Que non marchen as cores

Inusual crónica insuflada polos versos do García e os ritmos do Quilombo no seu concerto na Sala Garufa da Coruña o 31 de marzo.

This is a journey into sound. A journey which along the way

will bring to you color, new dimension, new value.

Chegou a noite do concerto. Baixo á rúa, sinto o seu recendo.

Do peito algo bate dentro. Imos vendo, temos tempo até estarmos perto.

Hai expectativas ante a nova comitiva

do son.

Con García, outra cor, outra vía.

Non se esperan despedidas. É a partida.

Ponlle música activa, chamativa, combativa

tal como bate o ritmo en mente esquiva.

Redefinindo a nación como os Native Tongues fixeron daquela.

Bandeira negra, estrela vermella.

Cando prendo os cascos, bouran. Cada paso conta beats noutra nota.

Están a estourar. Sempre a acompañar o camiñar, cadrar os pés, te situar

e disonar no deambular ao na fochanca te enmerdar.

Mais agora o clima loce tregua, sabe o que hoxe lle espera:

de lonxe chega a fera. Tons cálidos, sound sistema.

Pola praza Pontevedra xa se deixa ver o Lema.

Dous malandros, mil andrómenas, mallando no hip hop con temas de jazz.

“- Aí vai esta, que me das? – Xa que estás, proba aquí do Old Man Sax-on”.

Emoción por ver hoxe que pasa.

Intención de gravarmos nas tabulas rasas. A fusión vén á casa.

Imos embora, xa case nos é hora.

Nun tempo de petardos, Quilombo é bomba sonora!

García MC e o Quilombo
© Yoshimura Ramon

Desta beira da leira a barra fai de barreira.

No fío sonoro é Gramatik quen se peneira

e a paleta do RH Factor anticipa xa a feira.

Un claro de lúa ilumina o escenario:

o mesmo Chopin co piano está a pintalo.

Pin! Corren o pano os rapsodos mundanos.

Zarpa a nave comandada por exóticos paxaros.

Mariñeiros aos postos, todos prestos a enrolarse.

Teletransporte sen truco. Noiteboa en Harlem.

Así que clap your hands everybody if you got what it takes

Porque o MC e banda farannos ver con outra ollada e tamén mover os pés.

Batería, guitarra, baixo, teclado e trombo

con estes remos Quilombo non toca fondo.

Os pigmentos válense sen bongos

e xunto aos scratches fan que o palco escache.

Entrada xa a noite os artistas petan forte.

Danza sagrada, baila coa palabra.

García transmite en cada parrafada

unha boa tralla. Non esbardalla.

Móvese a xentalla, os ritmos nos corpos mallan.

Espallan unión contra a resignación. En pogos buscar un corazón.

Ese baixo chama á rebelión das pernas.

Faiche movelas, poñelas en on.

A forza da creación, musical revelación.

Esta tribo é a meta ou a continua busca? O Quilombo non se asusta.

Propón na medida xusta: isto é, desbordante.

Cromatismo sufocante contra o gris aberrante.

Abracadabrante. Cadencias imperantes, mestizaxe impactante.

Trae frescura con sabrosura, sementándoa sen imposturas.

Kilos ao lombo desde Colombia e a selva lacandona

portan texturas que mesturan na gramola.

A terra como escola desta escolma soante.

Axitación local que atinxa o global,

os axentes tinxen de maxenta e verde ao persoal.

Cancións baleiras de arrogancia, temóns pra quen cae e se levanta.

Guerrilleiros desde a consciencia, non hai disidencia neste cadro de Laxeiro.

Xuntando na Garufa partes do mundo enteiro.

Reagge, bombo e caixa ou chicha peruana non hai fronteiras para o oficio da palabra.

García MC

O MC garda dentro de si, sen ego, a Marcos e a Celso.

Respecto! Moito Corazón e Mentre Creativa,

Move Consciencias no Mar Cultural, non vai á deriva.

Ten o título do Master Compulsado,

é o consulado da Melodía Camponesa. Hibridación con destreza.

Mesa e Coloquio, soliloquio entre os Moitos Cronopios.

Obvio que hai toneladas disto, rap. Vibracións positivas sen parar.

Peace, unity, love and having fun, xusto o que os quilombeiros che dan.

Pintan cadros que non marcharán.

O micro élle a chave dunha porta que se abre.

Á expresión contra a escravitude non hai quen a cale.

As cadeas de cabeza e pés rómpalles

e que les vaya bonito, órale!

 

Foto da portada, por Rulassie Selektah.

Voar! Un soño compartido por persoas e as aves sen ás. - Troy Barnes

1 COMENTARIO

  1. Encántame o formato desta crónica,
    moito ritmo na lectura e na prosódica!

    Tamén admiro as citas das obras canónicas
    e os anhelos da vida bonita ao final que convocas.

    Non podía resistir manifestalo,
    se non publico isto, penso que estalo.
    Pracer, señor do Val, con vós cantalo.
    MC, non respondas a isto, que me embalo.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí