Falar de Catalunya seriamente está demodé e é mainstream. Por iso a vosa correspodente favorita, a que emprega o título para ligar nos bares (sendo honestos non hai nada máis sexy que ser correspondente: é o erasmus do xornalismo), tráevos a outra cara dos Països. Porque mentres os meus pais vían na tele unha multitudinaria manifestación chea de odio recibían simultaneamente unha foto da súa filla facendo chistes fálicos con calçots. ESTÁ PASANDO. E en tempos de Orwell non hai nada máis revolucionario que combater os minutos do odio falando de conachadas que se poden englobar dentro da cultura popular contemporánea. A fin de contas a nosa é unha revista cultural, e esta reporteira ten que integrarse.
Chegados a este punto ti, espelida lectora ou espelido lector, estarás pensando que a que vén isto, QUE QUE CARALLO É UNHA MARILIENDRE. Eu, convencida de que se trataba dun termo divulgado e asimilado, propuxen este artigo ao Comité de Censura da revista para tentear o terreo e ver se tiña algún tipo de posibilidade de non acabar na papeleira de reciclaxe. E decateime de que ninguén sabía de que estaba falando. Por iso aceptaron.
Pois ben, o termo mariliendre ten unha orixe incerta, se ben pode intuírse apreciando o lexema mari- da forma María apocopada; e -liendre, do latín lendis/lendinis. Apréciase polo tanto o aspecto pexorativo de describir a unha persoa, neste caso muller, que transita pola vida pegada aos homes homosexuais dunha maneira que roza o parasitismo. Todo un cumprimento.
TODOS TEMOS UNHA. E agora na túa cabeza está roldando a imaxe daquela amiga que cumpre os requisitos previamente descritos. Ou quizais sexas ti esa persoa, e esteas realmente ofendida polo feito de ter sido comparada cunha cría de piollo. A min pasoume.
Pero non nos quedaremos aí. Quixen facer un ensaio de campo, dunha maneira charramangueira, acerca das características debería presentar unha persoa para verse inclinada de maneira natural, instintiva e irrefreable a ser unha mariliendre. Entrevistei a numerosas persoas do meu entorno e aquí tedes o resultado. Sen censura. Co factor a ter en conta de que a maioría dos amigos dun adoitan ser ideoloxicamente equiparables. Coa sorpresa dalgúns que non o eran tanto como me pensaba.
Comezando pola persoa que inaugurou a pescuda. Era unha tarde fría de inverno en Barcelona, pero Marcelo (nome ficticio, como todos no sucesivo) insistiu en sentarse en terraza porque é un fumador empedernido. Deses que deteñen ao grupo cando se lles apaga o piti. Falamos sobre o plan do seguinte sábado, e do remotas que eran as posibilidades de que unha muller heterosexual ligase no evento. Velaí xurdiu o debate:
MARILIENDRE: ¿NACE O SE HACE?
(en castelán, para que rime).
Ambos coincidimos en que existe unha predisposición para o mariliendrismo, innata ou aprendida, que crea un perfil determinado de persoa. Pero non fomos capaces de poñernos de acordo en cal era. Marcelo botou un órdago de machirulismo previamente encuberto, asegurando que unha mariliendre (ML, no sucesivo) é unha muller que busca validación masculina aforrándose o risco de ser rexeitada. Así descubrín eu que non todos os maris son feministas.
Pablo, outro que si o é, apuntou dende unha terraza (outro fumador, mira ti) que todas as súas ML tiñan en común unha desastrosa vida amorosa, que lles permitía levar un ritmo de vida festivo e cultural sen a necesidade de arrastrar con elas unha parella.
Pasei entón a empaparme de nesgo e entrevistar a persoas que responderían o que eu quería escoitar. Igual que o que facemos coa prensa, exacto. Foi entón cando Fernando, no salón do seu piso de teitos altos, definiu un perfil ao que “lle gusta a festa e a carallada, e facer o frívolo”. Pois bueno. Nico, compañeiro do traballo e da vida pero non do amor, estaba de acordo. Palabra de maris.
Decidín finalmente consultar con varias aludidas, para que fixesen introspección e confesasen por que lles tiraba o mundo mari. Nun café de Santiago abarrotado de señoras elegantes, Marcela opinaba que as ML son independentes e que por iso en moitas ocasións non teñen parella, que presentan un afán por desfrutar da cultura pero ao mesmo tempo non tomarse a vida demasiado en serio. Úrsula, ML raíña onde as haxa, engadía que o gusto por todo o kitsch e a visualización de RuPaul’s Drag Race eran requisitos imprescindibles.
Carmen, muller pero non ML, opinaba nun garito coruñés que teñen un punto de iconas gay, algunha característica da súa personalidade que as fai fortes. Aventuraba se esa dureza podería ser reactiva a un pasado no que se sentiron inadaptadas. É que claro, é psicóloga.
Por certo, son moitas as persoas que coincidiron na presencia dun pasado escuro, no que a ML non se sentía integrada no seu entorno de iguais nin vía satisfeitos os seus intereses de rara. Ata que atopou os maris do seu liendrismo, que sentiran o mesmo ca ela, e xurdiu o amour.
Ata aquí a recollida de datos frutuosos. Pode que o resto das persoas entrevistadas non soubesen o que é unha mariliendre. Ou que estivesen tan bébedas que non puidesen articular unha resposta. Ou que o estivese eu. Pode que en realidade non teña amigos aos que preguntar: Déixovos a vós, estimados lectores, imaxinar cal é a opción válida.
E máis aló de moito fumar pasivamente e toneladas de cafeína no corpo non sabería dicir que concluír deste estudo. Probablemente que a nosa opinión acerca do mundo está baseada na nosa historia persoal e nas experiencias vitais de cada un. Polo tanto a obxectividade son os pais. Aplicádeo por favor cando leades os artigos da nosa queridísima revista.
Quero que saibades que se estades lendo isto significa que o Comité de Censura estaba por aí de copas cando lles chegou á bandexa de entrada, e se non sae á luz pois tanto ten, eu paseino pipa escribindo.
Quérovos.