María Casares: cen destinos non son suficientes (I)

Este ano celébrase o centenario do nacemento da actriz María Casares (A Coruña,1922 – Alloue, Francia, 1996). María foi a gran dama do teatro francés do século XX, e ao tempo símbolo e voz do exilio galego e republicano. Comezamos a preparar esta reportaxe con moitas preguntas. Como unha muller cunha vida tan apaixonante pode ser descoñecida no seu país? Por que nunca volveu a Galiza?  Como reaccionaria as homenaxes deste ano?

Para atopar respostas, durante todo o 2022 entrevistamos as artistas e académicas que están a reivindicar e reflexionar sobre o seu legado. Preguntamos a actrices, tradutoras, historiadores… sentiamos que unha personaxe tan poliédrica necesita moitas voces para ser comprendida. Dicía María Casares que “a obriga do actor é actuar, e para actuar hai que estar vivo”, mais ela viviu mil vidas enriba e baixo os escenarios. Así, non é sorpresa que este monográfico acabase tendo dúas partes, que comezamos hoxe coas conversas que tivemos con Sabela Hermida e Melania Cruz.

Imaxinamos a María lendo as seguintes liñas cun cigarro na man, os seus hiptónicos ollos ben abertos e unha sorriso irónico. Porque María volveu na forma dun arte reinvindicativa que interpreta a súa vida, e que dispara directamente contra a desmemoria e o poder.

Sabela Hermida: “María Casares non foi esquecida. Foi silenciada a conciencia”

Sabela Hermida

A Coruña viu nacer a María Casares e para o seu Ano Internacional encheuse de actos e exposicións sobre a súa figura: o Museo Casares Quiroga, sito na casa familiar da rúa Panaderas, acolleu a exposición María Casares: Vivencias de infancia y juventud, 1922-1936; na Fundación Luis Seone puidemos asistir a …Ma Patrie, Mon Finistèrre. Fragmentos da Correspondencia Camus-Casares; e o Kiosko Alfonso acolleu a exposición María Casares, actriz océano. Itinerario vital de una exiliada, comisionada por María Lopo, unha das principais expertas sobre a figura da actriz coruñesa. As visitas á exposición foron dramatizadas pola actriz Sabela Hermida. Ademais disto, Sabela acaba de publicar con Xerais María Casares fronte ao espello, un libro no que recolle parte da súa tese doutoral sobre a relación entre a vida e obra María e o existencialismo: “Sempre tiven claro que quería facela sobre unha actriz. E como licenciada en Filosofía, tamén quería unir o teatro con este campo. Con María dábase esa unión. É unha actriz filósofa, á marxe de que existan unhas correlacións intensísimas entre o existencialismo e a súa vida”.

“Sendo quen dá nome aos nosos premios de teatro, descubrín que era unha figura relativamente descoñecida. Comecei a investigar a partir da súa marabillosa autobiografía, Residente Privilexiada, e seguín coa primeira biografía en galego, publicada por Arantxa Estévez. Tiven a sorte de entrevistar a xente que a coñeceu e tamén mergulleime nas entrevistas, críticas e revistas da época. Ata viaxei á Biblioteca Nacional Francesa, onde aínda me queda moitísimo material por explorar. É un enganche que non me soltará nunca. Esta muller ten tantas capas! Aínda teño unha visita pendente a Latinoamérica, sobre todo a Bos Aires, onde tivo moita significatividade na comunidade do exilio galeguista e republicano. En España e Galiza, María non foi esquecida, foi silenciada a conciencia. Entre outras cousas, porque foi doado facelo. A diferenza de Margarita Xirgú, outro dos mitos do teatro do exilio republicano, María marchou sendo unha nena e non tivo tempo de facer carreira aquí. Pese a todo, foi capaz de converterse na gran dama do teatro francés, comparada cunha figura totémica como Sarah Bernhardt. É curioso, parece que en Francia están a facer o camiño inverso. Mentres aquí comezamos a reivindicala, alí as xeracións máis novas están perdendo interese pola súa figura”.

“É curioso, parece que en Francia están a facer o camiño inverso. Mentres aquí comezamos a reivindicala, alí as xeracións máis novas están perdendo interese pola súa figura”

Un silencio e esquecemento marcado pola sombra de dous homes: o seu pai, Santiago Casares Quiroga, e amor da súa vida, Albert Camus. “É irónico, precisamente porque Camus e Casares Quiroga tratábana como unha igual. De feito, os biógrafos de Camus ven nela unha figura clave para o seu desenvolvemento artístico e intelectual. Aparte da súa intelixencia e cultura, foi moi traballadora, nese afán de superación que ela chamaba donxoanismo. Un pulso imprimido pola sensación que causa o exilio de non pertencer a ningures. Todos temos a necesidade de buscar as nosas raíces e María atopounas, como dicía ela, no teatro eterno e universal”.

Ese afán de vivir levou a María a traballar a un ritmo frenético. “O seu tempo estaba absolutamente collido polo teatro. O seu ritual diario xiraba en torno aos ensaios e os escenarios. O tempo que pasou fóra das táboas foi pouco. Aínda así, tivo tempo de escribir artigos sobre a súa visión do teatro e a súa autobiografía. A súa correspondencia tamén é espectacular. Paréceme incrible o que logrou facer nunha soa vida. Ela mesma recoñeceu que lle quedou pendente escribir o xemelgo da Residente Privilexiada, no que quería contar a súa visión sobre o teatro e as artes. Un oco que humildemente quero encher co María fronte ao espello, onde expoño como María creaba as personaxes, cal foi a súa toma de posición como actriz enriba e fóra do escenario e a influencia do existencialismo. Foi unha actriz creadora e creativa, cunha entrega case metafísica á profesión. Ela dicía que non hai división entre a vida e o teatro, que son un todo complementario. Unha concepción vitalista na que o teatro é un calidoscopio de todas as vidas posibles. Por iso para ser un bo intérprete é necesario unir todos os sentimentos de cada etapa vital, para reflexar ben sobre escena o que é a vida. María quería saber de todos os campos para poñelos ao servizo do teatro”.

O compromiso e a solidariedade formaron parte da súa vida sobre e fóra das táboas. “Todos os compañeiros falan da súa xenerosidade e entrega. Para ela non había fenómeno teatral se non se construía un equipo, como aprendera no Instituto Escola. Todos son iguais, dende o protagonista ata o último técnico. Todos os elementos escénicos e participantes teñen que estar ao servizo da idea que o autor quere transmitir. “Público, platea e actores deben estar en comuñón” dicía. O público tiña que ser o reflexo do que acontecía sobre o escenario. Nunca restrinxiu o seu traballo como intérprete, implicándose tamén na adaptación e na dirección. Necesitaba crear con liberdade. Por iso non lle gustaba o cine. Sentíase incómoda diante das cámaras, o actor non ten esa conexión de equipo nin no proceso creativo”. Aínda así María deixou interpretacións maxistrais como o Orfeo de Cocteau. “Con Cocteau sentíase unha actriz ceibe. Xa traballaran no teatro e eran uns creadores similares. Cocteau deixaba moita liberdade. Ademais, a súa personaxe [a princesa morte] tiña unha forte carga dramática e existencialista”.

María Casares: cen destinos non son suficientes (I)

O cambio constante e o afán de superación foron un dos sinais de identidade da carreira da actriz coruñesa. “Non era unha actriz acomodaticia. Buscaba novos retos cando pensaba que cumprira cunha etapa ou non evolucionaba. O que máis temía nesta vida era estancarse. Marchou do seu primeiro traballo profesional no teatro dos Mathurins porque chegou a sentirse demasiado querida. Foi a primeira cidadá estranxeira en entrar na Comédie-Française [unha das principais institucións teatrais de Francia], aínda que non chegou a cumprir máis de dous anos alí. Co Théâtre national populaire traballou moitísimo, sobre todo con obras de Shakespeare. Pero chegou un momento no que necesitou saír dos formatos grandes, como o festival de Avignon, e buscar textos máis contemporáneos. Nos anos sesenta e setenta traballou con Jorge Lavelli, un gran amigo e referente durante os últimos anos da súa vida, en pezas moi influenciadas pola linguaxe da música e a danza”. Outra das situacións que hoxe podería chocarnos é que María traballou ata ben maior: “Un dos seus últimos grandes papeis foi o rei Lear de Shakespeare. Tamén levou a escena as Comedias Bárbaras de Valle-Inclán, precisamente con Lavelli; e fixo Ela de Genet, outro creador co que compartía ideas e visión artística. Incluso interpretou varios papeis masculinos, como o de Papa. Supoño que lle gustaba xogar a ser aquelo que pola sociedade ou a natureza nunca podería chegar a ser”.

A vida de María é inseparable do ambiente intelectual do París da posguerra e do existencialismo: “María chega ao exilio avalada pola condición de ser filla dun Xefe de Goberno e polos valores da República. En Francia atópase cunha situación similar, xa que comeza a súa carreira coa ocupación nazi de París. Os creadores da vangarda e os filósofos existencialistas atoparon nela á intérprete perfecta, non só pola súa calidade interpretativa senón tamén polo seu compromiso ético e político coa democracia. Aínda que non formou parte da Resistencia, chegou a colaborar con eles. Mesmo escondeu a unha amiga xudea, que rematou asasinada cando foi visitar á súa familia. A xente que a coñoceu tamén destaca a lealdade aos seus ideais e aos que combateron o feixismo. Era igual de comprometida no teatro que na vida. Empregou o seu altofalante cando máis famosa era para defender as súas ideas, participando en organizacións de mulleres antifeixistas e de apoio á República. Tamén traballou moito por dignificar a figura do seu pai. Por iso nunca perdoou que en España e a Galiza non se restaurase a memoria de Casares Quiroga. A súa casa de París, na rúa Vaugirard, foi refuxio para o exilio que marchaba cara Latinomérica. Levou sempre por diante a solidariedade”.

“Terían que ter cambiado moitas cousas para que ela voltase. A única volta posible puido ser a través do teatro. Ela mesma dicía que voltar de turista non era un xeito de pechar corenta anos de exilio”.

María desenvolveu a súa vida adulta e carreira profesional en Francia. Pese a levar a súa terra pegada á pel, tras a chegada democracia nunca volveu a Galiza. Un dos principais interrogantes sen resolver é se foi unha decisión premeditada ou froito das circunstancias. “Coido que un dos motivos foi o medo a que se esboroasen as lembranzas e a idealización que tiña da Galiza infancia. Aínda que se universalizou a partir do teatro, Galiza e a súa galeguidade foron unha parte moi importante da súa personalidade. Por outro lado, a súa volta a España co Adefesio de Alberti foi moi controvertida, dura. A súa vida está chea de simbolismo e coincidencias. Volveu a España da man dun autor de teatro, poeta e exiliado como ela, pero tivo que suspender a xira porque enfermou gravemente. Tamén había unha parte de dor e repugnancia cara o tratamento que recibira a súa familia. O nome do seu pai foi borrado do rexistro civil, negáraselle a identidade mesma. Iso nunca se reparou. Ademais, tivo medo a ser utilizada politicamente polos dous bandos, ata o punto de que, de feito, cando lle outorgaron a medalla Castelao en 1988, Fernán-Vello foi recollela no seu nome. Tampouco aceptou vir ao premios do teatro galego que levan o seu nome. Terían que ter cambiado moitas cousas para que ela voltase. A única volta posible podería ter sido a través do teatro. Ela mesma dicía que voltar de turista non era un xeito de pechar corenta anos de exilio”.

Portada do libro de Sabela, que recolle parte da súa tese doutoral sobre Casares.

Por sorte, este ano María está de volta entre nós, grazas a iniciativas como as lideradas por Sabela: “O último trimestre do ano interpretaremos “Política sentimental. O encontro necesario entre María Casares e Albert Camus”, unha obra bilingüe na que fago de María falando en galego, con Germán Torres facendo como Albert Camus en castelán. Tamén estou traballando con Isabel Blanco nunha pequena peza documental, cun percorrido sobre figuras da arte achegadas a ela. Esperemos que este ano por fin se poña a figura e sobre todo a persoa de María Casares no sitio que lle corresponde. E por suposto que veñan moitas máis actividades e obras sobre ela”.

 

Continente María con Melania Cruz

María Casares: cen destinos non son suficientes (I)

Outra das obras que recuperou a figura de Casares é Contintente María, unha produción de A quinta do cuadrante, co apoio Ainé, o Centro Dramático Galego e o Concello da Coruña. Melania Cruz, premio da Cultura Galega 2022, interpretou a María Casares e formou parte do equipo creativo da obra. “Dende o 2007 buscabamos facer un espectáculo arredor dela. Por desgraza é unha gran descoñecida por moitos motivos: por ser actriz, muller, contestataria, republicana e por ser filla de Casares Quiroga… Durante a pandemia fixemos un curso coa dramaturga uruguaia Marianella Morena, que tamén quería facer algo arredor da figura dunha actriz. Non había dúbida de que tiña que ser María. Traballamos durante máis dun ano con María Lopo, nun proceso de documentación e ensaio, ata chegar ao texto definitivo de Marianella e a dramaturxia de Tito Asorey. En escena estamos Vadim Yukhnevich mais eu. Tamén colaboraron Laura Iturralde (iluminación e videoproxeccións), Miriam Rodríguez (videoproxeccións), José Faro “Coti” (escenografía) e Celia Varela Sixto (producción en xira). E o cartaz é obra de Lidia Cao”.

“Estreamos a obra o 15 de maio, como non podía ser doutro xeito, na Coruña, a súa cidade natal. Como dixo ela: “Volverei na única forma da que sei volver, enriba dun escenario”. Foi a nosa forma de facela regresar con moito cariño, respecto e admiración, e tratando de ser fieis ao seu espírito. O que ten a ficción é que podes imaxinar certas partes. María dixo: “Non sei se me gusta o teatro. O que sei é que me gusta entrar no universo dun poeta como se fose un continente, non como un turista senón como se foses a vivir del.” Supoño que a ela non lle importaría que entremos a vivir no seu continente, dende o respecto, a través dun diálogo dela co noso tempo”.

“As súas memorias teñen unha calidade literaria tremenda. Na súa correspondencia, Camus facía bromas con que ela escribía mellor que el.”

Unha das maiores dificultades á hora de achegarse á figura de María é sintetizar a súa traxectoria. “A obra chámase Continente María precisamente porque é imposible abarcar toda a súa vida. Queriamos experimentar e sacar materiais a partir dalgúns dos acontecementos e decisións que a fixeron como persoa e actriz. As súas memorias teñen unha calidade literaria tremenda. Na súa correspondencia, Camus facía bromas con que ela escribía mellor que el. De feito María axudouno con varias das obras que levou a escena. Cando a escoitas nas entrevistas ou imaxinas como podía ser sobre o escenario, notas toda a cultura e referentes que aprendeu da biblioteca do seu pai da rúa Panaderas. Por desgraza non hai moita videografía dela, á marxe das películas”.

Melania axúdanos a descifrar á María actriz: “Era unha forza da natureza, todas as estacións, os meses, os días e as horas do ano. Viviu cunha intensidade xorda absolutamente todo. Vivía o presente, a pesar de ter sempre a imaxe de Galiza gravada dentro. Non sabía se habería un mañá. O estar no aquí e no agora é algo fundamental no teatro. Conseguiu superar o exilio e atopar a súa patria no teatro. Aínda que ela dicía que cando unha está exiliada, o está para toda a vida. Coido que ningunha actriz conseguiu representar tantas personaxes coma ela. Non dan dez vidas para acadar o que fixo no teatro, cine e radio. Incluso no seu primeiro filme [Les enfants du paradis,1944] podes ver que era un animal salvaxe, con eses ollos e ese estar. Decidiu ser actriz nun idioma que non era o seu, intentando entrar no Conservatorio ata tres veces antes de conseguilo. E remata converténdose nunha primeira figura do teatro francés, algo moi difícil nun país cunha gran tradición teatral. Ademais, era moi arriscada, marchaba dos sitios cando sentía que ía oxidándose ou acomodándose. Era unha inconformista nata, cun gran afán de superación e de explorar novas linguaxes, como o que fixo con Jean Vilar e o Festival d’Avignon. Non era só unha actriz. O problema de pensar nela só nese ámbito é que se reduce ao que acontece sobre as táboas. Non é como o traballo nun filme, que queda gravado. O teatro pasa e non se volve a repetir xamais esa función.”

Melania Cruz interpretando a María Casares co puño en alto. Fotógrafo Aigi Boga

Melania reflexiona sobre o contraste entre o  esquecemento e a relevancia da súa figura: “Como é que se fala tan pouco dela? Se foi unha figura de absoluta relevancia en Francia! Porque nas escolas e nas universidades non se estuda a súa figura? Porque non tiven acceso a esta información? Corenta anos de ditadura non saen gratis. Ela escolleu non ser vítima e cambiar o curso dos acontecementos. Decidiu facer teatro en francés. O que fixo foi grandioso, cunha gran liberdade. Encántame como fala da súa sexualidade con total apertura. Faiche cuestionar os teus propios límites. Como podía expresar tan libremente cousas que para min son escandalosas?”.

“Encántame como fala da súa sexualidade con total apertura. Faiche cuestionar os teus propios límites. Como podía expresar tan libremente cousas que para min son escandalosas?”

“Fixéronse cousas arredor dela, pero moi pouco en comparación co que pode dar de si. En teatro, Ernesto Is escribiu Despois das ondas, que levou a escena a compañía Butaca cero, con Belén Constenla, Nerea Brey e Sonsoles Cordón. Sabela Hermida tamén fixo varios espectáculos sobre ela. María era unha persoa absolutamente fascinante, e moi coherente con ela mesma. É un océano tan basto e con tantas mareas (risas). Durante a preparación da obra pasaron cousas incribles. Contactounos unha rapaza uruguaia que tiña contacto cun biógrafo dunha actriz que traballou con María Casares e Margarita Xirgú. Berta Ojea, que a coñeceu persoalmente, está a organizar unhas xornadas sobre a súa figura, á que acudirán Jorge Lavelli e a actriz que leva a Casa Museo María Casares da Vergne. Prodúcese tal volume de intercambios e acontecementos, e en tan pouco tempo… Pero é que María era así (risas). Non podes máis que abandonarte á súa forza e presencia, que inunda absolutamente todo”.

Agradecemos a colaboración, amabilidade e paciencia de Sabela Hermida e Melania Cruz. O cartaz de Continente María é obra de Lidia Cao, e as fotos de Aigi Boga. A imaxe de portada e ilustración con fotograma de Orphee son de Isidro A., ilustrador valdeorrés afincado en Barcelona.

1 COMENTARIO

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí