Entrevistamos ao chaufre ao volante da Tele Jaita, o enfant terrible do YouTube en galego, o Toretto nas carrilanas das redes. Este youtuber comezou a súa andaina na plataforma hai xa case catro anos, un tempo en que os seus vídeos humorísticos de dobraxes conseguiron decenas de miles de visualizacións e a súa canle se situou entre as que contan con máis subscriptores dentro do ámbito galegofalante.
Realizamos esta entrevista vía correo e deunos para falar sobre o proceso de creación dos seus vídeos e do seu éxito, así como tamén de proxectos futuros, da TVG, de lingua e de humor. Sobre todo de humor.
Como comeza a canle? Xa fixeras dobraxes antes e decidiches probar en YouTube? Nos primeiros vídeos parece que aínda non tiñas moi claro o formato e vas probando, mesturando novas con outros compoñentes.
Como case todo na Tele Jaita, comeza cun proxecto elaborado con todo medido ao milímetro e cun plan perfecto: decidín pintar a habitación e por aquilo de non intoxicarme cos gases (teño a manía de intentar non morrer), movín os enseres de primeira necesidade a outra habitación, entre eles o ordenador que utilizo para todo. Nesa mudanza descubrín, tirado detrás do escritorio ,un micrófono Genius de 12€ que utilizaba hai moitos anos para mandar notas de voz polo Messenger (si, son máis vello ca pólvora). Acordeime do divertido que era andar a gravar chorradas para pasalas e decidinme a facer un vídeo. Busquei a mítica noticia graciosa da Voz de Galicia, fixen unha reportaxe na que se falaban cos protagonistas e ata hoxe. A noticia era dun blablacar e o vídeo pois esta na canle, é o primeiro obviamente.
A verdade é que nunca fixera dobraxes pero son moi idiota e sempre me gustou imaxinarme ao ver unha película que contestan outra cousa completamente distinta. De feito gustaríame algún día gravar un vídeo no que só un personaxe estea dobrado, contestándolle o que lle din aos que están co audio orixinal, pero non hai moito tempo.
Os primeiros vídeos son con noticias e foi evolucionando moi orgánico polo que me ía facendo máis gracia. Empecei co da noticia: collía unha e falaba co “protagonista”. Agora que me lembro, o primeiro vídeo que elixín era de LaSexta e xa tiven problemas co copyright desde o primeiro vídeo, é curioso. Nun dos primeiros vídeos, o protagonista era Messi e fíxome moita gracia o feito de que un personaxe famoso falase en galego e de cousas de Galicia. De aí pasei xa case en exclusiva a facer noticias de famosos, ademais de comentar un par de noticias antes para darlle forma como de informativo. O problema deste formato é que precisa de noticias e perdía moito tempo buscándoas, por iso fun mudando a dobrar películas, series e programas de televisión, que os podes facer cando queiras sen estar pendente de nada. Ademais é máis sinxelo de dobrar que unha persoa soa falando á cámara, xa que as accións dánche moito xogo.
En que momento sentes que chega o boom? Ese momento en que de súpeto a canle chega a moita máis xente ou que os vídeos aparecen partillados onde non o esperas?
Houbo varios momentos. Un primeiro cun de cando os Gemeliers tiveran a polémica no Land Rober e collera moitas visitas, uns números fóra do normal para aquel momento. Pero claro, era froito da situación sen eu pretendelo: fixen un bo clickbait xa que no título puxen algo como “Gemeliers falan da súa polémica no Land Rober” e claro, entraban ao vídeo por outros motivos. Pero de velo compartido así en sitios remotos, o primeiro foi a entrevista a Brad Pitt, que foi bastante chocante naquel momento xa que era unha canle bastante pequena. Estamos falando de que a media dos vídeos naquel momento eran 1k visitas e aquel tivo 20k, pero sobre todo a diferencia foi o moito que apareceu compartido por aí. Despois chegou o de John Wayne que foi brutal, e aí cadrou unha época de vídeos con moita repercusión porque fixen o do derbi que estivo en moitos lados, Sonjocu tamén tivo moito, o primeiro da serie de Oliver e Benqui tamén é desa época e despois chegou o First Dates 2, que está subido a Facebook porque foi bloqueado e que ten máis de 1 Millón de visitas. Foi unha loucura. De feito chegou a falarme incluso un dos protagonistas do vídeo orixinal. Por desgracia non foi Rafiel, pero foi divertido igualmente.
Como é o teu proceso de creación? Escribes antes un guión e escolles os extractos de película que mellor cadre, ou á inversa? Hai sempre unha sensación de frescura e enxeño, como de ocorrencia nos vídeos. Canta improvisación e canto guionizado hai nos diálogos?
O proceso de creación empeza co que para min moitas veces é o máis complicado, que é atopar as imaxes que queres dobrar. Decidirte por algo é o máis difícil, ademais co tema do copyright sempre intentas andar con coidado. Unha vez que me decido por algo eu case nunca escollo extractos de película, intento loitar por dobrala tal cal é a película, sen elixir trozos. Sei que non é a mellor forma pero gústame así e aquí faise o que me sae dos collóns jejeje. Sobre o tema de guión, nunca escribo nada a non ser que se me ocorra un gag nun momento fóra de lugar, que o escribo para non esquecelo e despois usalo pero o concepto, nunca palabra por palabra non me gusta ler. Así que unha vez que decido a película ou serie ou o que sexa, vexo un par de veces os 6 ou 7 primeiros minutos e despois dámoslle a gravar e que sexa o que Deus queira jajaja.
Agora eu non sei se lle chamaría improvisación xa que teño a posibilidade de repetir unha e outra vez e outra e outra e outra, e algún día é todo unha marabilla e ocórrenseme cousas á primeira e outros días para avanzar dez segundos hai que botar tempo e tempo. O feito de traballar só e de poder gravar case palabra por palabra dá moitas oportunidades. Eu intento que sexa o máis espontáneo e o menos preparado posible, sobre todo porque non teño tempo, pero ás veces hai moito traballo detrás.
Debo dicir tamén que no tema das entrevistas cando fala un personaxe a cámara si que hai moita máis improvisación pura, e sobre todo que se teñen cortado e borrado moitas cousas porque saen moitas animaladas jajaja
Á hora de escolleres os vídeos a dobrar, a independencia dos inicios viuse cada vez máis condicionada polas peticións da xente, ou segues optando en maior medida por contidos cos que te sintas máis cómodo e que che permitan dar un toque máis persoal?
Sempre leo todos os comentarios. De feito ao primeiro contestábaos todos porque eran moitos menos, agora é máis complicado. Sempre intento ter en conta o que opina a xente pero o máis importante é que me digan algo as imaxes, que me fagan gracia a min. Se mil persoas me pediran dobrar algo que non me gusta ou que non me sae nada, non o faría, e ao mellor unha persoa nun vídeo de fai tres anos dime “grava esta serie” e bótolle un ollo, mólame e tiro con iso. Coido que hai que ter en conta á xente e despois facer o que me dea a gana jejeje.
Que foi o máis estrambótico que che pediron dobrar?
Mandáronme unha vez un vídeo a Facebook dunha señora que ía andando pola rúa, abaixábase e cagaba alí no medio.
Cales dirías que son os teus referentes á hora de facer vídeos? Tanto no audiovisual como no humor. Non parece casualidade que a TVG sexa parte do teu nome. Houbo algún actor de dobraxe galego que te marcase nalgún momento?
A min sempre me gustaron moito as voces. Son o típico idiota que está vendo unha peli e diche “esa é a mesma voz que lle poñen a Brad Pitt” e chorradas así. Como actores de dobraxe galegos, sen dúbida Luis Iglesia e Antonio Mourelos, que ademais son grandes actores. Son un gran defensor da dobraxe e das películas dobradas. Poderíamos falar durante horas sobre iso pero non é o tema.
Dito isto, quixera dicir que eu non sei se se pode considerar que fago dobraxe. Eu utilizo as imaxes para facer humor e moitas veces pódese ver que nin coincide: se se me ocorre un chiste e nese momento ten a boca pechada, eu vouno dicir igual. Para min o principal é o humor. Digo isto porque non é que a miña paixón sexa a dobraxe e queira imitar a grandes actores de dobraxes e esta sexa unha plataforma para darme a ver. Eu son basicamente un imbécil e o que me gusta é rirme e facer rir, e as dobraxes dánche moitas posibilidades con moi poucos recursos e podendo traballar só e sen saír da casa. Pero se alguén me quere ofrecer un traballo de dobrador eu encantado, que despois de tantas horas teño bastante práctica jajaja.
Por iso os meus referentes son humoristas e podería dicir moitos que me influíron, pero hai sobre todo tres referentes que diría que son os que máis me gustan e os que cando fago algo vexo que están máis reflictidos. O primeiro é Mel Brooks: encántanme as súas películas e sobre todo ese tipo de humor. Despois Roberto Vilar: creo que como o humor galego non hai; é distinto ao resto, non digo que sexa nin mellor nin peor, simplemente é único e a min é o que máis me gusta. Creo que Roberto é o gran referente do humor galego dende sempre. Crecín vendo os Tonechos e todos os seus derivados. Lembro sketchs de moitísima calidade fóra do que eran os propios Tonechos que aínda a día de hoxe algunha vez lembro cos meus amigos e rimos. Para que algo que viches unha soa vez na vida o recordes máis de dez anos despois ten que ser de moita calidade. E o terceiro referente é miña nai. Creo que aglutina todo ese humor retranqueiro da aldea cun toque picante que me fai moita gracia. Ademais cando consigo que miña nai se ría faime especial ilusión, e ten ese toque de facer rir sen pretendelo de forma natural.
Despois hai cómicos que sempre intento ver o que fan porque me encantan e tamén son moi importantes para min como Joaquín Reyes e o resto dos chanantes; por suposto Xosé A. Touriñán; Federico Pérez é un cómico incrible e recordarei sempre os sketchs do camión de Air Galicia como obra cume do humor en Galicia; despois J.J. Vaquero, Quequé, Broncano… os que coñecemos todos. Pero bueno que de lado de miña nai son merda seca jajajaja
Cal é a túa relación co resto de creadores de contido en galego de YouTube? Houbo ou hai algún proxecto de colaboración? Cres que a túa especialización nas dobraxes pode supor unha traba ou que pode dar lugar a un contido máis innovador?
Pois son amigo de Brais Doval pero por casualidades da vida, non por Youtube, e co resto non teño relación a verdade. E nunca houbo proxecto de colaboración con ninguén. Si penso que a especialización nas dobraxes supón unha traba xa non só para colaborar con outros youtubers, senón para calquera outro proxecto audiovisual. É como se por facer dobraxes só puideses facer iso, cando calquera outro youtuber polo feito de saír e falar soen ter máis oportunidades. Ou quero pensar que é por iso, ao mellor é porque xa se intúe polas dobraxes que non vallo para nada jajajajaja
Falemos da lingua. Empregas nos teus vídeos a miúdo un rexistro coloquial e vivo, mais iso tamén fai que aparezan interferencias co castelán. Que grao de consciencia hai á hora de empregar un castelanismo para buscar o efecto humorístico? No outro extremo teriamos ese personaxe de Oliver e Benji onde o chiste é precisamente que fala en rexistro formal e norma perfecta. Cal pensas que debería ser o equilibrio aquí? Non cres que creacións audiovisuais como a túa tamén normalizan o galego e fomentan determinados modelos?
O grado de consciencia é nulo para todo jajajaja. Fóra de bromas, eu busco facerme gracia a min mesmo; é dicir, velo e rirme, e se me fai máis gracia dicir “esto es lo mejor que hay para todo”, dígoo.
Non sei cal debe ser o equilibrio porque non penso nesas cousas. Penso en rirme, en que me faga gracia.
Sobre a última cuestión, é un tema moi recorrente e creo que hai que saber diferenciar. Eu coido que é moi complicado chegar á xente facendo vídeos en galego porque a rede é moi grande e o galego é moi pequeno e atoparnos nese mar e máis difícil do que parece. Que alguén coma é o meu caso, ou calquera outro, decida facer contido en galego é directamente pegarse un tiro no pé; quero dicir, tomar a decisión de facer un vídeo en galego e non en castelán ou inglés é pasar dun público potencial de miles de millóns a unha audiencia que nin chega aos tres millóns. Se fixeramos a suma dos galegofalantes que usan Youtube quedaríannos moitos menos, e polo menos no meu caso é unha decisión meditada e consciente: prefiro facelo en galego porque me gusta máis, pero ademais porque coido que é importante crear contido en galego para que a xente teña entretemento en galego que agora mesmo non existe. As xeracións que veñen nin van ver a televisión nin escoitar a radio, van ver vídeos en Youtube, van xogar a videoxogos e van ver Netflix e as últimas películas de Hollywood, e nada diso está en galego. A miña humilde achega é facer vídeos en galego para que a xente se ría no seu idioma e pase un bo rato, e se á parte de facer rir axudo ao galego, pois sería fantástico.
Digo todo isto porque ás veces a xente quéixase de que non falo un galego “correcto” ou de que por exemplo nalgún programa de humor da TVG debería coidarse máis o uso da lingua e na miña humilde opinión hai outro tipo de programas e outro tipo de ámbitos que teñen que encargarse de xerar unha norma. No meu caso do que teño que encargarme é de entreter e de facer rir, ninguén se queixa de que os youtubers españois non falan ben o castelán ou de se Broncano lle pega unha patada ao dicionario pero en Galicia sempre estamos con ese tema. Creo que é importante diferenciar, sobre todo que agora mesmo temos un problema de perda de falantes do galego e o que importa é que a xente o fale. Unha vez que o fale xa se procurará que o falen o mellor posible.
A nivel de lingua, tamén nos sorprende que nos teus vídeos hai moitos ditos e frases feitas. Consideras que, enlazando coa pregunta anterior, os teus vídeos poden ser unha ferramenta de normalización e (re)descuberta desta riqueza expresiva de noso? Cres que o teu público podería mesmo coller algunhas que poden ser máis de colleita propia nacidas da túa imaxinación?
Supoño que si, que se a xente escoita certas expresións e, como un caso que me dixeron nos comentarios, alguén lembraba que a dicía seu avó ou lle gusta, pode que comecen a usalas ou descubrilas polo menos.
Non hai cousa que me faría máis ilusión que ver que a xente utiliza as miñas expresións, xa que é algo que eu sempre fixen de ver vídeos e repetir as partes graciosas e as mellores frases. Non hai honor máis grande que iso: saber que lle gusta tanto a alguén como para utilizala.
Parece cada día máis difícil facer dobraxes en YouTube tal como está o tema do copyright. Como che afecta, como intentas salvar bloqueos e problemas similares?
Afecta a absolutamente todo. O peor son as series de vídeos como Kalate kid ou Sonjocus, que tiven que deixar de facer e que me gustaban moito. Pasábao moi ben facéndoas, sobre todo Kalate Kid. O desánimo cando che bloquean un vídeo é moi fodido, ademais de quitarche moita liberdade porque estás sempre mirando “isto non, ui aquilo tampouco non vaia ser” e ao final moitas veces tiras sempre do mesmo por non ter problemas. Non intento salvalos, cando me bloquean algo deixo de facelo. Pero non me preocupa, intento non usar as cousas que xa sei que son bloqueadas: programas de tele, algunha peli etc.
A popularidade do teu contido fixo que aparecesen dobraxes túas nos últimos Mestre Mateo, ou hai pouco no Land Rober. Que nos podes comentar destas colaboracións? Haberá máis no futuro?
A experiencia nos Mestre Mateo foi moi bonita. Naceu da iniciativa persoal de Sonia Méndez, que era a encargada de dirixir a gala. Algo debía estar facendo mal que acabou vendo os meus vídeos, gustáronlle e propúxome colaborar cun vídeo. Foi a miña primeira experiencia profesional neste eido. Ademais invitáronme á gala e puiden ver por primeira vez a xente en directo vendo un vídeo e as súas reaccións, foi divertido.
O tema do Land Rober non é tan glamuroso jajajaja. Rogueille por twitter a Roberto Vilar se me daba traballo cun tweet, xa que non estou moi ben en tema laboral, e contestoume. Díxome que lle mandase uns vídeos de proba e estou colaborando con vídeos todas as semanas ata que eles me digan.
A conta do Land Rober. Coidas que a corrente humorística máis estendida en Galicia emprega como recurso principal a estereotipación á hora de representar a sociedade? Preocúpache que os teus vídeos poidan reproducir tamén estereotipos?
No tema do humor eu son da opinión de que hai chistes bos e chistes malos, os recursos que utilices están na túa man. Se es bo e á xente lle gusta, o resto é falar por falar. A sociedade é a que é, porque ti fagas máis bromas ou menos non cambia. Ademais a xente está bastante aburrida de que lle repitan o mesmo, o de vestirse de vella creo que xa quedou para outra época.
Non me preocupa porque eu fago o que me gusta a min e intento non molestar a ninguén.
Falando de caracterización. Creas personaxes en función do tipo de película ou serie que dobras? Vemos por exemplo moita diferencia entre o Jamiño Bond ou os papeis de Hasselhoff (nos Vixiantes de Cabío ou o Buga Semántico), con outros como o Doc de Patrais Padiante.
Creo personaxes en función do que vai aparecendo e de como se comportan. O bo de dobrar películas e series é que eles mesmos teñen unhas maneiras que che tiran como debe ser a personaxe, ou todo o contrario: compórtanse dunha maneira que facer o contrario é moi gracioso.
Onde pos o límite nos chistes de humor negro ou sexuais? Déixalos máis ben ir a monte segundo che vaian saíndo de xeito espontáneo? Coidas que poden chegar a asociarse albos comúns a este tipo de chanzas, e que na transversalidade do humor fiquen fóra moitos outros perfís?
O límite que poño é que me gusten a min e me fagan gracia. Normalmente vai a monte, pero si teño quitado algunha animalada non por ser forte, senón porque xorde máis froito de levar ao mellor 3 min falando, non saber xa que dicir e tirar calquera chorrada e pasar a liña do que a min me fai gracia. Pero non me corto a verdade.
Coido que moitas veces, no humor, estase tirando por “transgredir”, saír aí e dicir unha animalada e “ala, son súper guai e mira como transgrido e non me digas nada porque teño liberdade de expresión e uf como nos coartan aos cómicos”, cando o que deberías intentar é chegar ao maior número de xente e sobre todo facer rir e deixarte de preocupar se estás na vangarda do politicamente incorrecto. Creo que o difícil é facer un gag que lle faga gracia a un neno, a un pai e a unha avoa ou a un rico, a un de clase media ou a un pobre coma min jajajaja O humor branco é o difícil de facer. Saír aí a facer chistes sobre foder un cadáver faino calquera e non é nin máis nin menos gracioso, pero a tendencia agora mesmo está niso.
Queriamos preguntar tamén polo Patreon. Cres que é unha boa forma de financiamento para proxectos como o teu? Se conseguises atraer suficiente xente podería converterse Tele Jaita nun proxecto profesional?
É unha forma de financiamento que está moi ben se consegues que a xente te apoie, se che pasa coma a min estás fodido jajajaja Quixera agradecer aos meus patreons enormemente porque estiveron apoiándome incluso os 3 meses que non subín vídeos e volvín en gran parte por eles. Gracias á súa axuda económica puiden pagar para emprender un novo proxecto que espero pronto saia á luz. Pero agora mesmo teño 4 patreons e non dá para moito jajaja.
Sería marabilloso pero iso [a profesionalización] non vai pasar. Non hai nada que me gustaría máis que vivir disto pero a realidade é que levo 3 anos, invertín moitísimas horas e economicamente o saldo é moi negativo. Aguantarei o que poida, pero por exemplo este verán tiven moitísimo traballo e non puiden subir ningún vídeo. Agora estou aguantando un pouco pola posibilidade que xurdiu coas colaboracións co Land Rober, pero cando acaben non sei se seguirei facendo vídeos.
Por desgracia cometín o erro na miña vida de estudar unha carreira sen grandes saídas como é a Licenciatura en Historia, e os traballos que tiven son difíciles de compaxinar cos vídeos. E para facer unha merda sen tempo, prefiro non facer nada. Pero por agora vamos desfrutar dos vídeos o tempo que aguante: 3 meses, 1 ano… o que sexa.
Os derbis están entre os vídeos que máis visualizacións teñen na canle. Algunha vez pensaches en comentar competicións raras, ao xeito do que fai Ibai Llanos?
Pois nunca o pensara pero creo que sería moi divertido. Ademais encántame o deporte. Velo, practicalo non se me dá moi ben aínda que o intentei moi fuerte jejeje pero botareille un ollo que pode estar ben.
Na última etapa lanzaches desde a Tele Jaita algún proxecto alternativo, como O Segundo Pase que funciona como unha especie de podcast. Pensas darlle continuidade? Que outras ideas manexas?
O Segundo Pase naceu como un reto persoal de dicir “podería eu facer un programa de radio de 30 minutos e que a xente o escoitase?” e creo que o conseguín. Pero ao facelo deime conta de que é un formato que necesita de infraestrutura. Por exemplo 30 minutos dunha persoa soa falando é demasiado, ademais de que facer 30 minutos require dun nivel de traballo moito máis elevado que un vídeo de 4min, quen contaba! A realidade é que me gustaría darlle continuidade, pero non creo que a teña porque no tempo que fago un coma ese fago moitos vídeos doutro estilo. Tamén lle puxen voz a unha serie de animación que espero que pronto vexa a luz. E agora mesmo a verdade é que non manexo ningunha idea, tiña pensado facer un formato de entrevistas gravando que se chamaba Entrevistadous e algunha cousa máis, pero a verdade é que non estou moi animado a probar cousas novas. Bueno, non tou moi animado a nada agora mesmo jajajaja.
Recentemente chegaches aos 25000 seguidores en Youtube. Tes pensado facer algo especial para a ocasión?
Non, o vídeo especial fareino cando supere os subscritores da canle da Televisión de Galicia, que ten 35k. Ese día fago o que me pidan jajajaja que por certo, xa que falei diso, gustaríame aclarar que a canle chámase Tele Jaita como homenaxe á TVG, xa que eu son gran consumidor da mesma e sempre me molestou moito o termo despectivo. Na TVG houbo grandes programas e series cos que eu me criei, como Xabarín e todo o que engloba, e grandes referentes do humor así como series de moitísima calidade. O termo de Tele Jaita é dicir “a televisión das jaitas si, que pasa? Botan gaitas, a min gústanme as gaitas, que ten de malo unha televisión na que botan gaitas?” e púxenlle o nome como homenaxe e como defensa. Cóntoo agora en todos os lados porque parece ser que están moi enfadados e que lles parece moi mal que se chame así á canle ou iso me comentaron. E nada, que así quedo máis tranquilo jajajaja
Por último, pagaralle Benqui á nai de Óliver?
Eu iso non o podo saber, tedes que preguntarlle a el. Agora, coa afección que ten a nai de Óliver a apuñalar, eu pagaríalle jajajajaja.