Mutualidad caracolera

Unha aventura con caracois

Hai unhas semaniñas cambiou a miña vida. E non foi un deses cambios revolucionarios que che marcan o carácter de maneira imborrábel, os cales sinceramente creo que deben ser unha minoría ínfima entre os que hai. O que pasa é que comecei a escoitar a Hiroshi Yoshimura. Home, un cambio é. Antes non o escoitaba; agora si. Obxectivamente foi un cambio. Non se alcanza o Nirvana sen vivir mil vidas primeiro. O churrasco do domingo só o comes aforrando toda a semana anterior a base de leituga e arroz. Os cambios son o mesmo: por cada cambio transcendental, hai que vivir cen ou mil pequenos, incluso efémeros. Son cambios que se converten en obsesións dunha fin de semana, que se borran e se confunden entre eles, que che corrixen o rumbo por aquí e logo por alá e fan que a túa vida sexa un zigzag de intencións cruzadas, cambios cuxos efectos son tan modestos que nin te decatas de que cambiaches, pero que, ao final, van fraguando a túa forma de ser, facendo e refacendo a persoa que es até o día en que morras.

Puxen un disco de Hiroshi Yoshimura e cambiou a cousa. É música tranquila e tranquilizadora, un bálsamo para o ouvido. Un minimalismo emoliente que masaxea o cerebro – vénme de puta madre na nosa realidade smart e sobrecargada, baixo a ditadura da notificación. Así encetada a miña viaxe musical, tiña contento o ouvido, pero os demais sentidos, cansos, queimados por toda esa merda, anhelaban a mesma desaceleración. Empecei a deter máis os pasos, camiñar e procurar vivir sen tantas présas. Hai cousas que aprecias se deixan de importarche outras cousas que non importan de verdade, como chegar sempre a tempo, o cal é tan de mala educación como sempre chegar tarde. Sentas sobre un banco nun silencioso arboredo, ves o sutil bambeo da herba e as follas, sentes o aire correr sobre a pel, o arrecendo a flores silvestres, ou pisas un pau no camiño e cun ruxerruxe foxen pola maleza bichos, roedores asustadizos, incontábeis, ou levántase un tsunami de paxariños que escapan de ti e fan ferver os arbustos. Fálanche os caracois. Realmente comecei a escribir a propósito dos caracois. Hiroshi Yoshimura é a posta en escena.

Case sempre vou camiñando ao traballo. O meu barrio é unha urbanización lineal. Se pensamos que A Coruña é como un polbo encallado, o barrio é un tentáculo palpitante que se estende e tentea entre os eucaliptos, talvez coa intención de alcanzar e pedirlle socorro a Carballo, outro organismo que, despois de todo, se sente máis a gusto na terra. Barrio Tentáculo ten unha soa estrada de saída, pola que camiño eu. No límite entre o barrio e o corpo do polbo coruñés, hai unha rotonda e dous edificios: o primeiro é unha gasolineira -unha célula doutro organismo aínda, un que é enorme e abrangue terras e mares-; o segundo é unha construción baixa e azul que parece unha casiña de Lego ou Minecraft. Enriba da súa porta e máis a fiestra, en pintura negra di: Mutualidad Ganadera. É unha reliquia dun pasado remotísimo, lembrado só por uns compañeiros frikis que teño na facultade.

Ás veces este edificio está cuberto de caracois. Cando chove non, claro, pois entón están escondidos no seus lugares secretos. Cando fai sol ou -o que é máis común- cando descende a manta gris sobre a cidade, convocáse ou non se convoca o congreso de caracois naquelas paredes. Eu non sabía cal era o determinante, que directrices acataban, en función de que os caracois se convocaban ou non. Tampouco é que me interesase o tema antes do acontecido desta semana. Porén, sempre atopo algo se cadra romántico na vella Mutualidad, unha certa dignidade no seu abandono. Non sei a que me lembra, se unha Galicia mítica que nunca existiu… e a pesar do tráfico que vai circulando pola rotonda, baixo a influencia zen de Hiroshi Yoshimura, para min non é un mal lugar para tomar unha pausa no camiño ao traballo e reflexionar, ou mellor dito non pensar en nada. É así esta semana en especial. Non sei se traballei demasiado ou que, pero o meu piso está resultándome alporizante. Dáme calor, hai unha certa espesura no aire e cústame respirar.

Estaba nisto de reflexionar antes de onte, sentado nun chanzo da escaleira con coidado para non esmagar ningún dos centenares de caracois convocados, cando se me achegou un comité deles pola balaustrada. Arrastrábanse cunha rapidez insólita e o seu avance brusco á altura dos meus ollos non podía senón chamarme a atención. Ían en fila india. Un dos caracois levaba unha folla seca no que supoño que sería a súa boca, sostida en posición vertical. Con curiosidade, convertida logo nunha mestura de asombro e incredulidade e máis dun pouco de medo, vin como pararon ao meu carón, e como o caracol que ía detrás do que levaba a folla subiu por encima da cuncha deste, alongou os seus talos oculares e empezou a ler a folla en voz alta, como se fose papiro.

-Feliz día- dixo.

Fitei o caracol na cara. Non lle contestei. Obvio, se che falase o teu gato ou o teu bonsái, tampouco se che ocorrería contestarlle, senón que darías o mesmo chimpo de susto ca min. Necesitarías o segundo “feliz día”, que o caracol dixo cunha firmeza inesperada nun ser tan diminuto. Ollei dun lado a outro. O único ser que posibelmente me vería falar con estas criaturas era a empregada da gasolineira, pero como non me entendería dende a outra beira da rotonda, no peor dos casos pensaría que son un tolo calquera e fin do asunto.

-Ola- dixen por fin, inclinando a miña cabeza cara a eles para poder escoitalos ben. Estremeceron, sacudidos polo volume da miña voz.

-Fala máis baixo, por favor- dixo o mesmo caracol que falara antes, e de novo apreciei o convencemento e o ton case teatral con que falaba, aínda que, iso si, sen moito volume, comparábel ao canto monumental de Pavarotti, o cal parecería insignificante ante o ruxido da tigresa.

-Perdón- murmurei. -Así que falades galego?

Non sabía que máis dicirlles. Normalmente comentaría o tempo, pero xa adiviñaba que a meteoroloxía dos caracois pouco tería que ver coa das persoas.

-Falamos. Claro que entre nós non falamos as vosas falas. Temos unha lingua propia pero as palabras son moi pequenas e as vosas orellas xigantes, que parecen pratos de satélite, son demasiado grandes para captalas, así que pensades que somos mudos e parvos. O caracol é listo. Hainos que estudan para saber falar as linguas das grandes mulleres e os grandes homes. A nosa é moi pequena para expresar o que temos que expresar. Hai cousas que tedes que saber e a nosa non serve.

Obviamente, escoitei todo isto cun asombro irresistíbel. Oxalá me tivese gravado alguén, en parte para deixar testamento das expresións ridículas que sen dúbida tiña na cara, e en parte para que este texto non se tome por ficción.

-Déixasme ler agora, gran muller?

-Son home-. Cando dixen isto, o caracol asustouse, encolleuse e baixou os talos oculares nun xesto de defensa.

-Perdóame! Non sei distinguir a muller do home, pero nós temos visto o voso desprezo, o odio que sentides cara as vosas mulleres, e non quero que te ofendas porque non saibamos a diferenza.

Nese intre comprendín que si: o caracol é listo.

-Nada, non te preocupes. Le sen medo.

-Lerei, pero non me podes esixir que o faga sen medo. Na presenza dos macroseres, tanto as mulleres como os homes, o caracol sempre sente un inmenso temor. A vosa pel está perigosamente salgada e os vosos pés pesan como as pedras.

Non dixen nada. Escoitei e asentín. Silenciado por un complexo aparentemente absurdo, non quería tratar de impor ningunha idea ou opinión miña sobre a precariedade da vida.

O caracol proseguiu.

-Feliz día. Pois antes de ler, nós, os caracois do gran congreso convocado, xurado e apoderado no lugar chamado Mutualidad Ganadera, saúdamos ao representante dos macroseres humanos.

-Espera- interrompín sen nada de diplomacia, malia a gravidade da ocasión-, estades dicindo que teño que facer de portavoz da humanidade?

-Si- contestoume outro congresista por detrás de min. Xirei a cabeza e vino, un molusco impoñente e de aspecto musculoso, por así dicilo. A súa carne coruscaba unha cor repulsiva, algo así como caldo, pero a súa voz vibraba con vigor xuvenil. Decateime de inmediato de que me falaba un líder nato, e decidín que debía de ser o presidente do congreso.

-Pero por que me escollestes a min?- pregunteille.

-Os macroseres humanos vivides tan por enriba na natureza, tan por enriba de nosoutros, a alturas tan terríbeis que nin nos vedes. Ou non existimos, ou somos meras gotas revoltas na sopa primordial. Observamos e estudamos sen que o saibades. Ti, en cambio, es diferente. Sentas, observas, estudas o mundo que te rodea. En ti vemos moita paciencia e bondade.

Téñome preguntado se realmente pensan isto de min, ou se só foi unha trampa para demoler as miñas defensas. Non o sei, pero penso que en xeral os cascarolos non son quen de mentir nin de aproveitarse do próximo.

-Continúo?- preguntou o orador dende o atril apegañoso.

-Continúa- dixo o presidente.

O orador leu.

-O gran congreso presenta a seguinte petición ante os macroseres humanos. Rogamos que a iluminación nocturna dos camiños sexa obrigatoria.

Houbo un momento de silencio.

-Xa está?- dixen.

-Paréceche pouco?- berrou algún congresista dende o seu sitio na parede, sen nada da deferencia coa que o orador e até o presidente me trataban.

-Ten razón- dixo o presidente cor de caldo-, a aceptación desta petición sería a resolución da maioría dos nosos conflitos. Se non che parece disparatada, claro está.

Asentín coa cabeza, pero non estaba convencido.

-Paréceme unha petición moi razoábel…

-Unha petición moi razoábel é– murmurou audibelmente un caracol que, pola voz, tiña que ser o mesmo congresista berrador que antes. -É razoábel independentemente do que pense ou diga este.

Mandárono calar varios dos seus compañeiros.

-Si, ou sexa, é moi razoábel- dixen. -Pero teño un par de dúbidas. Teño que levar esa folla que estás lendo ao presidente de España ou que?

-Lévaa a quen teña o poder- gruñiu o congresista berrador. -As persoas sodes parvas ás veces. Falades moito de liberté, egalité, fraternité, pero despois vos dividides en clics, gobernos e gobernacións estúpidas para, eu que sei, odiarvos mutuamente como estes monos que botan a súa merda na cara de calquera que se lles acerque á árbore, entre as mil millóns de árbores que hai na selva.

Deixoume estupefacto. Este caracol volátil tiña que ser un dos directores intelectuais do movemento. Falaba francés e sabía que había selvas e monos alén do horizonte, que a costa galega non representaba os límites do mundo.

-Está ben- dixen finalmente, pero non me parecía ben. -Outra dúbida: iso da iluminación nocturna dos camiños… de que camiños estamos falando?

-De todos- dixo o presidente.

-Todos?

-Todos- dixo o orador-, todos os sendeiros, estradas e congostras.

-Que é unha congostra? Perdoade, pero non son falante nativo de galego.

-De onde es?- preguntou con curiosidade o director intelectual.

-De Inglaterra- dixen, pero despois lembrei a ideoloxía política deste caracol e cambiei a resposta. -Son das Illas Británicas.

-E falas galego?- exclamou o orador.

-Si.

-Vaia! Un inglés que fala galego, que marabilla! Bueno, te voy a hablar despaciño para que me entiendas.

-Tampouco fai falta que cambies de lingua- rifou o director intelectual. -Fala mellor que os propios galegos, que falan moi mal e sempre din palabras en español.

-Enténdovos ben- dixen-, e realmente o voso galego… son eu o que está alucinando agora mesmo.

-E o tema de “te” e “che” é moi complicado…

Interveu o presidente.

-Acepto os cumpridos do representante dos macroseres humanos- dixo. -Basicamente unha congostra é un sendeiro estreito que vai entre árbores, penedos, cercas ou outros obstáculos. Agora ben, seguramente quererás saber o porqué do noso proxecto de iluminación.

-Non, iso non necesita explicación.

-Excelente. Imaxinas, entón? Imaxinas como sería vivir oprimido? Axéxanos un medo constante. Imaxinas como sería andar pola rúa sabendo que te poden matar en calquera momento? Vivimos os caracois baixo a espada de Damocles, pero a espada é a pisadura inconsciente dun macroser humano, listo para esmagarnos. Se de día vedes pouco, de noite aínda menos, xa sabes.

Dixeran que eu era diferente, que eu vía máis. Pensei no xardín dos meus pais. Na primavera, volvendo de festa á madrugada, cantas veces camiñara eu polo camiño de ladrillos vermellos daquel xardín? Uns pasiños ebrios e cegos. Crac, crac, crac. De noite o camiño de ladrillos convertíase nunha autopista caracoleira. Estremecía cando esmagaba as cunchas fráxiles e as súas entrañas se espallaban polo chan. A vida é unha congostra accidentada de cambios, non fun eu sempre tan vidente, e agora faría as cousas doutro xeito, concretamente volvería de festa iluminando o camiño do xardín coa lanterna do móbil e ninguén tería que morrer. Imaxinaba, si, o medo que sentirían os caracois na escuridade da noite.

Tiña que irme, que chegaba tarde ao traballo. Malia que apenas comezara a penetrar nos misterios da civilización dos caracois, xa me doía a cabeza de tanto descubrimento. E aínda non me atrevía a crer que todo isto fose real, pois esa dor podería estar causada por un maxín demasiado activo.  A mutualidade caracoleira sería así soamente un soño divertido, ou síntoma dalgunha enfermidade mental.

Os caracois dixéronme que me darían máis instrucións á mesma hora o día seguinte. Collín a folla-papiro como proba e fun traballar de mala gana. Toda a tarde pensei na ridiculez da misión que me conferiran. Elixir como heraldo a un tipo calquera coma min, mandarme acudir a 10 Downing Street ou á Moncloa brandindo a folla-papiro e pedindo que a meirande parte do presuposto nacional se destine á iluminación das congostras do monte – vaia planazo que argallou o congreso. Parvos non eran, pero había que recoñecer os límites dun cerebro cuxo tamaño non é maior que un grao de area.

Cando volvín pasar ao carón da Mutualidad pola tarde, vin que na súa fachada só quedaba un puñado de seis ou sete caracois. Inclineime contra a parede.

-Feliz día- díxenlles.

Silencio.

-Feliz día- repetín.

-Buenas- contestoume unha señora que pasaba por aí. Os caracois non dixeron nada e eu maldicía a miña falta de precaución. A señora acelerou o seu paso.

Claro que os caracois non ían falar diante doutros macroseres humanos, pero as dúbidas non deixaban de xurdir. Paciencia e bondade, pensei. Non acabara de amosar bastante pouca paciencia saudándoos así diante da xente? E realmente sería eu tan único? Se o que querían era paciencia e bondade, por que non foron molestar ao Dalai Lama? Que? Escoito un par de discos de Hiroshi Yoshimura e de repente son unha illa de paz?

Xa na casa, saquei a folla-papiro da miña mochila, onde a gardara entre as follas dunha libreta, e pouseina na mesa. Se conseguín amarrarme á realidade e facer desvanecer as dúbidas foi grazas a esa humilde folla-papiro, a única proba sólida do acontecido que teño.

Deitado no sofá, oprimido polo aire espeso do piso, soñei con espirais.

O día seguinte -onte- foi o día tráxico. Baixei impaciente á Mutualidad, case correndo por Avenida Barrio Tentáculo para asistir ao segundo congreso que me prometeran. Caeume a alma cando cheguei. Era unha escena de carnaxe. Faltaba unha sección enteira da fachada do edificio e a escaleira estaba cuberta de escombros. Entre as pedras e o po, vin os cadáveres. Fragmentos de cuncha, sangue, faixas de carne babosa; ducias de vítimas mortas naquela pequena Hiroshima. A Mutualidad era unha estrutura dilapidada e moi vella. Pensei que quizais fose un accidente, unha sinxela caída de albanelería e, en fin, algo que tiña que pasar nalgún momento.

Teríame gustado crer unha bonita mentira como esa. A destrución de gran parte do congreso a causa dunha inocente pulsación do caos era preferíbel á alternativa. Desafortunadamente, a Mutualidad estaba precintada, as cintas tendidas descoidadamente entre a porta e a balaustrada.

Cintas da Policía Local.

Os caracois protestaron e o Estado reprimiu. Unha fachada caeu porque outra caera.

Os gobernantes xa sabían todo sobre os caracois, e ante o menor sinal de resistencia, respondían con toda a forza á súa disposición. Seguro que nun principio os caracois estableceron contacto directamente co goberno. Ese primeiro achegamento tería terminado mal (represión, balas, esmagamentos, veleno nas leitugas), e por iso cambiaron de estratexia. Entón, falaron comigo na miña capacidade de representante da plebe. O encontronazo anterior co Estado inculcara a súa desconfianza cara aos gobernos humanos, maila convicción de que a garantía da convivencia entre microser e macroser é o poder popular e a loita dende abaixo. Liberté, egalité, fraternité entre as dúas razas! É unha loita que fará cambalear o aparato represor do Estado, por exemplo a señora que me ouviu falarlles onte aos caracois – claramente unha espía.

mutualidad caracolera

 

 

1 COMENTARIO

  1. Pasei diante do edificio da Mutualidad Ganadera todos os días durante 5 anos da miña vida. Asistín ao seu paulatino deterioro. Nesta última época, tamén adoito pasar por diante del a miúdo, e segue chamando a miña atención. Ten un algo de soviético, de cousa fóra de lugar, na súa arquitectura absurdamente sinxela e euclidiana. Sinto algo de pena cando paso por diante e noto que o seu deterioro se acelera. Supoño que os caracois tamén o senten así. Temos iso en común. Pero nada máis. Porque no dos camiños non penso ceder, xa hai luz abondo, demasiada. Non nos podemos permitir iluminar máis. Comprendo o seu medo vital. Pero creo que é parte da súa esencia como caracois. Se deixasen de sentir medo constante, poderían seguir considerándose a si mesmos caracois? Non é algo xa instaurado na cerna do seu código xenético?
    Ah, preguntas.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí