Os deuses deben estar aburridos (II)

Os camiños dos deuses son inescrutabeis... mais intentamos falar sobre esa inescrutabilidade nesta segunda parte do relato sobre ascensións.

SEGUNDA PARTE. APOTEOSE

—Aí temos unha caída fea. A rede de rescate non se desprega e Alan Murray está condenado a caer para sempre— Bebín Monster e examinei a puntuación— 32 puntos. Un mate como este sería suficiente nos albores deste concurso, pero a estas alturas unha técnica así, non sen graza pero si conservadora, non basta para nada. Os xogadores teñen que voar como Dwight Howard cando se puxo a capa de Superman no Slam Dunk Contest do 2010, pero o desafortunado Alan Murray acaba de precipitarse ao inferno como Dwight Howard no 2011, derrotado e humillado por Nate Robinson, un xogador cuxa talla non sería a envexa dun hobbit, pero vestido, iso si, naquel temoroso verde kryptonita.

Alan Murray desapareceu entre as nubes cor-de-rosa. Antes del, máis de douscentos outros. Algúns xa serían cadáveres, mortos de susto, se cadra do frío. Pensei moitas veces neses corpos, se caían convertidos en bloques de xeo ou se podrecían. Unha barriga inchada estóupase e saen os intestinos rancios como dunha máquina de chourizos; non podía desbotar a imaxe da miña cabeza e entroume o medo a terminar coma eles. Traguei Monster.

Sol imaxinara todo isto un día, soñando esperta: a plataforma, as redes que se despregan, as nubes cor-de-rosa, a caída infinda etc. O xulgado, instalado nun balcón no muro branco de infinita altura, eramos cinco persoas seleccionadas por criterios divinos e sublimes (ou sexa, eu nin idea). Pero tíñamos bastante química.

 

            —Janus Adams. Un xogador moi sólido. Disque é un deus en Des Moines, pero aquí sabemos que Deus non é.

            —Correcto. E falando de Des Moines, Adams realmente é o mestre dos muíños. Xira como un bailarín do Bolshói e arremuíña tanto que Don Quixote cargaría contra el.

            —Un novo Vince Carter.

            —Tes toda a razón. 360 graos de excelencia. Nós xa sabemos de que marabillas é capaz o Janusiño. Tanto muíño: é un verdadeiro muiñeiro e podes chamar a súa arte a muiñeira dos mates porque se trata dunha música visual para o espectador.

            —Exactamente. A verdade é que Janus Adams Amadeus Mozart dos muíños… pois nada, así son 33 puntos e Janus Adams está máis morto que un muíño de Málaga.

            —Por que un muíño de Málaga? Non ten sentido.

            —O meu cerebro está enmarañado en Monster.

            —Razoable. Ademais, penso que muíño en francés é moulin, non moine. Quen segue?

            —Alexandre Lupin, o lobo de Santa-Fe-New-Mexico-wey. Pero deixádeme dicirvos unha cousa: apenas queda un puñado de xogadores e cando caian os últimos, nosoutros abofé que seremos os seguintes en sermos sacrificados.

            —Keep calm and bebe Monster.

            —Voulez-vous boire Monster avec moi, ce soir?

            —Moine rouge. Pilleiche a referencia.

[Lupin era unha verdadeira estatua. Era o home perfecto, forte como formigón armado, como se Michelangelo esculpise unha estatua de Wilt Chamberlain. Como unha pedra. E nin chorara unha vez… maldito psicópata. Pero tan belo. Lupin pediulle a un anxo que lle lanzase o balón para collelo no aire e metelo facendo o alleyoop.]

            —Agora mesmo non sei quen é o home e quen é o anxo porque ese voo foi anxelical.

            —Non me estou enfadando.

            —Que alguén lle poña o neno Xesús nas mans para remexelo porque ese mate ten toda a elegancia do mate remexebebés do Doutor J que todos temos visto mil e unha veces nas compilacións de Youtube.

            —Eu NON me estou enfadando.

            —Non te enfades, tía.

            —Eu non estou enfadada… con este matazo!

            —Normal que non te enfades porque lle acabamos de dar un saboroso prato de 48 puntos. As redes despréganse e Alexandre Lupin retorna á plataforma.

            —A verdade é que este tipo de performance non me enfada porque é novo, é fresco e desafía as regras. Deste xeito, o xogador amosa un gran respecto ao público.

            —O público somos nós.

            —Efectivamente, e eu véxome moi respectada, pero o público somos nós e todas as persoas que están soñando agora mesmo.

            —Certamente, o Lobo de Santa Fe merece un descanso e un bo grolo de Monster.

            —Aí vai o descanso. Beyoncé vai cantar outra vez.

 

Sol apareceu entre nós. Antes estivera en todas partes, e agora seguía estando en todas partes pero tamén estaba concentrada no palco. Pensemos nun tornado: cando se forma un vórtice, non deixa de soprar aire ao seu redor, pero alí no miolo o aire é máis airoso e o vento é máis feroz.

—Estades facéndoo moi ben— ela sentenciou—. Teño moita curiosidade por saber quen vai gañar.

—Entón, ao final puideches confirmar que Deus era omnipotente pero non omnisciente?— preguntei.

—Non. Resulta que el era e eu son as dúas cousas, pero escollo o que sei e o que non quero saber. Ou sexa, eu quero saber quen vai gañar pero escollo non sabelo. Ehh… pensa na Confesión. A Confesión é como a Declaración da Renda. Eu xa coñezo e gozo dos teus pecados, e o Estado xa sabe con toda precisión canto lle debes pagar, pero tes que ser ti quen o di. Se non o fas, estás condenado. Espera… quen berra por aí? Eh, Lupin! Queres deixarme escoitar Survivor por vixésima vez?

Alexandre Lupin decatárase da presenza de Sol no noso palco e estaba xesticulando dende a cancha de batalla.

—Mátame xa, filla de puta! Xa non penso participar máis nesta farsa!

—Bebe Monster, filliño— dixo Sol con sosego. Unha lata materializouse na man do xogador. Era unha das latas grandes que sempre me custa terminar porque é unha bebida demasiado BEBE MONSTER, pero na enorme man/cangrexo dos cocos de Alexandre Lupin, semellaba un chupito. El negouse a beber.

—Por que nos deixas sufrir así? Ti non es ningún deus. Deus é amor. Ti es o Demo!

Sol soprou con exasperación.

—Santa María que non é nai miña, por que a xente sempre se cre tan lista cando se dá conta do ‘problema’ do sufrimento? Parabéns, descubriches o Mediterráneo!— (A súa voz resoaba dentro e fóra dos nosos cerebros; sutil como a paciente encaixe da araña, vasta como a Vía Láctea)—. Alexandre, eu son amor. Ámote. Amo todo este xulgado e amo todos aqueles coitados que caeron porque os seus mates foron mediocres. Pero ámovos do mesmo xeito que ti amas a túa flora bacteriana, vale? Entendo, pola túa cara de pampo, que non o pillaches. Ben, a ver, ti tes un número inxente de bacterias que viven nos teus intestinos, as cales necesitas para dixerires os alimentos correctamente e non morreres. Entón, ti amas a túa flora bacteriana. Pero, Alexandre, que pasaría se che dixese agora mesmo que unha destas bacterias está a piques de morrer, que ten moita dor de mitocondrias e que lle van chorar as súas miles de fillas? Acaso che importaría? Claro que non, home. Ti amas a túa flora bacteriana pero ningunha célula individual che importa o máis mínimo. Ben, agora pensa no pequena que é unha soa bacteria comparada contigo. Imaxináchelo? Pois así es ti para min. Máis insignificante aínda, millóns de veces máis.

Alexandre Lupin escoitou os razoamentos divinos cunha expresión pensativa. Semellaba convencido.

—Non xogo máis, puta.

Ou non.

—Esa linguaxe machista non, eh. Bebede Monster.

As nosas gorxas enchéronse espontaneamente do maná verde e tivemos que tragalo todo. O Lobo de Santa Fe riuse.

—Sinto moito o machismo, rapazas e rapaces. Ala, imos xogar ao b-ball!

A festa deportiva arrincou de novo. Beyoncé desfíxose no aire e regresou aos soños e ás sabas de esquecemento. Un anxo comezou a facer manobras nun VW Tiguan.

—Isto vai ser algo especial. Doroteo D. Dávalos xa saltou por enriba dun SEAT Arosa…

—Arousa.

—Saltou espectacularmente por enriba dun SEAT Arousa, pero agora véxome na obriga de preguntarvos: a súa soberbia non ten límites? Pode o ser humano acadar tales altitudes?

—Imposible. Isto non é EA Sports, rapazas e rapaces.

Sentín unha man no meu ombreiro. Era Sol.

—Estou aburrida— dixo.

—Que dis, tía? Se o tipo vai saltar un Tiguan…

Todo o Monster abandonou o meu corpo de golpe (unha sensación bastante desagradable), e eu era horriblemente consciente de onde estaba, ou onde non estaba, e de todo o que estaba pasando ao meu redor. Por estes e por outros moitos motivos, trousei. Que noxo, todo era verde.

—Tranquilízate— dixo Sol e sentinme tranquilo—. Quero que saibas que xa estou aburrida de ser Deusa. Xa entendo o meu antecesor. En fin, teño a intención de cruzar o universo e facer xénese nalgún recullo de por aí. Crear un mundo propio… pero este mundo actual non pode estar sen o seu Deus. Necesita un novo.

—Eu?

Ela riuse.

—Non, ti non. Ti es moi de esquerdas para ser Deus. O mundo non pode pertencer aos hippies. Debe haber inxustiza e loita para que a humanidade avance. Se todo fose perfectísimo, endexamais teriamos saído das cavernas. Morreriamos de aburrimento como Gulliver no planeta dos cabalos.

—Ah, si. Como os cabalos eses…

—Mira, ti aínda escribes no blog?

The Golden Dog?

—Non, o outro. O que ten lectores.

—Moi de cando en vez. Guillermo publica máis ca min. Pero vamos, si.

—Ben. Vas publicar un texto alí e eu vouche dicir como ten que ser. Sabes que Mahoma escribiu o Alcorán en máis ou menos estas mesmas circunstancias? O que eu quero é que alguén acceda aos coñecementos secretos, os mesmos aos que accedín eu, para converterse en Deus. Esta persoa vai ler o texto que ti vas escribir, o texto vaille picar a curiosidade, e con esta curiosidade ela encetará as pesquisas que han de levala ás palabras secretas e, en último termo, á feliz situación na que me atopo eu—. Doroteo D. Dávalos tropezou no teito do Tiguan e soltou un pranto de terror. Sol observou como caía e as redes non se despregaron—. Eu xa sei quen vai gañar, e sinceramente, non comparto os criterios deste xulgado. Pero dá igual. Imos ver os derradeiros remates e despois che digo o que tes que escribir.

Houbo unha pausa.

—Podo facerche unha pregunta?

Sol asentiu.

—Lembras cando me dixeches que valoras moito a miña amizade? Aínda te sentes así?

Crin percibir a máis lixeira vibración de tristura neses ollos infindos. Sol sorriu pero, tal vez, non sei… se cadra tivo que esforzarse un pouco para facelo.

As nubes cor-de-rosa tragaron o corpo de Doroteo D. Dávalos. Quedaron tres xogadores: Alexandre Lupin e dous homes que non mencionei antes. Entón, coñecendo as convencións da ficción en xeral, vós quen pensades que foi o gañador? O Lobo de Santa Fe ou un deses xogadores anónimos?

Sol nin lles prestou demasiada atención aos pobres. Ela estaba matinando algo, e díxome unha cousa máis antes de declararse o gañador.

—Eu ámote, se iso é o que che preocupa.

 

EPÍLOGO (en termos cronolóxicos é un prólogo, pero que son uns séculos entre amigos?)

Ela espertou cun berro de susto. Papexáballe todo o corpo e as sabas estaban empapadas de suor. Respiraba fondo o bochorno da cela. A luz matinal era un alivio; devolvíalle a solidez ao cuarto logo desta noite interminable en que todo o universo parecía desintegrarse deixándoa a soas coas visións.

Unha luz fraca. Era cedo aínda. Ela vestiuse torpemente —os seus músculos doídos por algún labor herculino— e foi para a capela. Vin unha paisaxe. O Purgatorio? As portas de San Pedro? Non o sei. Pero vin esa paisaxe e sabía que non era deste mundo, e vin homes pecadores de todos os países e todas as razas. Os homes… sufrían. Os homes sufrían algún tipo de castigo terrible. Ela sentía o hemiciclo de ollos escépticos que pesaban sobre a súa pel: os ollos melancólicos da Virxe; os Apóstolos á dereita e esquerda; Tomás, o que dubidou…

Pechou os ollos para rezar e vía aqueles outros ollos pasmados. Caras de turcos, gregos, brancos, negros, exipcios… todas aterradas. Un soño? Unha visión? Un agasallo do Señor? Procuraba manter a calma aferrándose ao Pai noso que lle vertebraba a vida, sempre con fe, pero aceleroulle a respiración e os bancos de carballo macizo e os ollos esculpidos dos santos parecían flotar baixo augas inquietas. Escoitei unhas instrucións. Falábase unha lingua que eu non coñezo pero que entendo. Instrucións para min e para unha persoa que eu non cheguei a ver. Esta persoa estaba no alto, moi no alto, e tiña que escribir. Tiña que escribir… algo, e eu tamén. Eu tamén teño que escribir… esas palabras estrañas. Pasaron os minutos e os bancos deixaron de mareala e os ollos dos santos volveron ás súas caveiras.

Serían as seis da mañá, a hora do almorzo.

Mentres bordeaba o claustro camiño do refectorio, ela seguía dubidando. Non sabía se comentar o soño coas irmás. Non é que temese que se mofasen dela, pero non sabía se sería lícito ter dúbidas sobre estas cousas. Detívose e ollou as mil flores do céspede, escoitou o bulicio dos paxaros. Os lirios do campo visten prendas máis ricas que o rei Salomón; as aves do ceo nin sementan, nin segan, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo Pai celestial. Estas criaturas non cuestionaban nada e non tiñan por que, pois Deus non é un mestre que non sabe explicar ben as súas leccións. Desculpe, profesor, pero non entendín. Pode vostede explicalo outra vez? Non. Pedirlle un ‘sinal’ sería unha blasfemia gorda.

Entrou no refectorio. Se tiña dúbidas, sería que o soño da noite anterior só foi iso: un soño. Bo día, irmá Hildegarda. Bo día, irmás, desculpade a demora. Recemos xuntas. Oxalá fose tan doado pensar que só foi un soño. Estudou as caras das súas compañeiras, algunhas máis inocentes, algunhas máis sabias. E se non fose un soño? Unha visión. Hildegarda lembrou as instrucións que mandaban escribir as palabras raras desa lingua ignota que vibraban na súa cabeza.

—Ai! Ai! Ai!— Unha das irmás cuspiu un bocado de auga. Moitos ollos consternados medraron como lúas na escuridade monástica—. Esta non é auga! É un viño portugués ou un licor efervescente!

—Ai!

—Ai! Ai!

—Irmá Clotilde— bramou a abadesa despois de inspeccionar a auga estragada e confirmar o seu estado—, hoxe fuches ti a encargada de buscar auga á fonte. Espero que poidas explicar este milagroso acto de transubstanciación.

Clotilde, sentada diante de Hildegarda, intentou dar unha explicación, pero rebelóuselle a lingua e non daba falado. As monxas enrabecháronse. Entre tanta pendencia e escándalo, Hildegarda viu que un raio de luz entraba por unha das altas fiestras a un ángulo que ela sabía que era imposible a esa hora da madrugada. O raio caía no punto preciso onde ficara a cuspida de ‘auga’. O líquido era verde, un verde brillante como as herbas alpinas en primavera. Era unha luz súper-natural que fulguraba, que a chamaba… e antes de que calquera puidese impedilo, Hildegarda colleu a cunca de Clotilde e bebeu todo o líquido que quedaba nela. Todas as monxas calaron.

—Hildegarda, que…?

Un sorriso e unha tranquilidade repentinas brotaron no seu rostro. Como no rostro de Buda cando se fixo perroflauta pensou Hildegarda sen comprender as palabras pero comprendéndoas. Ergueuse da cadeira e saltou enriba dela (como Dwight Howard cando se vestirá de Superman no Slam-Dunk Contest do 2010).

—Irmás— ela proclamou—, a abadesa ten razón, malia que non o saiba. Efectivamente, o que lle ocorreu a esta auga da fonte de San Ruperto é o milagre da transubstanciación—. Bebeu outro grolo e presentou a cunca ante os ollos das monxas que se apiñaban arredor como pingüiños—. O líquido que a nosa Señora verteu naquela xerra chámase Monster, e estades cordialmente invitadas a comungar.

Os deuses deben estar tolos

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí