“O meu soño sería que algunha empresa do Tito Amancio fusilara un deseño de Death or Glory Collective”

Sentámonos con Death or Glory Collective para falar dun proxecto con dous obxectivos claros: combater o fast fashion e axitar conciencias.

Death or Glory é a canción número doce do London Calling dos Clash. Quen lle ía dicir a Joe Strummer e compañía que, corenta anos despois, o seu espírito sería a inspiración para unha marca de roupa punk de Betanzos. Sentámonos con Xulio, creador de Death or Glory Collective, para falar dun proxecto con dous obxectivos claros: combater o fast fashion e axitar conciencias. Nunha homenaxe improvisada ao Black coffe dos Black Flag, pedimos un americano e un dobre espresso e arrancamos unha conversa na que se mesturan Sailor Jerry, Durruti e Amancio Ortega.

Como e cando nace Death or Glory Collective?

Pois o lanzamento oficial foi no verán de 2019 cunha colección de 4 camis, aínda que antes botei dous anos preparando todo. Curro polas tardes, así que adiquei mañás, noites e findes enteiras a aprender como montar unha marca, vendo tutoriais e aprendendo a deseñar. Ao principio Igual botaba a mañá enteira para facer unha trapallada, pero ao final foron saíndo cousiñas.

Xa que quería facer algo de calidade e había que meter unha boa inversión inicial, fixen unha especie de plan de negocio para tratar de non levarme unha hostia (risas). Falo de memoria, pero coido que o 80% das marcas de roupa non sobreviven máis dun ano, e o 90 e pico por cento non chegan aos tres anos. Saquei a colección acojonado perdido. Os primeiros clientes foron basicamente colegas.

Cando comezou a funcionar ben chegou a pandemia (risas). Xusto sacara a segunda colección e fun a Madrid a facer unha sesión de fotos. Á volta xa estaba todo pechado. Parei os envíos para non poñer en risco á xente do transporte, foron varios meses en dique seco pero poidemos arrancar de novo e aínda que non fora o mellor momento, saimos adiante. Houbo sorte (risas).

Non tiñas coñecementos de deseño, logo?

Cero, non tiña nin idea. Gustoume sempre, pero era o mítico hobbie que deixas de lado e que non consideras facer de forma profesional porque por desgraza, case non ten saídas.

Nas redes sociais compartes gran parte do teu traballo e proceso creativo. Cada unha das pezas ten unha historia ou significado detrás. As camisetas son un cocktail de punk, a tatuaxe old school e a arte subversiva.

Levo dende a preadolescencia escoitando punk e mamando a súa filosofía. Como son totalmente negado para tocar un instrumento, este é o meu xeito de contribuír á causa. O problema que vía é que moitas veces véndese unha mensaxe nas cancións e despois o merchandising faise en Mordor, en condicións de explotación laboral. É unha contradición que non ten moito sentido.

Ademais, as marcas “políticas” case sempre empregan lemas moi trillados. Quería darlle unha volta a isto. Que o deseño das prendas non sexa un roio panfletario, senón que conten unha historia.

"O meu soño sería que algunha empresa do Tito Amancio fusilara un deseño de Death or Glory Collective"

E por suposto, flamexe a tatuaxe tradicional. Neses dous anos de aprendizaxe puxenme a copiar deseños de tatuadores para aprender. Vía os flashes de tatuadores históricos como Sailor Jerry, Bert Grimm ou actuais como Bara, e quería trasladalo a unha camisola, pero non é tan sinxelo. No papel podes facer un degradado, pero ata que me decatei de que iso non se podía facer con serigrafía, pois pasaron meses (risas). Tamén moláronme sempre os libros freaks, sobre os baixos fondos, bandas politizadas, terrorismo… e son a principal fonte de inspiración para os deseños.

Unha das cousas que máis sorprenden dos tatuadores é a súa capacidade de síntese, como resumen tanta información nun anaco de pel.

Cando ves unha tatuaxe na que a cara son dúas liñas, parece sinxelo, pero dicir tanto con tan pouco é moi difícil. De feito, unha das cousas que aprendín nestes anos é que os deseños non funcionan igual na pel que nunha prenda, son medios radicalmente diferentes. Ao final tes que readaptar os deseños da tatuaxe tradicional, con moitos máis elementos, a algo máis básico e que se entenda rápido. Aínda que isto tamén é para gustos, pero no meu caso, é o que me máis me mola e funciona.

Teño a impresión de que nas primeiras coleccións quizais había máis protagonismo da tatuaxe tradicional, mentres que nas últimas estás virando cara outras influencias.

Como na música, o bonito é intentar non repetirse sacando sempre o mesmo disco (risas). Parte da aprendizaxe é adaptarme a novas referencias e intentar facer cousas diferentes. Por exemplo, na pasada colección, inspireime nas vangardas artísticas do século XX. Saíu unha mestura un pouco rara pero coa que quedei contento.

Unha das cousas que máis me gustan é que falas abertamente dos teus erros nas redes sociais. Coido que é moi valioso, xa non para deseñadores, senón para calquera persoa creativa ou que queira arrancar un proxecto persoal.

En redes sociais todo é fantástico. Pero todo o mundo minte. Por iso é interesante dar outros puntos de vista e falar dos erros. Vai pouco compartín deseños que nunca chegaron a nada, para que a xente vexa que non todo o curro acaba nunha prenda. Gústame tratar de desmitificar esa versión do “persigue os teus soños e conseguirás todo o que te propoñas”. Non, isto non funciona así. Hai xente que curra moitísimo e non sae adiante.

Nas redes sociais só vemos os casos de éxito, a dous rapaces de vinte anos que sacan unha marca e aos tres anos petárono. Iso é unha anécdota. Moitas veces empréganse esas empresas para transmitir a mensaxe de que se fracases é culpa túa, porque non te esforzaches o suficiente. Hai que combater esa falacia da meritocracia.

Ten que ser todo un reto sacar unha colección, sen saber se vai a funcionar e asumindo que te podes equivocar.

Aínda a día de hoxe non son capaz de saber porque funciona un deseño e outro non (risas). Ás veces remato un e penso “carallo, este vaino petar”. E resulta que non. Por exemplo, fixen moito stock de Too fast for Satan e ao final non funcionou nin de lonxe como esperaba. Sen embargo, hai outros que penso “bueno, pois é un deseño normaliño” e triunfa. Por sorte, ao final ningún funcionou mal de todo e practicamente non teño stock das primeiras coleccións. Co tempo aprendín que non podes esperar que as cousas funcionen como ti queres. A xente elixe o que lle peta, e non ten que ser o que máis che gusta a ti.

Unha das premisas do proxecto é producir de xeito sustentable e respectando os dereitos laborais das colaboradoras.

Hai xente á que os nosos prezos poden parecerlles caros se os comparas cos que podes atopar en Zara, Pull and Bear ou Primar Pero o que hai que preguntarse é como é posíbel que eles vendan camis a 6, 10 ou 12 euros e a nós sexan eses 12 euros (ou máis) o que nos custa facer unha cami. Non é soamente grazas á súa produción en economías de escala. Hai xente que sae prexudicada, principalmente as traballadoras e o entorno dos países de orixe onde eles producen. Coido que temos que replantexarmos as imposicións do fast fashion e tratar de mudar de paradigma.

“Coido que temos que replantexarmos as imposicións do fast fashion e tratar de mudar de paradigma.”

Bueno, imposicións do fast fashion e de outras marcas underground. Hai pouco tiven unha discusión cunha persoa que ten unha marca coñecida. Eles venden principalmente camisolas con lemas reivindicativos, pero a cinco pavos e con material feito nas mesmas fábricas nas que as grandes empresas explotan. A súa xustificación foi que quería que todo o mundo, aínda que tivese un nivel adquisitivo baixo, puidera permitirse mercar unha cami súa.

Para min ten máis sentido gastar trinta pavos nunha camisola duradeira, de calidade e que ademais está feita baixo condicións laborais xustas e con algodón orgánico, e non estar mercando dúas camis por mes, porque as de 5 pavos non aguantan un lavado sen quedar feitas un cristo.

Nalgunha ocasión algunha marca chegou a “fusilar” os teus deseños.

A xente non respecta nada (risas). Sí, copiáronme algún deseño, pero coido que foi peor cando unha marca me copiou o “Quen somos”, parágrafo a parágrafo e cambiando apenas dúas parvadas. Avisoume un rapaz que me seguía en Instagram e escribinlles en plan “todos nos inspiramos noutras marcas, pero isto xa é moito” (risas).

Outro seguidor pasoume outra marca que nos copiara un deseño, cambiando só a mensaxe da cami. Ata certo punto é unha especie de orgullo que che teñan de referencia. O meu soño sería que algunha empresa do Tito Amancio fusilara un deseño de Death or Glory Collective (risas).

Non sei se chegará ese momento, pero algunha xente sí que se tatuou os teus deseños.

Iso tamén é un orgullo. Pensar que algo que fixen lle mole tanto a alguén como para levalo para toda a vida é moi guai.

Tiña curiosidade pola historia e o proceso creativo detrás dalgúns dos teus deseños, empezando por Destroy.

É unha das camisolas que máis vendín e das que máis cariño lle teño. Ven dunha frase atribuida a Buenaventura Durrutti nunha entrevista para o periódico Toronto Star en 1936. Aínda que parece ser que hai dúbidas sobre se realmente a dixo Durruti ou a incluiu o entrevistador, a frase é o suficientemente bonita e potente: “Levamos un mundo novo nos nosos corazóns. E ese mundo está medrando a cada instante”. Destroy representa ese novo mundo ao que moitas aspiraron e moitas seguimos aspirando. De feito, antes de existir Death or Glory tatueime un corazón parecido ao que logo rediseñei.

"O meu soño sería que algunha empresa do Tito Amancio fusilara un deseño de Death or Glory Collective"

Nesa camiseta empregaches unha laranxa, amarelo… cores afastados do vermello, negro e verde da tatuaxe old school.

A paleta de cores saqueina dunha insignia dunha agrupación de tanques da Segunda Guerra Mundial. Non me mola poñer mensaxes nun tamaño tan grande, pero que carallo, “Destroy fascism” é unha das mellores mensaxes que podes poñer en grande nunha cami (risas).

Un dos meus deseños favoritos é Too Fast for Satan.

A idea ven dunha foto moi mítica dun surfista nadando coa táboa levantada, onde se ve escrito en graffiti “Too fast for Satan”. Pensaba que ía funcionar superben e, como dixen antes, lamentablemente non (risas). Se alguén quere, penso que aínda queda algunha.

Outro dos deseños que máis triunfou foi a de Alice Kyteler, non?

Sí, penso que foi a cami que máis vendín. Conectou mogollón coa xente. De primeiras a palabra de witch chama moito a atención, pero o que mola é a historia detrás. Alice foi a primeira muller condenada por bruxería en Irlanda. Tivo unha vida moi fodida, co marido e fillos perseguindoa para tratar de quitarlle a súa fortuna. Fuxiu e mandounos a todos ao carallo. De feito, todos os anos fago restock porque a xente aínda a pide. Nin sequera a teño na tenda, pero a xente atopaa facendo scroll en Instagram.

Sacas dúas coleccións por ano e de poucas pezas. Canto pode levarche máis ou menos rematar unha colección?

Saber cando rematar é fodidísimo, cando comecei a ilustrar era o que máis me custaba. Consciente ou inconscientemente, pásome todo o día buscando referencias en todos lados. Un deseño xorde quizais cunha simple frase dun libro que fai click. Normalmente apunto a idea, e a partir de aí pode pasar un día, un mes ou ano ata que fago algo con ela…

Unha vez comezo a colección, moitas veces tes que obrigarte a parar, porque todos os deseños poden mellorarse sempre. Non hai un só que ao rematar non estivera farto del, é unha relación de amor-odio.

No arte final, probo 3.000 composicións e tipos de letra. Ao final mándollos aos amigos/as de confianza para que me aconsellen, porque remato saturado e agradécese esa visión externa. Méteste tanto que moitas veces nin te decatas de que estás facendo cagadas enormes. Ao final acabas aprendendo a parar, deixar repousar os deseños e volver outro día a darlle outra volta.

É curioso o que se parecen todas as disciplinas artísticas. Moitas escritoras ou músicas falan das mesma sensación de amor-odio e da necesidade de darlle respouso ás cousas.

Despois cando sacas a colección a xente flipa coa novidade, pero claro ti levas mallando meses, facendo probas de cor, serigrafía… Realmente xa estás a pensar na seguinte.

En DOG ti fas de todo: deseño, fotografía, redes,… Como das abasto?

Aprendiz de todo, mestre en nada (risas). Gústame todo o que ten que ver co mundo do deseño, a fotografía e o video. Realmente vexo Death or Glory Collective como un hobby que foi a máis. Cando remato de currar, moitas veces chego a casa, ceno, poño os cascos e algo de música e estou ata as tantas debuxando máis feliz ca unhas castañuelas. Non o sinto como unha obriga, senón como un medio de expresión, non quero dicir artística, porque non me considero un artista.

Coas fotos pasa algo semellante. Hai xente que o fai moito mellor, pero vou aprendendo. O tema é facer cousas. Penso que todo isto venme do punk e do Do it Yourself. Non tes que ser un virtuoso para montar unha banda, e eu aplícoo a DOG. Non teño que ser o mellor deseñando nin sacando fotos. Se me gusta isto, por que carallo non o vou facer? Non considero que faga especialmente ben ningunha das dúas cousas, pero pásoo ben e coñezo a moita xente.

"O meu soño sería que algunha empresa do Tito Amancio fusilara un deseño de Death or Glory Collective"
Colaboración con Bala

Vai pouco uns estudantes prepararon unha peza audiovisual sobre DOG. Como se sinte un?

Foi moi guai, fíxome moita ilusión. Escribíronme uns rapaces da Escola de Belas Artes de Alacante. Querían preparar un spot sobre a marca para a materia de Vídeo e por suposto, díxenlles que encantado. Ademais eran clientes e fans da marca. Cando remataron pasáronme o vídeo e envieilles unhas camis de agradecemento. Aínda non me creo este tipo de cousas. Hai xente que me escribe por redes sociais dicíndome que DOG é unha inspiración. Cústame bastante crelo, porque non teño nin idea de nada (risas).

Falando de redes sociais, os teus seguidores estamos acostumados aos teus intercambios dialécticos con influencers, para explicar que o traballo custa e non se pode regalar.

Agora baixou bastante o nivel de “acoso”. Pero sí, é un pesadelo. Escríbenme moitos influencers para que lles agasalle roupa. Facer unha colaboración é o máis normal do mundo, mendigar roupa por ter moitos seguidores, non.

Por exemplo, chamoume a atención un pintor que me pediu que lle regalase camisolas para sacalas nas súas fotos mentres creaba as súas pinturas. Claro, a nosa resposta foi que porque non nos regalaba el uns cadros para colgar no estudo e subiamolos tamén ás nosas stories. Xa non contestou de volta (risas).

Seguramente nos manuais e blogs de marketing díganche o contrario, e sexa contraproducente putear a esta xente. Pero paréceme divertido e terei que asumir as consecuencias (risas). Se che gusta o que fai a xente, apoia e merca.

Quizáis sexa unha consecuencia das redes socias. Xeralmente só vemos o produto ou a arte final e non valoramos o esforzo detrás del.

Hai que darlle un valor ás cousas, sobre todo a nivel local. Temos que aprender a valorar os pequenos comercios, ás pequenas marcas, as tendas e aos artesáns. Hai moita inversión, esforzo e ilusión detrás destes proxectos. Temos que apoiar á xente que fai as cousas con amor e dedicación, e deixarnos de pedir as cousas gratis.

Despois destes tres anos e pico de rodaxe… con que te quedas do proxecto?

Diría a xente que coñezo a través del. Contesto a todo o mundo que me escribe por redes, ata o punto de falar con algunha xente como se fosen os meus colegas de toda a vida. Pregúntache polas inspiracións, agradécenche os envíos e incluso acaban falando da súa vida. Acabas tendo unha relación moi estreita. Por sorte, o algoritmo debe funcionar ben porque teño poucos haters (risas). Aínda que de vez en cando sempre aparece algún co conto de “¿Y por qué no hablas de los 100 millones de muertos del comunismo?”. Pero por sorte, poucos hai.

Cal foi o sitio máis afastado ao que chegaron as prendas? Vimos algunha foto delas por Cabo Canaveral.

(Xulio escacha coa risa) Aí hai trampa. Non era Cabo Canaveral, era o observatorio das Palmas. Un día apareceu por alí George Clooney e o marido da miña prima, que é astrofísico, posou a carón del cunha camisola de DOG.

Penso que o sitio máis afastado foi Nova York. De feito quedei a dúas velas. Unha rapaza pedírame unha camiseta e pagou máis polos gastos de envío que pola mercadoría, así que lle mandei outra de agasallo. Se alguén de Korea do Norte quere unhas, os gastos de envío son de balde para Korea La Buena.

Tamén formaches parte do equipo detrás de Semente de Berrar, o documental sobre a historia do punk galego. Como foi a experiencia?

Foi moi natural. Pero ao final o choio importante do documental o fixeron Iago Santás e Bruno Trasancos, eu simplemente botei unha man cos deseños. Iago Santás adicouse á produción do documental, que foi verdadeiro choio de verdade e Bruno levou a campaña de micromecenado, que foi fundamental. Ao final recadamos máis de 20.000 euros. Eu fixen o deseño e o libreto do EP, cartaces e deseño dos agasallos para as mecenas.

Tivemos que ir un pouco ás presas (risas), a idea era sacalo xusto no 40 aniversario do nacemento do punk en Galiza. Fixemos unha xira de presentación por Betanzos, Allariz e outra vilas. Na presentación de Betanzos quedei sorprendido. Somos unha vila pequena e non sempre hai unha oferta cultural alternativa potente pero a xente respondeu petando o cine.

No do cartaz e nunha das camisolas metiches un escornabois. Cal é a historia detrás dese deseño?

Intentamos non caer no cliché e facer algo orixinal. De feito é un deseño bastante diferente ao que fago normalmente en DOG. No caso do escornabois, xogamos co concepto do día e a noite e metemos na parte de abaixo un verso de Lois Pereiro [“Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria”].

Etiqueta-marcapáxinas no medio das inspiracións. Nada se tira

Cales son os seguintes pasos para Death or Glory Collective? Antes de entrar na cafetería, comentabas que estabas a traballar nun fanzine.

A longo prazo é conseguir ser unha marca ética de referencia dentro do underground (por soñar que non quede). A curto prazo, estamos agora preparando o zine (a maiores da nova colección de verán). A idea é dalo de balde cos pedidos, así que será unha cousa pequeniña. Con toda esta explosión dos podcasts, faime chiste ir a contra corrente e facer un fanzine coma os de antes. O meu irmán maior, que foi o que me meteu nisto do punk e a música, tiña fanzines a barrer, esas son as miñas referencias e a idea é partir dese formato. Vai haber entrevistas a grupos, colaboracións, artigos… É unha oportunidade de dar a coñecer a colectivos, grupos e iniciativas que pagan a pena. Espero poder sacar o primeiro ao longo deste verán. Primeiro hai que ver como funciona, pero a idea sería renovalo cada tres ou catro meses.

A idea é publicar só en papel ou tamén levalo á web?

Pois non o sei ben, aínda non o teño claro pero faime gracia que sexa algo efímero e só exista no formato físico. Se o tes ben, e se non o tes, pois non pasa nada.

Aproveitamos os últimos golpes de enerxía da cafeína para someter a Xulio a un terceiro grado, cunha versión rápida do cuestionario Proust rápido.

Un disco?

É difícil recomendar só un disco ou unha canción. Os meus grupos favoritos varían cada 5 meses. Consumo música compulsivamente e sempre trato de coñecer grupos e estilos novos. A última enganchada forte que tiven foi co Bremen no existe de Biznaga. É unha puta burrada, son boísimos. Aínda que se tivese que quedarme cun só disco, de primeiro obviamente diríache o London Calling dos Clash, que foi co que para min comezou todo. E de segundo, La fina línea roja, de Brigada Criminal.

Un tatuador?

Pérez, sen dúbida. Ademais de ter a metade do brazo feito por el, é unha inspiración de como facer as cousas con paixón, antepoñendo o amor polo que fas ao negocio. Ademáis de que é unha persoa estupenda, sempre cun sorriso na cara. Se pode botarche unha man con algo, vaino facer.

Un libro?

Un que me marcou na adolescencia e foi moi importante para min foi o Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro. Pero quedarme só con un coido que é imposible, varía moito dependendo do momento vital. Ultimamente, por exemplo, estou un pouco clásico e entre os últimos autores que leín están dende Rousseau, Tolstoi, Camuss, Rimbaud ata Kant ou Nietzsche… de feito o claim de DOG de “Non somos unha marca, somos dinamita” está fusilado sen piedade dunha frase que aparece no Ecce Homo do amigo Friedrich. Son épocas.

Por último, un proxecto ou artista galego a reivindicar?

[Xulio termina o segundo café, levanta a vista da taza e sorrí de orella a orella] Que volva Soak, joder. Do mellor que diu Galiza.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí