Os bos rapaces. Abrir o confesionario con Promising young woman

Crónica de como "Promising young woman", a cinta de Emeral Fennell, pode servir catalizador para sacar fóra as historias cotiás de abuso.

Eu e máis unha amiga, unha sala de cine, na tela proxectábase Promising young woman. Cando rematou a sesión e comezaron a acender as luces, eu aínda pegada ao asento, xirei a cabeza e moi seria e con moita convicción, díxenlle á miña amiga Paula: tía, vou morrer soa.

Representación dun pub calquera, en calquera sitio, en calquera cidade. Un montón de primeiros planos de pirolas bailando mentres soa I was bussy thinking about boys. Dous tipos con traxe falan dunha compañeira de traballo: “que lle dean”, “así son os negocios, nin que fósemos a un club de striptease”, “xa non podemos facer nada”. Non pasaron nin dous minutos de filme e xa sentes máis noxo que se tiveses que mexar nese pub ás cinco da mañá. A cámara mostra unha moza sentada, desorientada e moi borracha e o medo recorre o teu corpo porque viches todas as pirolas que a rodean e sabes que son un perigo.

Este é o argumento de Promising young woman, un bestiario contemporáneo dos diferentes tipos de tío. O que parece un bo rapaz só porque os seus amigos son máis misóxinos que el, o que intenta parecer interesante con [insira modalidade artística] para botar un foguete, un violador que non foi tal, os amigos do violador que están convencidos de que “non foi para tanto” e o meu preferido, o cirurxián pediátrico perfecto de ollos azuis que vai quedar perfecto nas túas fotos de familia. Todos en escenarios diferentes, non se coñecen entre si, mais todos teñen algo en común: todos pensan que son bos rapaces.

Recordo que o día que fun ao cine con Paula ela tiña que marchar cedo para facer cousas do traballo. Non pasou tal, estivemos mais de dúas horas sentadas diante dunha cervexa sen parar de falar, dela, de min e de todo o que viramos. Foron dúas horas de charla nas que mais que falar cuspiamos con carraxe todas as situacións que viviramos ao longo dos nosos case trinta anos de vida. Aquel tío que aparece cando lle peta, o que parecía tan interesante, tan intenso e que che gustaba tanto que pasaches anos da túa vida intentando ser máis graciosa, máis interesante, máis intelixente, máis especial, para estar preparada no momento en que chamase. Aquel co que finxiches que non che gustaba tanto, porque ti sabías que en realidade a el non lle gustabas tanto, pero querías seguir aí. Os amigos machistas daquel amigo en común. O amigo machista en común. Aquela amiga que non cumpría o perfil de vítima perfecta e ninguén a crería se algún día lle pasaba algo.

Marchei a casa dándolle voltas a película e a todo o que falamos. Era unha mestura de alivio, confusión e rabia e comecei a recomendar Promising young woman como se alguén me pagase pola publicidade. A cuestión é que con todas as amigas que a viron tivemos o mesmo proceso: unha chamada de telefono moi longa, outra tarde de café ou cervexa.

Comprobei que a película tiña o que empecei a chamar “efecto confesionario”. Sabía que antes ou despois habería unha charla sobre as súas vivencias de merda con algún tipo. O peor foi descubrir historias que non sabía e que pasaron diante da miña cara. Sei como tomas o café e que tes alerxia ás noces pero non que fuches soa comprar a píldora do día despois porque aquel tío que dixo que controlaba non quixo ir contigo.

Todas esas historias agochadas durante anos na culpa, a atmosfera emocional en que as mulleres estamos educadas. Ese sentimento basal de que algo fariamos mal, que non somos suficientes se aquel rapaz que parecía encantador nun pub despois non contesta os whatssaps ata que pasan tres días. Todas esas situacións que intentaches esquecer porque sentías vergoña de contalo ata ás túas propias amigas. Esa culpa que é nosa porque seguro que aquel tío presumiu cos seus amigos de conseguir non poñer un condón contigo e que, cando marchaches co medo no corpo por se estabas embarazada, acendeu a play.

Ante esta ondada de confesións non podía parar de pensar en como conseguiu un filme sacar todos os demos que as mulleres do meu entorno levaban dentro. A resposta é simple, Emerald Fennell, a directora, fala para a xeración á que pertence. Toda a película está feita para que as mulleres millenials se sintan apeladas de forma constante. Cando vés a Adam Brody levar a Cassie para casa sentes tranquilidade porque a adolescente intensa que levas dentro aínda non esqueceu como Seth Cohen en The O.C. tardou tres tempadas en namorar a Summer sendo un tipo irreprochablemente perfecto. Nunca pensarías que Mintz-Plasse, o parvo de Superbad, fose intentar abusar sexualmente dela por moita coca que leve. Bo Burham, ese tipo gracioso que fai vídeos en youtube, é o prototipo de mozo perfecto que baila “Stars are blind” de Paris Hilton para facer rir á protagonista e que se presenta no filme como o bo rapaz que vai salvala coa voz de Donna Missal interpretando “nothing is gonna hurt you”.

Os bos rapaces. Abrir o confesionario con Promising young woman

Toda a película é un xogo de engano para as rapazas que temos vintelongos. Fennell presenta actores, cancións e escenas de filmes románticos que as mulleres desta xeración temos tan instaladas no cerebro que é unha patada no estómago ver como despois todo se vai esborrallando.

Pensar que Seth Cohen podería abusar sexualmente de ti ou que Bo Burham podería ser cómplice dunha violación é matar un pouco a aquela adolescente inocente que cría que encontraría un rapaz decente que a quixese ben.

Cando todos eses tipos lle din a Cassie frases como “posme a mil”, “gustaríame verte coa cara lavada, o maquillaxe é unha forma de opresión do patriarcado”, “es perfecta”, de súpeto es ti mesma a que está en escena, porque algunha vez algún tipo dixo para ti esas mesmas frases con esas mesmas intencións.

Promising young woman é un camión pasando por riba de ti, son todos os teus medos e traumas expostos en 1h 53min. É incómoda e é necesaria. Púxonos a todas a falar porque o filme está a contar as nosas historias. Por primeira vez nunha película, na que todo xira arredor dunha violación, a protagonista non é só unha vítima, non hai unha mirada paternalista de coidado cara esa muller que está a sufrir tanto. Está contada de forma crúa e realista, cunha heroína cun intencionado parecido a Britney Spears, que busca a vinganza propia do xénero masculino en vez de chorar as súas penas polas esquinas para dar mágoa e que algún bo rapaz veña salvala.

No final do filme Cassie gaña a partida a todos eses bos rapaces que nunca fixeron nada malo. Gaña dunha forma cruel e inxusta, gaña da única forma que podía gañar. Eu saín do cine coa voz de Juice Newton cantando Angel of the morning derrotada, convencida de que ningún tío merecía de verdade a pena, que era mellor pensar en encontrar un bo traballo e adoptar un gato. Quizá é así, non o sei, pero co tempo Promising young woman regaloume a esperanza de que aínda que non atope ningún tío que mereza a pena, teño un montón de amigas ás que chamar para contarllo.

Os bos rapaces. Abrir o confesionario con Promising young woman

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí