Solenoide: a decadencia da autoficción como proxecto literario

Intereseime por Solenoide ––novela publicitada, descoñezo se con acerto, como magnum opus de Mircea Cărtărescu–– despois de que o blogue The Untranslated, con motivo da aparición simultánea das traducións castelá e catalá en 2017, lle dedicase unhas palabras difíciles de desouvir: “Solenoid is the greatest surrealist novel ever written”. Antes de lela xa supuña que esa ponderación podía ser un bocado exaxerada ––ao cabo, Boris Vian existe. Mais a verdade é que de The Untranslated tirara algúns dos títulos que máis gocei no pasado 2020, Finisterra: Paisagem e Povoamento de Carlos de Oliveira e Igur Neblí, de Miquel de Palol. Solenoide tiña un título evocador e, aínda que fose escrita por un autor canónico, procedía dunha literatura relativamente periferizada (a romena). Eran dous checks positivos que, sumados á recomendación fiábel dun recomendador fiábel, conseguían que ignorase o elefante no armario; quere dicir, a descrición absolutamente aborrecedora da contracapa na tradución castelá que, en ausencia dunha equivalente galego-portuguesa, decidín empregar como mediadora: “estamos ante el diario de un escritor frustrado”, afirmaba cunha vontade de sedución accidentalmente paródica. Comezabamos mal. Adoito interpor, por pura economía temporal, cen metros entre os meus ollos e calquera cousa que pareza autoficticia, en particular se está protagonizada por un escritor facendo cousas de escritor ––o que, por outra banda, dáse nun 95% dos casos.

Solenoide: a decadencia da autoficción como proxecto literario
Mircea Cărtărescu. Foto de Carlos Balbuena

En boa verdade, e despois de case mil páxinas de lectura, non só non puiden achar a mellor novela surrealista xa escrita, senón que case non achei nada que me producise un verdadeiro interese. Por que escribir, por tanto, sobre Solenoide? Tal vez porque participa dun proceso máis amplo que, sequera como exemplo posíbel, culmina: a períclise da autoficción como proxecto literario contemporáneo. Se alguén pensar que estou a esaxerar, ou a pecar de grandilocuente, terá razón, con certeza. Tamén Nas dicía en 2006 que o hip hop estaba morto e o único que acabou morrendo foi a propia etiquetaxe; tamén en tempos de Risco había unha certeza de que o galego estaba próximo á súa desaparición, prognósticos decadentistas que replicaban e aínda replican os deses cregos altomedievais atemorizados coa chegada da apocalipse no ano mil. Tanto Nas como os apocalípticos clericais como os decadentistas galegos non deixaron nunca de falir; do que un debería aprender que ir diagnosticando mortes por aí é unha maneira rápida de quedar en ridículo publicamente. O que vén a continuación pode ser lido, pois, como apenas un diario de lectura. Ou, advírtoo xa, como 2.239 palabras de maledicencias e teimas persoais.

Solenoide é unha boa novela e está ben escrita. O mellor de entre as súas cousas boas é que se trata dunha das ucronías máis estrañas que eu xa lin: onde outros reconstrúen un mundo en que os nazis gañaron a Segunda Guerra Mundial, Cărtărescu xoga a imaxinar un mundo en que Cărtărescu non chegou a converterse no grande escritor que hoxe é. É un ponto de partida narcisista mais, en comparación con outros narcisismos que comete a novela este é, sen dúbida, o máis interesante. Solenoide é o diario privado dese Cărtărescu fracasado que renuncia para sempre á palabra pública, infeliz profesor de secundaria que medita sobre os horrores da vida humana, nomeadamente da soidade, da incomunicación, do avellentamento e da morte. A min estes temas parécenme tan importantes como a todo o mundo e, por iso mesmo, penso que desenvolvelos a través de mil páxinas é contraproducente: unha glosa reiterada do seu horror non fai máis que enfraquecelo. Esa non é, porén, a cuestión da que quería falar.

Solenoide é unha boa novela realista sobre a vida humana, e o único que a diferenza dos outros miles de autobiografías ficcionalizadas que a industria cultural mundial secreta cada ano é que é especialmente depresiva. Como na maioría de obras que populan as listaxes das dez mellores do ano ou mesmo da década, hai aquí unha vontade de construír un espello verosímil dun segmento da vida dun humano. Sobre a estrañeza que me produce esta obsesión mundializada polo realismo en primeira persoa voltarei despois; de momento prefiro que fique como apenas unha apreciación persoal: penso que é un formato enormemente aborrecido. O que é interesante deste caso é que, ao pouco de ler Solenoide, puiden constatar que o propio Cărtărescu partillaba esa mesma apreciación.

Pois a fantasía só é respectábel na literatura infanto-xuvenil, nos videoxogos, no cine masivo e noutros produtos que só entran nos suplementos culturais dos xornais co lubrificante da condescendencia.

Alén dun volumoso exercicio de autoficción, a novela do romeno é tamén un diario de soños e alucinacións. A vida cotiá dese vulgar profesor de instituto é constantemente interrompida por algo que vén do alén e que o protagonista toma por unha forma incomprensíbel de revelación nouménica. Como n’A tentación de Santo Antón de Flaubert, os pesadelos responden menos á realidade do tentador que a imaxinación do tentado: parasitos, arquitecturas imposíbeis, malformacións, insectos, deidades, bebés xigantes, etc. O narrador incide a miúdo en que non hai un patrón subxacente a eses episodios sobrenaturais, e que precisamente por seren mensaxes vindas de dimensións superiores, a nosa razón non as pode harmonizar. Cărtărescu toma unha decisión intelixente que, por desgraza, xa non sorprende ninguén, e decide agochar a información necesaria para determinarmos se esas alucinacións son produto dunha doenza mental ou non. Dado que o narrador é tamén o protagonista, apenas temos a súa versión dos feitos; isto é, que as aparicións do alén son un camiño progresivo para ascender á cuarta dimensión. Hai, aliás, algo de frivolidade en continuar a empregar a doenza psiquiátrica para xogar ao tren da bruxa; especialmente cando, como neste caso, a ambigüidade sobre a saúde mental do autor do diario é un truco para garantir que a crítica europea, tamén devotadamente realista, non considere que Solenoide é unha novela fantástica. Pois a fantasía só é respectábel na literatura infanto-xuvenil, nos videoxogos, no cine masivo e noutros produtos que só entran nos suplementos culturais dos xornais co lubrificante da condescendencia. A non ser, claro, que proveñan de países exotizados; mais esa é outra cuestión que podería ser retomada noutro momento; por exemplo, para falarmos do audiovisual fantástico galego estritamente contemporáneo. O que quero dicir é que para acceder ás posicións canónicas da literatura mundial a realidade debe sempre saír incólume da ficción.

No entanto, e a pesar de que a maior parte de Solenoide foca a vida cotiá dun adulto cun traballo e unha casa, Cărtărescu introduce todo un crisol visionario, escolmando milenios de demonoloxía cristiá; que era o que facía The Untranslated considerar a obra como surrealista. O porqué deste enigma radica, precisamente, na cuestión do tedio. E a pregunta que no fondo formula Solenoide podería sintetizarse: “como pode a literatura salvar a vida, a biografía humana?” ou “que vida pode ser suficientemente interesante como para reanimar a autoficción?”. A doenza mental, o transo mediúmnico, o consumo de alucinóxenos e outras formas de fenómenos-límite da conciencia levan sendo esteroides para o cabalo canso do realismo europeo durante máis dun século. Este truco de maxia é rendíbel desde que un fato de tolos alemáns ––ás veces románticos, outras idealistas, case sempre un pouco das dúas–– decidiron que o mundo moderno, secularizado, árido e excesivamente real precisaba dun reencantamento. Detrás desta realidade rehidratada, acabarían correndo os surrealistas, os máxico-realistas, os cunqueirianos, os oulipistas e tantos outros que, en fin, decidiron que a realidade crúa non pasaba pola gorxa sen un pouco de prebe.

A fantasía camuflada non é a única química con que Cărtărescu tenta dopar a convalecente autoficción. En Solenoide comparece outra das grandes protagonistas do formato: o ditado sapiencial, a cabalo entre a mellor filosofía moral e a peor autoaxuda ––dependerá da sorte que che tocar en cada páxina––, que tenta extraer unha ensinanza profunda de cada anécdota anódina. Son estes os lugares en que o autor concentra o estilo; adoitan estar ricamente ornados de tropos, presentar metáforas audaces e retóricas raras. Como o autor, penso eu, escribe ben, a cousa vai salvando. Na realidade, trátase doutra vía máis con que complementar unha vida humana incapaz de manterse de pé por si mesma como obxecto literario: onde o percurso vital non pode sorprender en si mesmo é introducido un sentido oculto de carácter ético. Un autor menos hábil caería no E en ese momento souben que… Aquí non comparece esa perífrase, afortunadamente, mais si a máxima moralista que adoita continuala. Tal e como o Pokemon Go, a autoficción coloca a cámara diante da nosa vida cotiá e tenta complementala con todo tipo de simulacros, pois sabe, no fondo ––e isto é o terríbel–– que non paga a pena contala en bruto. É realidade aumentada.

Solenoide: a decadencia da autoficción como proxecto literario

Se me permito tal nivel de maldade coa novela e coas correntes estéticas que encarna é porque non nos estamos a mover apenas nun terreo estético, mais nun que é directamente político. Non podo senón pensar, talvez cun exceso de socioloxismo, que a autoficción ten algo de secreta conspiración corporativista; que é o resultado dun pacto oculto entre escritores de todo o mundo para conseguiren que a imaxe do escritor continúe a ser atractiva. Como se, acabados todos os temas, a literatura só puidese ser un reflexo interminábel do propio acto literario e, sobre todo, da persoa que o executa: mira, lector, aínda somos interesantes, aínda debes conceder a túa atención a esta arte cansa e andada que non se pode experimentar en 4k e 60 fps, continuamos a ser divertidos, como a biografía de Baudelaire, lembras a biografía de Baudelaire? Non podo expresar o reparo que sinto ao ver unha profesión dedicada a louvar a propia profesión, algo que, quero pensar, resultaría arroibante en calquera outro sector ––mais aí está para levarme a contraria, por exemplo, o xornalismo. O grao de autopublicidade, de satisfacción co que un é, da falta dunha ollada crítica ao poder que un xoga na sociedade é un fenómeno social que aínda me chama a atención; un tipo de desvergoña que só se produce, na miña experiencia, entre persoas altamente acomodadas e altamente cómodas.

O sincretismo das figuras do escritor, do editor, do xornalista cultural, do empresario e mesmo do crítico literario nunha soa persoa ou, no mellor dos casos, nun grupo de persoas afíns cun proxecto común, veñen convertendo a literatura contemporánea nun profícuo xerador de reflexos do real ––clase media, estudos universitarios, primeira residencia en capital de Estado-nación e segunda residencia en nación sen Estado, preocupacións políticas, ansiedades familiares, vida social apaixonante. Non é novo que os grupos que atesouran o poder cultural nun determinado momento escollan que vai ser canonizado e que non; o novo é, ao meu entender, a total falta de perspectiva de futuro nos criterios canonizados. Refírome á expulsión de toda forma de experimentalismo e, en xeral, de calquera literatura que queira pasalo ben consigo mesma, aínda que sexa con resultados estéticos mediocres. Para que falar, aliás, da repercusión destas tendencias no campo literario galego que, alén de representalas todas, conta tamén cunha inexplicábel vontade satelital con respecto ao sistema español, incansábel consumidor e produtor de mímeses da clase media con empregos culturais.

Confeso que non consigo comprender o interese da modernidade no biografismo, no realismo, no escenario urbano, na sátira de costumes, no moralismo estoico, no recordo vagamente crítico da propia historia nacional e outras tantas cousas

Confeso que non consigo comprender o interese da modernidade no biografismo, no realismo, no escenario urbano, na sátira de costumes, no moralismo estoico, no recordo vagamente crítico da propia historia nacional e outras tantas cousas ás que, confeso de novo, non entendo por que tantos lectores lles sacrifican diariamente horas de vida que poderían desbaldir xogando a Disc Room, Super Meatboy Forever ou Spelunky 2, por falar de tres cousas en que eu decidín malgastarme o ano que agora é o ano pasado. En Disc Room un ovni-disco chega a Marte e debemos exploralo sorteando unha maraxe de serras rotativas que nos matan e, dalgunha maneira, tamén nos reviven, como se experimentasen connosco. En Super Meat Boy Forever, encarnamos unha muller feita de vendas e un home en carne viva perseguindo un feto malvado que secuestrou o noso bebé. En Spelunky 2, atravesamos andar tras andar un estraño templo na lúa en que parecen habitar deuses, alieníxenas arcanos e unha raza de humanos-berinxela. Os tres títulos son exemplos prototípicos de xogo sen trama, de trama-como-escusa para desenvolver mecánicas atractivas. E, aínda así, a pesar de seren proverbialmente non-narrativos, acho neles estímulos especificamente narrativos que ultrapasan con moito as case mil páxinas de Solenoide, os case tres millóns de follas que nas últimas décadas a literatura consagrou a retratar penas xeracionais, recordos infantís, relacións complicadas coa figura paterna e tantas outras cousas que, como a maioría de seres bípedes con polgares opoñíbeis, xa teño na casa, na miña propia vida, en full hd. Non teño problema en rebaixar o veleno: talvez todo isto sexa apenas un problema persoal de meu. Se é así, se a xente goza de maneira xenuína da autoficción e outros realismos anexos, eu son o último en me opor. Non hai nada peor que andar a desmanchar os praceres dos outros. Mais, para min, neste momento, este non pode ser o camiño.

Na súa tentativa por ultrapasar os límites da consciencia para complementar a realidade, Solenoide constitúese nunha pesada tumba sobre a literatura europea contemporánea; ou, máis ben, sobre a literatura que a industria cultural do presente decide que ––e volvo citar a desafortunada contracapa–– é “monumental, deslumbrante”, con “ecos de Pynchon, Rilke, Borges y Kafka”. Unha tumba que, porén, non certifica morte ningunha: o costumismo citadino e a vida individual como a súa máxima encarnación, o que poderiamos denominar un localismo do humano, contan cunha respiración artificial asegurada: a dos cartos e a atención mediática que a industria cultural con certeza continuará a suprimentar.

A imaxe da portada é unha montaxe sobre foto de Gary Lund.

2 COMENTARIOS

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí