Rupaul’s Drag Race ou a xentifricación do lumpen

Unha viaxe de fantasía e vestidos de brillos, desde o Rupaul's Drag Race ata O Barquiño, para reflexionar sobre a representación do mundo drag.

Eu non sei o resto, pero eu son máis de Kim Chi que de Shangela. Os travestis de repente están por todas partes, e coma catedrática en Ciencias Mariquíticas quería facerlles unha pequena homenaxe en AQCP.

Rupaul's Drag Race
Kim Chi e Shangela

Para os profanos, Rupaul’s Drag Race é un concurso televisivo americano no que anualmente 14 maromos pasan diversas probas nas que teñen que se travestir e actuar, cantar, facer sketches… Pode soar cutre pero nada máis lonxe da realidade: en contraposición ao imaxinario popular do cincuentón disfrazado con globos no peito, neste programa vese arte, técnicas impecables de maquillaxe e alta costura con infinitas referencias artísticas para os máis espelidos.

Trátase dun espectáculo moi competitivo no que as probas, ademais de ser orixinais e esixentes, adoitan ter un ton sarcástico e mordaz. Un exemplo clásico é o challenge onde as drags tiñan que vestirse coa bandeira americana e enviar unha mensaxe de ánimo patriota aos soldados combatentes no exército nacional.

Esta mensaxe de inclusión do colectivo drag en situacións das que tradicionalmente está excluído é marca persoal de RuPaul, o presentador, unha drag queen moi coñecida e modelo LGTBI de renome que, ademais, canta temazos petardos.

Rupaul's Drag Race

Neste artigo quería reflexionar sobre se o programa está realmente fomentando a visibilidade e a aceptación do colectivo drag ou se, pola contra, ofrece unha imaxe irreal do mesmo.

Fai cousa dun ano fun cear a un local clásico da noite ravaleira de Barcelona: O Barquiño, un restaurante que nas fins de semana ofrece un espectáculo onde os participantes cantan copla, a maioría deles travestidos do xeito en que a poboación esperaría atopar: cun traxe de flamenca do chino.

O Barquiño é un lugar acolledor, canalla, sarcástico, con comida graxumenta e/ou tradicional galega: o paraíso na terra. Non ten ningunha intención nin ningunha necesidade de ser glamuroso, e aí radica o seu encanto. Igual que o bar de toda a vida non quere ter faroliños hipsters na terraza.

O tema é que invitei a aquela cea a un amigo meu, fan definitivo de RuPaul. Quedou arrepiado co ambiente (non teño claro se pola copla ou polo traxe do chino), e aí radica o conflito principal: a falsa expectativa que vende RuPaul’s Drag Race de que o mundo drag é así. O lumpen é lumpen e deixa de selo cando se limpa e decora, caendo en esperpentos coma os guiris que van a Colombia a facer “a ruta turística guiada de Pablo Escobar”, polos lugares onde se movía o narcotraficante no seu día a día.

Pero por outra banda vemos na tele, en horario de máxima audiencia, a unha banda de maromos vestidos de muller contando os seus dramas vitais froito de non vivir nunha sociedade acolledora co que é diferente. Compartindo coa audiencia o sufrimento das minorías marxinadas, amosando como se pode extraer arte do lixo e ser aclamado por esa mesma sociedade que lles cuspía na cara.

E claro, ese mérito non é pouco. Dignificar e enaltecer un colectivo ao que se denigraba previamente non é sinxelo. E a RuPaul podémoslle recoñecer, a maiores de todo iso, que conseguise plantarlle cara a Trump nas numerosas ocasións que intentou cancelar o programa sen éxito.

Rupaul’s Drag Race sería Masterchef e O Barquiño algo máis semellante á túa avoa cociñando chicharróns. Igual de estupendo, pero outro concepto. E que aí comece o debate, que eu non me penso posicionar.

Rupaul's Drag Race

A fotografía de portada é uha montaxe sobre unha foto de © Sonia Tres

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí