Reflexións sobre educación IV: Merlí e o deber do exemplo no audiovisual

Ideas arredor da serie de televisión Merlí (Catalunya) e os prexuízos que deciden reflectir a realidade ou a idealización.

Si, este artigo trata sobre Merlí. Se aínda non viches a serie, a verdade é que estás tardando. Serei boa e advertirei de que os seguintes parágrafos conteñen spoilers. Con todo, organizarei os spoilers en pequenos apartados temáticos para que poidas decidir, se queres, ler algún e obviar outros. Mais, insisto: se non a viches, estás tardando.

Antes de centrarme en temas máis concretos, quero facer unha reflexión previa. Non sei se é só percepción miña ou é verdade que cada vez existen máis producións audiovisuais que teñen a ver coa educación. Non me refiro a series tipo Al salir de clase, Compañeros ou mesmo Los Serrano, que tiñan a súa localización principal para gravar as escenas nun centro de ensino. Non. Refírome a tratar a educación como tema principal e amosar problemas reais que se atopan nela, non só círculos amorosos. Coma un borinot voando arredor das cabezas, facendo ruído dentro e removendo o que estas conteñen. En fin, un acerto xenial levado a un nivel de comprensión apto para case todo o mundo que estea dentro ou fóra do sistema educativo.

Merlí e o deber do exemplo no audiovisual

O compromiso lingüístico

O tratamento da lingua (neste caso, do català) é marabilloso. Todos os profesores de todas as materias están comprometidos coa lingua minorizada e propia do lugar onde se sitúan os acontecementos (Barcelona). Os profesores imparten a súa docencia en català, agás os de lingua española e lingua inglesa. Estes, fóra das aulas (ou para falar cun alumno en concreto dentro das mesmas) si que empregan o català. O idioma que imparten só é empregado para iso, ensinar o idioma na materia correspondente. Os meus parabéns por este compromiso coa lingua que, por desgraza, non representa unha realidade verdadeira, mais si un panorama desexábel para un instituto barcelonés.

.

O hedonismo

A pesar de que esta serie afonda noutros aspectos (menos mal), non reflicte a realidade dun instituto de secundaria público. Na serie, todos foden con todos, dentro e fóra do centro educativo: profes con profes, alumnos con alumnos, profes con titores legais dos seus alumnos… En fin, nesta parte a serie non está aprobada para min, mais entendo que o motivo é enganchar a persoas que se poderían non sentir atraídas pola proposta audiovisual se non fose polos enredos amorosos (ou non amorosos, senón sinxelamente sexuais) que atopamos detrás.

.

A filosofía

Outra gran esquecida! Ademais de tratar de educación, trátase de filosofía, esa arma terríbel que fai pensar. Por suposto, poderían contar con máis nomes de filósofas mulleres, mais polo menos é un tema novo que se achega á sociedade de xeito ameno. Moitos dos nomes das pensadoras e pensadores que dan título aos capítulos non son coñecidos para a meirande parte da poboación (por desgraza). Ademais do feito de que cada capítulo leva por título o nome dun filósofo, os temas que se tratan e se explican nel reflicten o pensamento do filósofo sobre o que se centra o episodio. Obviamente, canto máis coñeces de cada un deles, máis matices advirtes e comprendes do capítulo. O coñecemento posto en capas, como a cebola (algo que adoro). En fin, unha aposta esixente, difícil de levar á práctica e moi ben conseguida, segundo a miña perspectiva.

Merlí e o deber do exemplo no audiovisual

As personaxes

A pesar de que as situacións que se reflicten son, moitas veces, pouco realistas (como o tema do sexo hedonista everywhere, everytime), as personaxes están ben construídas, son variadas, dan conta da diversidade que se pode atopar nunha aula e son reais. Penso, ademais, que os actores e actrices actúan moi ben e que permiten ver que existe todo tipo de persoas. Ademais, evolúen, cousa que cómpre subliñar nas idades nas que se atopan (cursan bacharelato).

Temos un neno mimado (Gerard), un neno rico e despreocupado que nunca se tivo que enfrontar a problemas (Joan), un neno macarra (Pol), un neno inseguro (Gerard, tamén), unha nena que non sabe para que serve ou que quere facer coa súa vida (Berta), unha nena segura a pesar de non ter ningunha seguridade consigo (Oksana)… En fin, unha macedonia de caracteres.

Todas as personaxes evolucionan e fano con moito sentido. Por exemplo, Joan medra e recoñece a necesidade de enfrontarse á vida. A seguridade de Oksana vaise desvelando pouco a pouco para coñecerse os segredos que agocha detrás da máscara que a converteron nunha persoa dura. A situación de Pol tamén se vai dilucidando para esclarecer a verdadeira personaxe: o tipo rudo que quere parecer basto e oculta, en realidade, unha personalidade moi diferente. En definitiva, as personaxes transfórmanse e non son o que parecen ao comezo, igual que na vida real.

Por suposto, a personaxe de Merlí é a máis complexa e traballada. Ha unha fina liña que separa a concepción del como profesor guai e a concepción del como ser irrespectuoso e depreciábel. Como persoa, el non se abre, dubida de si mesmo, das súas capacidades sociais e do estabelecemento de relacións persoais. Iso permítelle estar seguro e non dubidar do pouco que sabe, que é ensinar que se ten que dubidar de todo. El non se implica. Implicándose, non podería dar aulas como dá, porque sempre pasarían cousas que non podería ser respondidas con un: «collons!» (a súa palabra favorita). A el súalla o que pase. El tira para adiante sen mirar o que arrastra cos seus pasos (persoas, sentimentos, materiais…). Do mesmo xeito que lle súa o que se pense del e das súas relacións: el fai o que lle peta en cada momento, sen pensar nas consecuencias. Non se compromete con nada nin con ninguén. Usa as persoas: dá clases particulares a unha persoa con problemas cobrando porque precisa cartos, cando outra persoa ía ir voluntariamente e sen cobrar; contrata a unha puta para satisfacer as súas necesidades sexuais cando queda só por comportarse mal cunha muller coa que tiña unha relación; guinda libros aos alumnos cando lle parece que din cousas pouco axeitadas que se afastan das que el agarda escoitar; manipula a todo o mundo para conseguir o que quere, como un cativo; non ten relación co seu fillo até que non lle queda máis remedio… En fin, é bastante mala persoa.

Merlí e o compromiso instrutivo no sistema audiovisual

A homosexualidade

Non me parece que a homosexualidade estea nada ben tratada, cando representa unha realidade da cuadrilla adolescente protagonista. Bruno non quere que se saiba a súa orientación sexual: agóchaa, disimúlaa. Chega até a rexeitar a homosexualidade, de cara ao público, con frases como «a min mentres non me toque…» cando se incorpora o novo homosexual ao instituto (Oliver).

Oliver representa todo o contrario: feliz e orgulloso da súa orientación sexual. É o extremo oposto á represión: baila, comenta en alto e berrando, amosa a súa homosexualidade. Como se non fose algo normal ter un gusto… O único que salvo desta personaxe é cando lle di a Bruno que non ten que anunciar «eih, son gay», que abondará con que cando pase un rapaz con bo cu, diga «vaia cu ten ese» e xa o resto entenderá. Penso que esta reflexión é a intelixente e que o seu comportamento para nada corresponde con ela.

Xa sei que a homosexualidade está, aínda, moi mal vista por unha gran parte da sociedade. Sei que nas aulas aínda non se acepta como unha opción sexual coma outra calquera (a «outra calquera» é sempre e necesariamente a heterosexualidade, claro) e entendo a vontade de intentar representar que isto é así, que en verdade é unha realidade non aceptada como un aspecto normal que non merece ser comentado… Moi ben, vale. Mais non entendo por que non se pode amosar a homosexualidade dun xeito normal e, porén, si se ve normal que unha nai vaia a unha titoría para falar dos aspectos académicos do seu fillo e acabe fodendo co profesor-titor. Se é unha serie de ficción, que o sexa en todos os aspectos e que contribúa a mellorar as cousas.

Que poñan o típico exemplo de gay que saíu do armario e sete anos despois ten unha vida normal (Bruno e Pol acaban sendo parella sentimental), con todo o que se cohibiu esa persoa ao longo da súa vida de homosexual agochado… Pois non. Se me vas contar unha cousa irreal como que o sexo impera como norma entre todos e en todos os recunchos dun instituto, pois cóntame tamén o mundo ideal onde non importe con quen practiques sexo para que fiten para ti dun xeito ou doutro. Preséntame un mundo onde un homosexual poida aceptar que é homosexual sen ter que pensalo, do mesmo xeito que o fai o heterosexual, sen cuestionarse máis cousas. Preséntame a realidade sen prexuízos, para que eu poida asimilar que é normal. Para que todos poidamos asimilar dunha vez que é normal. Aproveita para derrubar non só a barreira do sexo como tabú, senón da sexualidade.

Neste aspecto, suspenso abominábel para Merlí. Pola contra, pódese ver a normalidade da presentación en escena das nais de Jackson Marchetti en Sex Education. Parabéns para ese tema nesta outra serie (británica). Para resumir, no capítulo 5, Jackson dille á moza que lle quere presentar á súa familia. Chegan a casa e a súa familia son: a súa nai e a súa nai. Cean e tan felices todos (a ver, felices non que ela acaba marchando, mais esa é outra historia que nada ten a ver coas súas nais nin a sexualidade de ninguén).

.

Os alumnos con necesidades especiais

Iván é outra personaxe interesante, que ten problemas sociais e que non quere saír da casa. Merlí implicouse con Iván porque precisaba cartos extras: acababa de ser desaloxado do seu piso e tiña que facerse cargo do seu fillo (Bruno) na casa da súa nai. Polo tanto, Merlí (listo, mais aproveitado) viu unha oportunidade estupenda de sacar unha nómina extra. Adiantouse ao Eugeni, que non quería cobrar por esa axuda ao rapaz alumno do instituto. El foi até a súa casa tarde tras tarde para contarlle o que os seus compañeiros viran esa mañá nas aulas e, co tempo, conseguiu que saíse da casa, voltase ao instituto e que mesmo se integrase na sociedade adolescente como un membro máis.

Despois, claro, entra en xogo a personaxe de Merlí, que non se quere comprometer coas relacións de ningún tipo. El viuse implicado emocionalmente con Iván e non foi quen de recoñecelo, até que Iván se cabrea porque lle di que se non son amigos ou que. En efecto, a amizade e a relación profesor-alumno que estabelece Merlí cos seus discípulos non fica moi clara e, no caso de Iván, foi moi traspasada. Merlí salta dicindo que non son amigos porque se levan moita idade, que son profesor-alumno, mais que quere comer churros con el. Ou sexa, non acepta que se ve implicado coas persoas, nas relacións sociais. A escusa da idade sérvelle con Iván, mais a non-aceptación expándese para todas as súas relacións. Merlí é unha personaxe que precisa necesidades especiais, Iván só precisaba un empurrón en tempo.

.

A migración

Oksana é adoptada e só se menciona de pasada. Até aí ben, porque forma parte dunha realidade social e cómpre aceptala. Porén, só vexo unha rapaza negra na aula (que non di nin unha palabra até a metade da segunda tempada) e non está no grupo de amigos protagonistas. Só unha rapaza negra nun instituto de ensino público localizado en Barcelona? Ningún alumno nin alumna de orixe chinesa? Háh. Nin de coña. Por que non se afonda máis no tema da migración, cando é un asunto que se pode tratar dun xeito doado e que, abofé, repercute no sistema educativo e na súa normalización?

Na mesma liña que comentei co tema da homosexualidade, se vas ter licencias nunhas cousas, pois que sexa en todo para construír unha realidade mellor que serva de exemplo como norma, non como transición dela. Polo tanto, coido que neste apartado, Merlí ten moito traballo por facer aínda.

Merlí e o compromiso instrutivo no sistema audiovisual

1 COMENTARIO

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí