Surfistas de Sealand na terminal – O Tigre do Futuro 26

Lores ingleses encerrados en aeroportos durante décadas, inventores surfistas sen medo a “expropiar”, e un país punky montado nunha plataforma no medio do mar. Todo no Tigre máis aguerrido!

Neste episodio contaron historia OputoPablo, o Rubén Amado e mais o Darío MJ, con Guillermo intentando dirixir isto cara algures.

Comezou o Pablo, que segue namorado das megaestruturas absurdas e loxicamente tiña que acabar falando de aeroportos. Repasamos os mellores proxectos faraónicos para gardar avións e tamén algunhas historias de xente atrapada neles: de Edward Snowden a Karimi Nasseri, o que inspirou a película da Terminal.

Despois o Rubén trouxo unha historia con aires de western marítimo. A lenda de Tito e Rufino, que inventaron o surf galego na Coruña. Viaxes de estraperlo a Francia, hippies sudafricanos e métodos case arcanos para fabricar táboas nun alpendre en San Roque. A historia de homes libres.

Por último Darío colleu unha lancha na costa inglesa para visitar o país máis país que igual non é un país: Sealand. Navegamos pola gloriosa historia desta “nación” fundada nos 60 nunha plataforma no medio do Atlántico, a idea dun romántico que quería facer unha radio comunitaria. Bandeiras, nobreza e soberanía, mais tamén é historia de golpes de estado, decadencia e diplmáticos ingleses enfadados.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí