O mapa non é o territorio

Reflexións sobre as ficcións do cotián, os contos que nos contan e nos contamos. De aspectos médicos da narrativa, e da consciencia xornalística.

Ou iso dicía Korzybski. Nesta época de desvalorización do xornalismo, dende AQCP (por adaptarnos aos millenials e as súas siglas, LOL) defendemos a influencia da narrativa na nosa vida.

Terapia narrativa
Tolkien estaría orgulloso do noso amor pola toponimia emocional.

Onte escoitei un anuncio estupendo na radio, no que se empregaba de maneira satírica o termo “xornalista” coma un insulto. Un grupo de manifestantes berraban a unha persoa famosa e increpábana chamándolle “xornalista”. Esta situación irreverente non está tan lonxe de ser real, en cantas ocasións temos que aturar cuñadamente esa idea de que os xornalistas “manipulan á opinión pública”. E non será que o problema está na ausencia de conciencia crítica inculcada ás persoas que len e escoitan?

Non é o mesmo ler un titular nunha única fonte que comparar varias e apreciar que o ton non é o mesmo. Ou incluso, idea revolucionaria, poderiamos chamar a un amigo que estea no lugar dos feitos para ver cal é a realidade in vivo. Que todos temos colegas emigrados*.

O valor do xornalismo non radica só na mera descrición dos feitos, senón tamén en como o tipo de narrativa inflúe na idea abstracta resultante. Por poñer un exemplo, todos coñecemos a imaxe do Principiño na que os adultos non perciben máis que un sombreiro mentres os nenos ven unha serpe que devorou un elefante enteiro. Pode que os nenos teñan esta capacidade de imaxinar menos atrofiada, e que os adultos precisemos dun contacontos que nos propoña alternativas.

Eu tiña un compañeiro de facultade, un dos mellores da promoción, que dicía que apreciaba a literatura pero non lle gustaba porque carecía de utilidade. Imaxinádevos o perfil dos médicos do futuro. A min sempre me chamou a atención tal afirmación, pero non atopara argumentos de peso que fosen aceptados pola súa mente científica, ata hoxe. Eu faláballe da beleza, da arte, da cultura, das viaxes sen pasar polo control de seguridade do aeroporto e ser un terrorista ata que se demostre o contrario. Pero ningún dos meus ataques minaba a súa concepción de “ausencia de pragmatismo”. ATA HOXE.

Poñamos que eu, que traballo a diario co malestar emocional da xente, percibo que o que me ensinaron na facultade e no hospital non sempre é efectivo (ao meu xefe dicídelle que si). E resulta que un día vexo como un psicólogo recolle a historia traumática dunha nena redactada pola súa nai e deseguido ponse a corrixir os erros de “narrativa” diante das dúas. O tío vai e di que “o seu pai maligno abandonounos” debería dicirse “menos mal que nos libramos dese pobre home, que non aprendera a ser feliz”. Eu flipo e empezo a investigar de onde saíu esa bruxería.

É a maxia da narrativa, entendida coma a maneira en que cada un conta a súa historia, que ten relación cos sentimentos que desencadea ese conto. Se eu leo os eventos cun ton de drama estarei triste, se o fago con humor quedarei en ridículo pero sublimarei a traxedia en alegría contaxiosa para os que me escoitan.

Non se trata de enganar á xente, porque o mapa non é o territorio e deberiamos sabelo. Do mesmo xeito, os xornalistas dan a súa visión dos feitos, pero non a verdade absoluta, a cal non será alcanzable tendo en conta que debe ser narrada e a narración é subxectiva.

Non me porei neste espazo a falar de psicoloxía barata (para iso tedes a revista Muy Interesante), pero si quero facer apoloxía das repercusións que o contacontismo ten na nosa vida, sexa en forma de xornalismo ou de lectura dos acontecementos cotiáns.

Empezade a corrixir os vosos sobriños cando se poñan en plan “vítima” ou cando vos digan que todo o mundo está en contra deles. Cambiade un “a profe tenme manía” por un “a ver que podo facer para demostrarlle que está equivocada comigo”, e asegúrovos que lles estaredes dando un futuro moito máis feliz.

E aquí pararei para non crear un debate metafísico. Eu só quería reivindicar os contos, e gañar ese debate ancestral co meu compañeiro.

Besis.

Terapia narrativa
© Helene Delmaire. Intervención sobre un cadro da pintora francesa.

*O feito de que eu sexa unha desas colegas emigradas é o único motivo polo cal o consello executivo da redacción de AQCP decidiu contar coa miña colaboración. Como comprenderedes non é grazas á miña finura literaria.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí