María Casares: cen destinos non son suficientes (II)

Inauguramos o ano pechando a dobre entrega sobre María Casares. Na primeira parte abrimos o torrente vital da intérprete coruñesa da man das actrices Sabela Hermida e Melania Cruz. Mais aínda quedan preguntas sen responder e voces que escoitar. Como foi o camiño de María fóra dos escenarios? Como quixo ser recordada? E cales foron os motivos que levaron ao descoñecemento e esquecemento da súa figura?

Nesta segunda entrega, mergullámonos nas memorias e facetas máis íntimas de María coa colaboración da tradutora Belén Delgado, a escritora María Canosa e ilustradora Bea Gregores. Coa axuda do historiador Emilio Grandío desfacemos o fío do tempo, repasando o contexto histórico que marcou a vida da xeración exilio republicano e a contorna familiar de María.

Belén Delgado. Residente Privilexiada e o reto da tradución.

María Casares espiu a súa alma en Residente Privilexiada, unha autobiografía escrita á volta da súa primeira viaxe a España tras a morte de Franco. O libro acaba de ser reeditado en castelán, con anotacións de María Lopo, e conta cunha edición en galego da editorial Trifolium, traducida por Belén Delgado. Belén contounos como afrontou o reto dunha tradución tan esixente: “Foi moi duro, tanto desde o punto de vista emocional como lingüístico, pero tamén todo un pracer. Capturar o espírito de María foi difícil, era unha persoa moi emotiva e apaixonada. De feito, non son unhas memorias ao uso senón son unhas memorias literarias. Quizais tres páxinas eran doadas, pero despois parábame nunha pasaxe na que non estaba segura do que quería transmitir. Traballei coa idea de que se sentise orgullosa do libro de estar viva. Para min foi importante non traizoala, intentando transmitir o que era ela dentro dos límites dunha tradución. Nalgunhas das pasaxes quedei afectada emocionalmente, conta todo polo miúdo. Por exemplo, a pasaxe onde conta que sendo unha adolescente durante a Guerra Civil atendeu a feridos no hospital. Ou cando perde ao seu pai e a Camus. Ademais escribiu nun francés moi barroco, quizais porque non era a súa lingua materna ou porque era o estilo da época. Como boa actriz tiña unha memoria prodixiosa e unha gran capacidade para describir a beleza. Cando fala da súa nai é capaz de separarse do papel de filla e describir o seu modo de andar, a súa fermosura, ou mesmo a relación entre os seus pais, atípica para a época. Penso que é un deses casos raros en que a filla ensombreceu ou transcendeu ao pai. Ao fin e ao cabo ela desenvolveu a súa profesión nun país libre, en que alcanzou grandes cotas de éxito. É máis doado admirar a unha actriz que a un político”.

As memorias descobren a unha María chea de vitalidade e comprometida: “Tiña un gran sentido da ética e da moral. Cambiou a acentuación do seu apelido en Francia para que se pronunciase ben, como en galego. Mais ser coherente tivo que ser duro. Prometeuse que mentres en España houbese ditadura, non volvería. Tivo que ser doloroso volver a un país en que puido ter unha vida diferente. Ademais, foi toda unha sobrevivinte. Perdeu os seus pais antes dos 30. Aínda que puidese ter momentos de fraxilidade, tiña un gran carácter, non son incompatibles. Foi tamén unha muller moi moderna. Tiña claro que contaba coa súa profesión, co seu carácter e que ela decidía a quen amaba. Falaba abertamente de todo o afectivo e sexual. Como muller reconforta, resulta que nós non inventamos nada (risas)”.

Emilio Grandío. María Casares, a memoria do exilio e a débeda dunha sociedade

Emilio Grandío, profesor de Historia na Universidade de Santiago de Compostela, é experto na figura de Santiago Casares Quiroga. O peso da historia deixou cicatrices profundas na familia Casares: “Santiago Casares-Quiroga foi o líder da oposición á ditadura de Primo de Rivera en Galiza. Formou parte de varios gobernos da República e foi Xefe de goberno ata xullo de 1936. A partir do verán do 36 aparecen voces que demonizan a súa figura, tanto no bando sublevado como no republicano. Ten moito de cabeza de turco, sobre el descargáronse moitos dos males da República e pesa unha negra sombra, entre outras cousas, porque é un dos poucos líderes republicanos que non deixou memorias. Esta lenda negra forma parte da identidade dos Casares e vai estar presente en toda a súa vida. Non é casual que María elixise como portada para a súa autobiografía o Pelele de Goya. A figura do seu pai estará moi presente ao longo da súa vida. Comparten tempo longo dúas veces. Primeiro no arresto domiciliario na casa familiar da rúa Panaderas durante a ditadura de Primo de Rivera, cando María é cativa. Nunha segunda etapa, Santiago trasladouse a París, ata a súa morre en 1950. A súa figura vai a estar moito máis presente na vida de María a partir deste momento. Neste sentido, Residente Privilexiada é unha autoconfesión, algo que ela necesitaba escribir”.

A vida de María Casares estivo marcado pola brutalidade da Guerra Civil, o exilio e a Segunda Guerra Mundial: “María formou parte da xeración dos descendentes da Guerra, que perderon e sufriron a represión durante moitísimo tempo. Para eles a guerra foi o feito máis importante da súa vida, marcounos dunha maneira tremenda. María era a filla do Xefe de Goberno da República e en moi pouco tempo pasou do Instituto Libre de Ensinanza, unha institución elitista pero democrática e republicana, á ocupación nazi de París, tendo que agocharse e ocultar as súas ideas para sobrevivir. María foi un claro exemplo da República que puido ser e non foi, do talento que tivo que desenvolverse fóra. Ao contrario do que acontece noutras sociedades que viven unha guerra civil, e a pesar do relato do franquismo, aquí nunca houbo unha reconciliación. Desde o golpe sempre houbo unha España auténtica que loitaba contra unha anti-España. Os exiliados foron parias. Viviron con esperanza, pero a ditadura foi consolidándose e os que volven tras a morte de Franco fano moi tocados polo exilio. María síntese trasterrada e non sabe a que mundo pertence. A España real choca coa imaxe da España idealizada da infancia que ela tiña”.

“Trala morte de Franco volveron bastantes figuras do exilio, pero creo que non foron o suficientemente recoñecidas naquel momento. O paso da ditadura á democracia non foi unha ruptura. Con isto non quero criticar como se fixo a Transición, coa correlación de forzas e a situación política probablemente fíxose como mellor se puido. Visto en perspectiva, esta democracia hoxe sería mellor de facerse ese recoñecemento naquel momento. Non tiñamos que ter agardado ao seu centenario para lembrar a María. Recomendo que a xente vexa as entrevistas que deu cando volveu a España, especialmente as de A Fondo. Expresa moito máis polos silencios que polo que di. Nas pausas os seus ollos irradian o que pensa, un algo terrible, como unha gaiola interna. Ves o desgarro persoal da España que puido ser e non foi. E só vemos a dor dos que foron famosos, pero o sufriron millóns de persoas. Foi unha esgazadura enorme para a nosa sociedade”.

Grandío apunta tres hipóteses para comprender o esquecemento da figura de María. “A primeira delas foi, como comentabamos, como se fixo a Transición. Unha segunda explicación forma parte da súa identidade: a familia dos Casares é unha familia moi orgullosa e con moita forza interior, que non esquece. Neste sentido familiar, o sentido do deber impídelle volver. Houbo propostas de recoñecemento e oportunidades para volver, pero non saíron adiante. Non sabemos ben se non se atrevía ou algo lle impedía por dentro volver. Supoño que lle doía o desprezo e o esquecemento, e que ese recoñecemento tapase todo o dano que se lles fixo. Non podemos obviar que a súa irmá e a súa sobriña estiveron arrestadas en Coruña e non se lles permitiu abandonar o país. A terceira das causas foi o paso do tempo e a perda dunha transcendencia efectiva. Os anos de maior impacto da volta dos republicanos foron do 77 ao 79. En canto comeza a estabilizar o novo réxime, esta nova cultura democrática esquece chamarlle á República antecesora da democracia actual, perdéndose unha oportunidade de recoñecer a moitas das súas figuras. Agora percibímolo dun xeito máis claro, pero ata vai pouco púñase en dúbida que a República fose unha democracia homologada ás do seu tempo. María Casares, independentemente da súa profesión, é consciente de que é a filla de Casares Quiroga, o Xefe de Goberno en xullo do 36. Recoñecer daquela os seus mérito profesionais tería sacado á luz un debate político incómodo. Eses logros profesionais de María son importantísimos e deben recoñecerse. Pero non podemos esquecer a parte persoal, que marca completamente a súa traxectoria artística. 

María Casares na banda deseñada, con María Canosa e Bea Gregores

Un dos formatos máis novidosos cos que achegarse á vida de María é a banda deseñada. O Concello da Coruña publicou María Casares en tres actos, con texto de Manuel Poy e ilustracións de Inés Vázquez, Rubén Rial e Dani Xove. Por outro lado, Bululú Edicións publicou A impaciencia por vivir, con textos a cargo de María Canosa e ilustracións de Bea Gregores. Canosa confésase cando lle preguntamos como entrou María na súa vida: “Como un tsunami (risas)”. Tras unha pausa, ponse seria: “É unha muller intrigante e atraente, ten ese poder sobre un. O proxecto forma parte dunha serie na que buscamos recuperar a mulleres importantes. Comezamos con Emilia Pardo Bazán e agora continuamos con María Casares, vaia dúas mulleres sinxelas para comezar (risas). O nome de María pode soar polos premios de teatro, pero aínda hai moito descoñecemento da súa persoa e obra. Debemos devolver a honra a mulleres que no seu momento foron coñecidas e respectadas. Mesmo na Coruña, a súa cidade natal, non hai nin unha estatua nin unha praza, a propia casa paterna é a Casa Casares-Quiroga, non a casa Casares. Hai unha gran débeda con ela. Parece que todo queda agochado detrás da figura de Albert Camus e hai moitísimo máis detrás dela, unha María independente”.

María Casares II cen destinos non son suficientes

Canosa cóntanos como foi o reto de seleccionar as escenas da obra e sintetizar a vida de María: “A súa autobiografía axudoume moito, así como as entrevistas e escritos que deixou en vida. Foi un proceso moi intenso, resumir a súa vida asusta. Quen son eu a decidir que contar e que eliminar? Queremos que A impaciencia por vivir funcione como porta de entrada, para que a xente se interese e investigue máis. Descubrín unha muller forte e libre, cun instinto animal de supervivencia, pero tamén unha persoa vulnerable. Interesoume moito o contraste entre o seu carácter transgresor e o seu lado máis íntimo. Se te fixas María non aparece sorrindo en ningunha das ilustracións. Esa forma de entender o teatro, de levar a escena o seu pasado e os seus sentimentos… Quixemos reflectir esa intensidade, a vida de teatro que tivo. Parece que as mulleres que teñen un carácter forte non son sensibles. Moitas veces ese carácter é un escudo ou protección. María deixa un referente moi importante, era unha muller sensible e que tamén sufría. Tamén me sorprende moitísimo como lembra fotograficamente a súa infancia. Que sensibilidade tan grande tiña que ter para que esas imaxes quedasen na súa memoria dese xeito. Ademais foi unha narradora espectacular, encántame como fiaba as historias. A súa autobiografía impresionoume moito pola súa calidade narrativa. Penso que non se dedicou antes a escribir porque viviu sempre nun mar bravo. A escrita necesita de sosego e esa tranquilidade chegoulle xa nos últimos anos da súa vida.”

Canosa reflexiona sobre o motivo do esquecemento: “Creo que foi consecuencia do exilio e da situación política da ditadura. A xente que marchaba deixaban de ser de aquí. Mais Galiza foi lugar o lugar que sempre lembrou. Quédame a dúbida que lle pasaría pola cabeza se regresase. A independencia da que ela sempre fixo gala, co tempo creo que tamén foi positiva para recordala con respecto”. Bea Gregores engade: “Moitas veces os creadores quedámonos en representar a mitificación da personaxe, e no caso de María pasa moito. Conseguiu moitísimo pero esquecemos o lado persoal. Pasou por dous exilios, perdeu o seu gran amor e aos seus pais moi nova. Quixemos centrarnos na súa intimidade e no seu percorrido vital, como afronta tantas mudanzas, na María que chora os seu pais ou a que bota de menos a súa terra, as raíces que nunca esqueceu”.

María Casares II cen destinos non son suficientes
Ilustración de Bea Gregores para A impaciencia por vivir, cortesía da autora.

“O meu primeiro achegamento á súa figura foi na Universidade. Sorpréndeme que, sendo unha personaxe con tanta importancia tanto a nivel teatral e cinematográfico non se fale dela en idades máis temperás. A través do texto de María Canosa atopei á María galega, máis íntima, que sempre levará esa dualidade entre a súa vida en París e as súas lembranzas da infancia. Creo que a palabra que mellor a define é enraizada. Tanto para o teatro como para as súas orixes galegas, sempre estivo enraizada aquí”. Bea comparte algunhas das ideas e pasaxes que quixeron reflectir na obra: “María nunca deixou de retarse a si mesma e probar cousas novas. Por exemplo, o teatro experimental que fixo cara o final da súa vida non era tan ben acollido por todos. Esa alma cambiante que buscaba experimentar e chegar a novos lugares é tamén unha das esencias dela. Nas ilustracións intentei reflectir esa María, de costas ao lector e mirando para si mesma”.

“A relación co seu pai é fermosísima de relatar. Os vínculos con Camus e o seu pai son fortísimos, fálanse co corazón o un ao outro. María incorporou pasaxes íntegras da súa correspondencia co seu pai. Non moitas autoras deixan que outra persoa narre a súa vida. Empatizar con ela pode axudar a coñecela dende outros puntos de vista, sobre todo aos rapaces novos”. Bea tamén fala do proceso de creación de obra: “Non é unha personaxe cunha faciana perpetua, tes que representala ao longo das diferentes etapas da vida. Ademais de referencias fotográficas, vin moitas entrevistas e documentais para intentar entendela. A súa voz é incrible, rómpete e traspasa. Poucas veces vin unha presenza así en escena. Interpretei o libro como un teatro que se abre e pecha cunhas cortinas que abren a capa e pechan a contracapa. A obra comeza a narrala ela cando xa é maior, repasando por todas as etapas vitais. Co final da súa vida pechamos ese pano e gardamos a esencia da súa persoa”.

Unha ponte en París e a débeda dun país

Falar de María é falar dunha muller valente, que viviu ceibe e allea ás convencións e ataduras do seu tempo. O silencio institucional invítanos a reflexionar sobre a débeda do país cunha das galegas máis universais, e sobre o xeito de achegarmos ao noso pasado e ás nosas figuras senlleiras. Reivindicar a súa figura é falar tamén cunha xeración silenciada, visibilizar feridas aínda abertas e destapar verdades incómodas do noso pasado recente. O seu querido Camus dicía que “a meta do arte non é lexislar nin reinar, senón, ante todo, comprender”. Grazas ao esforzo de artistas e académicas neste centenario estase a tecer un novo relato sobre a súa figura. Mais aínda quedan moitas voces para comprender a unha muller única e irrepetible. Desta volta imaxinamos a María apagando a cabicha no cinceiro, recostándose na cadeira de brazos cun sorriso orgulloso ao ver o apelido Casares de volta preto das beiras do Atlántico. Agardamos que, desta vez si, María viva outras mil vidas no pais do que nunca debeu marchar.

Agradecemos a colaboración, amabilidade e paciencia Belén Delgado, María Canosa, Bea Gregores e Emilio Grandío. As imaxes que acompañan ao texto foron cedidas pola Fundación Luis Seoane (feitas por Tono Mejuto) e o Kiosko Alfonso (feitas por Andy Pérez, do Gabinete de Prensa do Concello da Coruña). As ilustracións que acompañan son obra Bea Gregores (detalle de A impaciencia por vivir). A imaxe de portada de Isidro A., ilustrador valdeorrés afincado en Barcelona.

 

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí