Mixtión de lodo e sangue

Un relato sobre asasinatos, corrupción, a loita de clases, vacas, centauros... hai algo para todos os gustos.

Estas son todas as cousas que descubrín sobre o caso antes de perder o interese. Enviaron o reo ás canteiras do oeste. Vinte e oito anos, condenado. Publicaron a súa confesión nos principais xornais. Os do Círculo Literario Universitario recoñecéronlle algúns méritos ao autor (“gran cousa non é, pero para ser dun miserable campesiño do interior…”) e mandáronlle cartos á súa irmá. O xesto provocou unha polémica no seo do CLU porque algúns membros se escandalizaban ante os broucazos que o reo lle dera a un coñecido terratenente que o visitara na súa cela, pero os radicais insistiron. Calquera tolemia con tal de toller a orde social. Ela, a irmá do reo, volvera ao lar dos seus pais. Máis que penurias, o que sufría era o estigma social. Dicían por aí que ela, máis que irmá, fixera de esposa do asasino, en todos os sensos.

 

Daquilo non sei nada, pero o tema dos broucazos si pode comentarse. O pánico crecía neses momentos nos pulmóns do reo. A ansiedade é das entrañas e o medo é do cerebro. Pero o pánico crecíalle nos pulmóns e aceleráballe o alento. Xaco, o gran estanceiro, sentado enriba do escritorio, mirou con certa trepidación os seus ollos de can asustado.

—Entendes o noso problema, Pilotín? A miña irmá…

—A xuíza?

—Si, a fiscal. A miña irmá obviamente leu a túa confesión e di que está claro que a escribiches baixo coerción. Obviamente, non es un asasino, oficialmente. Pero como realmente es un asasino, tamén me fode a min que non poidas vir traballar entre os meus peóns… que non poidamos impor un pouco de disciplina valéndonos da reputación que agora tes. O que pasa é que… hai unha complicación.

—Vostede xa mo dixo. Unha complicación. Descúlpeme, pero non acabo de entender que ten que ver un motín cuarteleiro co meu caso?

O reo deu un paso cara a el, saíu un pouco das tebras. Pilotín tremía. Todas as palabras tremían no aire. Era grande, varudo, pero tremía cunha sorte de pánico existencial, como un home con pánico a unha morte plausible. Xaco non perdeu a súa trepidación. Viñera en persoa para ver o famoso capataz: un monstro asasino con ínfulas de escritor surrealista. Parecía patético aquí na cela, envolto nos seus farrapos. Para Xaco, nisto non difería moito dos demais fillos da súa clase. Pero ollo: por moi manso que pareza, un cabalo sempre pode dar patadas. Un can asustado, castigado a paos, é un ser patético, pero cando o tes cercado e non xa non ten onde correr…

Xaco suspirou.

—Ninguén ten a culpa, Pilotín. O motín non ten nada que ver contigo. O problema é que o teu accidente xusto ocorreu no peor momento porque o público está moi alterado agora mesmo. Corren rumores de máis sublevacións, de alta traizón e outras baixezas. Onte a Ministra de Xustiza reuniuse coa miña irmá para dicirlle que… pois, resumindo, non estamos no momento idóneo para amosar clemencia ante os delitos de sangue.

Xaco xa estaba aburrido. Chegara, vira o monstro, e agora quería marchar para facer calquera outra cousa. A idea de empregar este home, esta entidade aterradora vestida de farrapos, seguía gustándolle. Os peóns eran uns ingratos. Crían con toda sinceridade que lle regalaban o seu sangue e suor en troca dunhas tristes migas de pan, pero Xaco o que lles daba era a vida mesma por traballaren lento e mal, como burros pero con menos maxín. Aínda encima, fuxían. Cruzaban a fronteira para emprestarlle as súas forzas ao estranxeiro. Non tiñan nada de disciplina. Solta entre as plantacións e potreros, o asasino aínda podería botarlle unha man, a ver se os ingratos se portaban ben dunha puta vez.

Bó, tampouco era a fin do mundo. Xaco tiña ganas de máis licor. Moveuse cara á porta para chamar a garda, pero sen darlle as costas ao preso. Como estar cun touro no curral. Que rabia terlle medo a este bicho! Xa tomara varias copiñas antes de vir. Máis tarde crería o que alcohol explicaba o que dixo.

 

O pánico, case unha dor física. O terratenente foi para a porta, e Pilotín decatouse de que o cabrón non pensaba dicirlle máis nada. Ou si.

—Espero que non te maten, Pilotín —dixo Xaco cun sorriso de trasno de contos infantís.

—Sabes que me acabas de caer bastante ben? Pero non tan ben como a túa irmá. Cando ela comprou a miña axuda, pagou con máis que diñeiro. Pagoume co corpo. De feito, volverei á vosa casa para vela. Dependendo do que xurda entre nós, quizais até lle devolva o diñeiro que me pagou.

Dicir isto foi un erro, e sorrirlle ese sorriso insoportable de rata satisfeita tampouco foi a mellor das ideas. Ao perder a súa única posibilidade de salvación, a Pilotín tamén se lle foi a cabeza porque non tiña nada máis que perder. O humilde rapaz aldeán, que sempre baixara esa cabeza na presenza dos seus superiores e dixera que “si” a todo, lanzouse contra o odiado terratenente.

Pilotín non sabía o que facía, ou mellor dito: sabíao pero non o vía. Só vía unha secuencia de imaxes extraídas de libros que o seu pai analfabeto lle animara a ler porque “na igrexa aprendes o teu lugar no mundo, pero na biblioteca aprendes o teu lugar na historia”:

Exipto. Un escravo alto, moreno, con diamantes de suor incrustados en músculos de ferro, golpea o seu faraón cun látego, redúceo a cintas de carne picada para alimentar os gatos pelados e as esfinxes obesas do templo. Mentres tanto, Moisés asasina un soldado co beneplácito de Yahvé e sotérrao na area.

Espartaco, montado a cabalo: centauro vestido de Napoleón.

Deambula polo Londres de Cromwell. Os homes camiñan sobre as súas mans e cociñan para esposas parlamentarias. O mundo ao revés.

Carlos I. Luís XVI. Un gran terratenente cun arroio de sangue entre o nariz e a boca.

Xaco defendeuse do famoso broucazo o mellor que puido, até que entrasen os gardas para rescatalo. Tiña que estar humillado, pero, curiosamente, sorría o sorriso de rata. O acontecido lembráballe o final dun relato: “E o señor sorriu considerando que por algúns instantes convertera un escravo abxecto en home, el, que tan habituado estaba ao fenómeno inverso”.

Pero esas liñas non se aplicaban ao seu caso. Pilotín nunca deixara de ser home, agás para ser centauro, tal que reza a súa confesión:

 

“Antecedentes á mixtión de lodo e sangue. Canto traballo dá o campo. Vacas zarrapicadas por aí. O chiste estándar do capataz é dicir que teño que descansar porque teño intolerancia á lactosa, e nunca deixa de ser gracioso. O capataz e os peóns acubíllanse nas sombras do pendello dos barracóns; alí falan como monos arrincando as pulgas mutuamente. A auga do mate está fría, pero o sol danza unhas alegres polcas no teito e os cabalos teñen que soportar os seus insultos entre tabáns e diamantes de suor. Bebido o mate, os peóns son charcos de suor na poeira. O capataz reconstitúese — sube do seu charco feito carne salgada. “Temos que volver á faena” anuncia o capataz. Ten un chicote na man. Asomárense. Xamais están preparados de todo para a quente corrida solar que lles enchoupa as caras. Desculpade, é outra broma das do capataz. O sol dá vida ás plantas, e estas ás vacas, e estas ao home. O capataz olla cara o ceo e ve un touro celestial, se cadra do tamaño da lúa. Este fertiliza a Nai Terra. Ninguén sabe se os peóns teñen unha imaxinación tan fértil como a do capataz porque son analfabetos, polo cal non teñen linguas nin teñen mans. Mañá deixaron de ser para seren imaxinados. É dicir, a non ser que cometan un asasinato ou unha violación, por exemplo, e un axente da orde pública llas dea durante uns intres. Asomados e montados (o cal non é cousa de todos os días para os peóns), o sol moléstalles menos cando son centauros. Así, cruzan os potreros a velocidades incribles. Mundos enteiros xiran debaixo dos seus pés. O mundo dos centauros é un mundo incriblemente superior. Así, séntense máis homes que cando eran homes. A deidade con título de doutor e martelo xusticeiro pide un resumo da industria. A min paréceme obvia, pero: O capataz, os centauros e o gando arriban ao matadoiro da Trindade. Os centauros transfórmanse. Os peóns, gustosos de servir, desligan as súas mandíbulas para tragaren vacas íntegras, sen apenas mascalas. É que durante toda unha longa temporada só se enchían as barrigas de leite. Paseaban polas mesas nacionais vomitando leite para o consumo dos puxantes fillos da patria, pero agora os petos non pesan nada e teñen unha fame negra. Vaca tras vaca tragan, e repiten a mesma operación vomitando carne fresca en carnicerías, banquetes e até nas preciosas mesas campesiñas en días santos, e volven ao matadoiro exhaustos, esmirrados, e tráxicos. Teño sede. Pregúntolle se podo beber? Teño intolerancia á lactosa. Mire, vostede xa sabe o que pasou. Os peóns foxen desta industria porque non se paga e repartir paus é o meu único medio para impedir que fuxan. Eu son profundamente solitario, pero son un capataz leal. Son poucos os que foxen. Si, eu non nego os feitos. Estas mans mesturaron o lodo e o sangue. Non obstante, non sei por que finxen que lles importa. Non lles importan realmente.”

Mixtión de lodo e sangue

O derradeiro asunto sobre o que podo falar cun mínimo de seguridade é o da coima non consumada a unha xuíza. Non sei o nome da irmá de Pilotín. Non é unha cuestión de machismo, por favor; os gardas da comisaría tamén me dixeron os seus nomes e non os lembro. Ela estaba vendo unha serie cando Xaco petou na súa porta. A xente como Xaco, como sabemos, e perdoádeme que golpee un cabalo morto, como din por alá, pero a xente como Xaco cre que as mulleres da clase de Pilotín e a súa irmá son moitísimo máis traballadoras que os homes, pero esa xente non contrata mulleres. Esta muller estaba vexetando no sofá, por certo, pero vexetaba como un xaguar nas gallas dunha árbore. Cando ouviu a porta, dun chimpo estaba alí.

—Sei quen es —díxolle con interese, porque o terratenente non estaría se non tivese algo que ver co seu irmán (nesas xornadas angustiosas, que outro motivo podía haber?)—. Saes nos anuncios de carne picada.

Xaco non pediu permiso para entrar. Aceptou a súa oferta de mate e todos os biscoitos que quixese, e explicou o seu interese en empregar Pilotín para mellorar as condicións laborais nas súas estancias.

—Por min perfecto —dixo ela. Non tiña ganas de regatear, nin nada co que facelo. Seica tería toda a súa desesperación esculpida na cara.

—A fiscal Roig é a miña irmá, e estou seguro de que podo convencela de que Pilotín debe declararse inocente, pero quero que saibas que o que estamos facendo non é legal. De feito, implica un risco importante pola miña parte. Penso que o xusto é pedirche unha pequena cantidade de diñeiro para cubrir os posibles custos. Sei que para ti estas cousas serán difíciles de entender, aquí na aldea…

[Xa, xa, para que pedirlle diñeiro? Ela podía darlle todas as súas propiedades e non sería nin unha gota no inmenso caudal da súa riqueza. Se tes poder, dá gusto exercelo, supoño.]

Ela asentiu e preguntou secamente se Xaco quería un cheque, pensando sorprenderlle: si, aquí no campo temos acceso á banca. Pobre: o cheque, demodé. Xaco ollou un vello Nokia que había na mesa e sorriu o sorriso de rata satisfeita.

—Farías calquera cousa por Pilotín, non? —Xaco acaricioulle a man. Unha expresión de desprezo cruzoulle a cara á muller; nese intre, Xaco pareceulle o bicho máis feo que nunca vira. Ela quitou as mans da mesa e ergueuse, horrorizada. Xaco viu que os seus ollos de xaguar enfurecido eran fermosos… pero Xaco tiña outra cousas que facer. Quería ir ao casino.

—Faría moitas cousas —dixo ela—, pero non calquera.

O estanceiro riuse. Pensaba nos rumores que corrían sobre o condominio de Pilotín e a súa irmá.

Mixtión de lodo e sangue

Cando Xaco saía da casa co cheque gardado na súa carteira, preguntoulle á muller:

—Lin a súa confesión no BOE. Pilotín escribe ben, para ser quen é. Por que escribe así?

Ela estaba demasiado cansa para non ser sincera.

—El pensa que escribe como pinta Dalí, pero eu penso que é un burro.

—Escribir como pinta Dalí. Como pretende facer iso?

—El xunta palabras que non adoitan xuntarse, escribe historias que comezan polo final, compón poemas sen verbos, e outras parvadas… de estilo. Todo é estilo. A súa cabeza é unha fantasía sen sentido. Penso que o fai porque realmente non ten nada novo que dicir.

—Non che gusta o que escribe o teu irmán?

— El sempre escribe as mesmas catro cousas, só que procura novos xeitos de facelo. O único que sei é que non quero que o maten.

Xaco quedou impactado por esa muller, e non deixou de pensar nela até que o seu nome fose esquecido de noite, no casino.

 

Tres cadáveres, os cabalos indiferentes. Mixtión de lodo e sangue. O asasino descansa debaixo dun lapacho, e non sabe se chorar ou sentirse máis home que nunca.

E xa non puiden nin quixen descubrir máis sobre o particular.

 

 

 

Os cadros que ilustran a portada e o conto son: “O rodeo” de Prilidiano Pueyrredón (1861) e “A vaca espectral” de Salvador Dalí (1928).

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí