Outro que gañou a oposición

Para publicar nun xornal do Departamento de X

Para os lectores de A Verdade: o primeiro libro que lin despois do cárcere foi Sobre heroes e tumbas de Ernesto Sábato. Nas súas primeiras liñas, Sábato aclara que o que el escribe pertence a “certo tipo de ficcións mediante as cales o autor intenta liberarse dunha obsesión que non resulta clara nin para el mesmo”. O presente texto é sinxelamente un anaquiño da miña vida que sinto a necesidade de contar, e neste senso poderiamos dicir que dalgunha maneira comparto o sentimento expresado por Sábato. É este anaquiño da miña vida o que comparto, e non outro, por un motivo que non está claro de todo agora mesmo. A obsesión aclararase, aínda que talvez só para min. (Firmado: L.C.)

 

-O enxeñoso xeneral López Pigg propiciou a Rebelión Grande, pero faleceu en L’Hoffield. O enxeñoso xeneral Chaffich Pigg asumiu o mando da Rebelión Grande, gañou a vitoria gloriosa de Pinstonevale para a Nación, pero faleceu en Chickflick. A xeneral Shizbang asumiu o mando da Rebelión Grande, gañou a vitoria gloriosa de Nagra Gram para a Nación, pero foi derrocada polo Comité Popumilitar. Os homes débiles e covardes do Comité Popumilitar cederon ante as demandas forzosas de Lord Fetish, e desta maneira encetouse a Ditadura Antipatriótica. Lord Fetish, con astucia maligna de mala fama, gañou a vitoria de…

-Basta. Cales son as principais características da Ditadura Antipatriótica?

-Os intereses do Ditador colócanse por enriba dos intereses da Nación. A prensa está horriblemente censurada. Os que se opoñen á Ditadura están pechados en grotescos cárceres. As mulleres están excluídas dos rangos superiores da Lexión Patria. Cando…

-Basta. Por que se prohibiu que as mulleres ocupasen os rangos superiores?

-Baixo o mando da xeneral Shizbang, a Lexión Patria sufriu unha serie de derrotas humillantes: Cockburn, Hutt, Sninwell, Joggerville, Pumper Rise. O Comité Popumilitar -todos os seus integrantes de notoria covardía- consideraban que ditas derrotas constituían unha proba fidedigna das incapacidades naturais da muller…

 

Así proseguía a entrevista. A meirande parte das preguntas facíanas un par de profesores de distritos veciños. Un home do Ministerio da Mente Infantil escribía nunha libreta. Non tiña pintas de querer moito aos nenos, pero supoño que iso dá igual – non fai falta querer aos nenos para ensinarlles. Tamén estaba unha tal Ms Lyebuck. Ela ollábame como un gato, digo, coa altivez dun gato que está encima dun muro e sabe que naide o pode alcanzar. E facía todas as peores preguntas: que xornais se censuraron? Quen compartía o seu calabozo coa xeneral Shizbang? Cales son as causas do noso Heroísmo Nacional?

Basta. Decidiron terminar a entrevista. Tiña que esperar fóra, baixo o corredor do patio, conxelado no meu mellor traxe. Tamén baixo a vixilancia de cinco soldados. Deixaran cadanseu fusil inclinado contra unha columna, e todos quitaran unha luva para fumar. Ollábanme con aparente desdén. Pensei en pedirlles licenza para ir buscar o meu abrigo á sala de profesores, onde os outros candidatos se aconchegaban como pingüiños arredor dun pequeno lume. Pero joder, estes matachíns serían capaces de fusilarme por intentar facer trampas ou… eu que sei.

-Señor Chans, o Cuadribunal xa tomou a súa decisión. Pode entrar de novo.

Ms Lyebuck deixoume pasar, e un dos soldados cuspiu no chan.

Unha vez retomadas as nosas cadeiras, falou o señor do Ministerio. Compracíalles comunicarme que aprobara o exame. Eu sería Profesor Normal de Historia. Non necesitaban explicarme que se trataba dun gran honor, que nas miñas mans se depositaría a arxila maleable da mente infantil, o mesmo porvir da Nación. Dixen que gracias. El dixo que non había nada que agradecer. O exame é obxectivo. Que vostede aprobe ou suspenda non está suxeito aos vaivéns do noso humor ou a que titor se debe a súa recomendación, señor Chans. Isto non está nas nosas mans. Realmente non había ningunha decisión que tomar, así que por favor non nolo agradeza.

 

Pouco despois, ía camiñando a casa por entre os piñeiros do val. Silencio dunha mañá de inverno; a xeada crocaba con cada pisadura. Eu tiña as mans acurrunchadas nas axilas. Un dos vixías cuspira de novo cando eu saía da Escola Normal no. 34 “capitán Brian Moodswings”. Que pesados eran. Acaso eles quererían ter a arxila esa do porvir nacional nas súas luvas? Canto choio para prepararme a oposición. E logo virían as clases, os berros, os risos infantís, a historia gloriosa da Nación, os seus heroes honrados e os viláns detestables. Pero antes, que facer coa miña liberdade? Este tempo intermedio desenroscábase na miña cabeza: longo, baleiro, un aburrido “mentres tanto”.

Falando da escola, viña polo mesmo camiño ca min un dos que votaron en contra do nome de Brian Moodswings (pois alegaban que o capitán fora un homosexual). Era o Moreira. Ía subindo o val na dirección da escola, vestido no seu uniforme de militar. Odiábame por razóns de política. Perdoa, non. Mellor dito, eu caíalle bastante mal por razóns de política (o golpe, as confiscacións e tal), pero el odiábame por outro motivo. Era algo que aconteceu antes da instalación das cloacas modernas, cando aínda había que botar todo pola xanela. En fin, o Moreira foi outro que cuspiu no chan ao verme pasar.

Que mágoa que fose el, o Moreira, a única outra persoa da miña vila que había alí, lonxe dos nosos lares nativos. Pouco me apetecía perder outra tarde fumando no meu cuarto, ese espazo escuro onde me atormentaban os olores a fritidallo e os ruídos de amizade que viñan subindo da taberna de abaixo. Ese cuarto era… como se chama nos libros ingleses? Era como un garret, o tipo de lugar onde adoitan vivir os artistas nunha especie de pobreza poética, por así dicilo. Moito frío, moita fame e soidade, así vivía eu. Xa dixen que non podía contar co Moreira, e non tivera tempo para coñecer ben a outra xente.

Non estou queixándome. Ou sexa, si estou queixándome, pero non o fago para dar pena. É para entendermos por que non quería quedarme en casa e, co meu primeiro anaco de tempo libre en moitos meses, decidín dar unha volta polos sendeiros do monte. A zona do país onde vivía daquela é moi linda, se cadra máis ca miña. Ou quizais o que ofrecen estes cumes escarpados e o labirinto de profundos vales que os agretan sexa, non tanto beleza, senón puro espectáculo. Non sei, pode que se trate dunha mera cuestión de saudades, pero paréceme que o prado que se estende detrás das leiras da miña abuela é tan bonito como aquelas vastas paredes de pedra núa.

Non obstante, quen son eu para negarlles o seu encanto? Saín do camiño de piñeiros e collín un de tantos camiños de feroces costas e pedra núa. A tan só uns minutos de distancia, xa me atopaba felizmente afastado da civilización, a vila e as súas xentes. A miña imaxinación corría libre polos recunchos deliciosos da natureza, a miña ialma comulgaba cos paxaros e os peixes, e todas as demais cousas divertidas que pasan pola mente das persoas cando andan polo monte sen nada que facer.

Ao rematar a conquista da primeira costa, comecei a asimilar os froitos do meu labor. Por fin ía ser profesor. Que alivio, xa non tería que estudar máis!

Recuperado o meu alento, seguín camiñando por un sendeiro cuxa costa era máis suave. Serpeaba entre altos penedos, arbustos de acebre, e algún piñeiro aventureiro que crecía precariamente, as súas raíces perdidas entre as gretas dos barrancos. Alí xurdiron as miñas primeiras preocupacións cara ao futuro. Imaxinei unha aula longa e escura cun pelotón de nenos, varias ducias, que ao fondo se confundían e se perdían nas tebras. Sabía que unha aula de tales dimensións non existía na Escola Normal no. 34, pero como o paxaros e os peixes estaban comulgando coa miña ialma e todo iso, non é estraño que tivese cousas fantásticas no maxín.

Había moitísimos nenos nesa aula semirreal. Que pasaría se non me fixesen caso? Podía pegarlles? E se me pegasen a min? Polo menos terían once ou doce anos -non serían dos que se cagan encima- pero agora, librado do perigo inmediato da oposición xa gañada, quedaba claro que eu non aprendera nada de pedagoxía. Tiña moita historia metida na cachola, pero como ensinala? Outro misterio: cando foi a última vez que interactuei cun neno? Cando eu mesmo o era, seguro. Ao decatarme de que non tiña a menor noción de como falarlles ao alumnos, de que temas de conversación podían ter, entroume unha pequena ondeada de pánico e tiven que sentar nun fragueiro para tranquilizarme.

Estaba custándome respirar, en parte polo pánico e en parte porque non estaba en forma. Preparar as probas implicaba adoptar o estilo de vida dun troglodita, fuxir do sol, deixar dexenerar o organismo; pero din que aprendes moito. Polo esforzo de subir costa arriba, suaba moito, e o suor empezara a arrefriarse. Tería que botarme a camiñar de novo. Decidín ir cara a un miradoiro que me gustara unha vez que fora.

Entón, para que os coñecementos necesarios de Historia Nacional se asentasen nas mentes de arxila dos críos, eu tería que falar coa forza dun verdadeiro tirano.

-Quen propiciou a Rebelión Grande?- preguntaría eu coa voz autoritaria dun gran orador como López Pigg.

-López Pigg- recitarían os nenos coa obediencia dos soldados patriotas da Rebelión Grande.

-Meus fillos [realmente non podía imaxinarme chamándoos así], para entenderdes o Proceso Nacional, tedes que saber as vidas dos Próceres.

-Por que?- preguntaría un mocoso feo e impertinente. Non! Sería mellor que eu llelo preguntase e que me respondese correctamente. Eu preguntaría o porqué.

-Porque hai homes que saben interpretar o espírito do seu tempo. Os Próceres encarnan o heroísmo do seu pobo.

A estas alturas, acordeime dunha cousa que lera nunha novela de Cortázar. O protagonista é profesor, como ía ser eu. Nun momento dado, un dos seus alumnos pregúntalle algo así como: “se hai cen anos todos eran tan nobres, valentes e honrados, que carallo lle está pasando á xente hoxe en día?”

Xa home, boa pregunta. Como explicar isto? Había unha resposta que era correcta: hoxe carecemos da mesmo dose de patriotismo que tan notoriamente erguía as ialmas dos cidadáns doutrora. Ben, eu tiña todas as respostas correctas fosilizadas na mente como cunchas nunha rocha, pero vamos, precisaría de certa teatralidade para que os nenos se convencesen, e para parecer eu mesmo convencido.

 

Cheguei ao miradoiro.

-Ao Miradoiro do Orfo?- preguntárame a señora da taberna de abaixo, despois da miña primeira subida pola paredes de pedra núa, varios meses antes.

-Non che sei- dixéralle eu-, tiña unha especie de banco natural e daba vistas sobre a vila.

-O mesmo. Sabes por que se chama así?

-Como era?

-O Miradoiro do Orfo. Sabes por que se chama así?

-Non, a verdade. Porque caeron uns pais desde o saínte ao fondo do val, deixando orfo ao seu fillo?

-O neno xa era orfo.

-E iso?

-Era do orfanato que antes había no antigo mosteiro, e o que pasa é que o ditador tiña unha amante aquí na vila.

-Que ditador? Chimneysweep ou Fetish?

-Eu non sei quen era Chimneysweep. Que che ía dicir? A amante que tiña o ditador Fetish chamábase Laura Lamier. Era fermosa – unha curmá do conde da Sousa, sabes? Ela tiña os ollos verdes, e o ditador chamábaa <<a miña esmeralda>>, e por iso ás veces a esta vila póñenlle o nome de Vila Esmeralda. Non obstante, o Fetish era un fillo da gran… bueno, xa sabes, e como el estaba casado coa marquesa esa, non quería facerlle o amor á Lamier na vila mesma. En lugar disto, levábaa alá ao miradoiro, e ela seguía ao sinvergüenza porque lle tiña medo e a familia lle comera a cabeza, sabes? Pensaban que o goberno lles daría cartos ou algo así.

-E o orfo?

-Claro, o orfo. Pois un día o ditador e a Lamier estaban namorando no banco de pedra que ti dixeches. Daquela, como castigo, obrigaban aos orfos do orfanato a subir e baixar pola montaña con pedras, e xusto foi que ese día os sorprendeu un orfo que ía por alí coa súa carga de pedras. E o fillo de puta ese do ditador enfadouse porque o neno lle cortara o rollo, e díxolle: “voute axudar a baixar costa abaixo, maldito fillo de naide”. E colleu, agarrou ao orfo e botouno desde o miradoiro. Entón, o nome do miradoiro vén do neno asasinado.

 

Nesta segunda visita, as vistas parecéronme tan belas como a primeira vez. Espreitaba a vila, rodeada de bosque, como unha illa nun mar verde. Curiosamente, empezara a subir unha pequena columna de fumo no centro, por detrás duns edificios. Máis ou menos a zona da praza. Sentei no banco onde de antano follaban o Ditador Antipatriótico e a súa amante. Eu non lle dixera á taberneira que se contaba unha historia moi parecida no meu distrito, a cal tamén terminaba cun vil asasinato por parte de Fetish. Coido que o tirano tivo decenas de amantes e matou a decenas de nenos. Que malvado.

Estas lendas son algo moi do pobo. Xamais as lera en ningún libro, pero, iso si, tamén hai textos escandalosos que ti podías ler en calquera biblioteca pública. Hainos que retratan ao ditador como algo bastante menos que un monstro, pero peor aínda: tratan temas pouco dignos dos Próceres Nacionais. Eu atopei receitas para aliviar as almorrás de López Pigg, un memorando que detallaba as prostitutas predilectas de Chaffinch Pigg e o seu séquito, e outras cousas aínda máis perigosas. Ti les e os anxos caen do ceo.

 

O lume invisible aínda botaba fumo, xa estaban tardando en apagalo. Comecei a preocuparme porque o meu aloxamento estaba alí no corazón da vila. Podía ser un lume que se prendeu por accidente na cociña da taberna, axiña convertido nun incendio que ardía fóra de todo control. Púxenme de pé e dei a volta, asustado. Case me deu un infarto: diante de min estaba o Moreira, acompañado por dous dos soldados da escola. De contado entendín. Xa me parecía a min que enviar a cinco soldados para gardar unha escola era excesivo. Non só entendín por que me foron buscar eses tres homes, senón tamén o significado da columna de fumo que crecía como un cancro na vila. Como non ía entender, sendo como é a vida política no noso país? O que nos faltaba: outra revolución (como se adoitan chamar nestas partes).

-Aí está o cabrón- dixo o Moreira, sorrinte.- A que non vos dixen que o vin subir por aquí?

Eu non me movín. Pensei no orfo, precipitado desde as terribles alturas. Non quería morrer como o orfo. O Moreira camiñou cara a min, tranquilo, dando pasos pausados, véndome petrificado de medo como algún animaliño ante as garras do raposo, e non fixen nada para defenderme contra o golpe que me deu coa culata do seu fusil.

Caín ao chan.

 

Poucos minutos despois, ían baixándome a empurróns pola ladeira da montaña. Eu levaba un pano empapado de sangue contra o meu nariz. Un frío glacial volvía a penetrarme os ósos -aterecía-, e varias veces os meus vixías mofáronse de min cando tropecei cun coio e caín no camiño.

-Podes darnos as grazas despois- díxome o Moreira á segunda ou terceira caída.- Os meus amigos aquí só che dispararán se intentas fuxir.

Eu non lle dixen nada. Quedeime inmóbil, deitado, non sei se por esgotamento, covardía ou como para oporlles resistencia.

-Este tío é parvo- dixo un dos soldados. O Moreira deume unha patada. Sentín o impacto da súa bota contra as miñas costelas; ouviuse un crac, tan claro como se se rompese a póla dun piñeiro alá no bosque, pero non berrei.

-Lembra, Chans: só se intentas fuxir. Cando foi o golpe dos teus amiguiños, cando derrocaron o goberno lexítimo, cres que foron tan decentes? Non, joder. Houbo fusilamentos a mansalva. Nosoutros somos máis humanitarios. Entendiches?

Sen resposta. Eu pechara os ollos. Quixen pensar noutro lugar, noutro tempo, a infancia na granxa da miña abuela, calquera cousa, até: pum! Outra patada.

-A ver, fillo de puta, entendiches?

Esta vez contestei cun <<si>> que foi apenas máis cun rumoreo.

-Vale. Pois érguete logo. Vamos.

 

Escoitei berros e disparos ao chegarmos á vila. Nunha rúa vin o cadáver dun policía. Noutra vin como sacaron a unha familia da súa casa e metérona nun destes grandes vagóns de ferro que veñen empregando desde hai uns anos. Pululaban soldados; un pelotón enteiro descendera sobra a vila. Nos balcóns e corredores colgábanse bandeiras poeirentas da vella ditadura, rescatadas seguramente dos mesmos escondedoiros onde os veciños agora agochaban as bandeiras do réxime que caía. Quen sabe cando se necesitarán de novo?

-Aquí tes, amigo. Outro colaborador.

Entramos pola porta de atrás da alcaldía. O Moreira charlou despreocupadamente co garda mentres me esposaron.

-Alá, chau. Desfruta do resto da túa vida e non podrezas demasiado no cárcere.

Marchou rindo cos seus compañeiros, e o garda levoume a un calabozo, onde me encerrou cun concelleiros, uns policías, máis todos os candidatos e o propio cuadribunal do meu exame: os dous profesores, o home do ministerio, e Ms Lyebuck. A elite do ancien régime. Colaboradores todos.

Sentei ao carón de Ms Lyebuck porque non había outro sitio.

-Necesitas un médico, Chans- díxome ela.

-Se coñeces a un, que veña.

-E que fixeches para que che arranxasen así a cara?

-Fíxomo un que se chama Moreira, e ódiame porque unha vez baleirei un balde de mexos encima da súa cabeza. Por accidente, que o saibas. Antes de que puxeron as cloacas modernas, sabes?

-Malditos golpistas de merda- dixo Ms Lyebuck, indignada. Eu contorsionei a miña cara rota en algo que se parecía a un sorriso.

-Sinceramente, na súa situación, eu faría o mesmo. Un balde de mexos na cabeza é algo que non se esquece nin se perdoa.

Recostei contra a parede e procurei atopar unha posición que mitigase a dor no meu peito. O sangue afogábame o nariz. A verdade é que xa non tiña medo, polo cansazo e as dores, supoño.

-Unha pregunta- seguín-, o fumo que está subindo da praza… están queimando a taberna?

-A taberna non- díxome ela cun ton abatido.- Fixeron un fogueira para queimar os libros de texto de Historia Nacional que trouxemos á mañá, máis case todo o que hai na biblioteca pública. Podes crelo?

Pechei os ollos e suspirei.

-Isto só quere dicir que eles son máis listos que vós.

-Que dis?

-Ms Lyebuck, ti sabes como se chamaba a prostituta predilecta do noso patriarca, o gran Chaffinch Pigg?

Sabíao ou non o sabía? Non volo podo dicir. Non o lembro, ou caín durmido nese intre. Así, sen máis cerimonia, terminou a miña experiencia da Magna Revolución do 16 de agosto – e por certo hai moita xente que a pasou bastante peor.

 

Agora procederei a falar do meu xuízo e o tempo que pasei no cárcere… [Nota do censor: publicábel ata este parágrafo. O relato da Magna Revolución é problemático, pero admisible se consideramos que a última pesquisa da Comisión Popumilitar (Decreto C.P. 14/132) determinou que si se produciron certos excesos durante ditas xornadas. Porén, o que vén despois (todo o que é a sección sobre o xuízo e o cárcere) son puras mentiras que responden ao deseño de difama-lo Gran Goberno Fetishista. (Firmado: P.D.W.)]

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí