente hai xente que o vai ter máis doado, e que produce máis obras e máis rápido ca ti. Hai moita xente que se compara e que se sente mal cando non produce tanto. Por desgraza, cada unha produce o que pode traballar, dentro das súas circunstancias persoais e laborais. Hai xente con moitísimo talento que non pode adicarse completamente a isto, e ten que compatibilizalo con outros traballos. Tamén é importante poñer en valor a súa obra.

 

Como na arte en xeral supoño que que fará falta tamén máis apoio público directo para os creadores.

En Francia cando tes unha banda ou es un artista plástico tes axudas para as primeiras etapas, nas que desenvolves e ensaias a túa obra, independentemente da idade. Aquí tes que pagar autónomos a final de mes, produzas ou non produzas. Fóra alucinan cando contas que incluso nos meses que non produces tes que pagar impostos. Fan falta máis cambios e que todo sexa máis equitativo, pagando en función do que produzas.

 

Temos moita curiosidade polo proceso creativo e as historias detrás dalgunhas das túas pezas. Comezamos con “Move”, unha intervención recente para o Lleida Pot Fest.

Rematei este mural en abril deste ano, e é unha das miñas pezas favoritas. Creo que logrei encaixalo ben na contorna. Está nun dos barrios máis duros da cidade, multicultural, con moitos temporeiros parados pola COVID e no medio do Ramadán. Xuntáronseme moitas emocións. Axiña fixen moitas amizades coa veciñanza do edifico onde pintei e, á marxe das tensións no barrio, a experiencia foi espectacular.

Dende o principio quería tratar o tema da emigración, xa antes de que me dixeran a zona onde estaba o meu muro. Presentei o bosquexo e gústoulles, precisamente porque como era o barrio onde o quería facer. A idea foi transmitir a idea da inmigración involuntaria, sobre todo a infantil. A necesidade de marchar, non porque queiras. O fogar que se leva enriba e se perde, acabando sen rumbo. De aí a metáfora dos paxaros. Emigran por natureza pero para sobreviviren.

Ao principio tiña medo de como funcionaría. Un día achegóuseme unha rapaza xitana de díxome: “Mólame. Lémbrame á miña irmá”. A xente quedou encantada de que por fin fixesen algo no barrio, no que ademais podían verse reflectidos. Coido que ata pasou por alí un deputado de Vox para sacarlle unha foto, cando eu xa non estaba. Agardo que non me empreguen de publicidade (risas). Polo que vivín, como polo lugar e o signficado é unha das pezas que máis me gusta.

Lidia Cao: "O muralismo engancha, nunca vas facer o mesmo deseño nin enfrontarte á mesma parede"

“Move” Lleida Pot Fest 2021. Fotografía de Álvaro Herrera.

A nivel humano ten que ser moi enriquecedor coñecer outras zonas e realidades.

Dentro da liberdade creativa para min é importante adaptar a obra ao lugar. Non me gusta iso de soltar una peza como se nada, sen que teña un vínculo coa historia, o edificio ou a xente da zona. Hai zonas máis neutras ou que teñen temas xa moi gastados, pero se atopas algo diferente e distintivo e o levas ao teu terreno podes integralo dun xeito bonito. Ademáis de buscar información pola miña conta, eu sempre pregunto á xente local que me contrata. Ninguén mellor que eles para contarche como son.

 

Pasamos a “Fiando a revolución” para o festival DesOrdes Creativas de Ordes, no 2018.

En Ordes houbo unha industria téxtil moi potente, hoxe en declive. A min tocoume de preto, porque a miña nai, unha currante nata, é costureira. Era a primeira vez que pintaba na miña vila en formato grande, así que aproveitei para facerlle unha homenaxe a ela e a todas as costureiras. Por iso a figura está a tecer un pasamontañas, facendo un guiño á revolución. Esa loita nas sombras que seguen a facer todas despois de tantos anos. Non o sabía, pero a nai do dono da casa onde fixen o mural tamén foi costureira. Quedou encantado, lembráballe moito a ela, que xa falecera. Outra destas cousas marabillosas que pasan neste mundo. Crear vínculos e emocións con xente allea a través da arte é moi difícil, pero cando o consegues é moi gratificante.

“Fiando a revolución” DesOrdes Creativas 2018 / foto Lidia Cao

Para o festival ASALTO de Zaragoza  [un dos principais festivais do estado de arte urbano] preparaches “A aperta”.

Foi a idea máis simple pero mais eficaz que puiden facer. No 2020 o tema das apertas, xa sabes (risas). Eu son moito de dalas e era unha das cousas que máis botaba de menos. Foi unha parede complicada, cunha árbore de folla perenne que me dificultaba facer o bosquexo. Ademais a parede ten forma de relevo en cruz, bastante grande. Foi unha das primeiras intervencións traballando con xente mirando despois dos confinamento.

Gustábame a idea de voltar a renacer. O fondo é abstracto, un escenario de fume e lume, no que semella que todo está perdido. A raíz dun xesto todo poder renacer, e dunha simple aperta saen os brotes da esperanza. Funcionou moi ben. Saíu nun libro e ten unhas valoracións moi positivas no portal de Street Art Cities.

O do aperta é moi simbólico para un momento xusto. De o facer noutro momento, quizais non tería funcionado do mesmo xeito. Por iso intentei que tamén fose algo atemporal, e as protagonistas non levan máscara. Simplemente representa un acto, un abrazo, para que no futuro non che lembre só a pandemia e funcione noutros contextos. As veciñas quedaron moi contentas. Unha delas achegouse e díxome que llo mandara á súa irmá, que estaba fóra, na República Dominicana, de onde eran elas. Recordáballe moito ás súas apertas e o que a botaba de menos.

Lidia Cao: "O muralismo engancha, nunca vas facer o mesmo deseño nin enfrontarte á mesma parede"
“A aperta” Festival ASALTO 2020. Fotografía de Marcos Cebrián

Unha das cousas que máis gustan da túa obra é que son pezas críticas, pero cunha mensaxe positiva e  non agresiva.

Hai artistas máis críticas nas formas. Eu son crítica pero creo que son light (risas) e intento que as mensaxes sexan positivas. Aínda así, con este mural tiven bastante polémica. Polo feito de ser dúas mulleres, no primeiro que pensa moita xente é en ideoloxía LGTBI+. Poderían ser dúas irmás, unha nai e unha filla, ou un home con melena. Non se lles ve tanto a faciana como para identificalas. Hai xente que o ve dende unha posición política xa desde o primeiro momento. Un rapaz pasou por alí e soltoume: “Se fosen dous homes pareceríame fatal, pero como son dúas mulleres, dáme igual”.

Mentalmente tes que estar preparada para traballar na rúa, porque tes que socializar un poco á forza, falar coa xente e intentar explicarlles o que fas. Salvo nos casos máis graves, onde tes que pasar completamente porque senón a xente non se vai. Como dixen ao principio, o trato coa rúa é outra das facetas particulares deste mundo. O erro é máis visible. Unha das partes onde o paso peor é na firma, que é cando necesito estar máis concentrada, e é xusto cando ven todo mundo a sacar as fotos ou gravarte (risas).

 

Teño curiosidade polo que representa a firma, é unha especie de selo. Parece unha casiña de aldea. Representa algo?

É unha casiña para paxaros e unha escena rural. Naceu dunha estampa que teño para os papeis. É un xeito de unificar todas as miñas obras, tanto ilustracións en formarto pequeno como os murais en formato grande. Eu son moi caseira e dende pequena gustoume moito o tema dos paxaros. É un recurso que emprego dende que comecei a ilustrar.

Lidia Cao: "O muralismo engancha, nunca vas facer o mesmo deseño nin enfrontarte á mesma parede"
“Viral”. Ilustración baseada nun autoretrato da artista.

Ademais dos murais, tamén traballas como ilustradora freelance, incluíndo traballos para libros e discos. Rematamos con Viral, unha das túas pezas recentes.

É a miña foto de perfil das redes sociais. Fíxena ao pouco do confinamento, partindo dun autorretrato. Intenta reflexar un pouco a época na que a xente comezou a desvariar, non sen motivo. Protexémonos do virus, pero tamén botamos outro tipo de virus perigosos, como as fake news, polas bocas.

 

Podedes seguir a obra de Lidia Cao nas súas redes sociais, como Behance ou Instagram. Seguro que tendes algún mural seu preto da casa. Senón, sempre podedes facervos coas súas ilustracións na súa loxa online. As fotografías dos murais por cortesía da artista. O retrato da portada, Lidia pintando en Teo no 2021, é obra de Marcos Boedo.

 

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí