Quen máis quen menos en Galicia escoitou falar do Festival de Cans algunha vez. Aínda que sexa pola broma fonética entre este festival e o que, nas mesmas datas, se celebra na cidade francesa de Cannes e que enche as súas rúas de caras famosas do mundo do cine, alfombras vermellas para lucir vestidos suntuosos e moito glamour. Pois ben, temos que dicir que en Cans tamén hai moito “glamour”, pero doutro xeito. Podería falar das curtametraxes que vin, valoralas, describilas ou contarvos cal me gustou máis e cal menos, pero non creo que teña ningún valor, nin para quen está a ler isto, nin moito menos a nivel cinematográfico. Por iso quizais o máis interesante que un pode contar cando volve de Cans é o que se viviu.
O Cans de Paula
Ás nove da mañá do sábado saímos o meu amigo Brais e mais eu a vivir a experiencia de Cans dende A Coruña para chegar puntuais ao coloquio con Fernando Trueba. Aparcamos sen problema, aínda era cedo, ás once da mañá non había moito movemento. Ao principio sorprendeume pero se pensas que levaban tres días de festival admiro que non se deixasen vencer pola resaca e fose aparecendo xente pouco a pouco.
Para presenciar o coloquio de Trueba subimos ata a Leira de Alicia, e cando digo subimos é que era todo costa arriba por rúas estreitas onde apenas cabería un coche. Na entrada da leira non podía faltar a alfombra vermella (non esquezamos que estamos nun festival de cine) e aprendes a primeira lección: o outfit de Cannes non serve para Cans. Gustaríame ver a algunha subida en tacóns entrando na Leira de Alicia por esa alfombra de superficie irregular adornada sutilmente cun pouco de terra e po. Uns tenis teñen moito glamour tamén, non os esquezades se decidides ir a Cans. Nada máis entrar na leira un señor chamado Óscar, ao que o resto de presentes se referían con cariño, convidounos a un café e á mellor torta de Santiago que comín na última época (chúpate esa Cannes).
Chegamos cedo, así que había sitio dabondo para sentar nas bancadas de madeira que puxeran naquela carpa para atender ao coloquio. Hai que dicir que tivemos moita sorte, cando chegou Trueba a Leira de Alicia estaba ata arriba, moita xente sentada no chan, moita xente de pé, moita xente posta sobre o muro da leira… Moita calor tamén. Entón Trueba comenzou a falar e encheu o discurso de anécdotas do mundo do cine, recordou con agarimo a moitos compañeiros de oficio, moitos que xa non están: Rafael Azcona, Paco Rabal ou Fernando Fernán Gómez. Do misterio da comedia, da necesidade humana de rir, do importante da comedia nos tempos crus que atravesamos. Fixo un coloquio distendido, facendo próxima a fantasía do celuloide, porque todos eses grandes nomes do panorama nacional tamén quedan cos amigos a tomar uns viños “e o que xurda”. Chegou entón para min a segunda lección de Cans: Fernando Trueba, a non máis de cinco metros de min, falando das obras de arte que vira na casa de Billy Wilder, da súa experiencia nas galas dos Oscar e ti alí sentada nunha leira da Galicia profunda nun cacho de madeira cun gorro de palla para matar a calor. Preguntas para ti: como carallo pasou isto? Pois pasou en Cans. Brais fixo unha foto que describe o contraste que se viviu na Leira de Alicia á perfección (aquí o rapaz, que ademais de xornalista ten madeira de fotógrafo social).
Tamén hai tempo para comer en Cans, non esquezamos que isto é Galicia e aquí comer é pouco menos que unha relixión. Deixamos un cacho de pensar no intenso e profundo que pode ser o sétimo arte e fomos encher o bandullo. Alí, no parque do río, se quedas moito tempo corres o risco de esquecer que estás nun festival de cine. Unha carpa ben grande, con menú clásico de churrasco ou polbo á feira (entre outros) onde compartes mesa co veciño que non coñeces, os rapaces corren xogando polo prado e a música ameniza a estancia. “Galician romaría style”, de toda a vida. (2-0 señores de Cannes poñan as pilas co churrasco). Terminado o xantar, tirámonos nunha leira a facer a dixestión.
Ás tres e media empeza a soar a charanga de fondo. O son ben de detrás do río. Tremor de motor. Outro día calquera diría “xa me está dando a sesta o veciño”, pero en Cans é sinal dun dos momentos máis esperados do festival. Os chimpíns fan a súa entrada triunfal na vila cargados no seu remolque con todo o famoseo do festival, eses actores galegos dos que agora xa podes falar cos teus amigos de Madrid porque todo o mundo viu Fariña. O resto do día os chimpíns fan de buses para os espectadores do festival. Entre “as salas de cine” podes recorrer media vila, así que nada mellor que coller a “liña” de chimpibús que mellor quede para ir ver as curtas. Alí subimos Brais e máis eu para facer a nosa primeira viaxe. Non sei que pasaría nos demais chimpíns, pero nós fomos ata o baixo de Moncho cunha parella de non máis de corenta anos. Ela saudaba coa man aos viandantes dicindo que se sentía “como el papa” e el, cunhas cantas cervexas no peito, non paraba de loarse de que levaba vindo a cans as quince edicións e obrigando ao quinto integrante do chimpín a tocar o tambor que levaba. Terceira lección: entre limusina e chimpín, escoller sempre chimpín.
Como todo en Cans é especial, as salas de cine non ían ser menos. Mentres ves todos os cortos da edición, vas coñecendo as casas dos oriundos da vila. O “Baixo de Carlos”, o “Cuberto de Chelo”, a “Casa da Carreira”… E iso é o festival, un montón de xente sentada en bancos de madeira nun garaxe ou pendello dalgún descoñecido facendo crítica propia do que está a ver. Cuarta lección de cans: estás a ver curtametraxes e ata podes valoralas coma se foses un crítico de cine de verdade, pero baixa da parra amiga que estás poñendo a puntuación apoiada na lavadora de Chelo.
Para rematar, Cans tamén é música, por iso de que o cine e a música están conectadas. Os máis puristas poderían estar en contra (“isto é un festival de cine”), pero eu considero que dinamiza, e se non teño razón dáme igual porque eu bailaría con Familia Caamagno ata nunha igrexa. Neste caso a piques estivemos de que fose certo porque a praza do Torreiro (pegada ao fogar de deus en Cans) estaba a rebentar ás sete e media da tarde ao ritmo do rock e blues deste grupo de Sigüeiro. Alí estaba eu como boa groupie cantando as cancións. Mido metro cincuenta, así que deixei a Brais un pouco máis atrás e collín un sitio perfecto para ver toda a praza e mais o escenario. Cinco minutos despois, un matrimonio duns sesenta anos púxose ao meu lado para mirar o espectáculo. Manuele Caamagno entoaba a súa canción Mala herba e todos os fans puxémonos a cantar: “Eu tiña unha nena, que dis que era da ETA”. Aquela señora pechou a súa chaqueta en modo “indignación” polo que estaba a escoitar e díxolle ao marido “pero será verdade?”. Non puiden evitar rirme un pouco e pensar na miña nai. Non creo que vaia a encontrarme a esa señora noutro concerto de Familia Caamagno pero o que conseguiu Cans foi que ela estivese alí. E señora, entre vostede e mais eu, despois da canción decidiu aguantar e acabou movendo un pouco os pés ao ritmo da música. Non se preocupe, é o efecto Camaagno.
O Cans de Brais
A miña compañeira Paula deixou o listón ben alto coa súa crónica do acontecido o sábado en Cans. Por unha vez, serei eu o que afonde un pouco máis no cometido principal: as curtas. Gañou unha das nosas favoritas: Matria, de Álvaro Gago. Moi boa. Tedes que vela. Ata aquí, a análise fílmica do festival. Vaiamos ao que de verdade importa. Por que fuma tanto Carlos Blanco? Está isto relacionado co seu sedutor ton de voz? E o máis importante: Por que levaría eu o coche estando os vermús a dous euros?
En Cans hai pouco can e moito gato. Iso é así. Desde que chegamos, saltando un sinal de prohibido o paso e aparcando a monte, os felinos parecían ter tomada a aldea decorada co recoñecible cadeliño amarelo. Outra ausencia na aldea do Porriño tivo que ver coa cervexa, que veu directa de Madrid e non de Agrela. “Menos mal que non vou beber”, pensei por primeira e última vez no día.
O momento máis importante do meu día foi cando Trueba mirou para min fixamente, ou iso pensaba eu. (Si, era necesario o chiste, xa que Paula esgotou todo o relacionado co seu impecable discurso). Eu movinme polas rúas como polas páxinas dun volume de Onde está Wally? Buscaba e rebuscaba entre as facianas dos asistentes rostros coñecidos. Atopei a Carlos Blanco o primeiro; fumando, coma non. Tamén estaba Touriñán… Ai, non. Só era un rapaz grande con rizos. Si estaba Morris, Miguel de Lira ou Borja Cobeaga, gran guionista e cineasta vasco que formaba parte do xurado desta edición. Non estaba Javier Rey, o Sito Miñanco da ficción; e menos mal, porque coas gañas que tiña a miña compañeira de velo temín rematar nun calabozo do Porriño acusados de intento de secuestro.
Despois de dúas cervexas madrileñas, a miña compañeira dixo que se non bebía unha Estrella “non sinto nada” (palabras textuais). Alí fomos ao único bar onde había. E quen estaba a mercar tabaco? Exacto, Carlos Blanco (machiño, deixa o tabaco que vas acabar mal). Tamén estaba alí Tucho (o actor Víctor Fábregas, coñecido polo seu papel nos Tonechos da TVG). Era o rostro coñecido mellor equipado. Levaba un pitillo nunha man e unha copa de viño na outra, mostrando xa, ás tres da tarde, lixeiros signos de ebriedade. De feito, no desfile de chimpíns seguía cos seus complementos e xa semellaba estar alcanzando un notable estado de alegría e xúbilo etílico. Case cae ao tentar saudar á xente.
Á tardiña, vendo un dos bloques de curtas da sección oficial do festival, a Moncho (dono da caixa baixo a que estabamos a ver as proxeccións) non parecía gustarlle a disposición dos seus mobles na cociña e púxose a mover mesas e cadeiras mentres o público do seu baixo trataba de escoitar os diálogos das cintas. Foi só un dos varios desaxustes que houbo nas diversas salas da vila, pero apenas importaron, pois o ambiente único que transmitían os baixos e garaxes cubría calquera fallo. A nota máis destacada a nivel organizativo penso que foi a unión amosada por todos os veciños e integrantes da organización. A implicación activa dos máis veteranos da vila fai de Cans un festival diferente, que honra o propio e non quere que ninguén quede na casa. A maxia do cine a través da mirada das vellas e vellos de aldea.
E ata aquí a breve crónica dun sábado no festival de Cans no que coñecemos ao oscarizado Fernando Trueba, comemos churrasco, vimos as mellores curtametraxes de Galicia mentres nos moviamos a galope de chimpín. Se algo é Cans é mistura; un “agroglamour” altamente recomendable.