O que nos roubou o Twitch

Se a creatividade é a moeda, o Twitch non está demasiado interesado en comprarcha. Ah, pero iso non siginifica que non queira algo de ti.

Si amigas, pasou o verán e comeza unha nova tempada de A que cheira, papá? Desta volta imos solucionar a crise demográfica, o asunto da representación gráfica da gheada, o cambio climático e non desbotamos atopar o santo grial que a estas alturas debe andar por Ourense. Con todo, antes de embarcarnos nestes nobres propósitos, como adro dunha nova tempada pensamos que era boa idea pensar un pouco no que fixemos na pasada.

No outono de 2020 comezamos a darlle forma a unha idea que na redacción levaba xa tempo cocéndose: pasar o mundo cheirer do escrito tamén cara ao audiovisual. Fixeramos pequenas probas con vídeos asociados a artigos, mesmo houbo algún vídeo-ensaio que nunca chegou a ver a luz do día (aínda). Este pulo inicial levounos a montar o podcast de O Tigre do Futuro, nun formato que ten moito que ver coa revista, onde pode achegarse xente con perfís moi distintos para contar historias, facelas interesantes e promover o debate. No ronsel deste primeiro falangullo apareceu o Carlos Pereiro, que propuxo traer para AQCHP outro podcast, o Baleiro Perfecto, centrado na ciencia ficción e fantasía para profundar en dous xéneros aos que tamén lles fixeramos xa as beiras antes. Xa no inverno, metidas nesta voraxen creativa, o Lou propuxo, ensinounos e promoveu montar unha canle de Twitch na que facermos directos. Por aparecer no mesmo momento, daquela todas estas ideas semellaron un único macroproxecto con distintas faces, mais agora con tempo e certa experiencia nos formatos, creo que podemos afirmar que, wow, non, Twitch é radicalmente distinto ao resto.

O do streaming como concepto é unha movida. Mestura a idea máis sinxela de sentar diante dun micrófono para charlar un anaco, cunha especie de salto ao baleiro porque estás facendo iso nun contexto performático, entretendo a unha audiencia. Como o directo vai durar moito tempo (2 horas é habitual) e polas dinámicas da plataforma espérase que o fagas moi a miúdo, non pode estar moi preparado. O contido non é o máis importante, os valores que adoita ter o streamer sucedido son os da constancia, o carisma e a naturalidade: estar sempre presente e fomentar a relación parasocial co teu público, esa é a moeda. Nun directo os momentos interesantes ou divertidos non se executan da maneira ensaiada, emerxen.

Quizais desde fóra non se percibe tanto, mais para un proxecto como A que cheira, papá? a viraxe é importante. Cando abrimos a revista no 2018 o elemento clave era o contido, tiñamos cousas escritas para as que quixemos montar acubillo, construír unha casa cunha personalidade baseada nas ideas do que queriamos contar e na que outra xente se puidese sentir cómoda. Facer un videoensaio ou montar unha sección para un podcast non é tan distinto de escribir un artigo, cada un ten as súas particularidades, mais ao final son variantes da exposición dunha serie de ideas coas que traballaches un tempo. Ah, pero facer un directo, mesmo os máis preparados como nunha entrevista, non se parece a escribir. A cerna do directo non son as ideas; é o propio directo (a interacción) e ti (a persoa).

O cambio de paradigma está na maneira en que nos relacionamos con internet. A rede xa non é un lugar que visitamos para consumir ou facer cousas, internet é agora o lugar onde vivimos. Xa non é o bar, a biblioteca ou o teatro; é todas esas cousas e tamén o salón da túa casa. Investigamos sobre hobbies e traballo, creamos amizades, momentos importantes das nosas vidas que definen as nosas identidades pasan exclusivamente online.

Non é casualidade que o formato do directo explotase en popularidade nas corentenas da pandemia, se ben xa empoleirado polas tendencias que viñan de algo atrás. Cando o mundo real estaba prohibido acudimos a internet para que nos fixese compañía, cando precisamos algo que enchese horas mortas o stream petou na porta, toc toc, era perfecto. Ningún outro formato ten algo como un “Just Chatting”, literalmente “De parola”, un contido onde o streamer fala co seu público sen outra guía que o chat ou o que se lle veña á cabeza, unha especie de conversa grupal só vagamente dirixida pola persoa na pantalla. Só en Twitch podes entrar cada día para ver a túa creadora de contido favorita quen sabe se tres, catro, cinco horas, ESTAR con ela un anaco xogando, vendo unha serie, laretando. A clave do sintanga* é estar.

Pois un novo formato, que atrae sobre todo a persoas novas. Todo isto está ben, supoño (introducir aquí certas reservas morais e medos existenciais sobre o feito de vivirmos na matrix e o transhumanismo cyborg dos teléfonos que nos distancia ontoloxicamente das xeracións pasadas), mais convén recordar que todo este streaming non acontece no baleiro. Twitch é unha plataforma parte de Amazon, a empresa máis grande do planeta, que amais de tela dentro do seu ecosistema refinouna, sostívoa con perdas e despois potenciouna economicamente ata o punto de ter o monopolio de toda unha nova forma de comunicación. Non comento isto como crítica capitalista (non hoxe alo menos), senón para fialo co que comentaba antes do espírito de AQCHP. Creamos a revista para ter un lugar propio. En internet xa podíamos facer fíos no Twitter, un post no Instagram ou un artigo en Medium, había medios para contar alí as historias. Pero deste xeito ao final sempre estás ao abeiro das plataformas, que quizais te baneen por algunha parvada, censuren o contido ou decidan facer un cambio no algoritmo que te faga invisible. Daquela pensamos que se non colliamos un servidor e un dominio sempre podería haber unha man invisible que borrase todo sen podermos facer nada. Isto acontece tamén co Twitch, asúmelo cando fas cousas alí, mais creo que o feito de ampararse en na plataforma morada para crear ten un outro efecto aínda máis perverso.

Twitch está deseñado de maneira que facer directos sexa moi divertido. Non falo só de interfaces amables e comprensibles, todo o que te relaciona como usuario creador coa plataforma está lixeiramente gamificado. Cando rematas un directo é habitual certa sensación de euforia, de estar canso e ao tempo moi animado, unha sensación que ten certo compoñente aditivo. Non sei, por exemplo nós na revista non temos para nada obsesión coas estatísticas. Si, mirámolas igual unha vez ao mes na procura de tendencias, ou para ver que artigo funcionou mellor, mais como o proxecto non ten ánimo de lucro e non dependemos das visitas, teñen unha importancia menor. En cambio no Twitch atopámonos pensando constantemente en que media de espectadores tivemos en cada momento do directo, canto subiu a barra de followers, cantos subscriptores temos respecto do último mes. Vaia, non é raro que xente do Twtich en galego comparta en Twitter as estatísticas dun directo que lles foi especialmente ben. Non porque precisemos que eses números suban, senón porque é excitante mirar para eles.

E xa sei, isto é unha tendencia que se vía tamén en youtube, certa obsesión coas reproducións. Mais o perturbador do Twitch é que mestura isto coa súa natureza sinxelísima, co feito de que producir é moi fácil e que non hai que preparar demasiado porque o contido é secundario. Como non tes tempo para pensar no contido, e preparar máis os directos resulta inane cando non contraproducente, dedicas a túa enerxía ás métricas. Como se fosen parámetros dun RPG, queres ver subir eses numeriños e sabes, porque todo o mundo sabe isto, que para iso tes que facer directos máis longos, máis días por semana, reter durante máis tempo a unha audiencia cada vez maior. E así ensinarlles anuncios. Twtich como aplicación está deseñada para manter cativo ao colectivo consumidor, mais tamén ao creador, pois precisa dos dous.

Mirando para estes meses, cando penso en que nos roubou o Twitch, sinto que sen nos decatar entramos nesa roda. Pensar e escribir este artigo levoume o equivalente ao que serian 3-4 dos nosos directos, mais puiden reflexionar, revisar e pulir ata que quedou ao meu gusto. No streaming, e non en ningún outro formato, tiven algunha vez medo de dicir algo fóra de lugar, xa non só por min, senón porque podía desfigurar o espírito ou a imaxe do noso proxecto colectivo. Ata certo punto Twtich ten o paradoxo de ser o medio de máis longa duración, pero o que menos fomenta a elaboración de ideas complexas e o debate sobre elas. Mesmo nos directos como o semanario cultural, ou nalgúns de gaming onde charlamos sobre cousas que penso xenuinamente interesantes, a sensación é de que os argumentos sempre son máis provisionais: xorden momentos interesantes, pero polo lugar onde aparecen teñen que ser máis improvisados, máis superficiais. Como con todos os furacáns, podes velo mellor cun pouco de distancia. Neste verán onde tomamos un descanso, viñéronme ideas para artigos, colleitei e preparei historias para os podcast. En cambio, apenas pensei nos directos como un lugar creativo.

Non imos deixar o Twitch. Pensamos seguir nesta tempada alí, pero coido que pagaba a pena parar a reflexionar en que quizais nesta última época consumiunos máis tempo e esforzo do que debería. Que acabamos presas de lóxicas que non deseñamos nós e contra as que en certa medida fundáramos a revista no seu momento, tanto no aspecto mercantil como no creativo. Non pretende ser isto unha emenda á totalidade. A accesibilidade do stream ten moitas vantaxes para sistemas culturais cativos como o galego, e por iso a escena twitcheira galega chega, quizais por primeira vez, na punta da onda do formato, e non un chisco tarde como aconteceu noutros casos. A esencia dialóxica do directo axuda a crear comunidades e a comunicarse con elas de xeitos moito máis horizontais, o que a nós como medio si nos dá azos ao ver que o que facemos ten unha outra cara ao outro lado. Ademais, no conxunto da plataforma fórmase unha especie de debate público online en clave galega, que tanto precisamos como sociedade. Todas estas potencialidades existen. Mais non hai que largar alí todo o que temos, que o Jeff Bezos con capa morada de streaming tamén anda intentando roubarche algo.

*Sintagma. Gralla indultada por fabulosa a decisión do consello de redacción.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí