Os espíritos dos glaciares visitan polo Samaín

Os glaciares de todo o mundo están a desaparecer. No Samaín falamos cos mortos. Disque que en toda morte agarda a vida. Haberá que manter sempre as esperanzas?

Os glaciares de todo o mundo están a desaparecer. Extínguense. Digo extínguense porque no fondo son case seres vivos, únicos e mastodónticos, como se elefantes do tamaño de cidades enteiras estivesen ancorados contra as paredes das montañas máis altas durante milenios completos e chegase un día en que deixasen de respirar, podrecesen e pasasen a formar parte da terra e das pedras desas mesmas montañas. Nesa morte lenta, así vai a auga líquida que se desprende pinga a pinga dos glaciares, nun desangrado constante que marcha cara o mar, a se converter en estrume que engorda os océanos.

Do mesmo xeito que choraríamos a morte dos inabarcables elefantes de fantasía, igual que choramos a desaparición do bisonte americano, igual que choramos polo gatiño atropelado na estrada, así choramos polos glaciares. De xeito condescendente e sabendo que temos parte de culpa no asunto. De feito, igual en realidade non choramos, abrimos outra lapela en google e miramos algún vídeo parvo en youtube.

Por que xusto nestes días andaba eu pensando nos glaciares? Supoño que o doado é asocialo aos Defuntos, que isto que escribo é non é máis que unha nota necrolóxica e flores para adornar unha tumba. Está claro que a orixe de todo está na canción “Despedirse de los glaciares” que tocou Jorge Drexler hai unhas semanas na Coruña, pero non me explicaba por que de todo un concerto cheo de historias e achados, quedei xusto cavilando nesa. Non foi porque fose a máis chea de tristura e saudades. Non, parecía haber unha conexión, tiña que ser outra cousa.

Despedimos aos glaciares, axitamos os panos brancos no peirao mentres afunden na liña do horizonte. E igual que acontece en todas as despedidas, esquecemos pronto ao que marchou, xiramos e saudamos a quen quedou na casa con nós. Esquecemos os mortos e saudamos aos vivos. Tamén pasa así cos glaciares. As moles xélidas de todo o mundo están a desaparecer, pero descobren debaixo delas grandes veigas no pé das montañas, que estoupan en floración na primeira primavera que viven nesta era xeolóxica. Sementes de períodos antigos que levaban eóns atrapadas no xeo conectan por fin coa terra e co sol, reactivan as súas potencialidades e deciden xerminar desafiando o azar, quizais ata o darwinismo. Especies que desapareceran antes da grande extinción pérmica, os fillos das plantas que esmoreceron antes do reinado dos dinosauros, aparecen de novo nunha aba de Suíza ou Colombia. Crononautas improbables, ignoran a morte e o tempo, alimentándose da extinción dos glaciares para vencer á súa propia extinción. A flor que nace entre o esterco do elefante.

Era iso, esa contradición estraña, a que parecía acaída para estes días de final de outubro. Linlle a Felipe Senén que Samaín significa en galego “encontro”, reunión do presente co pasado e eu atopara nun lugar insospeitado unha outra asemblea entre mortos e vivos. Por iso volvía a conectalas sen me decatar, dous fenómenos unidos por un mesmo alento.

Magosto, defuntos, noite das bruxas, en moitas culturas, con moitos nomes, cando chega o frío e se acurtan os días a escuridade abre unha porta ao mundo das ánimas. Unha noite cada ano o paso de estación, o cambio de clima, permite que durante unhas horas poidamos ver e falar cos espíritos dos que noutro tempo camiñaron nesta terra. Chega un outro Samaín coa morte dos glaciares. É tamén un cambio no clima, a calor e a perda do ozono, o que abre unha porta na ladeira das montañas e podemos agora ver e tocar as plantas que veñen do outro lado da morte. Contaba o Petapouco os xeitos das aldeas onde na noite do 31 non se varría na cociña porque as ánimas tamén precisan comer e aqueles faragullos da nosa cea son o seu sustento. Do mesmo xeito, as flores que preceden toda a historia aliméntanse dos faragullos que lles deixaron aos xigantes de xeo. Tremo ao pensar na Compaña que na noite asexa no final dos camiños, atraendo aos mortais para que un deles lidere a procesión de defuntos, cargando a cruz e anunciando que pronto chegará a súa morte. Tamén a extinción do glaciares atrae unha horda de biólogos, que se trepan por esas veigas desesperados por apalpar, datar, clasificar e etiquetar ás fantasmagóricas aparicións vexetais chegadas de outro mundo. Non podo evitar sospeitar que neses biólogos estamos subindo todos nós a atoparnos coa Compaña, que xa hoxe estamos liderando a procesión anunciando que a nosa desaparición está próxima e aínda non nos decatamos.

glaciares Vatnajökull
© Zaldun Urdina Svínafellsjökull (glaciar Vatnajökull)

Pola imaxe de portada © The Washington Post / Jabin Botsford

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí