Mantermos a humanidade – Só e sen wifi no estranxeiro na época da pandemia global (V)

As primeiras saídas, medidas de seguridade e miradas desconfiadas. Agora é tempo de que prevaleza a humanidade, de construírmos pontes de novo entre nós.

A Coruña, 19 de abril de 2020

Pasou máis dun mes dende a declaración do estado de alarma. Ao pasaren as semanas, a situación faise un pouco máis incómoda e aínda que moi devagar, comezo a sentir un pouco a falta de ar. Strictu sensu, hai cousas moito peores: a xente da xeración dos meus bisavós e os meus avós foi chamada á guerra, a combater, matar e morrer polos intereses doutras persoas, disfrazados por conceptos abstractos como ‘patria’. Daquela, en Italia a gran maioría da xente nin sequera coñecía a lingua común, déixolles imaxinar o que podía significar a palabra “patria” para eles. Hogano nós non temos que facer nada máis que ficar na casa, pola saúde nosa e das outras persoas. Non nos piden demasiado, non si? Secasí, ao levar case corenta días sen saír para facer outras cousas que non sexa ir ao supermercado e botar o lixo, un vago sentimento de alienación comeza a cobreguear en min.

En particular, nas últimas semanas sentía un pouco de ansiedade porque estaba a esperar un paquete de Italia cun medicamento para o que se necesita receita médica, xunto a algunhas das máscaras que nestes días miña nai confeccionou para toda a familia. Ben, o paquete saíu de Xénova o día 24 de marzo, mais a páxina web de Correos levaba semanas indicando como estado máis recente a súa saída do centro internacional de Milán o día… 25 de marzo. O feito de que haxa retrasos nas entregas é absolutamente normal, dadas as presentes condicións; porén, pareceume raro que non houbese información recente ningunha sobre o meu envío. Xa estaba bastante seguro de que o paquete se perdera. De feito, pedinlle ao médico que me enviase unha copia da receita por correo electrónico. No caso de que fose necesario, iría á farmacia co smartphone e a botella baleira das gotas.

Polo tanto, como o día 17 de abril recibín a chamada da carteira – por teléfono, porque se estragou o interfono e a comunidade de veciños non considerou urxente a súa substitución– para pedirme que lle abrise o portal, fiquei agradabelmente sorprendido. Sentín un vago sentimento de alivio, un lixeiro calor no estómago. Baixei para abrir o portal e recibir a correspondencia. Creo que foi a primeira interacción en vivo que tiven cun ser humano que non fose a caixeira do supermercado. Xusto algúns minutos, o tempo necesario para recibir o paquete, pero foi un evento significativo. A carteira e eu estabamos moi tranquilos e, á distancia de seguridade, comunicámonos de xeito cordial. Mirarse nos ollos e sorrirse mutuamente era algo que non me pasaba dende había semanas. Isto inspiroume unha reflexión sobre a actitude xeral cara a pandemia: xa falei noutro artigo sobre a necesidade de sermos responsábeis, mais a outra cara da moeda é que tamén cómpre sermos solidarios.

Manter a humanidade - Só e sen wifi no estranxeiro na época da pandemia global.
©Joe Flood

Ao cruzar a mirada doutras persoas no supermercado, sorríolles, como sempre fixen, pero raramente elas me devolven o sorriso neste período. En xeral, paréceme que a xente está a mirar aos demais con sospeita. Aínda que sexa comprensíbel un pouco de tensión, creo importante que, unha vez adoptadas todas as medidas de seguridade, non esquezamos o feito fundamental de que non somos inimigos. Faise preciso mantermos a nosa humanidade. Sen dúbida, é vital respectar as distancias, mais isto non implica que teñamos que mirarnos mal, evitar calquera tipo de conversa e ver as outras persoas como unha molestia, como se fosen obstáculos entre nós, a nosa compra e a saída do supermercado. Somos humanos, non o esquezamos. De feito, nos primeiros días do estado de alarma, fiquei alucinado ao ver cantos produtos estaban completamente esgotados: que é isto? Lobotomía en masa? Caramba, fíxome pensar nas películas dos mestres George Romero e Lucio Fulci sobre os mortos viventes, xeniais alegorías da sociedade consumista.

Dun xeito semellante, deixoume perplexo (aínda que non me sorprendeu) ler que o alcalde de Xénova, Marco Bucci, recomendara á cidadanía vixiar os veciños e, ao saíren eles da casa, preguntarlles onde van. En lugar de invitar aos cidadáns a seren sospeitosos e actuaren como recíprocos policías, sería máis humano, solidario e responsábel invitalos a preguntarlles aos veciños se precisan de algo: é posíbel que estean a saír para mercar algo importante que nós temos en abundancia e poderíamos prestarlles ou mesmo regalarlles, permitíndolles ficar no seu lar algúns días máis. Que significa isto? Simplemente que, até  nunha situación de extraordinaria emerxencia como a que estamos a vivir hoxe, as autoridades confirman outra vez a súa verdadeira natureza: para eles, dividiren a poboación é sempre mellor ca unila. Quen sabe, un día as persoas quizais se decaten de que de asumiren a responsabilidade das súas propias vidas e comezaren a colaborar, non necesitarían tantas institucións ditando as regras do xogo. Deus nos libre, non é verdade, señor Bucci?

Reitero: non se equivoquen, estou totalmente de acordo con tomarmos todas as medidas de seguridade que sexan necesarias e mellor adoptarmos unha máis que unha menos. Porén, todo isto pódese facer sen desenvolver ningunha hostilidade cara os demais. Que gañamos con tratar aos outros como potenciais vehículos de enfermidade? Claro que o son, cada un de nós o é: queren ver un posíbel enfermo? Mírense no espello. Aínda que se sintan ben, como saben vostedes que non son asintomáticos? Cómpre lembrarmos que, antes que nada, somos persoas. Non deixemos que o pánico tome posesión das nosas vidas. Abonda con cumprirmos coas medidas necesarias: saír soamente cando sexa necesario, respectar as distancias, lavarm as mans a miúdo, etc. Podemos (mesmo debemos?) ser amábeis e solidarios coas outras persoas. Agora máis que nunca, cómpre unírnos e axudarnos reciprocamente para vivir esta situación difícil da maneira máis serena posíbel, mentres os médicos, os científicos e os profesionais sanitarios traballan para salvar vidas e resolver o problema así que puideren.

Ben, colegas, agora marcho, que xa abonda. Reciban unha aperta, deica! 😊

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí