Mamá, quero que Natalie Wynn sexa presidenta (Brevísima Campaña Electoral de Contrapoints)

Se nos USA non se aclaran co de coller presidente, por que non Natalie Wynn a de Contrapoints? Mensaxe electoral de emerxencia filosófica.

Coa que está a caer nos Estados Unidos, gústame esquecer o distópico da vida e fantasiar coa que sería a miña candidatura ideal. SOÑAR É GRATIS e eu quero soñar con Natalie Wynn.

Pódense dicir moitas cousas de Natalie Wynn, mais en resumidas contas é unha YouTuber (sei a cara que estás poñendo, tamén eu tiven esa cara de inicio). A canle de Natalie chámase ContraPoints e basicamente trata temas de política, xénero ou raza mesturando nos seus argumentos ideas filosóficas clásicas e cultura pop.

MAMÁ, QUERO QUE NATALIE WYNN SEXA PRESIDENTA (Brevísima campaña electoral de Contrapoints)

Wynn estudou Filosofía en Georgetown (Washington, de onde é orixinaria). Comezou a súa canle de YouTube en 2016 coa intención de rebater argumentos ultradereitistas que estaban a xurdir na época. Natalie emprega un sentido do humor absurdo, sarcástico e en moitas ocasións escuro para expoñer verdades incómodas e facer que o espectador sexa capaz de asimilalas. O proceso de ver os vídeos de Wynn sitúa á persoa que os contempla nun punto que se atopa entre a perplexidade trala labazada de realidade, e o empoderamento por tela recibido e poder facer algo ao respecto.

Calquera persoa que poida introducir a un tempo e sen pestanexar a Aristóteles e a Beyoncé no seu discurso é (ademais de evidentemente millenial) digna dunha escoita, na miña opinión. Sobre todo polo carácter unificador dese proceso. Xa abonda dun mundo académico incomprensible e inalcanzable para tantos, que exclúe á ampla maioría da poboación e perpetúa (e amplía) o abismo entre cátedra e realidade.

Pero aparte do meu predicible sermón de cuñada, e volvendo ao ton de campaña electoral, quero aportar os motivos polos que Wynn faría do seu país un lugar mellor. (Ademais, todo o mundo sabe que as listas nun artigo atraen lectores, e todos queremos evitar que me boten desta revista por pouco intelectual):

1. Sabe falar (!). Si, meus, este é o nivel de desesperación. Só pido corrección gramatical e frases con sentido, e xa caen moitas cabezas se xogamos ao Quen é Quen coa clase política actual. THE DRAMA IS REAL.

2. Coñece os recunchos máis recónditos de Internet, nos que se están a mover tantos fíos que a maioría dos mortais non imaxinamos, grazas ao seu pasado (e presente) friki.

3. Sabe reaccionar con clase aos haters, incluso ríndose de si mesma no proceso. Isto faría menos probables as viraxes súbitas de temón en resposta a provocacións aleatorias e a golpe de tweet.

4. Sabe identificar mensaxes de extrema dereita sutilmente camufladas. Tamén sabe rebatelos ata o punto de que algúns medios consideron a Wynn “capaz de desradicalizar supremacistas brancos”. Moi interesante a súa análise desas mensaxes nas comparecencias públicas de certo presidente… (a CONSPIRANOIA completa neste vídeo)

5. Despois de graduarse en Filosofía e iniciar o seu doutoramento, ten un amplo abanico de teorías que flexibilizan e nutren o seu pensamento, con argumentos non baseados en best sellers nin en artigos da revista Vice (véxase a miña patética argumentación co primeiro link do punto 4. A ISO ME ESTOU A REFIRIR).

6. Non ten medo a mirar ás partes máis escuras do seu ser e incluso ten creado personaxes para interpretalas en forma de alter egos cos que mantén debates encarnizados.

7. Ten unha sensibilidade estética impecable, que emprega de maneira irónica para rirse do consumismo e caricaturizar o amor da súa sociedade (e dela mesma) polo material. E por riba faino con clase.

8. Non nega a existencia da cultura pop no seu argumentario. De maneira moito máis intelixente e como xa vos adiantaba na introdución, inclúe a mesma nas súas exposicións, achegándose deste xeito a toda a poboación e validando diferentes fontes de coñecemento coma válidas. Isto en si mesmo é una confrontación ao sistema europatriarcal de coñecemento académico e da súa subseguinte segregación poboacional e de clase. A MILEY CYRUS GÚSTALLE ISTO.

Ah, e tamén é unha muller transxénero. Con todas as implicacións que ten isto para axudar a comprender e apoiar ás persoas oprimidas, que tan esquecidas estiveron nos últimos catro anos de mandato ianqui, e en todos os anteriores de inxustiza humana. *BONUS*

 

Agora xa a coñecedes.

De nada.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí