Reflexións sobre educación V: a non-educación en democracia

Ideas arredor do currículo oculto ou encuberto no ensino, especialmente da materia de Historia, e das consecuencias nas actuacións democráticas.

Esta é a quinta reflexión que fago sobre cuestións de educación e coido que até o de agora os artigos non resultaron redundantes, senón máis ben pólas complementarias dunha mesma árbore. Estas galliñas pode que parezan non rozarse entre si, mais orbitan tamén arredor do tema que aquí ocupa. Explico isto porque quero falar nesta ocasión sobre o ensino filtrado da figura docente a través dun currículo oculto ou encuberto e pode ser que moitas persoas relacionen este tema co papel do profesor. En efecto, pertencen a esa raíz común. Sen intención de resultar repetitiva, considero que todas as reflexións sobre educación deberían ter no foco da crítica ao profesorado e ao alumnado.

A idea desta reflexión xurdiu nunha conversa cun rapaz que cursa na actualidade segundo de bacharelato. El contábame que no ensino primario tivera como mestre da materia de Historia a Jaime Pita, que foi deputado no Parlamento de Galiza co goberno de Manuel Fraga. Segundo a súa experiencia, o señor como docente de historia deixou nel unha pegada impecábel. Impecábel no senso de ser moi bo profesor e de contribuír eficazmente á adquisición de coñecementos, neste caso históricos, dos asistentes ás aulas. Supoño que se che ilusiona unha materia, podes achegala ao alumnado sen importar a túa ideoloxía ou intención educativa, por suposto. De feito, eu xa falei nestas reflexións sobre as pegadas dos «invisíbeis» na educación. A pregunta é: como afecta a longo prazo o ensino que, consciente ou inconscientemente, ideoloxizamos?

tarxeta censal eleccións da democracia

Non quero que se me malinterprete. Eu creo que todos ensinamos dende unha posición ideolóxica. Mesmo falamos dende unha posición ideolóxica. Por moito que queiramos ser neutrais, o noso cerebro permanece con nós ao longo do día e os nosos actos tamén falan por nós. Por iso, non podemos presentarnos ante a sociedade nin ante un medio laboral limpos de nós mesmos. A pesar disto, ha persoas dedicadas á formación académica obrigatoria e non obrigatoria que intentan que as súas posicións político-sociais non interfiran, pretendendo ensinar sen filtros ideolóxicos. Eu creo que esta posición é a mellor porque, aínda que non queiras, algo se coará entre o que digas; así, polo menos, só o fai o que está fóra do teu control. Moi pola contra, outras persoas aplican contidos ideoloxicamente filtrados con pretensións de adoutrinamento consciente. Supoño que ha moita xente que lle ten medo á verdade.

Neste punto, sempre lembro iso de que a historia se conta dende a mirada do vencedor, non do vencido. Non podo deixar de lembrar a crónica de indias Brevísima relación de la destruición de las Indias, de Bartolomé de las Casas. Esa atrocidade de ler a barbarie dende un ollo testemuña e non do que nos quixeron aprender na escola. Ou dicir, por exemplo, que dende a investigación dunha lectura misóxina pondaliana, unha parte do profesorado (principalmente mulleres) decidiu eliminar este autor do contido curricular ao longo de, ao parecer, varios anos académicos. Até aí o poder dun profesor ante os seus alumnos, filtrando o que estudan porque consideran que esa actuación é a mellor.

Supoño que o que se fixo en América ou o que a época patriarcal do século XIX posibilitou que Pondal publicase certos poemas son feitos que funcionan como os minutos de silencio polos asasinatos das mulleres: non morremos, mátannos. Aínda así, coido que os dous exemplos que puxen son claramente diferentes: por unha banda, temos unha realidade histórica de destrución nas Américas e, pola outra, unha fantasía ou creación literaria que está escrita en primeira persoa, mais non ten que corresponder necesariamente coa realidade do autor (refírome aos polémicos poemas sobre violación en Queixumes dos pinos). Lembremos que Agatha Christie non foi acusada de matar a ninguén e aínda así escribiu escenas de moita violencia e mesmo se televisan actualmente eses crimes a media tarde. Así para acompañar o sono lixeiro da sesta…

Non digo que as accións de protesta non sexan necesarias, digo que –a fin de contas– non serven para nada: xa se destruíu unha cultura no chamado Novo Continente, xa se conviviu coa misoxinia ao longo de toda a nosa historia humana e xa nos mataron. A cuestión debería ser focalizar as forzas para cambiar iso. Deixar, por exemplo, de falar de «conquistar» terras apoiando a propaganda con ganchos musicais que atraian a persoas novas. Non por unha cuestión de convencemento ideolóxico da propaganda, senón por unha cuestión moral de non aproveitarse da ignorancia. E digo «ignorancia» porque estas accións usan o non-coñecemento dunha gran parte da poboación que estudou que: apoiados polos Reis Católicos, Cristóbal Colón descubriu América (seica estaba agochada no magma terrestre); que xa non vivimos nunha sociedade misóxina polo feito de que as mulleres podemos traballar fóra da casa (por un soldo máis baixo que o masculino e sendo molestadas camiño do traballo, iso si); ou que estamos atados ás modas e non cómpre pensar máis nin diferenciarse. Remítovos a este magnífico vídeo de El Intermedio onde unha rapaza afirma que irá votar o próximo 28 de abril se se animan as súas amigas (se ese domingo prefiren ir só ao Starbucks, pois xa dentro de catro aniños haberá outra oportunidade, se é que seguimos en democracia, claro), onde o voto por xenética ten validez e onde só un rapaz coñece os nomes de todos os presidentes de goberno dende a entrada na democracia.

Unha das críticas máis contundentes que eu podo facer da democracia é que non considero vivir nun estado democrático. A rotundidade vén da man da liberdade e baseo esta idea na miña propia ignorancia sobre a mesma. Do mesmo xeito que eu creo que sen opcións lingüísticas en niveis de competencias que permitan o seu uso, unha persoa non pode considerarse libre de escoller, tamén opino que unha persoa (como estes rapaces novos que van votar por primeira vez este ano) sen coñecemento histórico non se pode considerar libre para elixir polo seu propio ben democrático e futuro. Penso que unha materia pendente consiste no estabelecemento dunha educación obrigatoria en formación democrática que nos permita coñecer ideoloxías e comprender o transcorrer da historia para non volver a «conquistar» ou «descubrir» terras prometidas, asasinar por crernos superiores ou mirar mal a outra xente porque naceu noutra parte do mundo, pertence a unha minoría ou non cingue os seus actos cos discursos impostos.

Resumindo, creo que non somos libres para votar porque non coñecemos as nosas opcións. Se ben é certo que os vellos experimentaron un transcorrer histórico máis amplo que a mocidade de 18-19 anos, estas persoas están (en termos xerais) menos formadas. Isto convérteas en máis vulnerábeis ou influenciábeis porque non teñen o filtro educativo e crítico que lles permite seleccionar a información que reciben. Supostamente, as xeracións actuais deberían estar moito máis formadas e ser críticas a respecto do que se impón nos diferentes discursos que se autodenominan «políticos». Basicamente porque hoxe se ten acceso á información dun xeito doado, mais está claro que investigar antes de acudir ás urnas non interesa á mocidade. Só é necesario ver o vídeo de El Intermedio para corroborar e reafirmar que continuamos a vivir e a votar (insisto, en termos xerais) na ignorancia. E a culpa non é da educación, senón dun baleiro existente nesta, dado que tampouco se lles está a dar ánimos para que o indaguen ou facilidades para que o consigan.

O pasado 2 de abril, asistín a un debate político que se organizou na Asociación Veciñal Agra do Orzán da Coruña. Penso que era a persoa máis nova da sala e atendín con moita implicación mental aos representantes dos diferentes partidos. Había cinco: Bloque Nacionalista Galego, En Marea, Unidas Podemos, Partido Popular de Galicia e Partido Socialista Galego. Podería pronunciarme sobre a miña lectura do debate e dos diferentes candidatos, mais iso sería posicionarme dun xeito claro e non é a miña intención. Porén, direi que fixen unha pregunta e non foi respondida. A pregunta era se existía algún enderezo postal na Coruña ou algunha páxina en internet ou algo semellante onde eu puidese enviar a persoas que descoñecían as súas opcións e querían coñecelas (ou a min mesma), como por exemplo alumnos de segundo de bacharelato que van facer uso do seu dereito de voto por primeira vez este ano. Expliquei que, por exemplo, sabía onde remitir a unha persoa cun problema de saúde, cun problema sexual ou doutro tipo, mais non sabía onde mandar a unha persoa con dúbidas democráticas e crin que un debate político con só cinco representantes non era unha boa opción, por moitos que se estean a facer en diferentes puntos da cidade da Coruña e doutras cidades: u-la opción de votar a PACMA ou outro partido alí non presente?; u-la opción de votar en branco?; u-la opción de non votar? Cales son as consecuencias das nosas actuacións democráticas? Como debemos revisar a historia para coñecer a verdade? Como fiarnos dunha fonte? Como contrastar o que nos dixeron sempre nas aulas? Como ser libres cando se supón que nós escollemos?

Enquisas de eleccións estatais
Gráfico de macroenquisas do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) de estimación do voto.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí