Emigretorno (I): “Todo o que reloce” de Billy O’Callaghan

Tradución do relato All that Glitters (2008) de Billy O'Callaghan

Emigretorno é unha serie de traducións de textos relacionados co tema da emigración e retorno. Non sei aínda a que lugares nos levará, pero empezamos aquí co relato All that Glitters do escritor irlandés Billy O’Callaghan, publicado orixinalmente no seu primeiro libro: In Exile (2008).

Proceso de traducción de Billy O'Callaghan ao galego

Todo o que reloce

Ese serán, o último que compartimos, o meu pai abriu unha botella de bo whisky. O cuarto estaba escuro, salvo o brillo vermello da lareira e a efusión sombría da quieta folla de lume dunha candea desde o seu sitio sobre o aparador. Intentando ignora-la tensión que había na casa, sentaba no lugar de sempre, na cadeira de brazos ao carón da lareira, e miraba como ardían as cinzas en lugar de ver como el andaba dun lado para outro. Deixou a botella na pequena mesa e o pesado ruído fíxome imaxina-lo repique do cu de cristal contra a superficie de carballo riscado debaixo do mantel sucio. Logo murmurou algo sobre vasos e pasou á cociña seguido por un “hmm” que eu ofrecín sen demasiado entusiasmo.

A súa cadeira estaba fronte á miña. Volveu el, as solas gomosas das súas botas golpeaban humidamente nas lousas do chan, e eu tiven que xirarme na cadeira para acepta-lo vaso. Parecía pequeno e sólido na miña man e esperei a que mo enchese. De momento, non obstante, ignorábame mentres achegaba a súa cadeira -o movemento fíxoa chirlar como unllas limadas- e caía pesadamente no seu abrazo. O canto do vaso cantou ao toca-lo beizo da botella e o chorro de whisky soou suavemente como un río. Esgarrafexou e inclinouse cara ao brillo do lume.

-Toma.

Pasoume a botella e collinlla. Para facelo tiven que inclinarme incomodamente cara a el. Agradecinlle cun movemento da cabeza e enchín o meu vaso. Salpicou, soou como un alento abafado e unha pinga caeu na almofadiña curvada de carne branda entre o meu polgar e índice e correu por baixo da miña manga. Quixen recostarme na cadeira e subir esa humidade á miña boca pero o meu pai mantíñase agochado e inclinado cara a min, entón eu facía o mesmo.

Eu sorbía o whisky; el sinxelamente sostiña o vasiño na súa gran man dereita. Ollábao furtivo de cando en cando e o seu rostro levaba a máscara rota de sombras e luces. O lume botou unha faísca e el aproveitou a escusa para dirixirlle a súa atención. Plantou o vaso no chan entre os seus pés, colleu o escalladoiro poeirento do bordo e empezou a remove-la tranquilidade laranxa do carbón ardente. O medio bloque de faia envorcou e revelou o seu outro lado, queimado e reducido a cinzas. As chamas durmidas comezaron a saír a chorros e lambe-lo aire para sacia-la fame que de repente tiñan.

Non me quitarás a idea da cabeza, Pa. Vou marchar e punto. Palabras que, sen vocalizarse aínda, sabían a amargura a pesar da inxestión persistente de whisky. Pero eu necesitábaas, e sabía que as tería que empregar. El intentaría algo, algunha súplica, algunha ameaza ou chantaxe, algo para darme pena, e nese intre as palabras viríanme ben.

-Mooney comprou un motocarro onte- foi o único que dixo.

Mantiven o vaso á altura da miña boca, e parei. Nesa pausa o olor destilado do licor subía en forma de fume ou vapor claro e enchíame a mente. Amodo, por graos, relaxáronseme os ombreiros e decateime de que me puxera tenso ante a posibilidade dunha nova discusión. -Que tipo de motocarro?- preguntei, dubidando se el detectaba ou non o tremolo que invadía as miñas palabras.

Torcíaselle a boca na luz do lume, un xesto que sería familiar se non fose polas sombras. -Nin idea. Un motocarro, é todo o que me dixo Cannice Crane na aldea.

-Novo?

-Supoño-. Pousou o escalladoiro, así devolvéndolle a paz ao lume, e colleu o vaso. Aínda non bebía.

-Tiña que custarlle unha pasta, iso.

-Hmm.

Era a nosa derradeira noite xuntos, quizais a derradeira vez que nos veriamos. Á mañá eu iría a Dublín e no barco a Inglaterra. Sabía a súa opinión sobre todo iso pero el tamén sabía a miña. Era un ancián, e a terra naqueles tempos xa era unha cousa morta. Eu cumpriría os trinta en maio, e se ía xa, aínda tiña posibilidades. Soñaba con América.

Por fin bebeu, un gran grolo que detivo un longo intre nas súas meixelas inchadas. Pechou os ollos mentres o whisky ardente daba un paseo a tiróns ata o seu estómago, logo respirou afogadamente o escuro aire e fíxome un brinde. -Saúde- dixo, con retraso.

Asentín coa cabeza e subín o meu vaso. Había un tebroso abismo entre o seu e o meu pero non houbo ningún intento de reconciliación. -Saúde- murmurei, como fixera o meu pai. Cantas veces lle escoitara empregar ese saúdo; en Nadal, nas noites de domingo, en cen ou mil outras ocasións sen nome, para conmemorar algún suceso cuxos pormenores eran bastante vagos ou carentes de importancia como para esquecerse. Saúde. Así; nin boa nin mala. Fíxome pensar na miña mai, desde había moitos anos que xa non estivera, unha parte da terra cuberta de maleza no cemiterio de St. Stephen’., alí na aldea. Alí coa irmá que eu só vira como algo azul a través dunha saba gris e lañada e que na miña mente, na escuridade, aínda vexo.

Tiña setenta anos, pero aparentaba máis. Na luz da lareira, as engurras parecían esculpidas en pedra, acariciábanlle a testa, as meixelas e a boca. Semellaba que lle pesaban os ollos, e o seu cabelo caía nun tumulto fráxil e fino, branco como a neve, agora laranxa ardente por mor da reflexión roubada. Era este lugar o que che daba ese aspecto; nos campos abertos pasando polo azul e o gris e o luscofusco e co vento que viña desde o oeste e o océano e endurecíache as costas e os ombreiros e o ceo baixo e fervente que traía chuvia e nada máis ata que todo fose exuberante, verde, agás as pedras, e ti, domado por fin, aprendeses a ser sometido. Vivías por e para a terra escura e arxilosa e o sustento que che permitía sacar dela, e o teu espírito vivía soamente no fondo dunha botella. El era todas esas cousas. Non esas cousas, pero esas cousas tamén.

Baleirei o meu vaso e sentía a perda cando consumín esas derradeiras gotas. Observábame el, foi colle-la botella para enchermo de novo, pero rexeiteino cun xesto da man. -Non- dixen cunha palma pousada sobre a boca enorme do vaso. -Mañá madrugo-. Pero non me erguín e el sabía que me podía tentar.

-Tómate outro- dixo, e penseino e encollinme os ombreiros. Botoume máis.

Sorbín a calor retornada. -Non me quitarás a idea da cabeza- dixen. Unha parte de min sentía unha puntada de dor ante a posibilidade de que estivese equivocado, que el nin sequera intentase quitarma, pero eu estaba demasiado canso.

El só fitaba o licor no seu vaso. Eu sorbía o meu.

-Se non podo quitarcha, pois non podo- dixo, por fin. -Cando eu era novo, máis novo ca ti, quería ir a Londres-. Isto nunca mo dixera. Para min, sempre fora vello.

-En serio?- Endereiteime na cadeira.

Asentiu coa cabeza, facendo aquilo de dobra-la boca que sempre facía. -Dicían que alí había moito traballo e moito diñeiro, mentres que aquí traballabas de sol a sol e ao final non podías pedir máis que un puñado de patacas e un anaco de pan na mesa. Eu levábame cun tío de Ballinure, nome de Shine. A idea era írmonos xuntos-. Ollou o lume. Xa se extinguira todo agás a cor. -Parvadas- murmurou, tan baixo que apenas ouvín, e bebeu a segunda metade do seu whisky igual que a primeira.

-Que pasou?- preguntei, se súpeto, á enésima hora, coa necesidade de sabelo.

-Eu era para a terra. E aínda que non o saibas, ti tamén o es, rapaz-. Cruzamos as miradas e sorriu un sorriso engurrado. -Non te preocupes, non pretendo convencerte. Só quería contarche algo de min. Quizais non teña outra oportunidade.

Quería discutirllo, dicirlle que Non sexas parvo, Pa, aínda che quedan moitos anos, pero non o fixen porque ambos teriamos recoñecido palabras baleiras como esas.

-O meu pai díxome que non fose. “Non cho agradecerán, Jimeen” dixo, pero eu pensaba distinto. El tiña razón e eu non…

Lentamente, deime conta. -Fuches?

-Fun.

-Como che foi?

Miroume, o baile das chamas reflectía veos na súa cara. -Estaba mellor en casa.

Nunca me sentira tan próximo a el, el que compartira comigo os mesmos cuartos apertados debaixo do teito de palla cando eramos unha familia e, durante case vinte e catro anos, cando só eramos nós, el máis eu. E nunca me inquietara tanto como nese momento.

 

Estaba no limiar; a alba iluminaba os campos. O ceo era bo e a terra tiña a cor estival de bronce branqueado, telúrico. Un olor a forraxe enchía o aire. Cuspín nos amarelles, convencido de que a miña cuspia collera o sabor agridoce, pero aínda na miña boca seca o sabor persistía. Un cuco cantaba nos sicómoros á beira da estrada, e busqueino coa vista na follaxe, sen éxito.

-Xa está- pensei. -Esta é a última vez que o verás así-. Xamais volvería saborear este olor a forraxe ou ver Slievebaun, aquela montaña branca ao lonxe, envolta con tinguiduras de goma laca nas baixas nubes do horizonte – non do mesmo xeito. Pode que volva, pensei, e pode que todo estea así. Pode que o vello morra nun día como este. Pero sabía que os meus ollos serían os ollos dun forasteiro e verían tan só as cousas que vían e non as cousas que coñecían. Deixaría as pantasmas atrás, e sen min deixarían de existir.

Quería irme sen montar unha escena. Pero cando volvín dentro para busca-la miña bolsa, alí estaba o meu pai, sentado na súa cadeira a carón do lume. Agora era un buraco negro, cheo das cinzas da noite anterior. -Cóidate, rapaz- dixo, sen levantarse. A súa voz parecía inerte, feita de chumbo. Unha luz branca e clara entraba pola fiestra e vertíase no chan.

-Ti tamén- dixen, xa coa dor morriñenta na gorxa.

-Sabes onde está a túa casa se algún día cambias de idea.

Inclinei a cabeza, vendo como a luz facía brilla-lo po entre as lousas.

-Escribireiche- dixen coa intención real -nese intre- de facelo.

-Ben-. Agarrou os brazos da cadeira e cun gruñido púxose de pé. -Acompáñote ata a estrada.

-Non fai falta-. Pero non me fixo caso.

-Quero facelo- dixo, entón así fixo.

Démonos a man, un xesto incómodo pero menos incómodo que un abrazo. -Inglaterra non é un lugar fácil para os irlandeses- dixo. Buscaba chuvia no horizonte. Non había.

-Non te quedes alí moito tempo.

-A América vou- dixen. -Tan pronto como consiga cartos para saca-lo billete.

O sol despexara o horizonte e atopara o seu sitio no ceo. A súa calor avivaba o verde e o marrón. O meu pai asentiu. Lonxe, no occidente, ardía o Atlántico amarelo, picado pola luz brillante da alba tardía.

-Non é ouro todo o que reloce- dixo.

Considerei a frase. -Xa o sei- dixen, realmente sen saber nada. Daquela non sabía nada.

Volvemos a darnos a man e eu funme camiñando pola estrada. Quería lembrar todo exactamente como era naquel momento: o camiño de grava; os diques enmarañados; o baile das árbores á beira da estrada; os grosos toxos e os bonitos nós de mexacáns. Non ollei atrás, pero na miña cabeza podía imaxinalo, á porta do enreixado, preguntándose que faría agora. Eu tamén mo preguntaba.

© Billy O'Callaghan
© Billy O’Callaghan

A nova novela de Billy O’Callaghan, My Coney Island Baby, publicarase o ano que vén (editorial Jonathan Cape). Poderedes lela tamén traducida ao catalán (por Editorial L’Altra) e ao castelán (por Ediciones Salamanca).

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí