O proxecto do profesor Artecona ou unha Caixa de Pandora dixital

Un relato sobre a morte, contado dende a perspectiva dun rapaz que xa a viviu... ou xa a morreu... en fin, é un relato sobre un morto e os seus segredos.

As persoas teñen máis enerxía xusto despois de que se lles pare o corazón e se lles peche o chiringuito cerebral. Cústalles estar quietas. Axiña se decatan da súa morte e comezan a aburrirse. Que embrutecedor o cárcere cadavérico. Pouco tempo despois, chegado o intre de máxima axitación, as persoas saen da boca do seu propio corpo e vanse á outra vida. As máis despistadas guíaas a Morte ou un dos seus lacaios, pero moitas conseguen chegar soas.

O máis normal é que non volvamos saber nada deles, dos que marcharon máis alá. Pero de cando en vez, digamos nun caso de cada dez millóns ou así, unha persoa recentemente falecida que vai andando polas sendas da morte, ou que está sentada na antesala da outra vida, ou que aínda está petando nas portas cerúleas, lémbrase dalgún ‘cabo solto’ que deixou no mundo dos vivos, e ao entaboar a súa inquedanza co funcionariado mortífero, consegue unha licencia especial para volver á Terra e ‘atalo’.

Recalquemos: non vale calquera cabo solto. Deixaches o forno acendido? Non será para tanto. E hai xente realmente parva que pide permiso para ir despedirse dos seus seres queridos. Como se os demais non os tivésemos e non agradeceriamos a mesma oportunidade: era o que faltaba. Pero é certo asemade que non se trata dunha ciencia segura. Máis que nada, é cuestión de falar coa Morte e comerlle a cabeza un pouco, chorarlle as túas penas a ver se cola.

Iso si, o asunto que se quere arranxar ten que ser algo bastante grave, pois as persoas agochan cousas esperpénticas debaixo da pel, onde non se ven.

A alegre campaíña anunciara a entrada do novo cliente.

Detrás do mostrador, a rapaza estaba petrificada de medo. O sol de febreiro penetraba o escaparate e salientaba todos aqueles horribles ángulos. Salientaba como a pel se cinguía celosamente ás costelas, aos cotobelos e aos pómulos.

Pel espida de pergameo. Palidez de veas secas. O novo cliente camiñou cara á rapaza. Cruzou a paso lento os escasos metros que os separaban. Fitábaa con ollos que parecían pozos negros.

A rapaza agarraba o bordo do mostrador para non caer. Quería fuxir. Quería ter pánico e que o seu corpo lle deixase fuxir, pero non podía. Apoderárase dela unha petrificación total. Os músculos tensábanselle e as súas unllas romperon contra o cristal do mostrador. Debaixo crecían as manchas moradas.

Fitábaa con ollos que parecían pozos negros en cuxas remotas profundidades acarroulaba algo sucio e gris. Todo lle era contraditorio. Un corpo chupado e escuálido, un esqueleto andante que enchía a tenda toda coa súa escura presenza. Abriu a súa boca pequena e parecía a gola dunha monstruosa anguía das fonduras do mar.

Abriu esa boca de anguía para falarlle á empregada da tenda. Unha boca desproporcionada. Parecía un túnel. Parecía unha xanela a unha noite sen estrelas. Era suficientemente grande para tragala. Abriu esa boca espantosa e faloulle á rapaza da tenda de informática.

Ola, boas, que tal? Chámaste Salomé, non? Mira, tróuxenche un portátil o outro día para que mo reparásedes. Aínda o tedes?

A rapaza soltou unha boqueada afogada, desprendeu os dedos ensanguentados do mostrador e caeu a chumbo, quedándose inconsciente no chan.

¡Me cago en la leche!

O cliente precipitouse ao outro lado do mostrador. Que lle pasaría á tipa? Viu sangue nas súas unllas e a camiseta empapada de suor. Salomé tiña o móbil pousado na páxina dun xornal. Colleuno o cliente para chamar e pedirlle socorro a alguén. A quen? Daba igual porque non podía desbloquealo, non porque non soubese o código, senón porque a pantalla non recoñecía as tolas andanzas dos seus dedos.

Por que non funciona esta puta merda?

Frustrado, seguiu intentando con máis ansias. Pero de repente parou. Que cretino era. Claro, como estaba morto, obviamente non lle ían funcionar os móbiles, polo menos os que tiñan pantalla táctil. Claro, estaba morto e daba noxo. Ou medo. Apagou a pantalla e contemplouse o rostro nela, reflectida en negro, os ollos infindos de negrura, a pel estirada até case estourar sobre a forma da caveira, a fileira de dentes despoxados de enxivas. Deuse un susto a si mesmo. Definitivamente, o que daba era medo.

Pobriña. En principio esta rapaza era a única que podía velo; para os demais seres vivos el sería apenas o rumor dunha sombra ou un pequeno sopro de brisa. De pouco serviría o móbil, aínda que puidese desbloquealo.

A cousa puxérase fea. A empregada da tenda de informática que se encargara de repararlle o portátil, é dicir a única persoa capacitada para arranxarlle o seu problema, xa non estaba en condicións para facer nada de proveito. Un infarto, tal vez. Tampouco tiña porqué preocuparlle demasiado o estado de saúde da rapaza, porque a el iso de morrer en realidade non lle parecera tan mal. Preocupáballe máis o estado da súa misión. Era importante, tan crucial que transcendía a mesma fronteira da morte.

O cliente pasou por unha cortina de contas á sala traseira da tenda, ao sanitario prohibido a toda persoa allea ás reparacións de dispositivos informáticos. Aquí non chegaban os raios do sol. A luz cruel e branca dunha bombilla descuberta iluminaba as superficies de aluminio, as escintilantes puntas de chaves de fendas e soldadores, máis varios portátiles en diversos estados de autopsia e descomposición. E tamén viu o seu portátil. Facíase notar pola súa cor azul claro e polo adhesivo de Nunca Máis que lle pegara sen pensar no Prestige, senón para que fixese de talismán contra outro tipo de mancha devoradora que medraba dentro de el.

Claro que el non podía reparar o portátil. Tiña que atopar un xeito eficaz de destruílo, pero non tiña moito tempo. Podería pechalo nun forno e preparar un saboroso asado de circuítos. Podería coller un martelo e asañarse con el. Podería coller un bus aos acantilados e deixalo caer na furiosa garganta dunha furna, deixar que o mar esnaquizase a maldita máquina. Podería facer as tres cousas seguidas, pero tiña pouco tempo. En calquera momento a Morte levaríao á outra vida de novo.

Pero tampouco quería destruílo. Nese portátil gardábanse poesías que el compuxera e cancións que gravara, e quería que a súa familia, o seu mozo e os seus amigos as puidesen desfrutar, e dáballe igual que isto fose unha forma de vaidade – quería deixar algo no mundo. Era un legado pequeno, incluso risible, pero algo orixinal e irrepetible. Pero ao mesmo tempo… ollou o adhesivo de Nunca Máis, pensou nos fornos e o martelos e as ondas do mar…

Escoitou un lixeiro movemento dende detrás da cortina de contas. O cliente achegouse a ela pero non pasou ao outro carón. Salomé xemía e laiábase no chan. O cliente falou. Ao contrario do aspecto tremebundo do seu corpo, a súa voz seguía sendo practicamente a que tivera en vida.

Estás ben? Eu estaba preocupado. Non che vou facer dano.

Escoitou de contado como acelerou a respiración da rapaza, como lle entrou o pánico.

Teño que chamar. Teño que chamar a policía. Merda. Merda. É real. Chamar policía —murmurou Salomé en baixo como unha louca de películas.

Que pesada era.

Non che vou facer dano —continuou o cliente, pasando agora ao outro carón da cortina e alzándose como unha torre de carne podre e morte esfameada que ameazaba con caer enriba dela en calquera momento, enchendo case involuntariamente a tenda baleira da súa aura inhumana—. Digo, non che vou facer dano sempre que fagas exactamente o que che mando facer.

Salomé reclinouse contra o mostrador e respiraba axitadamente. Tapouse os ollos para non o ver.

Estás morto, verdade? —dixo ela ao cabo duns instantes: un rumoreo apenas perceptible.

Estou. E como tal, renacido, son inmortal. Ti fai o que che mando, porque se non, xa sabes, non hai nada no mundo que me poida matar. De acordo?

Ela asentiu. O cliente defunto ensaiara estas declaracións impresionantes antes de chegar á tenda. Non sabía moi ben se tiñan sentido. De feito, como el nin sequera tiña músculos, se á rapaza se lle metese na cabeza a idea de resistir fisicamente, o máis probable sería que se acabase o choio e punto. Porén, como vía que Salomé comezou a chorar, que o seu corpo se arreguizaba dun pranto silencioso, el empezou a sentirse bastante culpable.

Vale, xa está ben. O meu nome é Xacobe e vouche dicir o que quero que fagas. Tróuxenche hai uns días aquel portátil azul claro que tedes atrás. Cando o teñas reparado, quero que me prestes un pequeno servizo. Abre a carpeta “Documentos” que está no escritorio, logo abre “Uni”, logo entras en “apuntes segundo ano”, logo “fofmap”, logo “carpetas2”, e nesa última hai unha carpeta que se chama “Proxecto profe Artecona”. Esa carpeta? A derradeira? De Artecona… bórraa. Non a abras. Bórraa.

Pasaron uns intres sen que Salomé dixese nada. Finalmente, falou.

Isto é o único que teño que facer?

Ela destapouse os ollos. A aura inhumana de Xacobe parecía retroceder ante o avance dunha fronte de anticlímax.

Pois si —dixo Xacobe—, nada máis. É o único que tes que facer.

Ela ollouno ben. Non sen medo, non sen repulsión, pero xa un pouco máis tranquila. Xacobe lembrou a ondeada de horror que sacudira o seu corpo a primeira vez que tivera aquelas cousas diante dos seus ollos. Esa mesma expresión de noxo e de estar cuestionando o sentido da existencia humana víraa pasar polo rostro de Salomé. Non obstante, cando pasase esa primeira ondeada, xa se podía ‘estudar’ o obxecto con certo ollo crítico, curioso e racional. No caso de Xacobe, a segunda vez que vira aquelas cousas, as cousas da carpeta “Proxecto profe Artecona”, o horror que sentía estaba igualado pola súa curiosidade. A terceira vez só tivera curiosidade… e as primeiras vibracións de vergoña.

Valo facer, entón?

Claro que si.

Outro silencio. Salomé seguíao estudando.

E se…

Non a abras —interrompeu Xacobe—. Bórraa sen máis.

Claro, claro —dixo ela apresuradamente—, pero se mo deixes preguntar, por que non a podo abrir?

Pesada, pesada. E Xacobe non tiña preparada unha mentira convincente. Merda. Deu un suspiro e contou a verdade.

Porque é porno, vale? É porno. Eu morrín e non quero que a miña familia saiba o tipo de porno que me gusta. Pero non abras a carpeta baixo ningún concepto porque é porno extremadamente chungo. Ti borra a carpeta e -creme- vas ser máis feliz porque non podo esaxerar o turbio que é o porno que me gusta.

Aínda coa cara raiada de bágoas, Salomé non puido conter a risa. A Xacobe retorcéronselle as mans. Movéronselle sen querer cara aos seus xenitais para cubrilos e así mitigar a conciencia da súa nudez que de súpeto pesaba sobre el como unha irritante calor externa.

Pero tan turbio é? —bufou a rapaza.

Home, a mesmísima Morte deixoume volver á Terra para pedirche a ti que me borrases a carpeta. Non che parece suficientemente turbio?

Si, e xuro que non che vou abrir esa carpeta, pero non me podes dar algunha pista? Cando eu estaba no instituto, fíxose viral un deses vídeos trampa que só existen para sobresaltar a xente. Supostamente era un anuncio dunha empresa que vendía sandías cadradas como as que teñen no Xapón, pero na realidade picabas no enlace e saíu un home espido nunha gasolineira que…

Non —interrompeu Xacobe outra vez—, a min tamén me ensinaron ese vídeo. A pornografía do ficticio profesor Artecona é bastante peor, aínda que algúns dos vídeos si se gravaron en gasolineiras. E creo que até hai un no que usan unha sandía cadrada.

E que nin a podo imaxinar.

Efectivamente. Nin a podes imaxinar. Pero ollo: non é nada ilegal!

Eu créote.

En serio, nada ilegal. A Morte revisou o meu historial en Internet para comprobalo e todo.

Houbo outro deses silencios incómodos.

Nada, dá igual —continuou Xacobe—. Eu estou morto e non teño que ter vergoña.

Claro que non, home.

A estas alturas o ton, a expresión e a actitude de Salomé eran un conxunto emocional totalmente ilexible: aterrorizada e divertida, incrédula e condescendente.

Claro que non! —repetiu Xacobe coa voz dun cativo petulante e non, como el esperaba, dunha poderosa autoridade sobrenatural—. Eu non teño que darche explicacións. Borra a carpeta sen abrila. Se non o fas, volvo e mátote. Ou peor: fágoche cousas máis degradantes que as que saen nos meus vídeos… que ti non vas ver.

(Unha promesa que soaba infinitamente máis ameazante na súa bulbosa cabeza de extraterrestre).

Con tal sentenza, Xacobe marchou da tenda de informática. Ao final resistiu a tentación de esconder os seus órganos reprodutivos porque ostensiblemente non tiña vergoña.

Salomé, aínda recostada contra o mostrador, tremía co frío que lle daba a súa manta de suor e cos traumas circenses que acababa de sufrir. Doíanlle os músculos, ao parecer castigados por varios maratóns. Ninguén crería a historia do avatar do ceo que traspasou o linde entre a vida e a morte e cuxos exaltados obxectivos consistían en… aquilo. Algo tan lamentable. O pedido de Xacobe non lle parecía vergoñoso a Salomé porque fose unha puritana (ela usaba pornografía e non era ningunha hipócrita), nin tampouco porque os misteriosos fetiches de Xacobe fosen ‘exóticos’ (ao final ela tamén tiña os seus gustos), pero a diferenza del, Salomé non era unha sorte de zombi terrorífico que tivera o morro de axeonllarse ante un ser eterno como a Morte para rogarlle a eliminación duns tristes arquivos nun portátil.

Non sabía se chorar ou rir, así que facía as dúas cousas mentres determinaba o seu plan de acción: (a) asumir que todo foi un pesadelo alucinado e así conservar a súa saúde mental; (b) buscar e borrar a carpeta “Proxecto profe Artecona”, se ao final existía, por se acaso. Polas dúbidas, digamos.

 

Fóra, na rúa, Xacobe sentou nun banco. Estaba inmerso na soidade máis absoluta. El non existía para os transeúntes; unha señora sentou á súa beira e tiña todo o banco para ela. Xacobe viu pasar un antigo coñecido e preguntouse se aquela persoa sabía que el xa non era. A señora cagou un peido e sacou uns cachiños de pan para dar de comer aos pombos. “Señora, por favor, non alimentas as ratas voadoras” pensou Xacobe, e sorprendeuse ante o feito de que o banquete dos pombos o molestaba máis que o seu propio falecemento. A vida gustáralle, e moito. Morrer non quixera morrer, sobre todo nos derradeiros intres antes do accidente de coche que o matara, pero agora que xa estaba morto, curiosamente lle daba bastante igual.

Xacobe pensou nos seus pais e no seu mozo, pensou nas cousas boas que non volvería facer e nas cousas que sempre quixera pero nunca puidera facer, e, como se os seus sentimentos nadasen baixo auga -era o mellor xeito que el atopaba de describilo-, non puido sentir máis que unha vaga e débil noción de saudades.

As sensacións da vida ían esmorecendo. Máis nítidas eran as da morte. Os sismos de vergoña que reverberaban na súa pel non minguaron ao longo das horas que pasou sentado no banco, a pesar de que o seu próximo destino presumiblemente ía ser unha eternidade de paz, é dicir un período de tempo literalmente infindo en que el non estaría facendo o idiota. Como tal, todo o episodio da tenda de informática non tiña porqué serlle demasiado traumático. Pero si que llo era. Lembraba as imaxes gardadas naquela carpeta e tiña vergoña. Lembraba as veces que estivera plantado diante do portátil cos dedos encima do adhesivo de Nunca Máis, aferrándose a el como a un tótem que lle daba a forza para non sucumbir aos seus peores impulsos, e lembraba as veces -se cadra a meirande parte delas- que fallara a maxia do Nunca Máis e que el abrira a carpeta, baixara os pantalóns e… e logo máis veces, e máis e máis e máis. Disto tamén se avergoñaba. E lembraba estar deitado na cama despois, todo suor e perversión e auto-odio, sentindo a culpa que pesaba sobre el como o corpo dun amante cruel e abusivo. E sentía vergoña.

Quizais a morte fose isto: unha eternidade, non de paz, senón de vergoña porque lle gustaban as cousas horripilantes que se podían facer cunha sandía cadrada nunha gasolineira (entre outros medios e outras inmundicias).

Ao cabo dunha hora, chegou a Morte no seu carro infernal. A Morte dirixiulle a Xacobe un sorriso cómplice cunha boca que NON SE PODE DESCRIBIR PORQUE OS MISTERIOS DA MORTE LLES ESTÁN PROHIBIDOS AOS SERES HUMANOS MENTRES NON CHEGUEN AO DESENLACE FINAL. E así marcharon de volta á outra vida no carro infernal, que por certo era un Peugeot.

O profesor Artecona e a Pandora dixital
‘Xacobe’ (2019) por Salomé

 

Imaxe de portada: ‘Head VI’ (1949) de Francis Bacon

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí