Rheia Gorecki: Queríamos expresar esa incomunicación de, eu falo, ti falas, pero non chegamos a un entendemento

Falamos con Rheia Gorecki, o dúo de Compostela que vén de publicar o seu primeiro álbum, VVV. Entre o stoner, rock e Max Ersnt anda o xogo.

A escena musical galega vive un momento doce, cunha proposta musical variada e sen medo a etiquetas ou xéneros. Para mostra, o dúo Rheia Gorecki. O pasado cinco de febreiro publicaron o seu primeiro EP “VVV”, unha proposta atrevida na que mesturan de post rock e  grunge. Falamos con Catuxa, metade da banda, sobre o proceso de gravación, o surrealismo de Max Ernst e de (ai, outra vez máis) a pandemia.

Fotos cortesía de Yolanda Ataraxia e Sabela Gauranga.

Rheia Gorecki sondes Adri e Catuxa. Formades unha nova banda pero xa levades unha boa traxectoria ás costas.

Adri vén dun grupo que se chamaba The last twilight. Eu estiven en distintos xéneros. Empecei aos 18 cunha banda de versións de rock e despois seguín cos John Deers da Estrada… Despois fun estudiar musicoloxía a Oviedo e tiven un parón, ata que volvín a Galiza.

Levaba anos sen tocar e co “gusanillo” de voltar. A través dun ex-compañeiro de traballo montamos un proxecto chamado Soul Maxín, soul con temas propios en galego e covers. A cousa quedou en standby no 2018. Eramos oito membros, non todos de Compostela, polo que era difícil cadrar axendas.

Coñezo a Adri desde máis de doce anos e temos unha boa amizade. Aproveitando que ningún dos dous estabamos tocando en ningún lado dixemos: “Por que non probar a tocar xuntos?”. Comezamos con versións para ver se tiñamos feeling, e ao final animámonos con temas propios. De feito, ao principio tiñamos en mente facer algo máis stoner, pero ao final saíu Rheia Gorecki (risas).

 

Cando comezastes a preparación do álbum?

Estivemos tocando versións como tres meses, pero xa no 2018 comezamos a traballar en temas propios. Aínda que moitas ideas foron quedando no camiño, non todas as pezas teñen forza para continuar traballando nelas e pasar a “criba”. Ao final do 2020 rematamos os catro temas do EP.

Como vos afectou a pandemia no proceso de gravación?

A nós por sorte afectounos só no proceso de gravación. Tiñamos todo pechado para entrar a estudio en marzo do 2020, pero tivemos que pospoñelo. Retomamos a pre-produción no verán coa “nova normalidade” (risas) e empezamos a gravación en agosto coas baterías. Fixemos unha orde de gravación un pouco atípica, gravando as baterías e despois as voces. Eu tiña un pouco de medo co tema da máscara. Son profesora, e non sabía ata que punto ía ter ben a voz para dar clase en setembro e gravar. Ao noso produtor, Iago Lorenzo, pareceulle ben e gravamos dese xeito. Pero xusto cando íamos gravar as guitarras, Adrián pillou o Covid… Foise pospoñendo a cousa, ata rematar a gravación a finais de decembro.

 

Como xorde a colaboración con Iago?

Somos amigos e eu xa colaborara con el, metendo coros para outras bandas. Tiñamos moi claro que queriamos telo como produtor. Coñecemos perfectamente como traballa, os seus gustos son moi parecido aos nosos e sabiamos que ía comprender axiña o son que buscabamos en Rheia Gorecki. O único medo era que non tivese oco na axenda, case todos os grupos de rock da Galiza gravan con el (risas). O sons das súas baterías e guitarras afiadas son moi características.

 

Á batería contades coa colaboración de Paula Rego (Agoraphobia).

Para preparar o EP fixemos todo entre Adrián e eu, os dous tocamos varios instrumentos. No caso das baterías, programámolas ou xogamos con loops para estruturar os temas. O mesmo co baixo, guitarras, sintes, etc.

En canto tivemos os temas estruturadas, mandámoslle as pistas a Paula e ela arranxou as baterías. Cando se relaxen as medidas [a entrevista foi realizada durante as restriccións por área sanitaria de marzo] a idea é que ese proceso sexa no local de ensaio. Adri e eu, que vivimos na mesa cidade, estamos xa a traballar en temas novos.

 

Tendes xa unha idea de como levardes a vosa música ao directo?

Si, xa temos en mente a banda de directo. Faise difícil facelo os dous sos, así que queremos levar unha banda completa. Estamos só a espera de poder xuntarnos (risas).

 

Volvendo á produción, o álbum foi mesturado por Robin Schmidt. Como foi o traballo cun mesturador tan prestixioso?

Foi todo da man de Iago. Sempre fai o mastering con el, enténdense moi ben. Nós encantados. Non tivemos contacto con el, deixámolo no tellado de Iago (risas).

 

A distribución facédela con La Rubia Producciones e Nooirax, dous dos selos alternativos estatais máis importantes.

Estamos moi contentos de que confíen en nós sen coñecernos de nada. Puxémonos en contacto primeiro con The Braves Records e La rubia cun mail: “Somos unha banda de Galiza, facemos isto e mandámovolo porque vos admiramos” (risa). Buscabamos un feedback da xente que temos como referentes, como cando llo mandas a un amigo que controla de música. A contestación foi moi positiva, e entón comezamos a falar de editar o disco de Rheia Gorecki tamén en físico, incluída a edición en vinilo. A través deles uníronse tamén Noiraax e Quebranta Records.

Cando te metes na aventura de sacar algo en físico e acabas de saír, como quen di, da nada, vas con medo. A inversión que fas como banda é moi forte. Ter o respaldo duns selos que che apoien e se fagan cun número mínimo de copias, dáche tranquilidade e seguridade. Estamos moi contentos, porque para nada o esperabamos. Tiñamos pensado autoeditar e tirar para diante.

 

Entrando xa no EP, elixistes como sinxelo “Talk in circles”.

Si, aínda que foi a última canción que rematamos (risas). Tiñamos un retrouso que non nos convencía. Nunha tarde de xuño, antes de entrar en pre-producción démoslle unha volta e acabounos gustando bastante.

O motivo co que empeza é un arranxo acústico que orixinalmente era parte de “Breathe”, o segundo tema. Metémoslle un sinte e intentando desvinculalo levounos a un novo tema. Tivo moito peso tamén as guitarras do final. Métome moito con Adrián: “aquí hai unha chiscadela ao black metal” (risas). Pero no fondo encántame esas disonancias, quedan moi chulas. A letra son moitas metáforas, ás veces bromas entre nós. O título resume ben o que queríamos expresar, falar en círculos, sempre arredor do mesmo. Unha situación de incomunicación entre dúas persoas: eu falo, ti falas, pero non chegamos a un entendemento.

 

De aí tamén o surrealista do videoclip [dirixido por Yolanda Ataraxia], non?

Si, e tamén a portada de EP, que fixo Xavi Forné de Error Design. O título VVV tomámolo dunha revista surrealista dos anos corenta na que participaba Max Ernst. Por iso eliximos “Talk in circles” como single. É o que máis representa o fío narrativo do disco e todo o que hai detrás.

 

Como foi colaborar con Xavi para Rheia Gorecki? É un dos mellores deseñadores de carteis actuais.

O confinamento deu para moito (risas). Intentei manterme ocupada con actividades artísticas, e coñecín de casualidade co curso de “Cartelismo ilustrado”, no que mostra o seu proceso de creación. Empápase da música da xente coa que traballa. As bandas coas que traballan flípannos, de feito xa tiña pósters del na casa. Así que era a persoa indicada.

Pasámoslle varias collages de Max Ernst que nos inspiraban, os títulos das cancións e as demos. Tamén preguntounos como describiriamos a nosa música. Queriamos algún elemento natural como as flores, que transmitise un pouco a música que facemos. Despois xa co bosquexo flipamos, segundo el non estaba nin ao 50%…  O resultado é a portada que podedes ver.

Rheia Gorecki: Queríamos expresar esa incomunicación de, eu falo, ti falas, pero non chegamos a un entendemento
Portada do disco VVV

Volvendo ao EP, abrides con Loaded, o momento headbanging do disco.

Foi o primeiro tema que rematamos. Gústanos un montón, danos un punto de enerxía, e iso que dista bastante do resto do EP en canto a sonoridade. Notase a procura que fixemos dun son máis stoner. E si, pasámolo moi ben tocándoa (risas).

 

O segundo corte é Coda.

Teño que confesar que é a miña favorita. Naceu sendo parte a parte final de Loaded, de aí o nome. Non ten unha estrutura común de retrouso-estrofa. Queriamos crear unha parte de contraste en Loaded, e nunha tarde compuxemos o arranxo. Ao final vimos que tiña vida propia, e de aí xurdiu o tema.

 

E despois de “Talk in circles” pechades con “Breathe”.

É unha idea que tiña dende vai tempo. Leveilla un día a Adri, por si podíamos aproveitalo e gustoulle. Tiñamos na cabeza facer algo de tipo post rock, con melodía con piano nu e un in crescendo. Empezamos a meterlle arranxos, e xa na pre-produción a Iago ocorréuselle meter unha parte só de batería no retrouso, en plan trip-hop… e flipamos. Case choro, era xusto o que queriamos meterlle (risas).

Foi o tema ao que máis lle demos voltas. Pasou por tropecentas versións: acústica, diferentes instrumentacións… Foi difícil determinar cal ía quedar. O labor de Iago foi fundamental. Se nos deixa seguimos facendo versións dela (risas). Gústanos moito darlle mil voltas aos arranxos.

 

O álbum ten un son moi ecléctico. Cales son as influencias de Rheia Gorecki?

Na adolescencia, aínda que non me cadraba por xeración metinme moito no grunge, e despois xa na metalada. Dos 18 aos 25 estaba sempre metida en concertos de metal extremo. Precisamente foi nesa época cando coñecín a Adrián. Tamén estou moi vinculada á música académica. Estudiei piano durante bastantes anos, e fun a clases de canto.

En canto a bandas, os dous escoitamos cousas moi parecidas: post-rock, post-metal, black metal atmosférico… A Adri mólalle máis o black metal dos 90. Por iso Rheia Gorecki sona a todo e a nada en concreto. Non queremos poñerlle cancelas ao que poida xurdir.

 

No teu caso, cales foron os teus referentes femininos?

Sen dúbida, Kim Gordon, a baixista de Sonic Youth. Deume moi forte con ela. Encántame os tipos de melodías que fai, como canta. E empecei a interesarme no baixo grazas a ela. Hai outras artistas como Tori Amos, que colaborou con xente da escena rock como Tool ou Nin Inch Nails, que tamén me influíu moito.

Rheia Gorecki: Queríamos expresar esa incomunicación de, eu falo, ti falas, pero non chegamos a un entendemento

Sondes moitas as bandas que estades a achegar sons novos á escena galega. Vedes un cambio na capacidade de chegar ao público?

A pesar de que queda moitísimo traballo por facer, hai un cambio na forma de programar nos festivais. Niso temos moito que aprender dos nosos irmáns de Portugal. Eu lembro ir a festivais alí e ver no mesmo programa a unha banda de black metal e outra de jazz. Por exemplo, vai tres anos fomos a ver a Electric Wizard, e coñecemos a Nubya García e flipamos con ela. Aquí había unha tendencia a programar estilos afíns, que pouco a pouco vai mudando, aínda que temos percorrido por diante.”

 

Por último, algunha recomendación musical de para os lectores?

Gustoume moitísimo o último EP dos cataláns The Wax e quedeime pillada, cun son moi noventeiro e mesturando con hardcore. A nivel galego, os dous somos superfans de Maltine, e estamos moi pendentes do novo de Bala.

 

Podedes mercar VVV no seu bandcamp e seguir a Rheia Gorecki nas redes sociais.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí