Tanxugueiras, pandeiretas e contrapuntos na Sala Capitol

Unha crónica (algo tardía)

Unha das ideas brillantes que Philip ten para uns futuros “Apuntes dun crítico malandante” é escribir unha recensión dun concerto dos anos noventa coa coña de tratalo como algo actual. O presente artigo non é obra duns críticos malandantes (non?), pero si trata un concerto que xa perdeu un pouco da súa actualidade porque asistimos a el hai catro semanas. Deu tempo para meditalo.

A ninguén lle gusta facer cola, pero non negaremos que nos produciu certo pracer agardar nunha longa ringleira de xente de todas as idades que percorría toda a rúa Concepción Arenal e parte da da Fonte de San Antonio para ver ás Tanxugueiras.

—Con tanta cola, custa crer que vaiamos ver “trad” e non “trap”. Seguro que é aquí?

—Que si. Xa cho dixen, que o di no mapas de Google.

—Pss, pss. Escoita. Detrás de nós hai unha nena pequena que está falando en galego.

— E os de adiante tamén! (Se puidésemos poñer un emoticono aquí sería a cariña de sorpresa coas mans nas bochechas) (E despois a dos corazóns nos ollos)

Lembrando esta conversa, vémonos a nós mesmas completa e tristemente abraiadas polo que debería ser unha situación normal. Pero temos escusa. Sorprendernos deste xeito é inevitable dado onde vivimos. Dicímolo con cariño, pero Coruña é o que é. Obviamente, non sería nada realista esperar que toda a rapazada da Coruña tocase xotas e cantase regueifas polo Parrote, e tampouco coidamos que unha cultura tan homoxénea sexa desexable, por moi ‘enxebre’ que fose. Porén, non molaría que o canto e os bailes de aquí tivesen máis prestixio, que máis persoas os practicasen e que estivesen tan estendidos e normalizados como pode estar o flamenco en Andalucía? Xa sabemos que é unha reflexión moi pouco orixinal, pero cando chegamos á Sala Capitol e vimos xente de todas as idades, vestida de todos os estilos dende Inditex a perroflauta pasando por xostro tipo “Philip”, e que facía cola arredor de todo o quinteiro para ver a tres pandeireteiras, decatámonos de que a música tradicional ten un nivel de saúde que dá lugar a esperanzas reais cara ao futuro. E iso, en parte, é grazas a xente como Aida, Olalla e Sabela. Esa longa ringleira é unha mostra do aprecio que hai polo traballo das Tanxugueiras e pola gran calidade das súas propostas musicais, xa nesta etapa temperá das súas traxectorias, que esperamos que sexan longas.

Que si, que xa comezamos coa crónica. Que xa agardastes catro semanas por ela.

Ábrense as portas da Capitol e pouco a pouco vaise enchendo a sala a ritmo de Xabi Aburruzaga, o invitado especial. Séguenos prestando a espera. A trikitixa fainos mover os pés e como posuídas vainos levando cara a terras vascas.

—Mira que raro tocan a pandeira. Ca outra man.

—E se as raras somos nós?

Paseabamos felices polas rúas de Portugalete cando, de súpeto, nos golpeou un son distinto, familiar. A Muiñeira de Chantada arrincou ao público. Volvémonos tolas como quen leva anos fóra da terra e escoita de novo unha gaita. E despois dalgún aturuxo desatado, retornamos aos sons vascos para despedírmonos do trikitixari cantando unha letra imposible. Eskerrik asko bidaiagatik!

—Agora xa veñen elas, non?

—Isto está cheiño. A ver se poden bailar.

—Seguro que si. Apóstoche que coa primeira muiñeira alguén baila.

—Veña, saca o móbil que empezan!

Baixan as luces e escóitase a voz dunha muller que fala de vidas cheas de contrapuntos. Unha clara declaración de intencións. Comezamos coas luces apagadas, nas tebras de amores amargos e traizoeiros, co Maltraer. Primeiro como tres voces independentes, que se van presentando unha a unha, para despois xuntarse e lembrarnos que poden soar perfectamente como unha. As campás dunha voda que parece unha execución trócanse polos tambores: o son da Autocracia, do cárcere cheo de xente cos seus valores, a gaita que chora, a luz da lúa e o disparo que pon fin ao paseo.

Tanxugueiras da Capitol

Contrapuntos, lembrémolo. Hai medo e logo están as e os que se resisten a el. As Tanxugueiras quitan as capas negras que as envolvían como unha materialización da tristura. Quítanas como as mulleres fortes e libres que son, e berramos todas ben alto con elas que nós tamén o somos, e non hai ninguén que o negue. Sabela recórdanos que debemos estar orgullosas de loitar para que todas as nenas poidan chegar a onde queiran (tamén a casa).

Aludida polo discurso feminista, unha nena loura que está subida aos ombreiros de alguén entre o público move a pandeireta que leva na man, como quen dá o pistoletazo de saída dunha carreira. Comeza a soar unha muiñeira. Cal? Non cho sei.

—Ves! Mira alí. Díxenche que con esta bailaban. (Emoticono da bailadora de flamenco, ante a falta dun máis representativo)

Cambio de luz e cambio de ritmo. Agora toda a Capitol é totalmente verde, verde como ese río que segundo a canción ten tantas cores e amores, e arrastradas pola corrente acabamos, sen querelo, maneando as patas.

Percorremos coas Tanxugueiras unha vida chea de contrapuntos en feminino. Nais que cantan a nenas pequenas que non queren durmir. Fillas que cantan a nais que non comían o pan por llo dar ás súas fillas. Compañeiras leais que cantan xuntas, dadas da man, axudándose se se rompe a voz. Escápase entón algunha bágoa no escenario e seguramente tamén no público. Moitas historias que lembrar.

Pero como nesa vida da que nos falaba a voz do inicio, pasamos axiña das bágoas á euforia máis absoluta. Con luces do Playa ás sete da mañá bailamos e cantamos a Muiñeira montañesa, Desposorio e a Malquerenza. Cantade, compañeiras, que así rebentades a quen di o que non é, que así quitades a tristura que nunca deu de comer a ninguén. Rematamos cunha versión trap dos hits de Contrapunto. Unha transformación do tradi para dar que falar. Só nos faltou queimar un coche. Sirvan de proba as fotos borrosas de after trasnoitado que nos saíron. Sirvan tamén de carta de recomendación para que vaiades a un concerto de Tanxugueiras, porque segue habendo datas na xira e resulta que en catro semanas o que escribimos non perdeu actualidade en absoluto.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí