Os tres imprescindibles do Resurrection 2018

Tras catro días en Viveiro, analizamos os tres mellores concertos do festival de música extrema máis importante do país

Os últimos días foron intensos en Viveiro. Unha morea de persoas con camisetas negras ateigaron un campo de fútbol en perfecto estado ata convertelo nun basto terreo areoso propio da meseta castelá no que non xerminarían nin unhas patacas. Parte da culpa é dalgunhas das mellores bandas do mundo en distintos xéneros de música extrema, que pasaron un ano máis polo Resurrection Fest. Obviando os principais cabezas do cartel, cuxo show está máis próximo ao da Panorama nas festas de Vilaboa, houbo un bo saco de concertos memorables que cómpre analizar.

Frank Carter and the Rattlesnakes Resu Resurrection Fest
©Facebook Frank Carter and the Rattlesnakes

Iso si, evitarei entrar en detalles da miña experiencia persoal no festival. A modo de resumo neses termos, direi que houbo plans de agresión coa consecuente expulsión da zona VIP, intentos frustrados de subida aos ombreiros con posterior golpe de fuciños contra o chan, amago de cear un kebab en Viveiro (onde se chegou a confundir un Eroski cun pub) e ata unha visita á Protección Civil tras caída contra unha beirarrúa. Se queredes máis información ou sodes algún dos implicados e queredes os meus datos para o parte do seguro, faládeme por privado.

Un último apuntamento antes de entrar a valorar os que para min foron os tres mellores concertos (que vin) do Resurrection. A política tamén estivo moi presente entre os grandes nomes do festival. Mentres os Scorpions lucían bandeiras españolas nas pantallas nada máis empezar o concerto, os Kiss rexeitaron uns calzóns coa insignia británica e ondearon con honra unha estreleira.

Ghost

Ghost Resu Resurrection Fest

Era unha das bandas máis esperadas do festival. O seu único concerto na Península este ano e a presentación do seu novo disco Preguelle. Tamén era a primeira vez que se ía ver no país a Cardinal Copia, o novo alter ego do cantante e líder da banda, Tobias Forge. Xunto a el, os outros seis membros anónimos da banda, os Nameless Ghouls.

 

Como apunte inicial, se alguén busca unha imaxe da banda en Google antes de asistir ao concerto pensará que rematará canto menos con dor de cabeza. Todo o contrario. O seu estilo musical é puramente nostálxico. Desde o seu meteórico descubrimento no 2010 a banda mantivo a súa vertente hard rock, que recorda aos primeiros Black Sabbath, mesturada con heavy metal. Tamén teñen tempo para introducir nos seus temas ritmos propios do rock progresivo e psicodélico. Estilos, todos eles, froito da captación das virtudes dos grandes grupos das décadas dos 70 e 80.

O show, polo tanto, non tería sido apto para todos os públicos presentes en Viveiro se non fose polo ben que encaixa todo ese barullo de ritmos. Unha gozada de directo que arrancou con Ashes e Rats, do último disco. O escenario principal do Resu estaba xa cheo de xente. Houbo máis aínda que para ver a Corey Taylor, vocalista de Slipknot, que tocou horas antes coa súa banda Stone Sour. Tras a introdución, chegou Absolution, un tema cun estilo puramente heavy. Un ritmo que mantivo Ritual, do seu primeiro traballo. Notouse aquí a evolución que tivo a banda nos seus oito anos de carreira, nos que incorporaron novos sons.

Ghost Resu Resurrection Fest

No ecuador do concerto soaron temas de traballos anteriores como From the Pinnacle to the Pit e Cirice. Tamén apareceu outra personaxe habitual da banda, o Papa Nihil, que interpretou ao saxofón a progresiva Miasma. Para rematar o concerto, Ghost deixou outros dous grandes temas: Dance Macabre, do seu último traballo, e a recoñecible Square Hammer. Coa primeira, cando a escoitei por primeira vez no disco, quedei coa mesma cara que pon Phil Anselmo no vídeo que subiron os propios Ghost para promocionar o tema. Pero agora non a quito da cabeza. Acabará sendo un himno da banda, como semellou en Viveiro con todo o público entregado no pegadizo coro. Square Hammer, co seu característico ritmo de teclado, supuxo o peche perfecto ao concerto. Como colofón, soou Monstrance Clock e todos entoamos “Come together, together as one; come together for Lucifer’s son”.

 

Sen dúbida para ningún dos presentes, foi un dos mellores directos que houbo en Viveiro. Eu recomendo persoalmente escoitar a Ghost a todo aquel que sexa fan de Blue Öyster Cult, Iron Maiden, Judas Priest ou Black Sabbath, pois atopará rastro de todas esas bandas ao longo da súa discografía. E se podedes velos en directo, basicamente ides pasalo como ananos.

 

Frank Carter and the Rattlesnakes

Frank Carter Resu Resurrection Fest.

Doume por satisfeito se algún día teño eu na vida a décima parte do carisma que amosa Frank Carter sobre o escenario. Ao cantante inglés tíñalle ganas desde hai tempo. Nunca puiden velo coa banda de hardcore punk, Gallows, e tampouco estiven na súa primeira actuación no festival, da que a xente falaba marabillas. Nesta etapa en solitario xunto ás súas “serpes”, acudiu a Viveiro a presentar o seu segundo traballo, Modern Ruin.

 

O de Frank Carter foi, sen dúbida, o concerto máis divertido do festival. A súa evolución cara ao hard rock con certos impulsos de punk e de blues foi moi ben recibida entre o público. A súa participación comezou con Juggernaut. O cantante rematou camiñando sobre o público (si, foi o que aconteceu). Unha boa maneira de iniciar o espectáculo. A colaboración do público foi clave para o bo funcionamento da banda, sobremotivada en todo momento. Os asistentes botáronse ao chan, remaron e as mulleres foron manteadas cara diante durante o tema Wild Flowers. De feito, o propio Carter tivo que pedir que cesasen os manteos. Debeu ver a cara de desesperación dos fans de Kiss na primeira fila.  

Durante o concerto, que durou menos dunha hora, intercaláronse cancións de Blossom e Modern Ruin. A enerxía de Carter voou desde as táboas do escenario ata o público, que foi contaxiado polo británico pese a que aínda quedaba moito día por diante. Chegaron outras boas cancións como Vampires ou Lullary, antes de rematar o concerto con I hate you, loanza ao odio na que cantou o coro en castelán.

Frank Carter Resu Resurrection Fest.
©Facebook Frank Carter and the Rattlesnakes

Frank Carter ofreceu un bo espectáculo, que enganchou a todo o público. Pese á súa corta traxectoria en solitario e o difícil encaixe do seu novo estilo no escenario principal do Resurrection, a súa persoa basta para pasalo ben e gozar de temas de gran nivel.

 

Prophets of Rage

Prophets of rage Resu Resurrection Fest.

Outro dos concertos máis esperados era a primeira actuación en Galiza dos membros orixinais de Rage against the machine, a excepción de Zach de la Rocha, acompañados por DJ Lord e Chuck D de Public Enemy e B Real de Cypress Hill, dúas das bandas máis recoñecidas do hip hop norteamericano. Sen coñecelos, podería soar como unha aposta nostálxica para seguir vivindo da música. Pero só coas súas novas creacións e a violencia musical que desprenden sobre o escenario os antigos membros de RATM xa xustifican esta unión.

 

Ademais está Tom Morello, un dos mellores guitarristas da historia, que deixou para o recordo os seus típicos solos de guitarra e os riffs máis recoñecidos da súa carreira, amosando enerxía sobre as táboas buscando (e conseguindo) ter o papel principal entre tanto artista de éxito. No primeiro tema xa amosou o cartaz que pon “Fuck Trump” tras a súa característica guitarra que o acompaña desde hai varios anos. O espectáculo arrancou con Prophets of Rage, tema homónimo da banda procedente do seu único traballo ata hoxe, para continuar con Testify, un clásico de RATM.

Os asistentes amosaron as ganas que tiñan de ver este concerto. Saltos, empurróns e litros de cervexa voando polos aires (quen me dese a min ter 7 euros, mais o vaso, para tiralos). Para quen coñece a RATM, algunhas escenas recordaban, salvando as distancias, ao seu mítico concerto en México D.F. O baile do público semellaba uniforme e transformábase en ondas que avanzaban ao escenario. A sintonía foi máxima ata cando sobre o escenario quedaron só os dous cantantes. Interpretaron os grandes éxitos das súas bandas, como Fight the Power de Public Enemy e Insane in the brain, de Cypress Hill. Si. Houbo hip hop puro e duro no Resu e a xente bailou igual.

 Prophets of rage Resu Resurrection Fest.

Tamén había que presentar os temas que teñen en conxunto, como Living in the 110 ou Unfuck the world. Incluso houbo tempo para un cover en clave hip hop de Jump Around, de House of Pain, e un riff de guitarra da etapa de Audioslave, que buscou honrar ao malogrado Chris Cornell. Pero sen dúbida os momentos máxicos do concerto corresponden coas cancións de RATM. Soaron Bullet in the head ou Guerrilla Radio, antes de afrontar a fin do show con Bulls on parade.

Faltaba o colofón final. O tema que todos queremos escoitar polo menos unha vez en directo, xa sexa con Zach de la Rocha ou con dous dos rapeiros máis importantes. E se aínda por riba lle piden que suba a un rapaz tatuado que estaba entre o público chamado Frank Carter, mellor que mellor. Parece que ao británico tamén lle colleu de sorpresa a invitación, pero non desluciu interpretando unha das mellores cancións do rock da historia. O público, nestes intres, xa obedecía unicamente a estímulos musicais. Foi seguramente a canción máis gozada do festival pola xente e polo propio Frank Carter, que como subiu ao escenario baixou, dando un salto que puido rematar con dous ou tres fans de Kiss (que levaban horas aguantando aos máis pesados na primeira fila) na carpa de Protección Civil.

 

Foi un concerto que esgotou mental e fisicamente a moitos, incluído ao propio B-Real, que marchou do escenario dicindo “Gracias Barcelona”. Un lapsus que non perturbou outro concerto para a galería de grandes hitos do Resurrection.

 

Epílogo

O cartel do Resurrection deste ano era o máis frouxo das últimas edición, na miña opinión. Tamén a nivel organizativo o festival veuse resentido por pequenos desaxustes e a rápida busca de beneficios sen sumar novidades no recinto ou nos servizos. Todo isto non quita que Galiza poida seguir sumando grandes nomes á lista de músicos e bandas que tocaron no país.

Corey Resu Resurrection Fest.

Para min, este foi un festival de nomes, de concertos illados. Fará falta un golpe de efecto na próxima edición para poder volver a falar do Resu en conxunto e non centrarse nuns poucos grandes concertos. Mentres, houbo que conformarse con pagar os vicios de Gene Simmons e Paul Stanley e buscar no fondo do cartaz o premio gordo do festival.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí