Guille, Fran e Samuel: “Rick e Morty, co peso que ten, se lle damos ese toque galego, pode ser impresionante”

Entrevistamos a Guille, Fran e Samuel, membros de P.I.R.O.L.A e as caras visíbeis do proxecto de Rick e Morty en galego.

Guille, Fran e Samuel (Lugo, 1993), membros de P.I.R.O.L.A, son caras visíbeis do proxecto de dobrar a famosa serie Rick e Morty en galego. A súa páxina de facebook acumula xa preto dos 1000 seguidores e a estrea no Rock Café de Santiago causou bastante sensación. Tras percorrer a A-6, achégome ao Ho Gruf, un bar de Lugo dentro da muralla, para falar con eles. O local ten bastante clase, cadros, pantalla de cinema e unha decoración que recorda aos anos 80. Ao chegar, sentamos nuns sofás. Eles beben 1906. Eu prefiro tomar un par de cafés.

Como xorde o proxecto? Fixestes algún proxecto de dobraxe ou humorístico previo?

Fran: Antes fixemos noutra canle de Youtube curtas, en plan de carallada. Falabamos Samu e mais eu, dobrabamos en castelán cousas sobre videoxogos de coña, de Youtube. Un día, non sei como xurdiu, envieille un audio polo whatsapp ou polo facebook imitando unha voz de Rick e Morty moi mítica.

Samu: Todo comezou en concreto coa broma de “anaco de cachiños”, el enviándome unha nota de voz poñendo a voz de “Boas, quere vostede ter o fuciño pequeno miúdo?, pois veña a Cachiños” [Fran imita ese anaco coa súa voz, risas]. E todo comezou así. A partir de aí, viñémonos arriba.

Fran: Era algo só falado entre nós, pero non pensabamos facer todo o episodio ata que Guille se puxo serio.

Guille: Non imos mentir, a canle que tiñamos antes era unha merda sideral. Eran 4 colegas que pasaban o verán en Lugo e disque non había nada que facer, por iso comezamos a gravar chorradas, sen puto sentido, só para nós, montámolo para facer un pouco a coña. O que pasa con Rick e Morty é que como o Fran cravou a voz de Morty, escoitei a nota de audio unha vez e dixen, non podemos perder a oportunidade porque non está ninguén dobrando esta merda, a mínima que atopemos 4 persoas dispostas a facer o pailán, tira millas.

Entendo que non tedes experiencia nin na dobraxe nin na actuación, verdade?

Fran: Tivemos inquedanzas algunha vez de facelo, por exemplo eu no 2012 informeime para facer un curso de dobraxe, pero non tiña cartos, así que ao final non o fixen. Quitando caralladas, 0 experiencia.

Por que Rick e Morty e non outra serie?

Fran: Encántanos.

Samu: Rick e Morty foi unha serie que tivo unha pegada moi forte, nunca se vira unha serie de animación xogando con eses temas, co humor, co drama, con cousas completamente científicas desa maneira. A raíz diso xurdiu unha comunidade de fans enorme, nós somos parte dela. Ao tempo, vendo as pelis míticas dobradas ao galego, como as de Clint Eastwood, a dobraxe dálles unha esencia que non teñen no orixinal, cambia totalmente. Entón dixemos: “Rick e Morty, co peso que ten xa de orixinal, se lle damos ese toque pode ser impresionante”.

entrevista en Lugo, Rick e Morty

Por que o episodio de “Televisión Interdimensional”? Por que ese e non outro? Non comezastes a serie polo principio, a que se debe?

Guille: Foi porque ese capítulo en si está dividido en sketches inconexos. Pensamos que a maneira máis fácil de comezar sería facendo sketches de merda que non teñen que ver co guión completo da serie, que non significan nada. Non pensabamos gravar o capítulo enteiro. Entón vimos que as cousas quedaban bastante decentes e dixemos “Bah, xa que Fran crava a Morty…”, e Samu axudando no tema, pois fomos completando personaxes secundarios ata que nos demos conta de que quedaba moi pouco para rematar o capítulo enteiro. Ao final rematámolo completo e así quedou.

Fran: Non pensabamos facer máis que sketches soltos de outros capítulos. De feito, o de “Anaco de cachiños” que dixemos antes, non é do capítulo de “Televisión Interdimensional”, senón que é da segunda temporada. Démonos de conta ao final de que non aparece.

Samu: Coma ves, todo sobre a marcha [risas]

A nivel loxístico, como organizades a dobraxe? Facedes un guión previo? Estades todos os actores xuntos cando facedes sesións, ou gravades por separado e unides audios despois?

Guille: Gravamos todo por separado cunha tablet que teño, co Audacity, pero fixemos un Google Drive común onde teñen acceso 10-12 persoas. Algunhas axudan máis, outras menos, pero a idea é transcribir tal cal o capítulo. O primeiro episodio foi un pouco cristo porque gravamos en días distintos as escenas, faltaban sons…foi todo moi tolo. Agora no 1×01 estámolo gravando todo mellor.

Fran: O primeiro foi un experimento, e aínda non tiñamos todo ben formalizado. Basicamente, Samu deseñou o logo, Guille montou os vídeos, eu fixen o primeiro guión, e logo revisámolo os 3 e intentamos melloralo, intentamos poñer coñas, vemos como encaixan na liña do capítulo…

Samu: Unha cousa que mola moito á hora de facer as dobraxes, independentemente de que teñamos o guión perfectamente preparado, é que ao ser todos colegas, coñecémonos dende hai anos e coñecemos ben o humor de todos. Somos fans de Rick e Morty, co cal lendo o guión podemos dicir “non, isto do guión imos cambialo e vou dicir isto”, e soe quedar todo moi ben, todo é sobre a marcha.

O guión é traducido do inglés ou do castelán?

Guille: Do castelán, porque é tal cal, non tes moito que cambiar.

Fran: Depende. Por exemplo, no episodio tivemos un problema co do “Señor Achús”, xa que era moi fodido ao ser un xogo de palabras en inglés con rimas, non quedaba ben de todo… improvisamos o de “Fe en dios e ferro a fondo” e así quedou.

entrevista en Lugo, Rick e MortyO feito de ter medios limitados, influíu no feito de ter problemas de audio no episodio?

Guille: Iso foi unha movida importante. Atopamos a forma de dobrar mellor a través de conseguir o audio 5:1 do capítulo orixinal, do que podemos conseguir moitos efectos de son que estabamos facendo a man ata agora. Descubrímolo ao final do capítulo, así que creo que a partires de agora en futuros capítulos todo sairá mellor.

O tema das referencias ao galego e gags audiovisuais, coma o Gayoso, o Percebe-Rick, o son dos coches de choque, como tomades esa decisión?

Fran: Aparte de improvisar e poñer partes que non quedan ben en galego transcritas igual, tamén para darlle o noso toque persoal.

Samu: Creo que vén polo tema que falabamos antes, o da esencia da dobraxe en galego. Hai temas que se os traduces literalmente do inglés non fan gracia ningunha. Por exemplo, personaxes famosos en América que aquí non coñecemos, temos que substituír iso.

Guille: Cando tomamos licenzas é só neses casos.

Fran: O exemplo sería a serie de cando eramos pequenos, “Sabrina cosas de brujas”, onde nas traducións en castelán cambiaban as referencias porque eran a moitos personaxes americanos.

Samu: Intentámolo facer máis autóctono, darlle esencia, para que non che sexa estraño. Todo é de aquí!

Guille: Coma no gag dos Trompistas, que metemos a Tucho, ou “Financiado polos gaiteiros e Carlos Núñez”, porque no orixinal as referencias non tiñan gracia ningunha. Se non, pasa coma Padre de Familia en castelán, onde dis “non son yanki, pero me gustaría pillalo”. É neses casos cando aproveitamos para meter coña propia.

Fran: O mellor é que xa nos sae a nós lendo o guión, xa dicimos “aquí podemos meter isto e isto”.

Guille: De feito no episodio substituímos a Gayoso por un alieníxena que se chamaba Garmanarnar, cambiamos a Superpiñeiro por Bobby Moyniham, que non sei se existe ou non. No orixinal di “tras 13 años de emisión” e nós dicimos “tras 13 anos de parranda”, porque ademais foi precisamente hai 13 anos cando se emitiu o derradeiro programa de Supermartes.

Por que vos inspirades nas voces da dobraxe en castelán e non nas voces da versión orixinal? Ollastes para outras versións, algúns mesmo tamén fandubs, en portugués por exemplo?

Fran: Castelán e inglés, só.

Guille: De feito a voz de Fran é unha mestura entre castelán e inglés, ten ese toque adolescente. En cambio na de Rick a orixinal é moito máis casposa e difícil de facer, rebento a garganta se a fago, éme máis fácil a de castelán. É certo que a do inglés é máis atractiva, pero máis difícil de facer.

Fran: No castelán son dúas persoas distintas, non podemos ser Justin Roiland, que é un crack.

Guille: De feito Summer é case cravada a voz do castelán. Ana faino perfecto, a min persoalmente gústame moito. Noelia, a chica que fai de Beth, estivo un pouco máis cortada, xa que era a primeira vez que gravaba, pero hai tomas nas que o fai realmente ben porque ten que soar moito máis como unha nai, máis maternal, máis calmada, etc. Por iso Summer queda moito mellor nese aspecto. No caso de Jerry, é totalmente improvisado, non intenta imitar a ningunha versión. É Hevia, un colega noso que está como unha cabra, fai de Jerry un pouco en plan “cuñao total”, un tipo que non sabe de nada e quere opinar de todo. Non pretende ser nin inglés nin castelán.

Samu: Ao mellor ese é o mellor exemplo, porque na versión orixinal a voz de Jerry non ten nada que ver, pero démoslle un toque así que lle queda ben.

Guille: Así coma en inglés ten un punto de soberbia, en galego parece que ten medo de soltar unha carallada. En canto aos secundarios, é totalmente improvisado. Os “verruguiños de fresa”, o duende irlandés, foron risas, porque Manu fai todo perfecto. El fai o 60% das voces secundarias, tamén fixo o de portas falsas. Xunto con Morty, para min son as dúas mellores voces que temos, ese tío é súper versátil. A escena dos cereais levounos tranquilamente unha hora e media, dálle un toque persoal e galego, por exemplo co tema da Santa Compaña, moi interesante.

Fran: Buscamos voces afíns, xente que teña unha maneira de falar parecida a das voces en castelán ou do inglés, que encaixe. Por exemplo a Samu, que ten unha voz moi grave, usámolo para o xuíz ou os tipos de “asasinatos rápidos”.

Cales serían os vosos referentes artísticos en galego? Seguides series en galego ou americianas? Que tipo de series pensades que se deberían de dobrar ao galego?

Fran: O referente co que crecemos foi o Xabarín.

Guille: Cabe dicir que na escena de Gazorpazorpfield pregunta Morty: “Isto está dobrado por Suso Álvarez Riobóo?” que é o dobrador orixinal de Vexeta en galego. Ese tío é unha puta pasada, como Julio Lorenzo, que é o que fai de Goku. Eses dous coma outros en castelán coma Pepe Mediavilla son referentes da dobraxe.

Fran: Por exemplo, a min gústame moito Monti Castiñeiras. Ademais de como actúa en Serramoura, a dobraxe que fixo de Alucard para Castlevania en Netflix é incrible o ben que o fai.

¿Seguides as series dobradas ou en VOS?

Guille: En xeral en VOS pero outras series coma Big Mouth, onde non importa tanto o acento, están moi ben dobradas e aínda que as vexas en castelán párteche os collóns. Non coma por exemplo na serie Peaky Blinders, onde hai diferentes acentos.

Fran: Tamén se hai algunha serie e película en galego, podemos vela.

Credes que o dobraxe ten futuro, ou que imos cara as VOS?

Samu: Eu diría VOS. Polo tema dos acentos e referencias, para que chegue a referencia que intenta transmitir o autor. De todos os xeitos, a min non me importa ver as series en danés, inglés, francés, etc pero a outra xente si. Penso que as dobraxes non van desaparecer porque sempre van ter o seu espazo.

Fran: Pensamos en dobrar Rick e Morty para traer un pouco máis o de fóra aquí. A TVG estase a pechar moito en producións propias, e iso está ben por unha parte. Pero creo que o que se facía antes de traer series de animación, películas, estase deixando e é interesante para achegar cousas populares en galego.

Samu: Eu creo que está ben, porque solucionamos un problema, somos o público xerando contido para o público. Sabemos que é o que gusta, solucionamos iso, series actuais e non de fai 7 anos, por exemplo. É unha cuestión de actualidade.

Fran: Os nenos que crecemos co Xabarín temos o recordo desas series dobradas, que agora non teñen seguidores. Por exemplo na actualidade series como Bojack Horseman, Rick e Morty, dobradas ao galego serían incribles, a xente veríaas.

Samu: De feito somos a voz dunha xeración, somos do 93, todo o noso público ronda a nosa idade.

Pregunta sobre o tema dos dereitos de autor. Primeiro apareceu o vídeo en Youtube, onde as regras son máis estritas (ata un punto de paroxismo a verdade) e non sei se durou máis de unhas horas. Despois pasastes a Vimeo, onde o vídeo parecía que aguantaba. Mais actualmente tampouco se pode ver aí e tivestes que vos mover a outras plataformas (Powvideo, enlazada por Pordede). Como vedes este tema? Pensades que o voso traballo está dentro do fair use, que engade o suficiente como para ser considerado independente?

Guille: Eu entendo que tanto Youtube coma Vimeo tiraran o vídeo. Probamos a subilo por partes, con efecto espello,con marcos… e tirárono igual. Youtube simplemente dixo que non o podíamos subir, borrou o vídeo e xa está. Pero en Vimeo, sen previo aviso desaparece a canle, despois de comprar Vimeo+ pagando 10 euros. É certo que aquí ninguén leu os termos e condicións [risas] tampouco é algo do que sentirse culpable, pero doeu o dobre. Menos mal que non pagamos a cota anual, porque iamos facelo. A movida é esa, facemos a promo en youtube cagándonos neles, falando de que liscamos a Vimeo, e Vimeo rísenos na puta cara e o vídeo para fora [risas].

Entón pensando en plusdede, liscamos a Powvideo e de momento non hai problemas O que nos interesa non son as visitas, senón que queremos que haxa difusión, que a xente recoñeza o noso esforzo, que se boten unhas risas.

Samu: No tema dos dereitos, comprendemos tamén os termos e condicións que ten cada páxina, pero a meirande parte dos problemas de autoría non xorden de problemas co autor, senón cos seus intermediarios. Se te fixas, non tocamos os títulos orixinais, o único que fixemos foi poñernos ao final dos créditos. Non pensamos en pisar a ninguén, en todo momento respectamos a autoría orixinal.

Fran: Isto tamén non é malo só para nós, senón para eles tamén, as regras en Youtube son moi restritivas. Moita xente que analiza series ou películas acábanlle tirando os vídeos e non se poden coñecer moitas cousas, poderíase atraer moito máis público.

Samu: É como que cercean a difusión de vídeo por parte de xente que non quere sacar cartos con iso.

Cales son os plans que tedes de cara ao futuro?

Guille: Agora vén o verán e queremos gravar o que poidamos con quen queira, encantaríanos que a xente participase. De feito recibimos no facebook un par de mensaxes de xente que quere participar. O unicornio que sae no soño de Summer é unha rapaza de Coruña moito mellor que nós, que queremos que colabore. Estaría moi ben que a comunidade galega participase neste eido. Que sentisen Rick e Morty en galego como algo propio.

Estou co TFG pero en verán temos máis tempo, entón a idea e que de que aquí a decembro gravemos 3-4 capítulos.

Samu: Somos unha panda de amigos, non estamos moi atados a un horario.

Antes de saír o primeiro episodio fixestes unha proxección no Rock Café. Como foi a experiencia? Pode ser un modelo alternativo ao visionado online?

Samu: A verdade é que todo foi gracias a el [Guille] o de movelo e facer proxeccións nun bar. É o relacións públicas, aparte de Rick.

Guille: Levo o fb, tamén. No do rock café, son colegas meus, ten un proxector precioso, cabe a tira de xente alí. A verdade é que non agardabamos tanta xente, incluso houbo xente que ficou fóra porque o local estaba cheo. Na miña vida vira o local petado. É un sitio grande e espacioso, que de feito publican os capítulos de GoT e eses luns non estaban tan cheos coma o día que proxectamos. Estas cousas anímannos a seguir adiante co proxecto, queremos dar as grazas aos que viñeron. É unha pasada o apoio que estamos recibindo. A idea é repetir cada vez que saquemos un capítulo, ben alí ou ben aquí [refiríndose ao Ho Gruf de Lugo]. Vemos isto máis complementario ao visionado online.

Samu: É distinto, toda a xente xúntase, hai diálogos novos, coñas novas…estás con xente que lle gusta o que vai ver.

En futuros episodios, haberá un Percebe-Rick coma o que fixestes?

Samu: Vai ser moi difícil, pero xa se nos vai das mans. Meter algúns fotogramas coma Superpiñeiro e Gayoso, sen problema. Deseñeinos eu, pero foi unha idea de todos.

Credes que pode haber unha vía comercial se TVG compra os dereitos da serie?

Fran: Sería xenial, encantaríanos que a comprara a TVG, aínda que non a dobrásemos nós, traer este tipo de series ao galego. Ten que ser cara.

Guille: O que pasa na galega é que hai moita censura no ámbito na tradución, cambian moitos os guións do que ao final se grava. No eido de Rick e Morty, creo que habería máis trabas. Non teño nin idea de como traducirán o tema do señor Achús [risas], e vai haber moitas cousas que non se poidan tocar.

Samu: Quitaríalle bastante material ao que son as dobraxes, e sería malo para nós que nos ficharan [risas]. A xente di tacos, non fala coma en moitas series da galega, soa mal, e quitaríalle naturalidade.

Fran: En galego normativo perdería bastante [risas].

Cales pensades que poderían ser os proxectos que se poderían facer en galego na actualidade?

Fran: É un campo que non se está explotando. En Galicia crecemos todos coa animación, e seguimos vendo series de animación, temos unha morriña especial. Poderíanse comprar debuxos para adultos coma Archer, Rick e Morty, e dobralos ao galego. Pero deben ser caros.

Guille: Non creo que sexa só polo prezo, é difícil o tema de Rick e Morty porque non é Dragon Ball. Non é para todos os públicos, teñen moitos tacos, sketches subidos de ton… A galega se ten os dereitos, onde a emite? No xabarín dende logo que non [risas].

Fran: Pero nunha franxa especial, coma fai Adult Swim, pola noite, e de día emite debuxos para nenos. Podería facerse así.

Samu: Isto non se podería emitir no Xabarín, pero en certa parte sería emitido para xente que bota de menos o Xabarín ou que viu o Xabarín, o público sería a xente que vía o Xabarín.

Guille: Todos recordamos o Xabarín cos temas de Herdeiros da Crus, Estou na lavadora…Carmiña Vacaloura, que aínda sigo traumatizado [risas]

Samu: Rick e Morty non, pero Carmiña Vacaloura ben que o botaban! [risas]

Considerades as RRSS coma facebook e distintos proxectos humorísticos que están a xurdir na rede revitalizan a lingua galega?

Guille: Revitalizar non sei, pero si que chega a bastante xente, o propio feito de que esteamos a falar hoxe aquí. Só por iso, merece a pena.

Fran: A xente que creceu con eses debuxos e quere ver este tipo de bromas, vai as redes sociais e non á televisión.

Samu: De feito, na miña opinión, o tipo de Telejaita é o puto amo, está devolvendo certo lustre ao galego, porque recorda como somos, como molamos. Comezou un boom.

Fran: De feito agora mesmo co tema da independencia catalá, fai poucos días había un chío que falaba de que o alcalde de Santiago promovía o galego, como se fose algo despectivo. Temos que estar orgullosos da nosa cultura e de quen somos.

Que opinades da situación do galego hoxe en día? Credes que, coma dixo Feijóo, o galego está nunha posición envexable?

Samu: [Risas] A verdade é que o galego dista moito de estar nunha posición envexable, non estou falando doutro mundo. Hai que darlle un aspecto máis xovial. Agora mesmo alguén de 20 e pico anos pode falalo sen problema para falar de todo, pero non toda a xente olla para el así. Temas coma os distintos proxectos humorísticos en Internet axudan a promovelo.

Fran: Por exemplo, podemos falar como exemplo de Fariña, se o vemos mellor dobrado ou subtitulado. Ou Merlí, a serie de Netflix, que estaba totalmente en catalán subtitulado e estaba nos primeiros postos. Todos pensamos que non habería problema en que Fariña estivese en galego, non creo que perdese moito, en galego subtitulado.

Samu: É unha producción de Atresmedia, víase que non ía ser en galego.

Fran: Houbo unha serie en galego, O Faro, que saíu en catalán e en galego, podíase cambiar de idioma cando querías. A TVG puxo unha serie en portugués subtitulada. Penso que vivimos nun tempo onde podemos subtitular as series.

Samu: Hai certo medo á multiculturalidade. O idioma ten distintos matices, por exemplo o castelán con acento andaluz. A serie de Gomorra, por exemplo está en napolitano, non en italiano, e a xente de Italia pode vela subtitulada. É outra cultura, aprende dela.

Vedes diferencias no tratamento da lingua galega comparado con Euskadi e Catalunya?

Fran: Si, de feito en Vaya Semanita facíanse coñas en euskera subtituladas, e con todo chegouse a estrear en Telecinco.

Samu: Catalunya é unha cultura que en si dá moitísimo peso ao catalán na administración, na sociedade, o vasco tamén. O galego non. Nós falamos xeralmente en castelán, non nos sae fluído o galego. Pero tamén nos criamos en galego, así que decidimos traballar para darlle lustre. Non hai moita xente que loite polo galego, coma en Catalunya ou en Euskadi.

Fran: De feito, penso que o galego é a que está en peor situación das tres, sen dúbida.

Guille: O feito de non falar en galego non significa que non apreciemos o idioma. Eu, por exemplo, parte da miña familia é catalana, pero entendo o galego, sei falalo sen problema. É certo que se me falan en galego, respondo en castelán, pero o feito é entendernos todos. Tamén está ben que a xente nos axude. Encantaríanos que a xente nos puxese comentarios da tradución, críticas construtivas, para mellorala. Dobramos normalmente ao volver de festa [risas] e de feito hai frases que non lembro gravalas [risas]. Nós non falamos galego normalmente, e ás veces váisenos a olla. De feito Jerry ten frases con tempos compostos e non nos decatamos ata despois.

Samu: O máis bonito do galego, de todas formas, son as súas variantes, non se debe de tratar de falalo todo perfecto. Ti fala.

Fran: Que sexa inclusivo.

Guille: Eu entendo o galego normativo, é igual de válido que o máis casual. A carta que chega da Xunta ten que estar normalizada. Pero ninguén fala castelán normativizado o 100% das veces tampouco. A nivel institucional é necesario, mais o resto das variantes teñen que ser respectadas.

entrevista en Lugo, Rick e Morty

Ao finalizar a entrevista, propóñenme acudir a casa de Guille, onde fan a dobraxe. Ensínanme como gravan, a súa organización, fanme unha premiere do próximo episodio. A calidade do audio é moito mellor, nótase a mellora. Non me deixaron pagar os cafés e ata me achegaron ao meu coche. Así, dá gusto. Veremos que nos deparan os novos episodios e o proxecto.

Deixamosvos por último a ligazón do primeiro episodio que sacaron. Podedes velo aquí.

 

2 COMENTARIOS

  1. Gosto da reflexión que incide na pobreza actual da televisión en galego. Entendo que a solución máis factíbel e obvia sería que houbese maior oferta de canles en galego, non só un que teña que ser dividido, como apuntades, para que todo entre nas diferentes franxas horarias. E falo como non-usuaria de televisión, mais supoño que de tiver televisor, tempo e cousas que me interesasen… Pois claro que a prendería con gusto para ver cousas en galego. Con moito gusto, de feito.
    Parabéns aos tres pola iniciativa e o traballazo. Tamén a Darío pola viaxe e recollida de información.
    Intúo que voltar con vós os tres de festa é, polo menos, gracioso. Tamén produtivo, segundo vexo. Sinto envexa.
    Pola miña banda, vou a ver agora o primeiro capítulo con atención, botando xa de menos nos créditos iniciais os acentos gráficos. Desde a miña posición de pro-normativa. Hahaha.

    • Hola Clara!
      Acabo de entrar por primeira vez no artigo dende o ano pasado! Moitas gracias polo teu comentario, de verdade. Foi un pracer falar con estes rapaces de A Que Cheira, Papá?. Ten en conta que somos novatos e pode haber problemas técnicos, pero xa andamos correxindo cousas e pinta moito mellor. Se queres saber máis, temos un pequeno blogue (https://piroladub.blogspot.com/) e unha canle en YouTube co mesmo nome onde subimos algunha carallada máis.
      Un saúdo! 🙂

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí