Internet é esa caixa de Pandora de onde saen proxectos que parecerían imposibles noutro tempo. Orgullo Galego é hoxe en día a páxina en galego con máis seguidores no Facebook. 183.000 persoas que seguen o seu contido a diario, con máis impacto que a maioría dos medios tradicionais. Todo levado por dúas persoas nada máis, sen outro apoio detrás que o seu traballo e bo ollo para as redes. Unha historia de éxito improbable baseado na constancia e as ideas claras. Así deron o salto tamén ao Instagram, onde rondan xa os 30.000 seguidores.
Quixemos falar con elas, para saber máis do proxecto: historia, funcionamento e proxectos de futuro. Mantéñense no anonimato, mais tiveron a amabilidade de nos contestar a unhas cantas preguntas por mail.
Como comezou Orgullo Galego? Naceu a páxina coa intención de ser tan masiva, con proxección, ou acabou crecendo máis do que planeabades nun principio?
Dous rapaces de Pontevedra e A Coruña decidimos impulsar unha páxina co obxectivo inicial de chegar aos 10.000 seguidores para difundir contidos diversos que tiveran como eixo fundamental a promoción e defensa da lingua e cultura do país, orientado a todo tipo público pero especialmente á mocidade. Pero o crecemento foi exponencial. No primeiro mes xa cumpriramos o obxectivo. E rematamos o primeiro ano con 80.000 seguidores e 3 anos despois estamos perto dos 200.000 en facebook e 30.000 en instagram.
Sei que preferides mantervos no anonimato, mais é por algunha razón en concreto? Pensades que o feito de ser vós anónimas é mellor para a páxina?
A verdade que non temos unha razón concreta para manternos no anonimato, simplemente non queriamos unha exposición pública xa que non o considerabamos necesario pero non descartamos nun futuro poder sair á luz visto que o proxecto xera interese en diferentes sectores da sociedade, por exemplo para entrevistas.
Mantendo ese anonimato, podedes contar algo sobre a vosa formación? Sodes profesionais da comunicación, xornalistas? Tiñades experiencia antes manexando redes sociais?
Un dos responsables da páxina ten formación en informática, especialmente en deseño web, ao que se adica profesionalmente. O outro ten formación no sector do traballo social pero o trato que tiñamos coas redes sociais viña unicamente mediante o noso perfil privado. Durante un tempo estivemos estudando o funcionamento das mesmas, xeitos de poder chegar a moita xente e que publicacións poden chamar a atención, pero como ves, ningún estivo adicado á publicidade e/ou redes sociais.
En que momento pensades que chegou a explosión da páxina, cando o proxecto despegou ata as cifras tan grandes que move agora? Foi algo concreto ou depende en realidade máis da constancia? En xeral, cales credes que son as claves do voso éxito?
Os dous primeiros anos foron os de maior explosión da páxina de facebook, xa que a meta de 100.000 seguidores que nos marcaramos a moi longo prazo foi superada en apenas 12 meses mais o certo é que a páxina tivo un crecemento constante ate perto dos 150.000 seguidores, cifra na que comezamos a notar un certo estancamento. En canto ao instagram comezamos posteriormente (este nadal fará un ano) polo que na actualidade estamos na etapa de expansión, superada xa a franxa dos 29.000 seguidores. En canto ao éxito pensamos que combinamos diversos factores que foron os que atraeron a milleiros de persoas de todo o mundo a seguir a páxina pero sinceiramente non contábamos cunhas cifras tan grandes. Nós pensamos nunha páxina que puidera poñer en valor a nosa terra co obxectivo de combatir ese autoodio existente na sociedade galega, combinando a normalización da nosa lingua en internet coa promoción da historia do noso país o seu patrimonio etc. Ademáis todo isto combinámolo co humor e a retranca.
Como vos organizades para funcionar? Canto tempo diario ou semanal dedicades a Orgullo Galego? Tendo en conta isto, nunca pensastes en monetizar o proxecto dalgún xeito?
O noso funcionamento é moi doado. Falamos sobre cuestións que serían interesantes publicar, repartimos o espazo e publicamos. O tempo que lle adicamos é variable pero pode estar en torno ás 3 horas diarias inda que vai variando dependendo do noso traballo.
Como priorizades contidos? A páxina ten un amplo espectro de temas, mais é habitual para vós desbotar algunhas ideas, reforzar un tema, ou quizais cubrir un asunto que non estaba de inicio no voso radar?
Priorizamos os temas que teñen a ver co país, en primeiro lugar, desde varias ópticas. O primeiro é poñer en valor a nosa lingua, cultura, música, gastronomía e tradicións. Digamos que isto é algo que atrae moito público e no que fixemos moito fincapé nun inicio e que agora ocupa un lugar na páxina ao mesmo nivel que o resto. O segundo é a defensa do noso país. Difundimos e creamos contidos relacionados co respecto e conservación do medio natural e damos cobertura aos acontecementos que teñen relación con todos estes temas (incendios, minaría, etc). Poñemos o foco tamén na nosa relación coas institucións do estado e a nosa histórica marxinación, a necesidade de ter políticas autocentradas, etc. O terceiro é o humor, que non todo vai ser malo e as veces hai que rir un anaco.
Que tipo de contido funciona mellor? Na páxina empregades formatos variados, desde ligazóns a noticias de interese, fotos propias ou históricas, vídeos, e mesmo directos dos lugares que visitades nas findes de semana. Experimentades buscando que funciona mellor?
Orgullo Galego é un proxecto en construcción por parte de dúas persoas afeccionadas que adican o seu tempo libre a isto. Temos comprobado que os contidos que mellor funcionan están relacionados coa promoción de recunchos da nosa terra pero non queremos centrarnos só niso nin contribuír a masificalos.
Cal é a vosa relación coa comunidade? Dicides a miúdo que estades abertos sempre a recibir suxestións. Ata que punto pensades que a páxina é tamén construída polos lectores?
Orgullo Galego aliméntase de tres fontes: envíos por privado, os medios de comunicación convencionais, e os contidos que alguén comparte directamente a través de Facebook e que podemos replicar. Polos fíos privados, ademais de información de Touro e doutras loitas, recibimos proxectos persoais para que difundamos e aí temos unha especial sensibilidade. E o fío privado tamén é unha canle para as achegas en resposta a cousas que publicamos. Lanzamos un vídeo sobre o estado da N550 Lugo-Ourense e empezamos a recibir ducias de fotografías. Sempre citamos a procedencia, se a sabemos. O certo é que non sempre podemos atender a todo o mundo xa que recibimos ducias de privados cada día e é imposible compaxinalo co noso traballo. Pese a iso sempre tentamos respostar todos.
Seguindo esta idea; pensades que sodes máis construtores de discurso, ou que atendedes a pulsións que existen xa na comunidade?
Nós combinamos ambas cousas. Orgullo Galego quere rachar con ese autoodio latente na sociedade galega e poñer en valor o país, crear orgullo de termos unha lingua propia e unha cultura milenaria porque a realidade é que poucos países do mundo contan cunha riqueza cultural como a nosa. Ademáis pensamos que temos a capacidade de darlle á xente a oportunidade de expresarse, algo que non é posible nos grandes medios de masas.
Unha das cousas que máis me sorprende da páxina é que, a pesar do seu carácter abertamente reivindicativo e ideolóxico, a resposta do público case sempre é positiva e construtiva. Nunha audiencia tan ampla e variada, mesmo cando hai debate nos comentarios normalmente non é agre. Foi sempre así ou ao comezo do proxecto atopastes resistencias? Exercedes moita moderación nos comentarios?
Orgullo Galego non é unha páxina política nin representa a ningunha organización política. A páxina está aberta a todas as persoas que amen o noso país e queiran coñecer máis sobre a nosa lingua, cultura e tradicións. Por suposto a nosa clara defensa de Galiza tivo oposición de persoas que rexeitaban o uso do galego nas redes sociais, defendía a entrega dos montes ás grandes multinacionais e criticaban abertamente a nosa defensa da memoria histórica, isto é dar a coñecer a todas as galegas e galegos que foron asasinados pola dictadura franquista. De todos xeitos isto é completamente minoritario e en liñas xerais a audiencia debate sen necesidade de moderación. Ademáis a páxina está aberta a todo o mundo, non poñemos trabas a ninguén sempre que respecte aos demáis.
Relación cos medios. Empregades ligazóns a diferentes medios galegos, ás veces para partillar, ás veces para criticar. Pensades que ocupades un lugar que non son quen de alcanzar os medios tradicionais? Como vedes o xornalismo na Galiza, e a vosa relación con el?
Na actualidade as redes sociais cumpren un papel informativo maior que a prensa escrita. Ademais no noso caso ofrecemos novas de actualidade pero tamén o combinamos con humor ou gastronomía. Os medios de comunicación tradicionais non obedecen aos intereses reais senón aos intereses do sistema e dos poderosos polo que perderon boa parta da credibilidade que tiñan. No caso galego nós ofrecemos información en galego algo que lamentablemente é minoritario xa que os principais medios usan exclusivamente o castelán (agás excepcións como Praza Pública ou Sermos Galiza).
Ademais da vosa dinámica habitual, en ocasións levades adiante algúns proxectos especiais. Penso na cobertura dos incendios do 2017, onde fostes referencia comunicativa. Da última época destaca o debate, con preguntas dos espectadores, que fixestes coas candidatas dalgúns partidos políticos (non todos quixeron participar). Como nacen estes proxectos? En particular sobre o debate, como foi organizalo? Hai reticencias desde os partidos, por exemplo, a relacionarse con iniciativas estritamente dixitais como a vosa?
Un dos compromisos de Orgullo Galego é denunciar os ataques que sofre o noso patrimonio pero tamén os nosos montes, en especial co abandono do rural e a eucaliptización masiva, destruindo milleiros de hectareas de bosque autóctono para convertilos nun deserto de eucaliptos e piñeiros ao servizo das grandes multinacionais. Como páxina comprometida coa defensa da nosa terra aproveitamos para tentar socializar entre os galegos e galegas a orixe destes lumes que están no abandono do rural e a entrega dos nosos montes ás grandes multinacionais. Nos lumes que asolaron Galiza en 2017 convertímonos no principal medio de información e iso foi grazas á información que nós facilitaron centos de persoas. En canto ás entrevistas ás candidatas de diferentes partidos políticos xurdiron porque basicamente detectamos que no debate político non se falaba dos problemas dos galegos e galegas polo que quixemos contribuir a dar voz a todas esas persoas que teñen inquedanzas políticas pero non teñen medios para facelo. Certamente foi un esforzo grandísimo organizar o debate xa que levou horas montalas todas nun único video pero pese a iso estamos satisfeitos co resultado.
Comezastes en Facebook, mais o voso crecemento en Instagram, onde abristes conta hai apenas un ano, é tamén moi rápido. Como levades traballar en plataformas diferentes? Sentides que o público é distinto?
O crecemento en instagram está sendo moi rápido xa que en menos dun ano estamos case nos 30.000 seguidores. O público de instagram é notablemente máis novo en idade e iso notámolo na interacción da páxina. Mentres a media de idade dos seguidores de facebook está en 45 anos, na páxina de instagram está en 30 con picos importantes entre 18 e 25 anos. Pese a isto tentamos ofrecer os mesmos contidos xa que un dos obxectivos que temos en Orgullo Galego é dar a coñecer entre a mocidade as nosas tradicións.
Que proxectos tedes para o futuro? Xa nos asustastes no 1 de abril coa brincadeira de que marchabades!
A curto prazo o noso proxecto é manter a páxina xa que supón un grande esforzo tendo en conta que temos os nosos traballos. A longo prazo o noso principal obxectivo é producir máis contidos propios e incluso poder ampliar a páxina a outras redes sociais. Nós detectamos unha forte caida de usuarios en Facebook polo que estamos traballando para non depender unicamente da páxina desta rede social.