Iniciación e inmersión: Panza de burro de Andrea Abreu

Falamos de "Panza de burro", unha novela iniciática que coa súa narrativa atrevida e desprexuizada revolucionou este ano as letras españolas.

Poucas veces se ten a oportunidade de asistir a un fenómeno literario tan singular e que provoca unha reacción tan unánime coma o que asina Andrea Abreu (Icod de los Vinos, Tenerife, 1995) na súa primeira novela, Panza de burro. A que xa é a gran revelación (e revolución) das letras españolas deste ano 2020 segue colleitando éxitos de público e crítica alá onde vai cunha proposta fresca e orixinal, que non deixa indiferente a ninguén e que engaiola dende o primeiro parágrafo.

Malia ser esta a primeira novela da súa autora, non é nin moito menos a súa primeira experiencia literaria. Abreu, xornalista de profesión, xa publicara en 2017 o poemario Mujer sin párpados e o fanzine Primavera que sangra, ademais de obter o accésit do XXXI Premio Ana María Matute de narrativa de mulleres en 2019. O seu rompedor debut na novela, Panza de burro (editorial Barrett), ten a súa orixe nunha idea narrativa autoficcional por madurar que Abreu foi presentando aos poucos nun obradoiro de novela coa editora Sabina Urraca, agora encargada da presentación deste libro nun dos prólogos máis entusiastas cos que unha lectora pode ir dando forma ao seu horizonte de expectativas.

Andrea Abreu, Fotografía de Alex de la Torre. Panza de burro
Andrea Abreu. Fotografía de Alex de la Torre

O relato embrionario de autoficción de Andrea Abreu foi transformándose pouco a pouco na historia de iniciación de dúas cativas unidas por unha amizade dependente e nada idílica baixo o ceo gris e abafante dunha pequena vila da illa de Tenerife a mediados dos anos 2000. Unha premisa aparentemente sinxela cuxa enorme complexidade se desentraña segundo imos avanzando nunha lectura trepidante, cun máis que notable fondo lírico e no que se albisca unha decadente beleza que non pode máis que fascinarnos.

A andaina da nosa protagonista (cuxo nome nunca se menciona na novela pero sobre a que recae a voz narradora en primeira persoa) e a súa amiga Isora naquel verán calquera do novo milenio componse dunha serie de vivencias correntes propias da pubertade (e profundamente marcadas pola precariedade que afecta ás súas familias e ao barrio no que viven), as cales Abreu transforma nunha intensa experiencia iniciática. A autora é quen de diluír a fronteira entre o sórdido e o fermoso e de manter un equilibrio poético en torno a este difuso límite dun xeito maxistral, facendo disto o principal fío condutor do seu relato.

Tampouco se renuncia en Panza de burro a situar o foco argumental sobre temas incómodos ou grandes tabús que non sempre achan acomodo no feito literario ou que, pola contra, acaban sendo desenvolvidos neste do xeito máis mediocre e maniqueo. Abreu asume todos os riscos e non só sae airosa, senón que acada ese cénit de perturbación e abraio propio dun descomunal talento narrador ao poñer enriba da mesa todas estas cuestións. Sucede, por exemplo, cando describe a cara máis descoñecida e menos agradable da vida no arquipélago canario, na que a precariedade das clases obreiras contrasta (e moito) coa postal turística e vacacional que topicamente se lle asocia ao lugar e que só é posible coa pauperización das traballadoras. Acontece tamén cando decide con toda a afouteza tratar a sexualidade na infancia, en particular o que atinxe á masturbación e o autodescubrimento da propia sexualidade a través da mesma, un tema que preocupa e mesmo obsesiona ás cativas protagonistas e que rara vez se sitúa no centro dun cadro de costumes sobre a nenez e a preadolescencia.

Panza de burro.
Portada de Panza de Burro sobre foto de Rupert Ganzer. O barrio de Garachico en Santa Cruz de Tenerife

Panza de burro ofrece unha ollada impregnada de exornación arredor do humilde e mesmo do marxinal no que a referencialidade cultural adquire tamén un destacado protagonismo. A complicidade do lectorado xa é constatable cando Abreu sobe un chanzo máis e nos leva a percorrer os sons, as imaxes e as pantallas daqueles 2000 cada vez máis obxectificables no nostálxico (especialmente para as que vivimos a nosa infancia e/ou adolescencia naqueles tempos e que xa entendemos todas estas referencias coma unha distinción case totémica da nosa identidade xeracional). Nalgúns capítulos como Voy aserte caricias ke no san inventao (cuxa premisa é o gusto das rapazas protagonistas polos temas de Aventura) ou iso_pinki_10@hotmail.com (centrado na primeira gran experiencia relacional mediante a tecnoloxía que supuxo o xa defunto messenger), explórase a vinculación das protagonistas con este universo referencial, o que tamén redunda nunha chiscadela á potencial lectora.

Certo é que o comentario arredor da lingua empregada por Abreu comeza a ser un recurso trillado en calquera recensión que se poida facer sobre a súa magnífica obra. Mais son precisamente a manifesta naturalidade desta lingua, o desapego da norma estandarizada, o emprego tan atinado e preciso da xerga dos preadolescentes da xeración millennial, así como o non menos valioso recurso á variedade dialectal da lingua castelá propia das Illas Canarias, os elementos que contribúen a construír, a dar verosimilitude e a crear unha atmosfera. Unha atmosfera de inicio exótica que axiña se asenta no maxín do lectorado con ese pouso de familiaridade que o conduce á inmersión total na narración. E, dito sexa de paso, sempre reconforta que unha obra así, tan apegada ao local, a un lugar tan concreto e circunscrito a un ámbito xeográfico moi determinado, goce deste éxito, desmentindo unha vez máis o mantra penosamente recorrente (e de todo falaz) que afirma que os relatos inseridos en tales contextos non poden aspirar á posibilidade de chegar a outras sensibilidades e tornar universais (no sistema literario galego estamos ben afeitas a tal consideración malia que de cando en vez os feitos refuguen tan interesada aseveración).

En definitiva, Panza de burro é un deses libros que parecen feitos para subliñar cada oración en cada parágrafo e en cada capítulo, e que tamén semellan nados para reapropiármonos de cada unha das súas sentencias. É tal o coidado e a autenticidade da prosa de Abreu, e o carácter de experiencia total que é quen de imprimir á súa narración, que o lectorado fica rendido. Unha asombrosa e practicamente perfecta estrea novelística que nada ten de hype magnificado, pois a súa calidade e a súa valía son absolutamente demostrables e obrigan a ficar moi atentas ao futuro dunha autora que xa é moito máis ca unha promesa literaria.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí