Na vida hai que ser un pouco fan. Todos os casos de acoso e abuso online son un bo argumento en contra do fandom, mais tamén ten unha serie de vantaxes que non se deben desprezar. Nunca un artista é tan libre como cando se labra un fandom fiel, unha banda de inconscientes que o seguirán alá onde queira ir. Só neste contexto se pode explicar que vise a luz en Netflix algo tan excéntrico como The Midnight Gospel. Pendelton Ward, o seu creador, viña laureado co éxito internacional de Hora de Aventuras, serie que se transformou de historia aparentemente infantil en todo un fenómeno de culto. Con este aval, Ward podía facer o que lle petase. Pero mi ma, xa vos digo que non dubidou en gastar todo o capital cultural acumulado, porque The Midnight Gospel é unha tolada. Pódense criticar moitas cousas da serie, mais se hai algo seguro é que non é nin continuista nin acomodada.
The Midnight Gospel ten como protagonista a Clancy, un rapaz que acaba de mudarse a unha granxa arredada, onde cun simulador de universos pasa os días visitando versións alternativas da terra. Clancy emprega a máquina para poder entrevistar a personaxes interesantes deses outros universos e subir as conversas ao seu “podcast espacial”. Cada capítulo consiste nunha destas entrevistas, onde Clancy escolle un convidado e o acompaña nalgunha aventura mentres conversan; ao rematar volve á súa granxa, case sempre esporeado por algún evento apocalíptico que destrúe o mundo alternativo.
Vale, a premisa ata aquí xa era bastante rocambolesca. Mais o verdadeiro xiro está en que as entrevistas de The Midnight Gospel non son ficticias, senón que se basean nos programas dun podcast real dirixido por Duncan Trussel, que dá voz a Clancy. Non sei se me explico, non son unha adaptación dos programas, (aínda que algún axuste estou seguro de que se fai), son literalmente os audios deses podcasts postos nos beizos dos personaxes animados da serie.
Facer cadros impresionistas do revés
Pendelton Ward xa ensaiara esta idea de construír a narrativa por superposición en Hora de Aventuras, mais en The Midnight Gospel lévao ao extremo. A serie forza unha ruptura entre capas que pode xerar ata rexeitamento, a sensación constante de que hai parte do capítulo que non estás entendendo porque moitas veces os distintos materiais están en tensión entre si, non contando a mesma cousa. Hai algunha ocasión en que se volve máis narrativo (penso no episodio do cárcere, onde Clancy fala sobre reencarnación co psicopompo dun preso, que está constantemente revivindo no sistema de vidas circulares desa cárcere espacial); eses momentos case se senten como un remanso onde podes atender á aventura visual e á conversa como un todo.
Esta “técnica da superposición” –espero que non soe pedante, pero de verdade non sei como chamarlle- eu imaxínoma como unha especie de inversión da técnica impresionista, xa sabedes, os cadros onde o detalle é incomprensible e só podes apreciar a obra collendo distancia e mirando o conxunto, obviando o pequeno. Os capítulos de The Midnight Gospel son xusto o contrario, o conxunto mirado con distancia parece un borrón absurdo e só acercando o foco ao detalle, mirando as capas por separado e buscando relacións sutís entre elas, pode aparecer o sentido.
Porque hai sentido. E aquí volve a idea de que hai que ser un pouco fan para ver The Midnight Gospel, porque de primeiras hai un salto de fe ao baleiro e pode parecer que todas as alucinacións móbeis da serie son un barullo sen melodía, o absurdo polo absurdo. Fai falla a confianza do fan, crer que haberá algo ao outro lado.
Se non confiades de todo en Pendelton Ward, hai un fío en Twitter onde explican polo miúdo varios dos simbolismos gráficos, que beben de referencias de todo tipo: arcanos medievais, a Divina Comedia de Dante, estruturas budistas de pensamento, viaxes polas estacións do tarot… Se comento isto é para deixar probas de que hai algo ao outro lado, animar a quen lle dea unha oportunidade a The Midnight Gospel para que non abafe. Mais eu aconsellaría non obsesionarse con coller todas as referencias, procurar un significado propio e persoal nese exercicio intelectual de conectar cousas que parecen turrar en direccións completamente diferentes. The Midnight Gospel é unha puta tolada, si, mais unha tolada moi pensada, na que paga a pena perderse e buscar os camiños.
As barreiras contra a magufada
Outra das razóns polas que digo que hai que ser un pouco fan con The Midnight Gospel é a súa temática. O podcast de Duncan Trussel autodefínese como “trippy existencialism” e xa podedes imaxinar as coordenadas polas que se move: as drogas como ferramenta de autocoñecemento, meditación, correntes orientais e occidentais da maxia, reencarnación, ritos funerarios e a nosa relación coa morte… estes son os temas centrais das entrevistas do podcast, e polo tanto tamén dos capítulos da serie. Oh, podo escoitar as vosas cellas arqueándose en sonoro escepticismo queridas lectoras, podo asegurarvos que eu tamén levantei as miñas en máis dunha ocasión con The Midnight Gospel. Son consciente de que estas temáticas son as máis das veces portas de entrada para sectarismos e pseudociencias, cando non directamente timos e estafas. Se non fose fan de Ward é moi posible que non pasase do segundo capítulo, por medo a que todo isto fose unha magufada que non merece o meu tempo.
Non vos quero dicir aquí que apaguedes o sentido crítico e o escepticismo, mais si penso que hai algo valioso na retórica e nas reflexións de The Midnight Gospel, por moito que chegue a elas por vías das que podemos desconfiar. No primeiro capítulo o entrevistado (unha versión anana dun presidente dos Estados Unidos que loita contra unha invasión zombie), dille a Clancy/Duncan que lle gustan as persoas que lle axudan a ver o mundo con outros ollos, e que el é unha desas persoas.
Penso eu o mesmo de The Midnight Gospel. A serie non che pide que concordes co que se di, pero si coloca sobre a mesa temas e perspectivas que non están de cotío no debate público, ou que se abordan con premisas máis materialistas, en termos de produción, eficacia etc. Como as famosas “gafas lilás” do feminismo, o obxectivo é mirar o mundo con outros ollos, probar novas ferramentas, quizais non para solucionar os problemas, quizais ata para poder tan só identificalos.
Comentando todo isto con Adrián Feijoo, el dicíame que miraba toda a imaxinería de The Midnight Gospel como quen se admira co arte dunha catedral gótica, atraído pola beleza das súas formas e os abraios mitolóxicos, pero sen compartir a mensaxe transcendental subxacente. Estou de acordo en que se pode mirar e gozar de The Midnight Gospel así, como un turista que descubre outros mundos sen querer empaparse deles. Mais acho que paga a pena facer unha outra reflexión. Non son poucas as artistas do noso tempo que a través da súa obra tentan restaurar espazos místicos, lugares de irracionalidade, conectar cunha parte do seu humano que abafa nas grandes cidades, no mundo superinterconectado e nas lóxicas do capital, no reino da razón omnímoda. Oliver Laxe ten feito reflexións a este mesmo respecto nalgunha entrevista, unha clave para entender as súas películas, e tamén penso que a razón pola que un creativo como Ward decidiu apostar así de forte por un proxecto tan heterodoxo como The Midnight Gospel.
Detrás da parafernalia, no episodio en que Clancy entrevista á súa nai enferma de cancro emocioneime de xeito sincero, sen reservas, sen ningunha cella de escepticismo xa para defenderme. Non é cousa menor.
A orixinalidade como fin
Non quero rematar este artigo sen falar un pouco doutro dos elementos que máis me atraen de The Midnight Gospel: a orixinalidade da súa animación. Teño a sensación de que a miúdo o discurso sobre a orixinalidade articúlase como se fose unha especie de premio de consolación para produtos mediocres, argumentos tipo “non está moi ben pero é orixinal”; ou como se a orixinalidade fose só un medio para intentar contar de novo historias manidas. Unha das cousas que me fascinan de Hora de Aventuras, e que Ward continúa en The Midnight Gospel, é que a orixinalidade visual non é concibida como elemento de estilo, senón como un fin en si mesmo. Hai ideas arriscadas que conseguen entrar na serie só porque son capaces de sorprender, repugnar ou facer graza, sen outra finalidade que a de estimular a imaxinación.
Poden ser uns gatos dirixindo o barco dun mago, o ascensor onde Clancy conversa coa Morte, a papa de carne con ollos que está explicando conceptos estraños… hai unha constante procura da innovación coa maneira en que se moven os personaxes, nas paletas de cores, nas texturas, nas velocidades. Polas características da serie que comentamos antes, todo este pulo creativo non está ao servizo de ilustrar unha historia, ou guiarnos cara certas ideas. A orixinalidade visual vive en The Midnight Gospel con certa independencia do resto e claro, isto permite dar renda solta á imaxinación, con ideas a cada cal máis sorprendente.
Neste sentido o traballo de Pendelton Ward é un expoñente moi honesto das correntes surrealistas, onde a razón deixaba paso a conexións subconscientes ou non evidentes, a orixinalidade concibida como un fin en si mesmo, a sorpresa como ideal estético. A min a animación de Ward transpórtame aos cadros de Remedios Varo, ou quizais ata os de Urbano Lugrís, no sentido de que penso que poden servir como fonte de inspiración para todas as persoas que sufran atrancos creativos. Paga a pena volver a The Midnight Gospel mesmo como caldo embrionario, onde sempre te podes mergullar en busca de novas ideas.