Susto sen premio. Os Oscar, Hereditary e outras esquecidas do último terror

A ausencia de Hereditary nos últimos Oscar é outra mostra do ostracismo do terror nestes premios, que non parece prestar atención ás renovacións no xénero.

Semellaba que este 2019 traería por fin unha candidatura aos Oscar para o xénero do terror. A apertura da academia nestes últimos tempos propiciou cousas tan inverosímiles en Hollywood como a aparición de Black Panther, de Ryan Coogler, entre as mellores cintas. Quen podería descartar entón que unha das películas de terror con mellor crítica en anos puidese chegar á lista definitiva?

Falo de Hereditary. O máis recente fenómeno do terror é, para min, a mellor película do xénero nesta década. Máis aló da súa inmensa calidade, é interesante pensar neste filme ademais como a culminación da transformación do xénero da man do cine de autor. A ópera prima de Ari Aster recolle, sen aparente intención do director, todas as sementes espalladas en Sundance nos últimos anos. O froito de películas de terror cuxo xerme creceu na localidade de Utah e que axudaron a cambiar radicalmente a consideración do xénero para a crítica.

cartaz hereditary

O novo cine de terror xa non ansía descaradamente o éxito comercial, ser a proxección máis vista durante a semana de Halloween ou crear sagas inacabables. O novo xénero procura a singularidade. Historias únicas e con momentos impactantes, que quedarán na retina do espectador durante un tempo. Móvese con audacia entre o terror psicolóxico e o susto máis convencional.

Podemos dicir que Hereditary é a culminación perfecta deste novo xénero. Desde o arranque, Ari Aster é capaz de trazar unha liña de tensión constante que nunca descende e que remata por estoupar nos intres finais. Dosifícanse indicios e pistas para que sexa o espectador quen constrúa o relato. De feito, ao saír do cine tiven que facer un exercicio mental importante para reter todo o que acababa de ver. Iso, que noutras películas sería un mal síntoma, nesta é todo o contrario. A caótica e terrorífica conclusión non deixa nin un segundo de respiro ao público.

Prescindiuse de Hereditary na candidatura a maior película, pero tampouco aparece noutras categorías. E non porque lle falten méritos individuais. Toni Collette, a súa actriz principal, ten parte da culpa do éxito da película, grazas a unha actuación digna de estar no olimpo do xénero de terror. O seu traballo expresivo permite conectar coa psicose e evolución da personaxe durante o desenvolvemento do filme. O Oscar a mellor actriz é un dos premios máis cotizados, pero penso que Collette ben merecía esa mención; e, de paso, unha revisión médica tras a rodaxe para confirmar que non quedou tocada.

.

O mellor do novo medo

Hereditary non é a única película que merece mencións pola súa calidade. Nesta década apareceron numerosos filmes fortemente loados pola crítica (algúns máis que outros). Existen varias pautas comúns que se repiten nestas producións, como as traxedias familiares ou o demo e o paranormal. A continuación vai unha lista do máis destacado. Se aínda non viches algunha, non sei a que esperas para pasar algunhas das mellores peores horas da túa vida.

The lords of Salem (2013). Rob Zombie.

Comprometida elección dirá quen a viu, si. Pero o tempo semella sentarlle ben a este filme protagonizado por Sheri Moon Zombie e no que o seu marido Rob Zombie deixa a un lado o gore e a Michael Myers para afondar no psicolóxico. Gran uso do espazo da imaxe e banda sonora impecable. Crea un ambiente surrealista que favorece a tensión.

Babadock (2014). Jennifer Kent

Este filme australiano é xa un clásico moderno do cine de terror pola súa interpretación dos medos e traumas das persoas. Trátase dunha trama complexa pero ben resolta. Explora as relacións familiares traumáticas, con intenso dramatismo, e presenta un monstro sinistro inspirado en fábulas e contos populares.

.
Evil Dead (2013). Federico Álvarez

Cando pensamos nun remake dun filme de terror, lembramos sonoros fracasos do terror adolescente. Hai excepcións. Está, por exemplo, a pouco arriscada adaptación de The Texas Chainsaw Massacre, dirixida por Marcus Nispel, do 2003. Outro caso é o de Evil Dead. A revisión do clásico de Sam Raimi dirixida polo uruguaio Federico Álvarez comeza como unha cinta de terror adolescente, pero conten algunha das escenas máis aterradoras da última década. De novo, a banda sonora é clave para crear un clima hostil e angustioso. As posesións infernais, moi de moda no xénero, levadas ata o gore sen que o terror perda forza.

.
It follows (2014). David Robert Mitchell

Unha auténtica obra mestra do xénero. Sen perder a esencia do terror, alcanza novas cotas grazas a un argumento perturbador e sinxelo ao mesmo tempo. A tensión e psicose que xera no espectador perdura moito despois de rematar a película.

.

The witch (2015). Robert Eggers

Unha das grandes triunfadoras de Sundance no 2015 é tamén a ópera prima de Robert Eggers. É curioso que moitas destas novas obras de terror son froito de directores novatos, que contribúen a darlle un novo aire ao xénero. Eggers aporta neste filme a súa fascinación polas bruxas e crea unha película de época na que as personaxes e as súas transformacións a nivel psicolóxico xogan un papel fundamental.

.
Get out (2017) Jordan Peele

Este filme de suspenso é u unha das excepcións que fan ter a esperanza de que o terror poida gañar algún día o Oscar. Levou o de mellor guión orixinal e estivo nominada a mellor película e director. O humorista Jordan Peele fai a súa estrea como director levando a discriminación racial ata cotas extremas. O seu humor ácido rompe a tensión que produce en todo momento esta historia de conspiracións e enganos.

.

Verónica (2017). Paco Plaza

Plaza xa demostrara hai unha década con REC a súa calidade para crear historias de terror. En Verónica conságrase cunha historia baseada en feitos reais. Vellos tópicos do terror paranormal e demoníaco mesturados coa estética e a música do Madrid dos anos 90. Moito simbolismo e medos adolescentes.

.

The haunting of Hill House (2018). Mike Flanagan

Esta miniserie de Netflix é o mellor exemplo de que o terror tamén pode pasar da pantalla do cine á do salón. Unha soberbia realización e unha historia ben elaborada compensan a busca descarada por momentos do susto fácil. Moi boa aposta de Netflix polo medo.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí