O Novo Normal: dos lentes da pandemia á Berlinale

Falamos con Javier Quiroga, o creador de O Novo Normal, un proxecto de fotoxornalismo directo nacido na pandemia que non para de crecer.

Na época das redes sociais é doado esquecer o paciente traballo dos fotógrafos para capturar historias. Un imaxina a Manuel Ferrol dando voltas polos peiraos do Porto da Coruña, disparando fotos ata capturar a Xan y Xurxo Calo chorando nunha icónica estampa capaz de sintetizar a dor universal da emigración. Aquela foto tiña que ser alí, naquel lugar e naquel preciso instante.

Dous días despois do desconfinamento o noso protagonista, Javier Quiroga, agarrou unha cámara e baixou ás rúas da Coruña para retratar tamén un momento histórico. O resultado foi O Novo Normal, un proxecto de fotoxornalismo nas redes sociais que sigue medrando no medio dixital Vinte. A casualidade (ou o destino) quixo que Javier tamén sexa o home detrás da barra dunha das nosas cafeterías de confianza.

O que comezou como unhas charlas de barra sobre as dúbidas creativas rematou converténdose nunha invitación para tomar un café e facer esta entrevista. Unha charla na que percorremos o camiño que levou un proxecto nado no barrio coruñés de Monte Alto ata a Berlinale.

O Novo Normal: dos lentes da pandemia á Berlinale

O Novo Normal naceu co fin de confinamento. Como che xurdiu a idea?

Dun xeito totalmente natural, foi moi orgánico. Dende vai seis anos teño un proxecto co mesmo formato, con historias sobre peregrinos do Camiño de Santiago. Non me interesa partcularmente o Camiño, pero si as historias da xente que vén de todas as partes do mundo.

Un par de días antes da desescalada pensei “este é un momento histórico que ten que ser capturado”. Tiña dúas forzas. Por un lado, a preguiza de levar a cámara enriba. Pero logo tamén había unha forza que me empurraba a facelo, porque senón ía arrepentirme. Xa durante o confinamento pensara en facer algo parecido cos traballadores que non pararon, nas farmacias ou nas fábricas. Cheguei a compartir coa miña familia que pensaba pedir un pase de prensa. Pero claro, non son xornalista. Tanteeino, pero ao final desbotei a idea.

O primeiro día despois da desescalada invitei a casa a cear unhas pizzas a un moi bo amigo que o pasara bastante mal durante o confinamento. Aínda non se podía, agora pode contarse (risas). Ao día seguinte baixei xa coa cámara, sen moitas expectativas. Coido que só podíamos movernos nuns 2 km á redonda, así que me desplacei por Monte Alto, o meu barrio. Ese primeiro día, como moita xente, o primeiro que fixen foi baixar á praia. Foi un momento moi bonito e que teño gravado. Os primeiros días volvía con dez ou quince testemuñas curtas. Simplemente preguntáballe á xente: “Como te atopas? Como levaches isto?”. Todo o mundo quería falar.

Nas redes sociais parecíamos felices e proxectamos unha imaxe de falsa seguridade, cando en realidade todos estabamos mortos de medo. O Novo Normal axudou a visibilizar a outra realidade da pandemia, combinando foto con xornalismo. Tiñas claro dende o principio que querías apostar polos retratos para contar as historias?

Si, aí non tiven dúbidas. Os algoritmos das redes sociais favorecen as publicacións con fotos de personas, funcionan mellor que as obxectos como buzóns (risas). Ademais, é un proxecto local, no que podes recoñecer á unha veciña ou á persoa que colle o bus contigo todos os días. Nas redes facemos scroll a toda ostia e é difícil reter a atención. Que a xente pare e, sobre todo, invirta o tempo en ler o texto é complicado. Ao principio da pandemia todos vivimos na nosa burbulla, nun pequeno círculo. A gran dúbida que trataba de responder era como estaba realmente o resto da xente.

Polo Novo Normal pasaron historias de esperanza, pero tamén historias difíciles, como o sufrimento dos hostaleiros durante as desescaladas. Como es capaz de tocarlle á xente ese fío para que se expoñan? E sobre todo, como atopas esas historias?

Ao principio era un proceso aleatorio, pero axudoume moito empezar con caras coñecidas, xente do barrio ou da hostalaría. Segundo o proxecto medrou comezou a escribirme directamente a xente, ou coñecidos comentado que teñen un amigo que tiña unha historia. Nalgunha ocasión tamén o busquei eu directamente. O que me gusta deste proxecto é que segue sendo orgánico e nada premeditado, o que me axuda a manter o interese. Ao final, isto é un proxecto que teño que integrar na “miña vida” e no meu día a día.

“Nos posts non hai ninguén máis explicándoche o contexto nin o que quixo dicir a persoa, senón o propio protagonista falando. Iso é o potente do formato.”

Como mudou o Novo Normal nestes case tres anos?

O proxecto móvese entre dous polos, entre o xornalismo e algo máis artístico, de autoexpresión. Ao principio todos eran posts de retratos, mentres que agora vaise movendo cara un proxecto de expresión das cousas que me poden interesar, menos pegado á actualidade e ao día a día. Gustaríame que seguise sendo unha canle para contar pequenas historias de veciñas da cidade, realmente con poucas pretensións.

Tes algunha influencia en canto ao formato? Estou a pensar na conta de Humans of NewYork.

O formato de foto testemuña existe dende vai moito tempo. Aplicado ás redes sociais o referente é, obviamente, Humans of New York. O seu autor, Brandon Stanton, comezou fai 10 anos a baixar coa cámara a rúa e propúxose entrevistar, ponte, a 1.500 veciñas de Nova York. A través do proxecto decatouse de que o máis importante non eran as fotos senón as pequenas historias detrás delas. As redes sociais foron nefastas para a fotografía. No mundo pre-redes sociais a foto tiña outro peso. Agora estamos inundados pola banalidade e non é doado facerlle xustiza en redes. Coido que este formato axuda a devolverlle o protaganismo ás historias.

Como convive un coa ditadura dos algoritmos?

Unha das cousas que máis me preocupa é perder o tempo facendo contido que sexa recheo. Intento evitar que a dinámica dos algoritmos me leve a un ritmo de publicación constante. Facebook ou Instagram dánche cobadazos todo o rato, susurrándote: “se subes este tipo de contido ou a algo a esta hora pasa isto”. Ao final convérteste nunha máquina de botarlle contido. Ao mesmo tempo, hoxe non podes prescindir das redes sociais. Podes abrir un blog ou unha web, pero probablmente non o vai ver ninguén.

As protagonistas do Novo Normal son persoas anóminas con grandes historias. Cales foron as testemuñas que máis che marcaron ata agora ou que che inspiran a seguir co proxecto?

Intento non fixarme moito no éxito das fotos. A maior parte das veces é algo impredecible. Por exemplo, onte subín unha foto que está arrasando, pero intento non darlle moita importancia. O mesmo pasa coas historias, intento non repetirme. Por exemplo, a historia de Mari, que recibiu un trato nefasto por parte do seu banco, tivo moita trascendencia. O tema do cabreo e a raiba funcionan moi ben nas redes. No outro lado está Ana, unha profesora de FP que comezou a traballar nun instituto conflictivo con moito medo, e que ao final quedou namorada dos seus alumnos. Foi o post que máis arrasou, e é unha historia de esperanza. Non hai un patrón fixo.

O que diciamos antes. Se lle preguntas á xente como está ou que conten algo, normalmente ábrense moito. Probablemente esa está sendo a gran sorpresa do proxecto. É un topicazo, pero é verdade, os seres humanos somos historias, e con elas construimos todo: as redes afectivas, faimiliares, nacionais e sociais. E as historias teñen un poder incríble.

Unha das cousas que máis gustan do formato é que sexan os propios protagonistas os que contan as historias e as verdades incómodas, sen filtro ou interpretación. Aquilo de que non nolo conten outros.

O formato da persoa falando funciona moi ben porque non hai un punto de vista obvio. No Novo Normal publiquei todas as entrevistas que fixen menos unha, dunha persoa que me pedira unha foto e vin que non acababa de funcionar no formato. Non obstante, hai xente que busca unha “axenda” no proxecto. Estamos acostumados ao grandes medios de comunicación. Nos posts non hai ninguén máis explicándoche o contexto nin o que quixo dicir a persoa, senón o propio protagonista falando. Iso é o potente do formato.

Quizais ese sexa outro dos defectos das redes sociais. Estamos afeitos a que todo sexa branco ou negro. Todo está polarizado.

Totalmente. Intento xestionalo dun xeito “autoconsciente”, reflexando puntos de vista moi dispares. Precisamente para quitarlle esa idea de que hai unha axenda detrás. Igual un testemuño é unha persona ultrarelixiosa de Vox e o seguinte é o dunha persoa trans. Aí hai outro debate moi interesante, se debemos amplificar ou limitar determinadas ideas, pero de momento quero seguir con este enfoque.

Nun proxecto con tanta visibilidade nas redes tamén terás que enfrontarte a moitas críticas.

Unha das vantaxes de non ser unha páxina persoal é que as críticas non as sinto dun xeito visceral, coma se fosen contra min. Obviamente tes unha responsabilidade coa persoa que expós en cada publicación. Dunha conversa dunha hora acabas escollendo dous ou tres parágrafos e deixas fóra moitas outras cousas. Igual no fragmento que escolles hai unha frase maís polémica ou un pensamento menos típico, e sempre hai xente que o leva ao extremo. Para descargarme un pouco da responsabilidade, mándolle os textos ás persoas para que os revisen. Pero nas redes sociais sempre vas recibir críticas, e non hai que tomalas moi en serio. Normalmente non sabes cal é o motivo real da crítica, hai moitas máis cousas detrás que unha simple mensaxe.

Por exemplo, nun post saiu a alcaldesa da Coruña, Inés Rey e recibiu moitísimos paus, tanto en Instagram como en Facebook. Pareceume moi interesante saber como viviu todo isto, tocoulle lidiar coa pandemia no concello xusto ao pouco de chegar ao poder e sen apenas experiencia. Cando a contactei pedínlle unha visión persoal, non institucional. E penso que que respondeu nesa liña, cunha testemuña moi razoable. As críticas foron polo que contaba? Porque era unha política? Ou porque non estaban de acordo coas súas ideas?

Houbo comentarios moi graciosos, pero tamén outra xente que dixo “Non esperaba isto do Novo Normal” ou “Pensei que me equivocara de páxina, tiven que volver a lelo. O Novo Normal blanqueando á alcaldesa”. Formaba parte dunha serie de testemuños do fin de pandemia, no que tamén había un médico ou a controladora das augas de Bens… non podía faltar a alcaldesa. Que a saques non quere dicir que a apoies políticamente.

Noutro post saquei a unha muller que estaba no Obelisco encima dun caixón vermello. Formaba parte dun grupo de evanxelistas que se poñen prazas públicas cun discurso moi agresivo: “Eu antes era como ti. Arrepíntete pecador!”. No contexto da pandemia, pareceume unha imaxe moi interesante, case apocalíptica, así que lle pedín unha foto. O primeiro que fixo foi coller un cartel que poñía “Condenados ao inferno: amanerados, pecadores, etc.”. Ao final empreguei outra foto, na que estaba enriba do caixón, co cartel tirado no chan totalmente desenfocado. Pensei que non se ía ver nada, pero a xente fixo zoom e criticouna moito.

E claro, houbo críticas feroces e aí sí que reflexionei moito. A páxina ten unha dobre vertente. Por un lado, ten ou tiña unha parte descriptiva do que estaba a acontecer na pandemia. Por outro lado, tamén tiña o foco en aspectos positivos, como o apoio ao comercio local. Decateime de que estaba a mandar mensaxes contradictorias. Podo apoiar ao comercio local e tamén a esta homófoba? Ten interese a imaxe da muller berrando “Arrepentíos!” no medio dunha pandemia? Para min si. Estase amplificando a mensaxe? Tamén. Non hai unha resposta clara. Normalmente non interactúo cos comentarios das redes, pero neste caso si o fixen. Contesteille a unha rapaza, dicíndolle que a entendía perfectamente e intentando explicarlle que eu tamén tiven dúbidas á hora de publicalo. Creo que non o entendeu polo enfado.

Estas críticas fixeronche dubidar nalgún momento do proxecto?

Cero. Tiña claro que no caso da alcaldesa era un testemuño moi interesante. Polo propio formato da páxina, unha persoa falando, o que di unha persoa non está fiscalizado de ningún xeito. Houbo xente que dixo “Iso é mentira”. Pero é o que dixo ela, non hai mediación nin un xornalista que o explique. É o bo e o malo do formato. Non vou cambialo para facer fact checking.

“O tema do cabreo e a raiba funcionan moi ben nas redes. No outro lado está Ana, unha profesora de FP que comezou a traballar nun instituto conflictivo con moito medo, e que ao final quedou namorada dos seus alumnos. Foi o post que máis arrasou, e é unha historia de esperanza. Non hai un patrón fixo.”

Supoño que esa parte do formato tamén axuda a blindarse fronte ás críticas.

Si, non expoñerse libera moito. Tamén axuda que é un proxecto que fago porque me gusta. Se vivise disto quizáis tería outra presión. O interesante son as voces da rúa. Intento saír das figurass públicas. Se saiu James Rhodes é porque o atopei paseando nun día de concerto, e iso é o guai. Non escribín á súa oficina de management para falar con el.

Tocouche enfrontarte tamén a un momento duro e mediático, como foi o asasinato de Samuel.

Foi unha auténtica ostia. Non formo parte do colectivo LGTBI+, pero no momento no que mo dixeron puxenme a chorar. Quedei en shock, non o esperaba. Un feito tan violento, que maten a unha persoa a golpes, sendo parte da motivación que sexa gai… Tiven moitísimas dúbidas. Ao final decidín deixar a páxina en negro durante unha semana e non tratar o tema. Aproveitar o estado de ánimo da xente para facer un contido que, si, ía ter interaccións, sería banalizar algo tan importante.

Máis tarde fixen un artigo para Vinte, titulado A mocidade queer no primeiro ano sen Samuel, no que entrevistei a varias persoas da comunidade queer da cidade. Foi unha experencia dura pero bonita. Sorprendeume que todos dixesen o mesmo. Aínda reciben insultos con frecuencias, malas miradas ou hai locais polos que non se atreven a pasar… Coido que o asasinato de Samuel abriunos os ollos de novo. Pese a que tivemos avances nos últimos anos en como se trata ás persoas non-CIS, non foron tantos como pensamos e aínda seguen a enfrontarse a prexuizos.

Tiña curiosidade por saber como traballas a fotografía e que fotógrafos che inspiran?

Intento que as fotos sexan espontáneas, sobre todo por necesidade. Cando paras a alguén pola rúa tes que facer algo rápido, non o podes interrumpir vinte minutos para colocar a luz ou decidir o fondo. Durante moitos anos tiven bloqueo coa foto, tiña unha frustación moi grande. Como lle pasa a moita xente, cando chegaba a casa decepcionábame cando vía as fotos, non estaban á altura do que me imaxinaba ou dos fotógrafos que me gustan. Neste proxecto tiña claro que quería que as fotos non fosen pretenciosas. Só necesito que sexan naturais, estean máis ou menos enfocadas e que se vexa á persoa. Nada máis. Sempre emprego a mesma cámara e a mesmo lente, e sempre as fago con luz natural. Todo moi sinxelo.

O proxecto motívame a levar a cámara sempre, cando antes a deixaba na casa. Nunca sabes onde pode xurdir unha boa foto. Onte subín una foto dunha parella de ancians lendo o xornal no bar Marfil. É unha estampa moi bonita que atopei enfronte da casa dun amigo. É o que máis me gusta da fotografía, tes que estar presente no momento e intentar fixarte en todo o que te rodea.

O Novo Normal: dos lentes da pandemia á Berlinale

Non considero que o que fago sexa foto artística. Por unha parte, as fotos para os testemuños son un retrato da persoa mirando a cámara, cun estilo moi concreto e que non teñen ningunha pretensión artística. Despois hai outras máis próximas ao que é a fotografía de rúa. Curiosamente non é o tipo de foto artística que máis me guste, pero é o que demanda o proxecto, non me pide facer foto abstracta (risas). Obviamente teño referentes. Gústanme moito Joel Meyerowitz, Nan Golding e Ryan McGinley. Pero non ten moito quer ver co que fago nin estou á altura deles (risas). Para min a foto, máis que o producto en si é a excusa para estar máis presente. Abrete moitas portas e axúdate a coñecer moita xente. Quédome con iso.

O primeiros retratos as máscaras aínda eran obrigatorias. Tivo que ser unha restrición importante á hora de facer os retratos.

Non había alternativa. Algúns preguntaban se prefería que quitasen a máscara. Non o vin como un hándicap, senón como algo interesante. Ver só os ollos era parte do momento. Se nun futuro se revisita este proxecto será interesante ver a todo o mundo coas máscaras. Esperamos que non volvan nunca máis.

O Novo Normal tivo tamén presenza no festival de fotografía FFoco, organizado na Fundación Luis Seoane na Coruña.

Foi moi guai. Asistira como público pero nunca pensei que chegaría a expoñer fotos nese formato. Puxéronse en contacto comigo e dixéronme que lles gustara o proxecto. O Novo Normal levaba cinco ou seis meses en marcha e xa tiña un corpo de traballo detrás importante, así que decidir que fotos mostrar non foi doado. A miña irmá axudoume coa selección e os textos. Ter unha persoa externa que che apoie para facer algo coherente, contando unha pequena historia, axuda moito. Foi moi bonito e toda unha sorpresa, e a nivel individual unha boa validación.

“O proxecto motívame a levar a cámara sempre, cando antes a deixaba na casa. Nunca sabes onde pode xurdir unha boa foto .

O pasado verán ampliaches as fronteiras, publicando unha serie sobre a cidade de Porto.

O de Porto foi tamén moi espontáneo. Intento que isto me permita seguir crecendo persoalmente. Gustaríame viaxar máis pero sempre atopo unha excusa para non facelo (risas). Así que me marquei como compromiso intentar facer todos os anos despois do verán unha serie, o Novo Normal alén da Ponte Pasaxe, retratando historias fóra da Coruña.

Cheguei a Porto coa idea de facer tres ou catro testemuñas e ao final empezou todo a fluír dun xeito que nunca me pasara na miña vida… Puxenme a falar coa xente e a sacar fotos por todas as esquinas. Ao final adiqueille moito máis tempo do que pensaba, e non foron unhas vacacións como tal. De feito, fun cunha amiga que case me manda a paseo: “Para de facer fotos, por favor” (risas). Empecei a subilas xa dende alí. Foi a primeira vez na miña vida, despois de 44 anos, que tiven a sensación de vocación, de que isto me sace de xeito natural. É unha sensación curiosa e á vez moi bonita.

Cales son os plans de futuro? A recopilación das historias da pandemia préstase ben para o formato fotolibro.

Exploramos esa opción cunha editorial e co Concello, pero non saíron adiante e é algo que teño aparcado. Creo que vai ser algo interesante cando teñamos un pouco de perspectiva real de todo o que pasou. Pero é algo que ten fluír de xeito natural se o pide o proxecto (risas).

Dende vai uns meses comecei a colaborar con Vinte, un medio cun equipo fantástico. O formato é a foto-reportaxe, recopilando testemuñas sobre un mesmo tema, nun formato que ten moitas máis posibilidades que as testemuñas invidividuais. Non sei ben como evolucionará, pero van saír cousas moi interesantes.

A nivel individual o máis é importante é manter o interese, teño un problema de falta de constancia (risas). A miña tendencia é a pensar que xa cumprín e liberar tensión, así que mantelo vivo é todo un reto. É un proxecto que me aporta e se o podo empregar para viaxar máis ou cambiar cousas da miña personalidade, pois iso que me levo.

Tiña tamén curiosidade por ese lado máis persoal. Supoño que interactuar con tanta xente tamén ten que ser enriquecedor.

O Novo Normal axudoume a coñecer moita xente e a facer novos amigos, que é o que máis valoro. E tamén dame moitas oportunidades creativas. Compartir unha foto que fixeches mentres estabas de paseo e que a xente a vea e lle guste, é a ostia. Hoxe en día ter unha canle así é todo un privilexio, estamos tan inundados polas imaxes que é moi complicado reter a atención.

O proxecto tamén me está a dar novas oportunidades a nivel profesional. Fixen foto para un par de vodas, pero deixeino e actualmente traballo na hostalaría. Quería preservar a vocación por outro tipo de fotografía, aquilo non me gustaba. Nunca pensei que puidese pensar que isto fose unha profesión para min e agora vexo que si que teño oportunidades. Tamén teño certo privilexio. Teño xa o meu “traballo” e podo elixir ben os proxectos que fago, aqueles nos que creo vai quedar pouso. Por exemplo, non traballo fotografía de produto.

Para pechar, que proxecto galego recomendarías aos lectores de AQCP?

Vinte, sen dúbida. É un medio que creou María Yañez vai catro anos, no que está a dar voz ás creadoras galegas contemporáneas. María é unha forza da natureza dentro da creación galega, ten unha visión moi clara e que tira por construír narrativa de país, contradicindo as narrativas máis oficias da Xunta, máis ancladas no pasado ou no ruralismo. É un labor moi potente e necesario.

O Novo Normal: dos lentes da pandemia á Berlinale

Unhas semanas despois desta conversa, Javier colleu un avión cara Berlín, para acompañar ás películas galegas Sica e Matria na Berlinale. Podedes apoiar a Javier e ao Novo Normal seguindo o seu Instagram e Facebook, e as súas reportaxes en Vinte. As fotos que acompañan á entrevista foron cedidas amablemente polo autor.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí