O latexar do barrio, de Tito Pérez: a palpitación entre a urbe e as raíces

O latexar do barrio é o segundo libro de relatos de Tito Pérez Pérez, onde atopamos dezaoito relatos cargados dunha lingua dinámica e referencias próximas.

Tito Pérez Pérez vén de publicar en Do Peirao o seu segundo libro de relatos, O latexar do barrio. Resúltame estraño escribir sobre un libro en narrativa, porque adoito centrarme nos versos. A razón de que decida facelo é dupla: por unha banda, o desexo de celebrar canda el esta nova publicación; por outra, unha débeda. Sen persoas coma el, Linguaxes dixitais non chegaría a ser libro. De feito, eu coñecín a Tito nun ambiente poético e até un poema deste poemario (o da páxina 36) foi escrito ao seu carón, nun proxecto no que participamos en común e que lembro con cariño. Mais el quere escribir contos e cando se lle mete algo na cachola non ha xeito de movelo. Así tamén é a súa narrativa: pertinaz. Sexa como for, o feito é que el e mais eu temos atravesado séculos a través da historia da literatura.

O latexar do barrio
María Miramontes e Antón Vilar Ponte (Clara Vidal e Tito Pérez) de paseo pola Coruña, falando de proxectos literarios, de política e de compromiso ideolóxico-reivindicativo na cultura nacionalista e identitaria ligada ás Irmandades da Fala (1916-1931).

No fondo, todo o que poida eu apuntar sobre este libro vai ser pouco, porque a miña mirada pousa as cadencias das verbas sabendo que Tito, ademais de contista, é un fantástico poeta que renega de escribir versos. Supoño que nunca lle perdoarei iso. No entanto, este escritor teimudo leva xa dous libros de relatos que se ambientan nun movemento áxil e de terreo coñecido. Vinte fragmentos de mocidade voraz (Toxosoutos, 2016) supuxo no seu día unha dilucidada conmemoración das esmorgas nocturnas. Na libraría Sisargas (Monte Alto, A Coruña), parabenizáramos a opera prima cunha recepción dinámica de lectura a varias voces. Naquela ocasión, as personaxes adiviñábanse para os máis achegados e resultaban completamente alleas para os que non. N’O latexar do barrio, advírtese xa ao comezo que toda semellanza entre personaxes e persoas reais é pura coincidencia. Imaxino que, aínda así, algunhas persoas si caben dentro.

Mais o que atopamos nesta nova entrega remite unha e outra vez a esa eficacia dialogada xa coñecida, á vitalidade dun barrio vivo e ás experiencias múltiples que habitan dentro del. A maquetación en tipografía ASV Codar Light con letra grande contribúe tamén á narrativa fresca. Dá igual se medraches en Monte Alto e agora só vas de visita ou se non recoñeces nin o nome: entras no barrio. Escoitas os sons que proveñen do pasado. «O reclamo do afiador resoaba ao lonxe» (páx. 49) e agora regresa. Esta fluidez está tamén acompañada do léxico e do diálogo. Lemos conversas realistas e orgánicas que axilizan a lectura. Porén, no canto de caer na saca da vulgaridade e da escaseza de vocabulario, O latexar do barrio contén unha riqueza léxica enorme que fai convivir un kinito de Coru, neno con palabras inusuais que obrigan a pescudar no dicionario. Isto enriquece os textos enormemente e dá conta da intención imparábel do autor, pendente de albiscar unha realidade social que ten pegadas fondas no percorrido literario persoal como lector empedernido.

Precisamente de realidades sociais presentes ou pasadas trata O latexar do barrio. Nos diferentes relatos, podemos atopar unha muller enclaustrada por vontade propia e con claros problemas mentais que se emociona por unha causa tan banal que provoca a risa do lector («A ovación», páx. 153). Entramos no trato irrespectuoso dun marido á súa muller dentro dunha casa onde ela fai labores artísticos non recoñecidos por este («A festa de Aurora», páx. 31). Abraiámonos coa capacidade de illamento e incomprensión que pode provocar unha greve nalgunhas persoas que só se molestan polos intereses propios («Unha xornada particular», páx. 167). Imaxinámonos viaxando a lugares preciosísimos que case non se pisan, mais nós coñecemos («Reter a físgoa», páx. 173). Exploramos outros xéneros, pois o relato que abre o libro parece pensado para unha adaptación audiovisual. Estes son só algúns exemplos, mais o que facemos, sobre todo, é deambular derredor da nostalxia. Así comeza «A súplica»:

O cuarto de xogos idóneo na casa dos avós sempre fora o salón. Resultaba quentiño e luminoso, con abondo chan dispoñible para estenderse en ocorrencias, e pulcramente adobiado, cunha gran mesa cun floreiro e andeis inzados de libros e figuriñas. Porén, resultando de por si tranquilo, o que na verdade o convertía en especial era a pátina de nostalxia que facía evocar tantas xuntanzas e banquetes (páx. 41).

Tito Pérez achega crueldade dun xeito confortábel que tamén me fixo relacionar con outros contidos recentemente publicados en A que cheira, papá? Por exemplo, este fragmento de «A visita» no que se fala de eleccións e dun profesor de Historia lembroume ao capítulo V das reflexións sobre educación, que precisamente aborda esas dúas cuestións. Coas súas palabras, con este fragmento que non ten refugallo, remato estas verbas arredor d’O latexar do barrio desexando que un terceiro libro tarde menos de tres anos en agromar para achegarnos un vento osixenado ao novo barrio. Agora ben, o día 30 de abril, voltaremos para deixar bater os corazóns no barrio vello.

Vas votar ese, avoa?

E logo? Non ves o guapo que é?

Pero se ten bigote!

Aínda mellor. É guapo, guapo…

A avoa Remedios ruborizárase como unha adolescente. Retocando o peiteado devolvíalle o sorriso á imaxe do televisor.

E o que votabas antes non levaba bigote, ou si?

Bah! Felipe era moito máis guapo ca este. Ai! Felipe, Felipe… quen o collese de nova…

O rapaz rememorou o fociño de raposo e o forte acento andaluz de Felipe. A avoa seguía a suspirar soñadoramente. Na tele daban agora o candidato nacionalista.

E ese, avoa?

Ai! Eses nin tola, Henrique! Eses sonche o demo! Andan a queimar os montes cos da ETA!

Cos da ETA?

Si, Henrique, si. Son moi malos. Buff. Moito, eh!

Henrique observou polo miúdo o candidato. O tipo máis que a un incendiario parecíase ao profesor de Historia da súa escola. A locución e as mensaxes soábanlle o mesmo que as anteriores. A avoa tamén atendía.

Xa, avoa, pero… é guapo?

Ai, Henrique, tes cada cousa! Que se é guapo! Ai, ai, ai…

Remedios sorría, negaba coa testa. Deleitábase co rostro do candidato, como se o feito de contemplalo durante máis tempo incrementase a comicidade da pregunta do neno (páx. 69-70).

.

PÉREZ PÉREZ, Tito (2016), Vinte fragmentos de mocidade voraz, Toxosoutos, Noia.

PÉREZ PÉREZ, Tito (2019), O latexar do barrio, Do Peirao, Santiago de Compostela.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí