Reflexións sobre educación VII: O grupo de Tito Pérez e a manifestación explícita do bullying

Ideas arredor do bullying visto con retrospectiva dende o punto de vista dos abusóns.

Hai máis de dous anos xa que publiquei unha recensión sobre un libro de Tito Pérez. Daquela acababa de publicar un capítulo destas reflexións sobre educación, dedicado ao deber do exemplo. Paréceme xusto tratar O grupo dentro da serie que afonda no tema da educación, posto que esta novela (a primeira de Tito Pérez!) basea o seu argumento principal nun defecto da mesma. En concreto, a trama segue un grupo de rapaces (homes) que viven na Coruña e que se dedican a intimidar a persoas non populares que queren ser tan significativas para «o mundo» coma os admirados membros do Grupo. Empregan a forza física e a tortura psicolóxica para intentar diferenciar os bandos: por unha parte, os membros do Grupo; e pola outra, o resto (que non son importantes ou que son pringaos, polo que foco de ofensas). Dentro dese resto hai unha figura principal, Xaime, que intenta entrar no Grupo. Este desexo convérteo en albo de bullying por parte de quen chega a considerar os seus amigos, mais que obviamente non o eran. Sería oportuno pensar se, mesmo cando Xaime non o intentase e pretendese pasar desapercibido, sería un foco de diversión para o Grupo igualmente.

É interesante como Tito Pérez emprega na novela a técnica do contrapunto para reforzar este tema principal. As historias ou capítulos non aparecen seguidas, senón como pequenos flashes que volven ao pasado e que nos permiten coñecer a problemática, as solucións que se deron no seu día. En realidade, unha conversa. Pois en verdade, o desenvolvemento da novela non é máis que unha parola entre antigos compañeiros de centro de estudos que continuaron sendo amigos durante moitos anos.
O feito de estarmos ante unha novela e non un conxunto de relatos, supón tamén unha novidade se atendemos para a obra anterior do autor. No material, está claro que estamos de cheo na súa temática e na súa localización preferidas: A Coruña, a masculinidade, a adolescencia. Porén, con esta mesma materia prima, en O grupo Tito Pérez explora o formato longo e as técnicas narrativas dun xeito moito máis profundo, con ese epílogo e prólogo que son a escusa para a verdadeira historia. Gozamos dun afondamento intensivo nas personalidades das personaxes, dunha historia áxil e dunha obra literaria con conciencia social.

 

Reflexións sobre educación VII: O grupo de Tito Pérez e a manifestación explícita do bullying

O mundo segundo a perspectiva

Interésame especialmente a perspectiva do mundo nesta novela, tan realista para case todos os nenos ou adolescentes. O mundo é o que coñecemos. O que está preto. Comeza na casa, polo que pode chegar dende Coruña até Caión, como moi lonxe, se se ten alí unha segunda vivenda. Mais, cando se volve a casa o domingo de noite, a vida volve a determinar o que é o mundo: o colexio é o mundo para moitos nenos.
Nos centros escolares están as figuras odiadas e as admiradas. Están todas. Por iso os centros educativos son un espazo tan importante. Se un rapaz busca os seus modelos aí, obviamente quererá prosperar dentro dese mundo que para el o é todo. Por isto deixa que lle sucedan moitas cousas que considera inevitábeis para chegar a unha mellor posición dentro dese mundo. O grupo ten unha escala social, unha elite á que só pertencen os seus membros e, aínda que (spoiler) enganen a outros para que pensen que entrarán, endexamais van ser parte do Grupo. Porque eles xa o formaron e xa está, é inamovíbel. Considerar un espazo reducido a totalidade do que se pode atopar no mundo acaba no non-recoñecemento da amizade. Xaime quería formar parte do Grupo e para iso pasou as probas de acceso. Pensou que as superara e que entraría a ser parte desa especie de monarquía autoimposta que tiñan montada na escola e na cidade. Porén, estaba confundido ou, máis ben, enganado; consecuencia de que se pechou nun mundo que está sucedendo nun espazo moi reducido e no cal podes non encaixar.

Moitos alumnos non van conectar cos seus compañeiros. En moitas ocasións, que son as que debemos evitar, porque hai microgrupos ou «clases de persoas» mellores ou peores que outras, dentro deses espazos. Podemos traballar para que todos estean en igualdade neste sentido, intentando evitar desprezos, ofensas, rexeitamentos e todo tipo de bullying. Mais tamén existe a posibilidade de que esas persoas non encaixen por outras causas. Deberían ser tratadas como iguais e deberían ter axudas para atoparen as súas oportunidades fóra dos lugares aos que acoden porque necesitan aprobar o Ensino Secundario Obrigatorio. Xaime terá nalgún momento que descubrir máis mundo máis alá do instituto. Hai máis vida fóra do colexio!

É curioso como esta idea do mundo muda co tempo, como relacionamos isto coa construción do mundo ficcional, nas liñas do que adoitamos chamar “realismo”. Os sucesos d’O grupo ocorren na Coruña, de feito en lugares concretos que se mencionan polo seu nome real ou que se describen perfectamente. Tamén participamos en festas típicas ou costumes da cidade, como o san Xoán. Porén, podería estar localizado en calquera outro lugar. Que cambiaría? De feito, non importa tanto se a novela se basea na realidade ou non, porque sabemos que son feitos reais que poderían ocorrer tranquilamente nos anos 90 ou agora. «Calquera parecido con persoas verdadeiras ou con feitos reais é pura coincidencia» (páx. 5), mais por desgraza coincide.

 

O maltrato nos grupos educativos

Nin os titores legais nin os profesores teñen a culpa, mais en realidade si. O maltrato físico ou psicolóxico leva á orde do día toda a vida. Comprendo que é algo difícil de investigar e controlar, mais é imposíbel? Non imaxino a cantidade de persoas que están sendo Xaime na actualidade. Xaime ten moitos nomes e seguro que moitas vidas paralelas, quizais son homes que non cumpren cos estándares de beleza do momento ou non locen unha pel perfecta todo o ano, mais que tamén son persoas que se queren sentir aceptadas e queridas. Polo tanto, obras literarias como esta deberían ser un pulo ás figuras educativas a todos os niveis. É un exemplo realista que nos debería ensinar a poñer o freo ante a mínima sospeita de abuso físico ou psicolóxico entre o alumnado. E non porque só vaia ocorrer isto na escola, senón porque é para moitos estudantes O Mundo. Por iso, temos moita marxe para traballar no lugar onde para eles ocorre todo. Polo menos durante uns anos. Bastantes horas ao día.

 

As rapazas: o deber de ligar

Ligar non é unha escolla, é un deber. Non es ninguén se tes 15 anos e non andas tras as mozas, non falas das mozas e non te amosas mirando mozas. Aínda que non che gusten. Sen respecto tamén vale: mirar, falar, usalas. De feito, é o máis común. As rapazas como obxecto e como ser humano que se usa é a imaxe máis habitual nos grupos masculinos de idades adolescentes (e non só). Tamén neste grupo feito novela. Obviamente, é unha tarefa pendente aprenderlle ás persoas que non todo o mundo experimenta a necesidade de amosar a súa heteronormatividade o 100 % do tempo. E, a pesar disto, cómpre tamén diferenciar gustos e apetencias. Por exemplo, na páxina 122 d’O Grupo temos unha primeira vez no sexo que non foi satisfactoria. E non pasa nada! Cantos libros ou historias orais contan algo semellante?

Igual que a maioría dos rapaces da clase, agardara ese intre cunha morbideza desesperada. Porén, non quedara para nada satisfeito. Aquilo resultáralle máis ben insípido, case aburrido. E polo que tiña entendido debía ser a hostia. E aínda que en xeral se amosara escéptico ante as esaxeracións, dende logo as súas expectativas foran moitísimo máis altas.
Quizais ela non era a idónea? Non, ela estaba moi ben. Estaba boa. Ginés, Vilas, todos o dicían. Mesmo fora moza de Calavera. Un fillo de puta, si, pero dos que máis ligaban (páx. 122).

 

As personaxes masculinas

Apuntaba xa antes que un trazo característico da obra de Tito Pérez é a presenza da masculinidade. As liortas que atopabamos nos seus relatos eran tamén protagonizadas por homes ou rapaces. Agora, volvemos a atopar as mesmas personaxes na novela. O bo é que n´O grupo temos espazo e tempo para comprobar a súa evolución, algo que se reforza de novo con ese ir e vir entre pasado e presente, na conversa entre amigos sobre as vivencias do seu pasado como grupo. Grupo de éxito, obviamente, non de freaks do cole.

A reflexión sería intentar atopar un exemplo similar con personaxes femininas. Hai algunha novela galega que afonde sobre o bullying levado a cabo por un grupo de rapazas que poidamos ler? Se non a hai, a cuestión vólvese aínda máis necesaria: non a hai porque son sempre homes?, porque o bullying non recorre ao físico?, porque non vende? Afondarei nesta cuestión no próximo capítulo destas reflexións sobre educación.

 

A conversa

Como xa indiquei, a novela en realidade é un recordo, que sucede entre o inicio e o final dunha conversa de antigos amigos. Para finalizar este artigo sobre O grupo, gustaríame incidir no feito de que eles (os membros do Grupo que continúa en conexión habitual para tomar cañas na adultez) desexen falar sobre o que foi de Xaime e o que lle fixeron, con rexeitamento dalgunhas persoas. Esas persoas, ademais de covardes, son individuos con remordementos? Probabelmente, si, mais intentan agochalo. Polo tanto, o papel de educación podería pasar polo momento do recoñecemento dos erros. Para as persoas que abusan é un proceso crucial que lles fará reflexionar, así como que tamén é posíbel que para a persoa abusada reconforte saber que recoñecen o que lle fixeron. Sexa como for, a figura do mediador nos centros fai saltar a alarma en moitos casos. Deixando de ignorar estes avisos, poderíanse parar moitos casos de maltrato educativo; que, insisto, segue á orde do día.

 

Que facer con este defecto da educación ao respecto do bullying?

Tras tratar todos estes temas, considero que convén afondar nas experiencias profesionais do tratamento ou padecemento do bullying. Para iso, reservarei o capítulo VIII desta serie de educación coa finalidade de proseguir reflexando historias reais ao redor deste problema que continúa palpábel, como xa fun anotando. Contarei cunha persoa que traballou da man da experiencia en adolescentes durante moitos anos.

En definitiva, se aínda non liches esta novela, anímote a que o fagas e afondes na lectura tendo en conta estes temas. Se queres participar nos comentarios sobre a obra, vai aos eventos de presentación que haberá nos próximos meses por Galiza adiante. Seguro que atoparás unha resposta e poderás revivir algunha historia do teu pasado. Porque se non fuches abusón nin abusado, seguro que si testemuña. Aprende a non calar!

PÉREZ, Tito (2021), O grupo, Medulia, A Coruña.

Reflexións sobre educación VII: O grupo de Tito Pérez e a manifestación explícita do bullying

O grupo andará por diferentes cidades galegas iluminando. Terás unha oportunidade en Vigo o próximo 12 de novembro no Café Uf (que trema Abel Caballero coa iluminación!), onde copresentará o seu lanzamento con outro libro, poesía desta vez, lanzado na mesma editorial Medulia a comezos de verán: A (des)memoria, de quen isto escribe. Organizarei unha presentación da novela falando dos temas deste artigo, mais sobre todo de outros relacionados integramente coa literatura. Se podes, pásate!

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí