Tempo

Unha viaxe ao centro da noite nunha Coruña onde se mestura tempo e espazo. Un relato sobre a cidade viva e contraditoria. Sobre atoparse a un mesmo nela.

Dóeme a cabeza como se me tivesen golpeado cun mazo e, por algún motivo que descoñezo, non fora consciente deste facto até agora, noite pecha, deixando a Casa Tomada e camiñando cara á entrada da estación de trens.

Non sei onde é que se meteron a miña moza e os nosos colegas. Ollo para atrás repetidamente cun nariz engurrado que sempre indica unha cantidade considerábel de dioptrías e só consigo enxergar unha porta cerrada e un grupo dunhas cinco persoas a fumaren. Por outro motivo que descoñezo, saúdanme ao lonxe, parece que sorridentes. Creo que nunca falei con eles.

Como persoa totalmente adaptada á segunda década deste novo milenio, unha palabra cruza o meu cerebro: chamar. Levo a man ao peto do abrigo e nada. Probo no esquerdo. Estraño que estexa aí, destro como eu son. O aforro en movementos é, no fin de contas, outra marca rexistrada deste século. E tampouco, era claro. Nin me molesto cos petos do pantalón; notaría o tacto do móbil nestes vaqueiros skinny tan á moda.

En fin, toca decidir.

A Nave 1839, Tempo, de Esteban Brea Castro.

A Casa Tomada é un centro social autoxerido que se empraza nun almacén abandonado da estación de trens. Programan múltiplos actos culturais por mes, sobre todo concertos. Interesantes, a maioría. Uns tipos de Coimbra a cantaren I wanna give you a thousand kisses in Cardiff, outros de Pontevedra a berraren la democracia me da igual, yo quiero multiplicarme. Cousas que escapan a outras salas da cidade onde beberes unha cervexa durante o concerto xa custa máis do que o propio billete, algo inasumíbel para mozos de vinte e tres anos coma nós. Aquí non: un euro a botella de 33 centilitros, euro cincuenta se quixeres ir ao vintage. Outra palabra deste século. Na terra do consumismo, até a nostalxia por tempos non vividos produce diñeiro.

Para alén, a xente máis simpática da Coruña. Ou aproximadamente.

Para alén, o nome: Cortázar debería ser un heroe para calquera persoa que teña aberto un libro na súa vida. Prometo. Recordo aquela época en que a miña moza e mais eu comezamos a saír xuntos e eu non paraba de brincar co meu mellor sotaque arxentino:

Andábamos sin buscarnos pero sabiendo que andábamos para encontrarnos.

―Que carallo dirás?

Ela nunca lera Rayuela. As brincadeiras que só teñen graza no teu cerebro acaban por ser as máis divertidas. Ao menos, potencialmente.

 

Decidir, como sempre desde hai uns anos, como sempre na vida adulta. Decidir e asumir as consecuencias desa decisión.

Mais é que onde carallo se meterían? Que disparate é este? Desde cando a xente abandona os colegas sen previo aviso? Bon, mellor dicindo: desde cando a xente me abandona sen previo aviso? Non entendo nada. Dixeron algunha cousa de iren polo carro ou algo? Pff, nin dou recordado. Cervexas a un euro. Algúns días, mellor a tres cincuenta.

Decido sentar un anaco nun banco á entrada da estación. Teño a esperanza de que o carro do noso colega apareza de aquí a un pouco. Non, esperanza non. Teño a certeza. De que aparecerá. É a única explicación que se filtra entre esta dor de cabeza inexplicábel. Entretanto, é inevitábel que chegue esa reflexión que ten pasado algunha vez pola cabeza de todo ser humano menor de trinta anos: como é que facían antes nestes casos, sen telefones nin nada? Miña nai, que ía a festas de aldea a quilómetros da súa casa, en tren ou como puidese e sen viaxe de volta asegurada, e aquí está, nai de dous e muller de outro. Supoño que non era nin mellor nin peor. Simplesmente diferente.

Vexo unha persoa saíndo da estación e recordo iso que chaman comunicación humana. Levántome coa velocidade xusta como para que non pareza que quero asaltar alguén e achégome ao tipo alto e loiro que agora está a acender un cigarro.

―Desculpa, non quero incomodar, mais perdín os meus amigos e…

―Excuse moi, mais je ne comprends pas.

Xa me cheiraba eu algo así. Os preconceptos, ás veces bos conselleiros. Por sorte, a excelentísima Escola de Idiomas da Coruña leva catro anos a me preparar para este momento. Un pouco bébedo de máis, mais podo. Teño ás miñas costas a experiencia dun ano no estranxeiro en que principalmente aprendín a me comunicar noutra lingua nese estado. Conto a historia e non podo evitar dotala dunha traxedia transcendental que está intrinsecamente relacionada co meu frustrado proxecto vital de contacontos. Todo grandilocuencia, todo necesidade. E pídolle o móbil. El responde afirmativamente.

―D’accord.

Minuto e medio de traxedia para iso. En fin. Móbil na man, dou os tres pasos de intimidade regulamentarios e, ao ver os números da marcación, doume de conta que, após catro anos de relación, aínda non sei o número da miña moza de memoria. Como dicimos na Coruña, qué percal. Con certeza, tampouco sei os dos nosos amigos. Penso en chamar ao meu propio móbil, mais logo desisto: sería unha perda de tempo que nin eu nin o francés, belga ou quebequés ―os sotaques non son o meu forte― desexamos. O meu móbil sempre está en silencio. Consecuencia directa das mensaxes do meu xefe a calquera hora do día e dese horríbel son do whatsapp que as acompaña. Devolvo o móbil ao amábel francés-belga-quebequés de gabardina beige cun simples aceno negativo. Aí fiques co teu d’accord. E comezo a camiñar.

 

Rolda de Outeiro. Rúa da miña infancia, nome cheo de recordos.

As viaxes, auténticas aventuras para o meu eu de catro anos, da rúa Barcelona até o colexio San Pedro de Visma. Lama incluída, ás veces. A primeira vez que fun consciente da existencia da lama, recordo. Divertido pisar nela, mais mal. O mundo mudou moito en vinte anos. Corredoiras de asfalto.

A casa da miña prima, un ano máis vella ca min, xigante, a casa, dous andares. Aquela festa de aniversario en que descubrín que partillarmos non sempre está ben. Non hai que beber do mesmo vaso que un neno doente. Esas escadas que aínda me sorprenden dentro dun apartamento. O Verfremdungseffekt de Brecht nun quinto da Rolda.

O tedio do supermercado da rolda. Comprender o que é o tedio. Unha vida para o comprender.

© Samuel

Baixo cara a parada de autocarros que hai ao comezo da rúa coa intención de apañar un taxi. Vou seguir unha nova lóxica de actuación con base na hipótese o máis seguro é que esta xentiña fose cara ao centro. É o máis lóxico, unha vez que sempre imos para os bares ao saírmos da Tomada. Obviamente, a festa nunca acaba ás once e media da noite, hora á cal o almacén ten de pechar. Regra municipal, seica. A regra xeral entre os vinte e os trinta ―e espero que un pouco máis aló― é que cervexa chama máis cervexa: eis o principio que dá sentido á miña decisión.

Espero. Vai frío, bastante. Febreiro sempre será febreiro. Espero. Sorte que non chove, porque o paraugas debe ir onde o móbil. Na rúa non se ve case ninguén. Algunha persoa pasa de vez en cando, normalmente precedida dunha trela. Xa van ser as doce e esta non é zona de esmorga.

Vexo chegar un taxi pola curva que vén dos Castros e alzo os brazos. É a primeira vez na miña vida que tento parar un, de modo que fago como cos autocarros, mais elevando un grao a efusividade. O taxi frea un pouco. Parece que funciona. O resultado final é: 77.7 % de persoas que se teñen cruzado comigo nestes seis minutos levaban can ou cadela ―o corpus de traballo non abonda para determinarmos a porcentaxe de machos e femias―. Unha elevada proporción dentro dese 77.7 % estaba a escapar da soidade do apartamento non-partillado, segundo as miñas sospeitas ―que deberán ser probadas en estudos posteriores―.

Entro, cumprimento, boa noite, e digo iso de a Santo André, por favor.

―¿Disculpa?

―Si, cara ao final, onde se bifurca entre a Estreita e Cordoaría.

―Ah, San Andrés, ya. ¿A esa también le han cambiado el nombre esos de la Marea?

―Non que eu saiba… Aínda é Santo André, non é?

―¿Ves? Eso de Santo André. ¿Desde cuándo se llama así?

O taxi arranca. Noutras ocasións diría que me tiña confundido, unha vez que as discusións lingüísticas con taxistas non levan a ningures ―en xeral, as discusións con taxistas non levan a ningures; en xeral, as discusións…―, mais desta a dor de cabeza e o enfado por ter ficado só gañan. E sobre todo as cervexas. Seguramente.

―Bon, é que o nome en galego debería ser ese, André. E como comeza por vogal, tócalle un santo e non un san antes.

―Pero es que el nombre es Andrés y no André.

―Xa, bon, avisarei diso cando volte por Inglaterra e vexa unha igrexa adicada a un tal Andrew.

O taxista olla para min a través do espello retrovisor. Ollos ameazantes ou confusos? Non sabería dicir. Os estudos de probabilidades ficaron na rúa.

Rolda de Outeiro, avenida dos semáforos. Pausas en que o meu divertimento está no exterior, na xanela do meu lado. Pouca xente pola rúa, poucos locais abertos. Dentro, a cabeza continúa a me matar. Aliás, creo non ter sentido este tipo de dor nunca antes na vida. E como se a resaca estivese xa aquí, sabedora de que ao fin e ao cabo ía acabar chegando e gañando, resaca que gusta de traballar, resaca que chega ao despacho antes da hora, resaca mesmo fura-greves. Para alén, é unha resaca con gume que nubra toda a mente e roza na zona do occipital cando menos o espero. Resaca a punta de navalla.

Avenida de Arteixo á dereita. Estou a piques de comentar ao taxista que o nome debería estar de certo grafado con un iota. Sería unha observación que seguramente nos unise de novo. Por motivos diferentes, claro, mais unidos ao fin e ao cabo. Sempre me encantaron esas coincidencias entre dous polos dun espectro. Castelanfalantes sen aparente interese polo galego e reintegracionistas sen outro tema de conversa unidos por un Arteijo. Se é que ao final a propria vida se encarga de nos recordar continuamente que todas somos humanas, nadas no mesmo mundo e avanzando cara ao mesmo final.

No entanto, é el quen ao cabo dun anaco retoma a conversa.

―Oye, ¿y tú eres de aquí?

―De aquí da Coruña? Si señor, pasei os primeiros anos da miña vida na rúa Páramo, xusto ao comezo da Barcelona, cando esta era a zona da cidade con máis vida ou case.

―Ah, ya veo. Pero llevas tiempo fuera, ¿no?

―Pois vivo en Cambre desde os seis anos, na verdade. Por?

―Nada, ya me parecía. Es que los de que habláis gallego de tu edad sois todos de fuera.

Curioso concepto o de fóra. O que é fóra? Vimianzo? Oviedo? Londres? Os tres? Cousa interesante o que entendemos por aquí, por a capital, por o sur. Un colega que mora en Madrid sempre di, cando unha visita á Coruña chega á súa fin, que ten de voltar para a capital. Eu sempre lle pregunto o que vai facer a Compostela. El sempre pensa que estou a brincar.

―Bon, mais eu xa dixen que son de aquí ―digo, sorrindo todo o que esta conversa tan representativa da sociolingüística coruñesa me permite.

―Bueno, sí, pero claro, tanto tiempo en Cambre.. Ahí es diferente. El campo y todo eso.

―Home, se estás a insinuar que aló falamos todos galego, sinto dicirche que non. De facto, non coñezo máis de catro persoas da miña idade que o falen.

―Ah, ya veo.

A través da súa caluga podo ver como na súa cabeza se fusionan a miña cara e a estreleira, resultando nunha bandeira galega co meu rostro pintado de vermello no seu centro. De seguro sería un bo símbolo para a Galiza se Joyce tivese ambientado o Ulysses por aquí. O verde-moco dos bardos e dos campos e o vermello-tomate das faces dos e das galeguistas no centro das bandeiras. País de transcendencia intranscendente.

 

Non falamos máis até que chegamos a Santo André. Sete euros. Maldita bandeirada do carallo. A man esquerda inicia o movemento cara ao peto e, antes de sequera o alcanzar, o corazón fai un intento de subir pola gorxa. Recordo: antes, cando procuraba o móbil, a carteira tampouco estaba aí. Nin en ningures. Meto as mans en todos os buracos do meu abrigo e dos meus skinny, bastante incómodos para estes ocasións, e o taxista, ollando para atrás, comeza a entender que algo non vai ben. Tiña de ter dito o de Arteijo. A unión de que precisaba agora mesmo.

Conto a historia, máis ou menos, e dígolle que vou entrar na Universal a pedir os sete euros. Que son colega da xente do bar e non vai haber problema. En realidade só coñezo, mais non se pasa nada por pintar a realidade con tons máis cálidos, din. O taxista acepta, mais avisa:

―Que no tenga que ir a por ti.

―Faltaría más, buen hombre ―din as cervexas esas dun euro a falaren por min.

Baixo, entro no bar e falo coa camareira. Acepta cun xa mos devolverás. Parece que estamos nun limbo entre coñecidos e amigos, e iso case que me produce máis alegría do que o facto de ter os sete euros na man. Sempre é importante ter amizades entre as persoas que traballan nos bares de moda; as cervexas a un euro non duran toda a noite.

Volto ao taxi e dou ao taxista os sete euros e mais as grazas, se ben que que é un deses casos en que me pregunto por que é que teño de o facer. Sete euros xa me parece premio suficiente para o traxecto de que acabo de desfrutar. De facto, sete euros por viaxe e cero grazas por amabilidade era o que tiña calculado na miña cabeza. Porén, son un case-home en que a educación aínda pesa máis do que a cervexa. Miña nai, de aquí, de Cesuras, sempre foi da escola das grazas e dos porfavores.    Entro de novo e vou ollar ao fondo do bar, pois aínda non tiven tempo entre tanta présa. Nada, nin rastro de caras coñecidas nas mesas que non se ven desde a entrada. Mentres me asomo e a miña mirada se entrecruza coas das persoas aí sentadas, momento incómodo, ansiedade social, a camareira, bandexa na man, achégase por detrás.

―Estás ben? Que che pasou?

―Nada, é que a miña moza debe ter a miña carteira e o meu móbil no bolso e foise da Tomada sen min.

―Que moza? Non sabia nada diso… ―di, cunha cara de e-como-non-me-dixeras-nada? que me resulta, no mínimo, sorprendente―. E non, digo que se caíches ou que.

Non entendo, non sei se pola dor de cabeza que me impide trazar inferencias lóxicas a partir de máis dunha premisa ou porque hai algo que de verdade se me escapa. Ou se callar non entendo por mor do sangue e da cervexa nel contido. Éme mesmo difícil coñecer a orixe das miñas presentes limitacións nestas condicións.

Baixo a vista aos vaqueiros e parecen limpos, mais agardarei a saír fóra para comprobar como están por detrás. Terei vomitado ou esvarado? Nin recordo nin me soa, na verdade. E que carallo quere dicir con que non sabía nada da miña moza, se sempre vimos aquí? A miña cabeza parecer querer explotar, ou explodir, nin sei xa, durante unhas décimas de segundo. Finalmente opto por asumir que a pregunta sobre se caín se refire á ausencia de carteira e de móbil.

―Ah, non, non, foi iso que che digo, miña moza e tal… Olla, moitas grazas polos cartos. Prometo que volto despois cos sete euros se encontrar esta xentiña. Se non, mañá como tardísimo. Vou cara a Orillamar para ver se andan por aló.

Se non, pois terei de ir andando para a casa e transformar a perda nun problema do mañá, do meu despertar. Mais isto xa non o digo, simplesmente o visualizo, mentres saio pola porta cunha repentina présa que non sei de onde sae e me despido da miña futura colega con outras grazas, encanto ela berra que non me preocupe e algo máis que xa non consigo decifrar desde a rúa.

© Adrián Núñez

O ar da noite coruñesa entre outubro e abril. Unha das miñas cousas favoritas no mundo enteiro. Prometo. Que pracer indescritíbel, mesmo cando vai, segundo a xente, moito frío. Hoxe vai. Con certeza, o meu grupo de abandono estaría a se queixar agora mesmo. Dous ou tres graos! Vamos para un bar! Vamos para a casa! Non obstante, este ar frío que nos fai sentir de novo é un lembrete, un recordatorio de que aínda estamos aquí e de que a vida está fóra das oficinas, das salas de aula e das casas. O sentimento de frío contra o tedio, contra a vida de non sentir. O frío existe para que o bafo que se debuxa á nosa fronte cando exhalamos nos faga recordar que aínda estamos a respirar, que aínda estamos vivos. Prometo.

Camiño rumbo, ou rumo, nin sei xa, a Santo Agostiño ―ai, se me ouvise o señor taxista. ¡¡¡San Agustín!!!―, sen demasiado equilibrio. Agora é que me dou conta de que ese paseo en taxi só contribuíu a aumentar a miña sensación de inestabilidade e a matar máis un chisco a miña capacidade de raciocinio. Algunhas persoas de entre as moitas que encontro entre Santo André e María Pita parecen ser conscientes disto e fican a ollar para min ao pasar ao seu carón. Iso ou o meu atractivo. Ben pode ser. Sempre gosto de pensar que a xente olla para min por me encontraren atraente, claro. Sempre desde os trece anos, en que a palabra rapaza pasou a ter un novo significante, a representar un novo universo na miña cabeza.

Reloxo. Xa vai ser a unha e vinte. Non me dan as contas. Non ollara o reloxo desde… nin sei. Mais, acabando sempre os concertos da Tomada por volta das once e cuarto… Un francés, un taxista e unha camareira. O resultado é menor ou igual a unha hora, seguro. Ficaría durmido naquel banco da estación? Non creo, non? Ou si? Canto terei bebido hoxe? Esta soidade ignorante é mesmo asasina para alguén nas miñas circunstancias actuais.

Chego a María Pita, xa deserta. Toca subir as escadas á esquerda da casa do concello para chegar a destino, mais estou demasiado canso tras a recta percorrida. Arrástrome cara ao centro da praza e sento ao lado da María, guía de todas as coruñesas. Ollo para arriba, á súa cara, e penso se ela se tería visto nunha situación similar algunha vez. Ao saír da Tomada da súa época, noutra altura ben diferente, aínda sen vintages nin taxistas doutorados en sociolingüística galega.

O caso é que paso demasiados segundos a ollar para arriba, para esa cara que me cativa desde que era un anano e non podía andar de bicicleta nin coas rodas laterais, e, cando baixo a mirada, o vómito sae só, case sen me dar tempo para apartar os pés. Que bonita escena, que perfecto escenario. Unha nova batalla a se librar nesta zona séculos despois, desta volta entre tres combatentes: o noxo, o mareo e a vergoña. Só se poderá descubrir quen é o gañador tras a decisión do historiador ou da historiadora presente á hora do acontecemento.

Por sorte, non hai ninguén a me ver. E, tamén por sorte, levántome máis lixeiro do que antes. Descúbrome pedindo desculpas a María Pita en xuntando as palmas das mans, o que me dá unha idea repentina da cantidade de alcohol que debo ter inxerido, e camiño cara ás escadas sentíndome un pouco mellor de andares pero igualmente mal de pensares. Realmente espero que estexan nun dos bares que costumamos frecuentar en Orillamar. Penso: Beiramar? Nunca tal escoitei. Mais será, non si? Porque as orillas só existen en exclusiva alén-Ribadeo. Unha dúbida toponímica sempre dá para enredar un anaco, e máis nas condicións en que o suxeito se encontra agora mesmo. Os topónimos son, de facto, un dos aspectos en que o conflito cultura é máis visíbel, como ben ilustrou o meu caro taxista da bandeirada. É por iso que as conversas á volta deles chegan a ser interminábeis: comezas na Mariña lucense e acabas na Guarda, Garda ou Guardia. E xa nin digamos se o outro interlocutor é ferreño defensor da chamada liberdade toponímica ―en cuxo caso tamén defenderá, con certeza, outra famosas liberdades como a da lingua vehicular nas escolas ou a dos mercados; todas menos a miña para lle dar un sopapo ben forte―. A noite xa está feita nese caso.

É pensando nisto, e ilustrando con caras coñecidas este grupo de defensores da liberdade mentres un sabor a vómito máis apropriado do que nunca permanece na miña boca, que por fin atinxo a rúa Orillamar, ou Beiramar, xa nin sei. É a unha e media e hai aínda certo barullo. Normalmente xente cool nesta zona da cidade. Mesmos intereses musicais ca min e, as máis das veces, mesmo desprezo polo neoliberalismo. Boa onda a que cobre esta beiramar.

Orillamar Coruña, en Tempo de Esteban Brea Castro.

Aínda que penso que é difícil que estexan por alí, diríxome primeiro ao Patachim, que ten o meu nome favorito de bar coruñés en parcería co Alfaiate. A estas horas xa está en modo pub, e nós somos xente anti-pubs por real decreto-lei até ás tres e media da mañá; por iso o difícil. Sexa como for, entro. A música demasiado alta provoca que a cabeza me pese o dobre repentinamente. Fago un esforzo e dou unha vista de ollos. Nin un só cliente. Vexo o camareiro a ordenar caixas e por algún motivo desperta en min un inesperado sentimento de fraternidade. Con todo, non espero a que levante a vista para o saudar.

Atraveso a rúa. Repichoca, local da Coruña galega. Vou aproximándome e vou sentindo o son da gaita e do tamboril. Concerto, si. Podo ver o bar ateigado a través do cristal da porta. Abro e introduzo a cabeza, mais non vexo ninguén coñecido. Bon, quen está detrás desa columna pode ser… Non, nada. Mesma forma de pentear o cabelo coa man, diferente persoa. Tamén eu: disque a xente me recoñece ao lonxe porque sempre estou a pasar a man por unha franxa que xa nin teño. Herdanza da adolescencia e da necesidade de evitar calquera erro que poida dar lugar a un mínimo comentario negativo, supoño.

Só resta unha opción: Mentireiro. Quer están aí, quer camiñada cara Cambre. Dúas horas de travesía que se presentan como as peores da miña vida. A cabeza arde aínda máis só con o pensar. Podería apañar un taxi e pedir ao taxista que espere mentres vou por diñeiro á casa, si, mais esa opción, fresca como debería estar, non pasa pola miña cabeza. Dunha forma ou doutra, aló que imos.

Entro con poucas esperanzas. Avanzo o corredor de entrada. Nada. Abro a porta e observo as mesas visíbeis. Nada. Subo as escadas e asómome para ver quen está na mesa oculta, a mesa dos sofás que todo o mundo anceia neste bar. As probabilidades deben estar por volta dun 0,3 % após tantos bares e após tantas mesas. E claro, nada.

A decepción invádeme. Sento á barra coa cabeza baixa e pido un vaso de auga sen sequera ollar para quen me está a atender.

―Da billa, por favor. Non teño a carteira comigo.

En condicións normais, xamais pediría auga da billa nun bar en que non tivese consumido máis nada previamente. Así e todo, estas non son precisamente condicións normais.

―Home, mais non te preocupes. Tanto tempo vindo aquí e aínda non tes confianza para pedires unha cervexa e dicires que a pagas mañá? Como carallo perdiches a carteira tan cedo?

Levanto a mirada e vexo ante min un tipo duns trinta e cinco anos que me resulta familiar e nunca-antes-visto a un tempo. A cabeza e a dor punzante, máis unha vez. Non sei nome nin se o tiña encontrado antes neste mentireiro.

―Isto… pois creo que a levou miña moza e non sei onde está.

―Como túa moza? Botaches moza e non dixeches nada? ―di, coa mesma cara que mestura sorpresa e indignación que deixara no Universal.

Non sei o que se está a pasar, mais o alcohol xa existente nas miñas veas gaña a batalla entre tanta incerteza e fornéceme dunha vía de escape.

―Eh… que sexa unha caña, vai.

Sérvea.

―Bon, cóntasme agora, non creas que fica aquí a cousa. Teño de ir un momento á adega. Vixía que ninguén se achegue de máis á billa de cervexa.

E vai, e eu fico nun estado que a palabra confusión é incapaz de abranguer. Quen é este home e por que tanta confianza? E a el que carallo lle importa se teño moza ou se deixo de ter? Aínda ben que teño a caña diante. Béboa de dous grolos e piro. Non quero ter de voltar a falar con el nin farto de alcohol.

Primeiro trago. Ese sabor que xa parecía tan distante e que me axuda a eliminar toda proba bucal de ter vomitado. Con todo, nin podo acabalo sen un novo sobresalto.

―Ei, ti non ías para a casa?

Unha voz ás miñas costas que provoca en min a mesma sensación que a face do camareiro: ao mesmo tempo familiar e intrazábel, como parte dun soño ou dunha noite de troula demasiado dura. Fago como se non tivese ouvido. De facto, pode que nin se estexa a dirixir a min. O máis probábel. Ou non, porque ao momento unha man toca o meu ombro. Dou a volta e aí está, unha rapaza duns vinte e moitos anos que me resulta familiar. Penso. Fago o esforzo mentres ela pregunta como me sinto. Penso. Iso é. Familiar e, desta vez, sei por que. Unha das caras cuxas mans me saudaban ao me afastar da Tomada. Outra vez a agulla que se crava no meu cerebro entre a densa dor. Ela ve a miña cara de sufrimento, claro.

―Estás ben? Merda, xa lles dixen aos outros que había que acompañarte, que non che fixesen caso. Fun parva por non ir eu contigo. Agora estarías na casa e non aquí, onde non pintas nada, e con esa cara de dor. Tes que descansar, ou queres acabar por desmaiarte?

Non entendo nada do que me está a dicir e, xa canso de tanto surrealismo, de tanta incerteza, respondo.

―Olla, e sen acritude, prometo: a ti que carallo che importa o que eu faga coa miña vida? Coñecémonos? Porque hoxe xa cubrín a cota de xente que interfire nos meus asuntos sen me coñecer.

―Ei, baixa os fumes, que non fun eu quen estaba a facer o parvo no concerto. De feito, que carallo. Tes razón. Tiñan que ser eles os que te levasen á casa, que para iso foron tamén os do pogo.

Un flash atravesa a miña cabeza e inúndaa de branco. Creo que vou vomitar de novo.

―Estades máis preto dos trinta que dos vinte e, aínda así, a empurrarvos para desfrutardes dun concerto e a chimpardes as rapazas todas de diante. Pena que non tivésedes dado todos coa cabeza no chan.

O peor momento da miña vida, con diferenza. Só quero saír de aquí e andar os doce quilómetros que me separan da casa. Un lote de pensamentos inconexos xorden na miña cabeza. Non entendo nada. Creo que ela percebe o meu xigante desconcerto, porque ao cabo duns segundos acrecenta:

―Mira, síntoo. Entendo que o golpe foi duro e que aínda estás un pouco off. Mais en serio, creo que o mellor sería que foses para a casa e que te deitases. E xa mañá ou cando for vés pola Nave, que ficaron aló o teu móbil e a túa carteira. Nin nos demos de conta de dicircho co susto, mais iamos chamar á túa casa mañá. Un croque así contra o formigón pode acabar con calquera, e até cos nervios dos que está ao redor, e claro, o último en que pensamos foi niso.

Toco a parte traseira da cabeza e noto unha gasa. Vou vomitar, de verdade.

―Eh, pareces estar noutro mundo. Seguro que estás ben?

A realidade, esta, ou esa, comeza a se transformar. Todo vai (des)asentándose aos poucos. Coa vista no chan, controlo unha arcada e tento pensar friamente, concentrarme. Procurar o sentido. E, con moita dificultade, consigo ir recordando pouco a pouco até que todo encaixa.

Entón viaxo tres anos cara ao presente nunha milésima de segundo. Volto a pasar polos enfados dos días posteriores a aquel concerto na Tomada en que as cervexas a un euro foron más conselleiras para os problemas que xa arrastrabamos de lonxe. Volto a pasar por ese tempo que nos demos. A ruptura após tantos anos, a depresión. Síntoa como se a estivese a vivir neste mesmo momento, cruel. Volto a experimentar o tedio deses longos meses sen case saír da casa. Desta ao traballo e máis nada.

E tamén recordo todo o que vén despois. O reencontro coas vellas amizades e as noites na Universal, no Mentireiro, no Patachim, axudando a pechar a cancela como bo último cliente, como último bo bébedo. As confidencias nas barras e a pasaxe de coñecidos a amizades. E a reabertura da Tomada tras uns meses de pausa autoxerida, desta vez como Nave 1839. A Nave á cal teño de ir mañá. E a rapaza que acabo de coñecer, tan parecida mais tan diferente a esta que teño diante e pola cal as dúas caras de indignación que me dedicaron esta noite cobran total xustificación. A xustiza poética, que lle din. E o sentimento de alegría que me acompaña ultimamente e que non experimentaba desde había tantísimos anos. E respondo.

―Todo está ben.

E síntome todo o feliz que podo entre tanta confusión e malestar, e sorrío levemente, e chíscolle un ollo.

―Todo está ben.

 

Este relato resultou gañador do XXV Premio de Creación literaria e Ensaio que organiza a facultade de filoloxía da Universidade da Coruña.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí