“O tema que Feijoo non quere que escoites” podería ser o título en plan reclamo de Youtube ou páxina merdeira co que facer que picases nesta entrevista, pero crémonos con certa superioridade moral e queremos mantela. Por iso só dicimos que nos puxemos en contacto con Xaquín, Mateo, Fabio e Pablo, integrantes de Teima para realizar unha charla aberta. Tres deles acudiron a cita (Pablo alegou que tiña que traballar, xa ves ti) e contáronos como está a ser o comezo da súa andaina no mundo da música con este grupo de son e temática contundente como demostraron co seu ultimo tema “Lume e Espiñas”.
Levades case un ano medio parados despois de sacar “Aprender” na súa versión acústica. Como foi esa volta esperada aos ensaios, ao local e demais despois de toda esta situación?
Mateo: Non estivemos parados de todo nunca, seguimos aprendendo no tempo que non puidemos seguir ensaiando e tocando. O tema é que nós xa tiñamos gravados os temas que íamos sacar, o que nos faltaba era o videoclip de “Lume e Espiñas”, que o gravamos aproveitando un parón que houbo cando baixaron todos os casos e permitiron volver, digamos, un pouco á vida normal.
Xaquín: O rollo foi ese, que os temas estaban gravados dende novembro/decembro do 2019 (risas) e o tema saíu agora no 2021. Tiñamos incluso algún concerto e todo que nos facía moita ilusión, pero nada…
Mateo: O mítico, íamos ir tocar a sala Malatesta, por exemplo, en Santiago e ao final non puido ser… pero bueno, tampouco está cancelado de todo, a xente sigue con esperanza.
Xaquín: Si, iso nunca se sabe (risas).
A canción, Lume e Espiñas, ten unha temática reivindicativa moi dura. Como xorde?
Xaquín: O tema é dos primeiros que fixemos e a letra pois saíu da vaga esta de incendios tochísima en 2018, que ardera nos Ancares e a virxe María, fora un desfase. Eu daquela estaba estudando e varios compañeiros encamiñaron o TFG e as prácticas cara iso, e a verdade e que a min tamén me apeteceu. De feito, acórdome de estar alí de prácticas e houbo un día que eran as catro da tarde e fíxose case de noite, acendéronse as farolas e todo, porque veu como unha nube de fume que cubriu todo.
De prácticas?
Xaquín: Eu fixen maxisterio, para dar clases en primaria e colleume alí, en Castroverde. Acordeime diso e dixemos, pois imos facerlle un tema queixándose un pouco de todo isto.
Mateo: E iso foi antes de que existise o grupo.
Agora tedes outra cousa aquí preto que tamén pode entrar dentro destas temáticas reivindicativas como é o rollo dos penedos… (a problemática da creación dun parque eólico na zona dos Penedos de Traba, preto de Laxe).
Xaquín: É o de sempre, non? Enerxías renovables tenas que haber, pois vale, pero o que non pode ser é que nun sitio incluso, que eu saiba estaba como medio declarado como paisaxe protexido, xa me dirás, chantarlle aí os eólicos, non? De feito, aí atrás falaron de facer un evento reivindicativo, non sei si un concerto ou un recital ou algo. Nos falámolo, de momento estamos aí pendentes, non sei se se fará ou non… Eles falaron con nós, pero non sei en que quedará.
Mateo: Un evento pero non sabemos nin as características nin o que vai ser en xeral. Imaxínome que a organización será Salvemos os penedos, o rollo de Calo Rural e todo isto. Nós falamos cos de Calo Rural que son unha asociación de xente que teñen casas rurais e fan concertos en eiras e actividades para promocionar o rollo de darlle vida as aldeas e quitarse un pouco do centralismo.
A temática non é o único contundente da vosa música xa o que o son non queda atrás. Como definiriades o voso estilo?
(Risas)
Xaquín: Bua, sabe dios (Risas)
Mateo: Que fale algo Fabio se quere
Fabio: Eu son timidín, son o tímido do grupo tío (risas)
Mateo: A ver, como nos definimos artisticamente/musicalmente? Nós dicimos que somos metal, para non meternos en lios, pero temos temas que tenden máis ao Stoner, outros máis ao Crust outros máis Punki… Ao final nós definímonos como un grupo de metal soneirán porque todo o que facemos está no microcosmos do metal; e soneiran porque todos os integrantes somos da Terra de Soneira.
Falastes noutros lugares da influencia do metal en galego na vosa música. Cales son eses grupos? Que nos recomendariades na actualidade?
Mateo: A nivel de Galiza eu creo que o grupo que máis escoitei e máis me influenciou de sempre foi Machina que é un grupo de Cerceda. Penso que foron un punto e á parte dentro do panorama galego porque, polo menos no que eu escoitaba, era un tipo de música que en galego non me imaxinaba que se puidese facer. A min iso inspiroume moito
Xaquín: Despois hai outros grupos que son míticos tamén como Nao, Arritmia, o guitarra de Machina tamén sacou hai pouco BROA, que tiñan de lema Mecanismo de combate panadeiro…
Mateo: Si, iso no universo metal galego digamos máis recoñecido… despois xa no universo da liña máis underground temos influencias como Ténue, Iptus, Madame Germen que facían unha movida máis Crust na Coruña e que nos molou sempre moito… nós seguímolos aínda que o resultado na nosa música non se achegue tanto a eles. Ao final alguén inflúeche mais iso non determina o que acabas facendo ti.
Non sodes o único grupo en Vimianzo. Mateo estivo en “Druídas da Rolda” (disolto), Xaquín e Pablo seguides en “Bastardos de Rivera” e Fabio con Urko (disolto). Incluso recordo un disco con motivo do Asalto ao castelo con cancións de varios músicos locais… Parece que quixerades copar a escena musical da costa da morte dende unha vila sen mar. A que creedes que se debe isto?
Mateo: Todo é produto da mezcla dos aires de Sabadelle cos da mina de caolín de Castrelo (Risas). Non, pero a que se debe? Bueno, tamén é certo que moitos dos grupos que mencionaches estaban concentrados un pouco nas persoas que estamos aquí. Supoño que tamén hai un sector da xente de Vimianzo máis inqueda nese sentido e como o tema do disco era o Asalto, reuniron a toda esa xente que facía música nese momento: dende Sergio, os Fugaos, os Bastardos, Urko até eu no grupo de gaitas da Trubisquiña. Fixérono pensando que hai un pouco de canteira.
Pero de onde pensades que xorde iso?
Xaquín: bua, pois é unha boa pregunta. É complicado.
Mateo: Remontando a vista atrás tamén habería que falar do grupo que tiñan a xente do Celme.
E que tamén traían grupos…
Xaquín: Si, pero iso eu creo que é máis de agora. Nós cando empezamos, de feito, tiñamos que ir a clases de guitarra a Carballo, e agora aquí polo menos xa se ve que hai guitarra, batería, hai canto… entón iso agora tamén vai facendo caldo de cultivo.
Mateo: Tamén o que dicía dos impresentables (grupo dos do Celme) que creo que foi un dos primeiros grupos que houbo aquí pola zona estaban incluídos no movemento Bravú, cos Heredeiros e demais. Xa che digo, sempre pareceu haber esa inquietude na vila de Vimianzo.
Xaquín: Os impresentables… sempre pensaba no feito de que os impresentables foron tocar no Luar, eu con 14 ou 15 anos flipaba.
Mateo: E ademais non só no rock, quero dicir… estaba antes Viero que era rollo rapeiro/regaeton… quero dicir, había variedade…
Xaquín: Creo que se levaba co Lopes (si, fixera un tema con el na que Viero poñía a voz na intro… aínda non sei se faría dúas). Pero eu creo que tamén o tema dos festivais, que xente foi organizando pequenos eventos a raíz do Asalto que foi o caldo de cultivo.
Apunte: no choripan o houbo un acto un tanto perverso dun cantante. Vídeo en Youtube.
Saístes no Nós diario, na Voz, até incluso na TVG. Saíu tamén uns días atrás que sodes finalistas do Rock in Rio Tea da Galician Brew… Como levades a fama?
Mateo: Ás veces pásame que saio pola porta da miña casa en Castrelo e hai un montón de vacas aí valando (risas). Non, pero a ver, joder estamos moi contentos coa acollida. O tema de chegar a un bo número de visualización en Youtube en pouco tempo… non sei se vós queredes engadir algo (Fabio lévao mal).
Fabio: Eu teño ben solucionado porque cada vez que saio á rúa confúndenme con Mateo e xa está (Risas).
Mateo: É iso, aínda non podemos saír de traballar polo grupo… temos 20 euros aforrados (joder xa tedes 20 euros máis ca min).
Xaquín: Nós, queiras que non, co tema do concurso fomos repañando visualizacións, estes días xa se estancou máis o conto. Mais quedar de finalista nun concurso onde eramos 60 bandas e escolleron a 15… Tamén demos moito a brasa con el, escollía o xurado popular os finalistas e entón estivemos activos nas redes para conseguilo.
Na produción do videoclip as imaxes que acompañan o tema teñen unha composición moi orgánica. O batera filma, Adela e Antía sacan as fotos… Teima acaba sendo algo máis que o grupo de música. Como foi esa produción do videoclip? A portada?
Mateo: Parafraseando un pouco aos de Broa… (risas) dicía que o grupo en si, digamos os que tocamos no escenario, somos un pouco o núcleo duro, onde nace a idea, pero é certo que as persoas que nos rodean sempre nos axudaron moito en todo os aspectos de forma desinteresada. É moi probable que sen elas isto non puidese ser nada… non podería funcionar. Moitas veces téndese a centralizar o éxito en determinadas persoas pero nós debémoslle moito a Adela, Antía, aos amigos de Pablo que nos axudaron co videoclip que eran Raul e Manuel…
Xaquín: Obviamente, Pablo é tamén do grupo, está xa presente niso, mais tamén está detrás coa produción do vídeo e demais…
Mateo: O videoclip eran ideas que xurdían de todos e Pablo colleunas, deulles forma e mellorounas por mil.
Como vedes o futuro, haberá pronto novos temas de Teima? E un disco?
Xaquín: A ver, temos un tema máis gravado… O que pasa é que agora hai que deixarlle un pouco de descanso a este e non imos gastar todo en dous meses, aínda máis sabendo que este verán non haberá concertos. Veremos que pasa no inverno… se podemos polo menos unha cousa pequena, non podes facer unha xira de salas, aínda que non veña xente, para poder presentalo ben todo. Entón, agora queríamos darlle forma a un videoclip e gravalo durante os meses de verán para sacalo en setembro. Pero isto totalmente sen poñernos a facer nada
Mateo: O plan era sacar dous singles con videoclip para darnos algo a coñecer e despois máis para diante, dependendo da pasta que teñamos, planteámonos incluso facer algún tipo crowfounding, pero aínda está no aire…
Xaquin: E que claro, ti cando hai concertos sacas un tema, vas as salas e se consegues recadar algo de pasta con iso pagas outro tema. Pero agora de onde sacas a financiación…
Mateo: O ideal seria acabar sacando un disco, pero, falta moito para falar diso…
Xaquín: Se agora conseguísemos gañar o concurso xa estaba… ou axudaría moito polo menos (risas).
E xa para acabar, igual aínda queda, pero si puiderades escoller un festi ao que ir ou no que vos puiderades chantar no escenario con Teima, cal sería?
Mateo: Tremenda movida na que nos acabas de meter
Xaquín: Como público ao asalto tío (Risas) (barrendo para a casa… resposta segura total) (Risas).
Mateo: Vale, se hai que escoller, como individuo, suxeito pensante… pois como levo tanto tempo sen festivais e demais… calquera cousa me vale xa… pero si que é certo que lle teño morriña de forma especial ao asalto xa que ía dende pequeno… Ortigueira tamén, polo mesmo, que cando iamos todos o pasabámolo de puta mai e por suposto o Resu… tocar no Resu xa sería a hostia. Pero en definitiva, como individuo, suxeito pensante e espectador o asalto e para tocar o asalto. (risas).
PD Final de Teima:
Esperamos que o mundo da cultura se recupere pronto e reiterar nos agradecementos a Adela, Antía, Manuel, Raul, Javi Sampedro (que fixo coros que o recollemos) e a todas as persoas que nos axudaron. Tamén aos brigadistas que traballaron no lume, especialmente a aqueles que nos mandaron imaxes de zona queimadas que usamos para o videoclip.