Proxecto Rizoma: a academia ao rescate da música underground

Falamos longo e devagar coa socióloga Nía Tarrio. Co seu Proxecto Rizoma trae novas olladas a historia da música underground en Galicia.

A RAG define rizoma como “talo subterráneo ou rastreiro similar a unha raíz que medra perpendicularmente á parte aérea”. Nía Tarrío, a nosa protagonista de hoxe, compara o comportamento da escena underground co desta técnica de reprodución. A música, a parte visible da planta, é o resultado dunha complexa rede de raíces e xermolos que mudan constantemente. Na súa tese doutoral Nía está a explorar o pasado, presente e futuro da nosa escena. Tamén é o cerebro detrás de Proxecto Rizoma, unha iniciativa nas redes sociais para divulgar os avances da investigación, visibilizar bandas e proxectos e recompilar información da propia comunidade. Conversamos con ela sobre a súa investigación, a historia do underground e algunhas das escenas galegas máis senlleiras.

Nía Tarrío (Proxecto Rizoma)

O underground é un campo de investigación relativamente novo, comparado con outros tipo de estudos sociais.

O termo underground vén do campo dos estudos culturais e comeza a estudarse nos anos 70, segundo sinala Mario Maffi. Aínda que conta con máis de cincuenta anos de historia, o labor investigador neste campo non tivo un desenvolvemento continuo. A excepción do CCCS de Birmingham e dun número moi limitado de escolas e departamentos académicos, non é moi habitual que se aposte por este tipo de estudos.

Centras a túa investigación na música undeground. Que che levou a escollelo?

Formo parte do grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña, un grupo de investigación especializado en Ciencias Sociais aplicadas ao estudo do territorio e do espazo. No meu caso, sempre me atraeu a idea de como as identidades se relacionan co territorio, e o feito de establecer unha mediación coa música paréceme brutal. Síntome moi vinculada co mundo do hardcore e pregunteime moitas veces: “Que pasou na nosa escena underground?”. Non coñezo ningún traballo puramente académico que fale dela.

Existen obras históricas, normalmente centradas no ámbito descritivo. Por exemplo, Alfonso Espiño ten un libro interesantísimo sobre a “música moderna” en Santiago (beat, yeyé, incluso rock progresivo) no que condensa practicamente dúas décadas daquela escena, con todo moi ben documentado. Pero eu non me sinto cómoda nese estilo de investigación, a miña formación non é en Historia. Como son socióloga, prefiro coñecer a relación entre os e as axentes, os procesos que teñen lugar no territorio.

Fixen o Traballo de Fin de Mestrado sobre a transformación cultural do Resurrection Fest e o seu impacto na construción identitaria do público, tentando comprender tamén o valor da escena hardcore que tiña lugar en Viveiro. Para min foi un pulo, era unha idea que xa me roldara a cabeza durante todo o mestrado. Foi un primeiro paso para adentrarme na Socioloxía da música, a musicoloxía e outros campos relacionados. Unha vez defendido, suxeríronme que debía seguir co tema. E o certo é que se trata dun nicho de investigación moi interesante. Así que foi un desenvolvemento orgánico, no que se xuntou a miña vocación cunha oportunidade de facer unha investigación novidosa.

Ademais de cuestións teóricas, na túa tese tamén fas traballo de campo, recompilando información da escena. En termos de bibliografía sobre a música popular, entendo que tiveches que comezar a investigación practicamente dende cero.

Como dis, non se trata só dunha investigación nun ámbito teórico ou sobre a bibliografía dispoñible. Trato de abranguer a totalidade da escena. Por desgraza a bibliografía sobre a música galega, agás do folklore (o cal tamén ten grandísimas lagoas e limitacións), é moi reducida. Para o que chamamos análise documental emprego ferramentas ou información que ata hai ben pouco non se consideraban lexítimas no mundo académico —e no que a día de hoxe seguen existindo reticencia— , como as revistas, os fanzines ou os carteis de concertos e festivais. Este materiais, creados polas propias comunidades, achegan moitísima información sobre os espazos nos que se moven, as persoas que os conforman ou a linguaxe que empregan. Pero o certo é que a recompilación destes materiais consume moito tempo. Agardo que o proxecto me leve non só o tempo da tese doutoral, senón moitos máis anos de vida académica (risas).

Xa me pasou de subir algunha información e que me escriban por privado dicíndome “Isto non está ben” ou “Teño esta información que che pode valer”. Facer estas redes de colaboración é tremendamente valioso.

Entendo que empregarías como punto de partida Unha Historia Da Música En Galicia. 1952-2018 de   ou as obras de Xavier Valiño. O propio Fernando Rego falábanos da ausencia de biografías ou libros sobre discos, así como a falta de diferentes voces narrando a historia da nosa música popular.

Si. Hai xente moi boa e cunha motivación brutal como Valiño ou Fernández Rego. Sen ter o “título” de investigador ou estar relacionados coa academia na práctica fan ese labor. Pero un dos principais problemas da baixa produción científica no campo é que tampouco se definiu un punto de partida claro. Como resultado, ás veces quedámonos en estudos moi cortiños ou centrados nunha escena ou poboación. Volvo ao libro de Espiño, o cal é marabilloso. Ten fotografías, biografías e entrevistas, en total son arredor de 400 páxinas falando dunha década e unha escena moi concreta. Cando un se enfronta a unha investigación, intenta acoutar un xénero musical ou a unha determinada época, iso é o ‘normal’.

Mais o problema de acoutar é que ás veces márcanse límites ficticios entre xéneros musicais que quizais non existiron na realidade. Por exemplo, en Escuros, roncos e acompasados, un documental sobre o death metal nos anos 90 en Galicia, sinalan que nalgúns momentos punks e heavies ían aos mesmos concertos, algo impensable noutras escenas. Interésame moito entender eses procesos, entender como se relacionan as distintas comunidades musicais para entender o que aconteceu en Galiza. Non pasa só aquí. Esta visión de conxunto falta tamén no Reino Unido ou en Estados Unidos. Salvo que vivises aquela época e o contes tal como foi, o normal é acoutar, especificar e profundar nunha comunidade. Pero dese xeito vanse creando divisións artificiais no relato e nos discursos. Na miña investigación tamén vai existir un relato, obviamente, mais intento partir dun enfoque máis xeral. O cal non está exento de riscos nin de críticas.

Céntraste nas escenas do punk, o hardcore e o metal, xéneros doados de asociar co undergound. No Diario cultural comentabas que tamén hai undeground noutras músicas, como o jazz.

O underground existiu sempre nas manifestación sociais e culturais. Un exemplo do que fala o antropólogo Marvin Harris no libro Vacas, cerdos, guerras y brujas son as propias orixes dos cristianismo. Os primeiros cristiáns reuníanse nas catacumbas, en pequenos grupos onde tamén existiron procesos de resistencia e rebelión fronte ás autoridades da época. Nalgún momento, o cristianismo tamén foi undeground (risas). Relacionado coa música, o underground é máis evidente cando “xorden” novos axentes, como a xuventude, moi ligada á idea de ocio e consumo, pero tamén ás clásicas ideas de subcultura ou contracultura. A día de hoxe, esta relación é debatible e matizable, xa que as persoas envellecemos e seguimos participando dos rituais destas ‘subculturas’.

Unha das manifestacións claras do underground foi o movemento hippie dos 60 en Estados Unidos, que chegou aquí máis tarde, cara mediados-finais dos setenta. O undeground pode verse en forma de contracultura, o que implica que existen valores e comportamentos contrarios á cultura hexemónica que son visibilizados de xeito evidente para toda a sociedade. Pero tamén hai outro tipo de cultura underground que non chega a ser contracultural porque non ‘agroma’ e non é facilmente visible. Tamén hai a noción de que o undeground é o oposto ao mainstream, pero este concepto é moito máis profundo.

Eu elixín o rock pero podería escoller o jazz ou trap, porque nas súas escenas tamén existe esa parte de invisibilidade. As comunidades do underground somos de maneira simultánea visibles e invisibles. Somos visibles debido á nosa estética e aparencia, pero tamén invisibles, xa que a xente non sabe identificar onde nos reunimos, que tipo de eventos organizamos, como socializamos, etc. Como dicía Frank Zappa: “O mainstream vén a ti, pero ti tes que buscar o underground”. E si, hai underground en moitos xéneros musicais. Por exemplo, en Galiza temos unha repunta moi potente do trap e do drill. Estou segura de que a maioría da xente non se sabe onde se reúne ou que eventos organizan estas escenas.

Un exemplo das publicacións que Nía fai na parte divulgativa do proxecto.

Unha das achegas que fas a través do proxecto Rizoma é dar visibilidade ao underground máis alá da música, falando de todas as axentes que participan na escena.

A partir do rock e, no caso de Galiza, sobre todo o punk, pode verse que a música é algo moito máis que música. É un compoñente identitario que contribúe a  expresar como nos definimos ou sentimos, e non só a nivel individual. Somos seres sociais e buscamos colectividades, xente coa que temos afinidade. Pode ser de maneira efémera, a través dun concerto, ou algo permanente, sostido a través da participación continuada na escena. Na Socioloxía entendemos a música como algo ligado ás comunidades e á relación da sociedade con estas.

Que coordenadas temporais manexas? Entendo que partes da chegada do rock a Galiza e o estoupido do punk coa Movida en Vigo.

Teño problemas para identificar o comezo, quizais pola miña falta de formación en Historia. Houbo bandas como Goma 2 ou NHU  que indican que puideron ser máis que bandas illadas, pero cuxos nomes prevaleceron sobre outros grupos do que puido ser unha escena. Pero a resposta a esa pregunta seguro que a dará o traballo de campo. Alégrome de non ter respostas a todo agora. Ás veces atopas a información en blogs con 100 visitas, iso si que é investigación underground (risas). Fáltame o máis importante, falar coas persoas que viviron aquela época e preguntar como aconteceu todo iso.

Portada do disco homónimo da banda de rock progresivo NHU

Ás veces parece que hai un certo discurso de que aquí o rock comezou coa Movida, e que nos noventa só existiu o bravú.

Eu creo que é consecuencia do xeito en que se escriben as obras. O libro de Fernández Rego é espectacular. Quizais a única pega que lle vexo como investigadora é que se centra sobre todo en describir os proxectos musicais. Esa descrición come o elemento estrutural do todo, o contexto no que xorden as bandas e as escenas. Fíxate no espazo temporal do que estamos a falar. Falamos de NHU a mediados dos 70, e a chamada ‘Movida’ xa chega a finais desa década e principios dos oitenta. E iso non se narra. Ás veces facemos asociacións atando cabos porque nos son útiles, pero en realidade establecemos relacións e causalidades ficticias. Queda moito traballo por facer. Oxalá poida ir dando algunha resposta aos baleiros, aínda que esta sexa pequeniña.

Nese sentido reivindicas o valor da entrevista e outras fontes de información primarias como xeito de “saltar” eses filtros que, aínda con boa intención, ás veces son subxectivos.

Incluso nas entrevistas coas persoas que viviron aquela época existe ese filtro. Para comprender o punto de partida da miña investigación hai que ter en conta que pasaron xa cincuenta anos. Co tempo crease unha reinterpretación individual e social da Historia e narramos os acontecementos con certa nostalxia ou romanticismo. Sen o material da época é difícil ter información dos valores, da linguaxe ou do relato dos sucesos. Por iso os fanzines deberían ser como os manuscritos das catedrais, xa que nos aportan información de xeito moi claro para comprender un momento histórico e social específico. Nos inserts dos discos e cassettes e na cartelería atopas moita información, e toda información debería ser lexítima. Eu teño uns coñecementos teóricos para catalogar esa información, pero as expertas no underground son as persoas que viviron ou viven a escena. Elas serán as encargadas de definir que é o underground.

Na Biblioteca do Congreso dos EUA hai arquivados discos de Fugazi ou dos Bad Brains para a posteridade. Entenden o seu valor cultural e antropolóxico máis alá da música. Aquí aínda nos custa valorar as músicas populares como patrimonio cultural.

Aquí as institucións non deron importancia ao rock, o punk ou o metal . E aínda que se trata dunha cultura complexa para patrimonializar, dende as administracións adoitan non tratar moi ben a estas comunidades. En cambio, cando viaxas decátaste de que noutros sitios si existe esa valoración. Por exemplo, na biblioteca pública de Manchester, de sete estantes adicados á música, tres son de punk. Isto fala do seu valor cultural, estético e narrativo. Reino Unido é un exemplo moi claro, xa que ese mito cultural sobre o punk axúdalles a comprender a súa identidade como pobo. No noso caso, o rock, o punk, o bravú ou o metal din moito da nosa identidade, aínda que sexa unha identidade disidente, xa que nunca foron ‘xéneros de masas’.

No undeground galego agromaron bandas ou pequenas escenas que traspasaron fronteiras. Penso, por exemplo, nos Machetazo no mundo do grindcore. No RAI Film Festival [evento organizado por Royal Anthropological Institute do Reino Unido ] presentaches un dos movementos máis peculiares do underground galego, a escena neocrust da Coruña. Como foi recibido polos asistentes?

Despois da presentación tivemos un debate moi interesante. O primeiro que me sorprendeu é que a xente non sabía ubicar Galiza ou A Coruña nun mapa (risas). E segundo, chocoulles moito o contraste cultural. Aquela escena tiña uns valores que rachaban con moitísimas cuestións asumidas da identidade galega, como a gandaría ou o consumo de lácteos e carne. Moitas das protagonistas da escena eran veganas ou formaban parte do movemento animalista, e reflectírono nas súas letras. Outra cuestión que lles chamou moito a atención foi o discurso contra a tecnoloxía. Sempre falamos de que a Galiza non chegou unha auténtica revolución industrial como tal, e este tipo de manifestos normalmente xorden en cidades industriais. Coruña ten e tivo industria… pero é unha cidade industrial? Tanto como para ter numerosas bandas que falen diso dun xeito tan contundente? Son cuestións urbanas e que enraízan máis co que estaba a pasar en Berlín ou en puntos da Europa do Este, lugares cos que despois ves que si houbo relación.

Vai pouco estiveches de estadía de investigación no Reino Unido, na Universidade de Reading. Como foi a experiencia a nivel persoal e académico?

Foi un shock, envexo moitas cousas. Levan investigando dende os anos setenta e é doado atopar bibliografía, vinilos e material da época dun xeito económico. Paradoxalmente, non se lle da ese valor de ‘obra de culto’ e atopas as cousas de maneira relativamente sinxela nas tendas. É unha das cousas que máis boto en falta aquí. Tamén tiven moitos debates co meu supervisor da estadía. Teceu unha rede de estudos sobre subcultura a nivel europeo moi forte.

Por exemplo, cando se tratan as orixes do punk no Reino Unido normalmente non se fala de que alí o estado de benestar permitiu á xuventude ser axentes de consumo, organizarse e expresarse en comunidades. Ademais, dende os inicios dos Estudos Culturais pártese dunha diferenza clara entre as subculturas  (propia das comunidades obreiras ) e as contraculturas (máis vencellada ás clases medias, e cunha alta bagaxe cultural). Resumido dun xeito moi superficial, isto na práctica remata en coñecer que as comunidades subculturais non teñen a capacidade de transformar ‘de raíz’ valores que, supostamente, a contracultura si ten. O caso do punk en Reino Unido foi tratado dende os inicios como un proceso subcultural, moi ligado a manter elementos da clase obreira. E iso pasou aquí? Cando e como pasou? Aquí seguramente houbo unha maior mestura de rockeiros, punks e heavies, que mesturaron elementos culturais de ‘fóra’ dos que se apropiaban, pero que tamén os adaptaron á nosa idiosincrasia. Pensa que o punk estala no ano 77. Aquí Franco aínda acabara de morrer e aínda quedaba moito camiño por facer tras unha ditadura. Ás veces cando se escribe e investiga a música faise un pouco de copy-paste destes conceptos, sen afondar no noso contexto ou na relación das persoas e nos procesos sociais. Estamos a falar de contextos e xeitos de reaccionar diferentes.

En Reino Unido o mito cultural sobre o punk axúdalles a comprender a súa identidade como pobo. No noso caso, o rock, o punk, o bravú ou o metal din moito da nosa identidade, aínda que sexa unha identidade disidente, xa que nunca foron ‘xéneros de masas’.

Proxecto Rizoma nace como un espazo para divulgar o teu labor de investigación, enchendo ese baleiro de información do que falabamos antes.

Dáme mágoa non ter máis tempo, pero a investigación académica é moi sufrida (risas). Nun post de cinco ou seis diapositivas tes que condensar moitísima información e resulta imposible ter tempo para pararse, dixerila e comunicala dun xeito accesible. Gústame facelo porque non temos moita cultura divulgativa da investigación académica, e a pouca que hai é a posteriori da investigación, o que fai que a comunidade da que falas non poida aportarche moito máis que likes (risas). O mellor de facer este proxecto en paralelo á tese doutoral é que as propias comunidades poden validarme. Xa me pasou de subir algunha información e que me escriban por privado dicíndome “Isto non está ben” ou “Teño esta información que che pode valer”. Facer estas redes de colaboración é tremendamente valioso.

O feedback da comunidade como ferramenta de validación é unha idea moi potente, un xeito de devolver ás persoas ao centro da investigación e á vida académica.

Sen ese feedback das persoas comprometidas non habería investigación, sería eu falando unicamente de cousas que lin. Hai moitas persoas activas que aportan ou incluso cuestionan cousas do proxecto. Por exemplo, vai uns meses recompilei varios fanzines e montei unha fanzinoteca de acceso aberto  e houbo un pequeno debate. Algunhas persoas preferían que os fanzines non se publicasen en dixital porque o formato orixinal era en papel. Estas pequenas interaccións, que poden parecer nimias, son moi importantes. As redes sociais son fundamentais e poden axudar a democratizar a investigación. Facilitan información que non se obtería polas canles tradicionais. O proxecto é moi novo, acaba de cumprir un ano e fáltame aínda esa parte de contacto coas persoas. Pero xa teño moi boas experiencias de xente que se preocupa por aportar información.

Ademais das bandas, en Rizoma tamén falas do labor doutras axentes da comunidade underground que moitas veces non valoramos.

A propia idea do rizoma ten que ver con iso. A música non só son os artistas e a xente que vai aos concertos. Somos unha comunidade onde todos aportamos e para poder falar de escena temos que ter presente a todas as persoas que a fan posible. Por exemplo, poucas veces se fala do persoal de limpeza das salas e asociacións. E hoxe en día coa COVID son a base para poder asistir a un concerto. Tampouco se fala dos que venden o merch nin das artistas encargadas do artwork. Ningunha persoa é máis importante que outra por estar enriba dun escenario. A música é moito máis que iso. A escena underground existe grazas a esta rede densa e forte de sustento.

Outra das cousas que reivindicas é o papel das mulleres nos escenarios e na industria musical.

Obviamente a proporción de mulleres en bandas é moito máis baixa que a de homes. Mulleres houbo e hai pero hai que visibilizalas. Moitas mulleres, nos seus proxectos persoais e colectivos, xa o están a facer. Por exemplo, Maritxu de Uterzine fala de vez en cando de bandas galegas e Laura Romero ten o proxecto de Músicas galegas ilustradas. Patty Castro con Mulleres Galegas Kañeras, tanto do mesmo.

Cando falamos de punk sempre pensamos en Siniestro Total pero aí estaban Aerolíneas Federales, con Coral ao fronte. Tamén tivemos ás Pussycats, que chegaron a tocar coas L7. Riot grrrl na Galiza, nos anos 90. E lembrámonos delas nostalxicamente só cando se fala do Xabarín, cando foi unha banda que deixou moita pegada. Incluso noutros xéneros moi masculinizados, como o caso do Oi!, tiñamos o exemplo de Sonia nos Ruin Bois, e a Sonia Albor, que tocou en Fermento ou Unnatural.

Tamén hai promotoras de eventos das que non se fala. A nosa socialización de xénero e os roles que nos dan ten moito a ver en como nos desempeñamos na sociedade. Por exemplo, se temos presente a dimensión de coidados, vemos que moitas mulleres ‘traballan’ nas barras dos locais. Pero podemos ver menos mulleres técnicas de son e luces ou no backline. Quere dicir iso que non hai mulleres na música? Non. Por iso é importante visibilizar ás mulleres que cantan ou tocan en todas as dimensións. É un dos problemas de reducir a música ao que ocorre  . Música tamén é quedarse na porta vendendo entradas, dar aloxamento ás bandas ou preparar uns pinchos.

Moitas das persoas que narraron e narran a historia non tiveron esa sensibilidade que o xénero che da, e por iso se seguen a escribir a mesma historia. Neste sentido, tamén sei que Rizoma é peculiar. Non é común que unha muller narre un proxecto “xenérico” de música underground, no que se fala da música en xeral, e non exclusivamente dende unha perspectiva de xénero.

Pode ser underground cantar en galego? Por suposto. Pero tamén cantar en inglés para comunicarse con Europa, buscando eses lazos de solidariedade. E iso fala tamén do papel das identidades no undeground. Son pequenos puntos que se van conectando. Por iso definir o undeground galego é complicado (risas).

Como definirías o underground galego? Que trazos ou características diferenciais ten?

Creo que a resposta chegará tamén co traballo de campo. O que teño claro é que hoxe en día non podemos entender o underground como algo dicotómico, hai un contínuum entre o mainstream e o underground. Poño un exemplo: Bala é un grupo ‘puramente’ underground? Pois teño as miñas dúbidas. Agora están con Century Media, un selo grande cun xeito de producir música moi concreto. Pero claro, que facemos co proxecto orixinario co que Bala naceu? Como catalogamos o dinamismo dunha banda? Un grupo pode nacer como un proxecto underground e desprazarse á esfera mainstream, e iso hai que valoralo, xa que fala de transformacións. O underground dos sesenta e setenta non ten nada a ver co de hoxe, o do mundo de Spotify ou Bandcamp. Quen ía dicir hai vinte anos que empregar unha plataforma para escoitar música sería algo para analizar.

Fáltame feedback para pechar a definición do que é o undeground en Galiza. Hai cuestións obvias, como a solidariedade coa comunidade. Esta solidariedade busca ademais intercambios con bandas de fóra para que toquen aquí. Por outro lado, falamos dunha linguaxe, propósitos e formas de comunicación diferentes á fórmula mainstream, tremendamente cambiantes ao longo do tempo, froito da interacción entre comunidades.

Portada da Demo ‘91 do Desvirgheitors, banda de gran popularidade nos fanzines da época.

Hai unha separación entre as bandas de neocrust e o grindcore en Galiza? Pois non o sei. Por exemplo, sobre as “separacións estritas” dos subxéneros musicais:  bandas de punk e metal únense nunha mini-xira ou proxecto porque cantan en galego. Son xéneros e comunidades a priori distintas, pero que une un idioma. Pode ser underground cantar en galego? Por suposto. Pero tamén cantar en inglés para comunicarse con Europa, buscando eses lazos de solidariedade. E iso fala tamén do papel das identidades no undeground. Son pequenos puntos que se van conectando. Por iso definir o undeground galego é complicado (risas). Non podo facer unha definición rigorosa e clara, porque aínda estou a traballar nese capítulo da investigación. O que teño claro é que temos que partir das persoas e as comunidades que o forman. E tamén que non o podemos entender coas definicións clásicas, que son como un todo, unha mole de pedra inamovible.

Outro dos temas que tocas en Rizoma é a labor de bandas, quizais non moi coñecidas, pero que serviron para agromar escenas ou outras bandas.

Non quero particularizalo nunha escena, porque todo no underground ten a súa importancia, pero o neocrust é un claro exemplo. Ekkaia é unha banda que ten miles de escoitas, ou os Ictus; ambos calaron non só en Galiza, senón tamén no Estado e fóra de Europa. Bandas como Maisha ou SL’S3, que quizais non son tan famosos como Ekkaia ou Hongo, tamén contribuíron a crear esa escena. Incluso Use of abuse, que facían un hardcore súper agresivo, deron lugar a moitos dos trazos que logo tivo o neocrust de aquí. É unha maneira orgánica de entender como foron agromando escenas detrás das cale hai un tecido incrible.

Estou pensando tamén en Kozmic Muffin, unha banda de rock progresivo dos 90 que agromou na Agra do Orzán, da que fala Fernández Rego no seu libro. A xente “de fóra” volvese tola con eles e vexo que xente da Agra non saben quen son (risas), e contribuíron a crear unha micro-escena na zona. Hai moitísimo traballo por facer. Agardo falar pronto deste tema en Rizoma. Estamos acostumados a facer listas de bandas “canonizadas” con moitas escoitas. Pero que pasa coas bandas que nunca chegaron a despegar e axudaron a agromar outras bandas? Iso tamén é escena e é moi interesante. Cada pequena acción e proxecto alimenta a cultura underground.

(Sobre o Resurrection Fest) Todos os festivais que teñen acampada teñen esa parte de, non sei se chamarlle nostalxia, pero da estima desas rutinas e vivenzas que desenvolvemos nel, máis aló do plano musical.

Como parte da túa investigación tamén analizaches a evolución e impacto do Resurrection Fest, un dos principais eixos vertebradores do underground en Galiza.

Foi unha pequena parte do meu traballo de fin de mestrado, no que analicei a cartelería de diferentes edicións. O Resu foi un vehículo para que moita xente puidese ver bandas que doutro xeito non tería oportunidade de ver. E tamén para materializar as relacións entre a escena hardcore de Viveiro e Asturias. Foi un proxecto que sempre tivo apoio institucional, non estamos a falar dun proxecto unicamente autoxestionado. A min axudoume a entender a propia idea dun festival como un espazo no que convives coa túa comunidade. Iso implica moitas cuestións íntimas. Todos os festivais que teñen acampada teñen esa parte de, non sei se chamarlle nostalxia, pero da estima desas rutinas e vivenzas que desenvolvemos nel, máis aló do plano musical. Agora probablemente primaría falar doutro tipo de festivais máis apegados á escena local underground, como por exemplo o Siradella.

Hoxe en día os elementos diferenciais do Resu son a súa localización e a historia detrás das súas orixes. A medida que se foi transformando a cartelería, mudou con ela o tipo de público e os servizos que ofrece. Non é casualidade que teña servizo de coidado a crianzas (o Resukids). Iso significa que a xente que vai está envellecendo, ou que o novo público ten un perfil familiar. É un festival para familias e para xente nova que se están a iniciar na escena. Un exemplo claro é cando na edición do 2018 trouxeron a Scorpions e Kiss, ese grupos aos que escoitas fundamentalmente se es un ‘pureta’ ou adolescente (risas). Non quero dicir que o festival estea totalmente vendido ao mainstream, aínda quedan pequenos elementos que se resisten a iso. Pero é verdade que o Resu de hoxe non é o mesmo que o do 2006.

Volvendo á pregunta inicial (risas). Historicamente foi un fenómeno brutal e a historia aínda non está contada de todo. Alegreime moito cando vin o documental que fixeron polo aniversario porque por primeira vez amosouse que había unha escena de hardcore previa e un apoio institucional forte. Catro persoas non poden traer así como así a Sick of it all a Viveiro (risas). É un festival especial porque houbo moitas persoas detrás que apostaron por el.

Quizais é descoñecemento pola miña banda, mais sorpréndeme a ausencia de documentais sobre o undeground galego. Na cultura anglosaxoa está moi normalizado que existan varios documentais sobre os Sex Pistols ou The Clash. Agora con Semente de berrar se cadra comeza a encherse ese baleiro.

A min encántame o audiovisual e os documentais, pero ás veces idealizamos o formato. Son unha ferramenta moi potente de divulgación para a comunidade. Son pequenas pílulas accesibles dunha información que quizais noutro formato non chegarían ao grande público. Pero para as persoas que divulgamos e investigamos, teñen un valor limitado. Cando ti gravas unha persoa e a mostras en escenas de cincos segundos, estás ficcionando un relato. Que pasa cos silencios e as pausas? Como se fixo a pregunta? E que fixeron coas preguntas incómodas ou que non soan ben, pero que son importantes para entender moitas cousas? Ao final gravas moitas horas pero tes que condensalo nunha hora e media ou dúas horas. Que cousas deixas fóra?

Para a pouca divulgación que existiu ata agora no undeground galego si que hai cousiñas. Hai pequenas pezas sobre o rock bravú ou a chamada “Movida de Vigo”. Por exemplo, o documental do bravú está moi ben narrado. Nel falan do contexto e de cuestións antropolóxicas que che axudan a comprender a escena, mostrando que empregaban as palleiras ou os ghalpóns como locais de ensaio. Obviamente Semente de berrar vai a ser un achegamento brutal. Aínda non o vin, pero entendo que falarán doutros temas que rodean á música e que son moi importantes para configurar unha escena. Hoxe en día a xente non tira tanto dos libros, porque non é o que vende… pois quizais complementa o binge watching de documentais e entrevistas! Algúns serán aburridos, pero seguro que hai moitos interesantes Ocorre o mesmo cos podcasts. Contan máis ás veces que cinco segundos cortados nun pequeno vídeo. Axúdannos a entender as expresións e linguaxe da comunidade.

Eu por exemplo quero gravar as entrevistas, e agardo que mas deixen subir sen cortar. Seguramente non teña tantas visualizacións como os documentais, porque non é un formato doado de dixerir. Pero cando de verdade queremos saber en profundidade, é importante ter outra visión. Por que os planos “brutos” non existen nos documentais da cultura undeground? Bótoos de menos. Isto quizáis é algo da Socioloxía, buscar datos e información clave (risas). Ás veces buscamos máis os likes ou visualizacións, e iso lévanos á liña da cultura hexemónica, que é o consumible, o dixerible e doado.

Nía Tarrío: Proxecto Rizoma
Cobertura nos xornais do nacemento do bravú. Diario a A Nosa Terra .

Na ETB non é raro atopar cancións de Negu Gorriak ou La Polla Records no prime time. Aos da nosa xeración tocounos vivir a época bravú, se cadra o máis preto que o underground galego estivo do gran público.

Sobre a idea do bravú non teño dúbidas de que foi algo contracultural. Pero eu vivín iso como unha nena, vendo o Xabarín. De feito, a idea do bravú é de por si unha etiqueta artificiosa. Foron persoas que se xuntaron, fixeron un manifesto e decidiron que bandas formaban parte. Cada unha tiña un estilo diferentes, unhas eran punk folk, outras podían ser ska… E ata tiñas aos Heredeiros da Crus entrando e saíndo do manifesto.

Foi un tema que falei tamén co meu supervisor na estadía. El contoume que os grandes xornais musicais, como o NME, tiveron unha cobertura mediática sobre o punk dende o principio, pero dun xeito ás veces distante, aínda que constante. Os nosos xornais populares especializados na música pouco caso fixeron disto. Mais cando lle contei que aquí tiñamos un programa infantil con grupos de punk ou metal, flipou. Aínda non entendo como fixeron algo tan sólido como o Xabarín naquela época.

Aproveitamos a ocasión para facerlle a Nía unha rolda de consultas rápidas sobre documentación sobre o mundo underground e as escenas galegas.

Un libro para entender o mundo do underground.

Sen dubida The Connected Lives of Dutch Punks de Kirsty Lohman. O libro é un resumo da súa tese doutoral. Fala dun xeito lixeiro tanto de subcultura como do concepto de rizoma, alegreime moito ao lelo. En castelán recomendaría “Rockeros insurgentes, modernos complacientes: juventud, rock y política en España (1975-1985)”, a tese doutoral de Fernando del Val, dispoñible en aberto. É imprescindible.

Un libro para entender o underground galego.

Obviamente Unha Historia Da Música En Galicia de Fernando Rego é esencial. Engadiría diría tamén ¿Rock & grelos? de Alberto Casal, xa que é a primeira historia do rock en Galiza, feito nos noventa, e da que case ninguén fala. Atopeino vai uns meses. E por supostos Ferreñas & Rock and roll de Laura Romero e Iria Pedreira. Fala para todos os públicos (e de máis xéneros que o under), con ilustracións que funcionan, narrando historias de mulleres que foron transcendentais para comprender a música galega.

Un documental sobre a escena underground galega.

Como aínda non vin Semente de berrar, vou recomendar o que para min é ata o momento o mellor documental, Escuros, Roncos e compasados de Luis Froiz e Carlos Pensado, sobre a escena do death metal nos 90.

E tratándose de música, non podemos rematar sen unha recomendación musical para os lectores.

Un disco que vai dar moito que falar, non só agora, senón no futuro, penso que é Territorios de Tenue. Ao meu ver, fóra está tendo unha acollida tremenda, cunha linguaxe emocrust-screamo antiga e recente, adaptado aos tempos actuais. Tamén flipei co debut homónimo de Cruzeiro, un disco de doom, un xénero que non é habitual aquí. Bea ten unha voz incrible e a banda está a reinterpretar moitas das cousas do xénero. Hai moito traballo conceptual detrás. Hai uns días saíu o novo de Mentah, Everyone hates, e estouno escoitando en bucle. Encántame que sexa emo-punk “blandiño” (risas). O Turn up the sneakers dos Wasted Wiltons tamén me encantou. Son bastante mala pensando nunha soa recomendación (risas).

Podedes seguir os avances e publicacións de Proxecto Rizoma en Instagram e Facebook. Para consultar calquera dúbida podedes contactar directamente con Nía en proxectorizoma@gmail.com.

Nía Tarrío Proxecto Rizoma

2 COMENTARIOS

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí