O retumbar dos adufes

Crónica do concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre no teatro Rosalía de Castro da Coruña

Baixan as luces no Rosalía de Castro da Coruña e aparecen sobre as táboas as Adufeiras de Salitre. Comezan animadas, unhas dan paso ás outras, unísono no refrán, miradas cómplices a través do semicírculo de cantareiras, sorrisos travesos entre elas. Acompañadas pola zanfona e o acordeón, parece que o escenario se transforma. Imaxino unha taberna onde soldados de fortuna beben, xogan, cantan, lembrando historias e agardando polas novas aventuras. No medio dunha peza, xurde das tebras Xabier Díaz e colócase á fronte das Adufeiras. De súpeto, o batallón ten líder ao que seguir e decide cadrarse detrás del. O retumbar dos adufes xa non é máis un xogar, senón o retumbar da marcha ao saír de expedición.

Desfilan as cancións como se fosen capítulos da epopea, case sen descanso, mesturándose as de Noró, o novo disco que veñen a presentar, coas de traballos anteriores. “Temos ganas de tocar, de cadrar os tempos”, afirma Díaz, e os demais temos que seguir o ritmo. Sona o Pasodoble de Beo, o violín rebuldeiro acompaña unha historia de despedidas e soidade. Sen saber moi ben por que, creo sentir unha longa travesía polo deserto cando cantan Unha fala e un cantar. Mudan os tropos e as personaxes. As adufeiras pasan de ser soldados a corifeo que aconsella ao heroe tráxico nalgunhas cancións, ou narradoras xunto á zanfona noutras, como na Muñeira do Cañizo. A gaita agardou paciente a súa quenda e cando renxe en Dúas carballesas, as mulleres danzan e aturuxan como o deberon facer as mouras nos castros secretos.

Detrás dos músicos, vanse reproducindo ás veces unhas pezas audiovisuais que acompañan as cancións. Nun momento determinado faise o silencio e aparece na pantalla o vídeo antigo dun home que comeza a cantar unha canción leonesa. Primeiro el só, a capella, cun audio envellecido e potente. Únenselle despois paseniño os instrumentos, entrelazándose voz gravada e música en directo, ata que Xabier Díaz se lanza a cantar xunto ao leonés. Resoa a copla a través do tempo e do espazo. Eu sinto que estes aventureiros atoparon un viaxeiro de terras distantes que en boa fe lles confía un tesouro. Confeso que para min foi un momento especialmente emocionante. A aldea da miña nai está na montaña leonesa e pasei alí moitos veráns. A música tradicional de León non ten a difusión, os espazos ou a organización que si ten a galega, así que pasaron anos sen que eu soubese nada dela, a pesares de que as pistas estaban aí. Un día o grupo Tornadera tocou alá e descubriume parte da miña herdanza. Este disco de Noró, dalgunhas músicas do norte, é tan xeneroso como para incluír na súa empresa os cantares de Zamora, León ou Sanabria, os ecos desas voces tantas veces agochadas, tantas veces esquecidas.

Chega a última parte do concerto e o público está xa rendido. As pezas alónganse máis do que no disco para que a xente poida cantaruxar as melodías. O que comezara como un murmurio convértese en zoar que por momentos o propio Xabier deixa só para que sosteña a canción. Hai un ambiente eléctrico, se os adufes eran o retumbar dun escuadrón, agora é o estrondo de todo un exército de palmas o que persigue a Xabier. Un aplauso arranca coa reivindicación da liberdade de expresión e contra a censura ao rematar No pido licencia a nadie. Un riso sincero cando Xabier comenta que Son Goku insultou a un inimigo ao berro de “es un monte de ferreñas!” Non faltan algunhas das cancións máis emblemáticas, a Cantiga da montaña, ou o Baile de Noró, no que catro bailadoras saen de entre o público e no corredor do teatro lánzanse a “debuxar voltas na punta do pé”.

Ten a música de Xabier Díaz un algo de cantar de xesta, arelas dunha épica que non esquece a súa orixe popular. É evidente que bebe do cancioneiro e da música tradicional, pero non hai ningún medo en transformala en algo propio, evocar imaxes imprevistas, redireccionala ou situala en coordenadas novas. Penso que é con ese atrevemento audaz co que conecta o espectador. Eu deixei que o concerto fose para min unha viaxe de aventura e descubrimento. Pero ao meu carón, xunto aos seu pais, unha cativa de non máis de cinco anos (o concerto ás 7.30 permitía que houbese moitos meniños), escoitou igual de interesada as mesmas músicas, que seguro tamén a transportaron, aínda que fose a outros lugares e outras historias.

Saíulle do peito a Xabier ao rematar unha das últimas cancións a exclamación “Dan ganas de invadir algo!” Armado vas coas túas músicas do norte. A ver se é certo, ho. A ver.

Xabier Díaz no Rosalía de Castro
© Carlos Purriños
Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí