O Corzo, pecado e licor café para todas as idades

Relato dunha noite nun dos locais de moda de Compostela, onde xuventude e maiores conviven mentres homes de traxe preparan espirituosos

MELONA FEST 3 // BOYANKA KOSTOVA
Melona Fest 3 // Boyanka Kostova ©Ada Seoane

Tes que ir ao Corzo. Teñen o mellor licor café de Compostela”. Con ese argumento é moi difícil dicirlle que non a ninguén. Se hai unha razón para explorar a noite santiaguesa ao cento por cento é a de elaborar un ranking do licor café dos bares. Poderiamos considerar o Corzo como un local de culto hoxe en día. Sen un prototipo de cliente, as mellores e as peores noites danse cita neste pequeno pub. “Foi unha noite turbia. Rematei en Corzo”, díxome unha vez unha amiga. Por se fose pouco, para facer máis singular o día do meu bautismo, estaba a pinchar cumbia e música de verbena o dúo de trap compostelán Boyanka Kostova (que volvería a actuar no local durante o Melona Fest, aquí tedes a crónica que fixeron en Balea Cultural).

Na rúa Xeneral Pardiñas, unhas letras azuis e unha porta de madeira anuncian que chegamos ao Corzo. A baixada ao local recórdame á do Maycar, pero con clase e sen o boleto da consumición no peto. Un rapaz duns vinte anos cóbrache a entrada (dun euro naquela ocasión) vestido cun traxe negro e paxariña. O longo corredor que dá acceso ao salón principal paréceme deseñado por David Lynch. Á esquerda, a primeira porta é a do baño. Recordade isto, pois aquel día houbo unha persoa que debeu coller esa saída.

of corzo

Nos lavabos, totalmente pintados por centos de visitantes do local, fíxome nunha frase pintada con cor negra. “Are you here? Of corzo”. Saio e dispóñome a atravesar o estreito corredor central. O estilo do local non parece ter mudado desde a súa inauguración, da que descoñezo a data. A seguinte porta da esquerda conduce á barra do local. Nela hai ata tres home que superan o medio século de existencia acompañados por outras tantas mulleres que non pasan dos 30. “É o típico aquí. Traen ás queridas ou a mulleres da noite a tomar unha”, coméntanme. Xunto a eles, un rapaz cun chándal de cor rechamante pide un vodka con laranxa. Todo correcto, penso para mín.

Como non están as cousas para andar perdendo o tempo, pídolle ao camareiro, tamén de traxe, unha copa de licor café. “Aquí hemos venido a jugar”, dime un dos homes da barra, mentres agarra coa man a coxa da rapaza coa que está. Todo correcto, volvo pensar. Un xeo e o escuro licor caendo dunha botella de cristal con tapón de caucho sen etiqueta que identifique o produto. Superada a pedra conxelada, o camareiro deixa de botar. Recordo que non me pareceu barato, pero tamén recordo que estaba boísimo. Non sei se era o mellor, pero estaba ben.

Corzo épico

Toca abandonar a aqueles homes e as súas queridas e entrar no salón principal. Máis que a decoración de tempos pasados ou o feito de ver a rapaces que escasas horas atrás estaban a saltar nun concerto de Terbutalina na Capitol bailando agora os éxitos máis verbeneros, o primeiro lugar ao que se vai a miña vista é a unha porta secreta situada na parte esquerda da sala e moi mal camuflada. Non podo parar de pensar nos homes adúlteros fuxindo do local coas súas queridas por aquela saída secreta mentres as súas mulleres esperan na porta do local. No chan, unha trampilla. “Pero que teñen que ocultar?”.

A sala conta con asentos a ambos lados. No primeiro da esquerda un rapaz dáse conta demasiado tarde de que mesturar diferentes licores non senta ben aos macarróns con tomate da cea. Isto tamén é constatado polo empregado que cobraba a entrada, responsable excepcional da fregona. Todo un luxo estar nun local onde o encargado de limpar as vomitonas o fai en traxe. Se aquel rapaz que apoiaba a cabeza contra o estampado da parede tivese collido a primeira saída ao baño…

Toca marchar deste lugar. Non sen antes bicar nos beizos ao Rei. Unha escultura de tamaño real de Elvis Presley separa o salón principal da entrada. A cor vermella destaca nos seus beizos. Omito finalmente bicala por medo aos xermes. De volta na rúa decátome de que xa é de día. No Corzo o tempo pasa a unha velocidade irreal, como se un feitizo envolvese un lugar que te teletransporta a outra época.

Para rematar, só unha petición. Saíde en Compostela e comprobade de mércores a sábado de que é capaz o Corzo. Desde fai dous anos deixou de abrir de luns a mércores. Houbo quen comezou unha campaña de firmas en Change.org para evitar o peche parcial do local, alegando que o Corzo é “un lugar emblemático de Santiago de Compostela, para disfrutar de cualquier noche de la semana. Buena música, cálido ambiente y gente maravillosa”. A proposta acadou un total de dez firmas, e o Corzo non volvería a abrir un luns.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí