Viaxar coa música. Trilitrate, Momboi e Koroiev

Unha aproximación fantástica ás viaxes astrais con 3 discos galegos. “Está de Grelo” de Trilitrate, “Ofrenda” de Momboi, e “Valverde” de Koroiev.

Que ben soa o de viaxar coa música. Un lugar común da crítica e dos textos publicitarios (cando non son a mesma cousa), mesmo un mantra para etiquetar o ínclito xénero musical das “World music”. Unha idea poderosísima que, en cambio, como tópico está moi maltratada. Cando alguén di “esta música faime viaxar”, case sempre fai referencia a unha noción turística de estereotipos resesos do tipo, ah claro, esta frauta de pan é moi dos Andes. Ou aínda peor, fala de viaxar como unha trampa da nostalxia, dese revival da adolescencia que sente cando escoita no fío musical do Gadis unha canción de cando Amaia cantaba en La oreja de Van Gogh. A primeira versión ten un certo ar entre colonialista e orientalizante, e aínda así eu odio moito máis a segunda.

Odio a idea de “viaxar coa música” nostálxica, non porque esa sensación non sexa certa e válida, claro que o é. O cansativo é a obsesión de ligar viaxe da memoria e música, cando é un sentimento reproducible en calquera outra arte: o libro que liches unha e outra vez, sen entendelo, no verán do final de bacharelato;  un perfume que leva unha descoñecida na rúa e que é exactamente o que tiña a túa primeira moza; a escena do crítico gastronómico transportado á súa infancia en Ratatouille.

Quedo nu aquí: eu tamén escoito Kids de MGMT e automaticamente estou queimando pista no Playa en 2008. Mais como todo o autobiográfico, esta noción queda nalgo apenas un chisco pudoroso, exhibicionista e, sobre todo, aburrido. Un pecado porque repito, a idea de viaxar coa música é fascinante se a enfocamos desde o que a música ten de único, a capacidade de contar historias abstractas, de suxerir posibilidades sen facelas concretas. Quero dicir, Tolkien faime viaxar á Terra Media, a un lugar moi concreto, sempre que abro O señor dos aneis, pero Laura Marling coas súas cancións pode levarme a sitios moi distintos cada vez que a escoito, porque non depende só da canción, senón de como eu a interprete, do que eu faga con ela.

Seguindo a metáfora da viaxe, case todas as formas artísticas funcionan como un coche que te coloca no asento de atrás e permite que observes as vistas mentres outro conduce (mesmo os videoxogos). En cambio a música sería máis ben como unha bicicleta. Precisas dela para chegar aos sitios, pero vas ter que facer forza durante todo o camiño se queres empregala.

Propóñovos hoxe este exercicio, que aínda que fago pouco sempre que o tentei acabou por levarme a sitios interesantes. Vou poñerme en bucle tres discos galegos recentes que me gustaron moito de tres bandas/proxectos distintos: Está de grelo de Trilitrate, Ofrenda de Momboi e Valverde de Koroiev. E en lugar de facer unha recensión ou crítica ao uso vou viaxar con eles, deixar que me propoñan unha ruta para contarvos despois en forma de relato por onde fun, a quen coñecín, que cambiou en min. Vamos aló.

 

Está de Grelo, de Trilitrate

Poño o “Está de grelo” de Trilitrate e penso que son… vaia isto é inesperado, se cadra son un funcionario. Si. Naquela altura alcanzara un posto de certa importancia na burocracia imperial. Unha mestura de ausencia de ambición, desinterés na política e falta de escrúpulos facíanme especialmente adecuado para algunhas tarefas sensibles que era preferible executar con discreción. Na parte executiva, por dicilo así. Non un matón, se vos serve para imaxinalo quizais o máis semellante sería o termo “espía”, aínda que aplicado ás lóxicas imperiais a tradución é un tanto equívoca.

En fin, non é o meu obxectivo aquí que comprendades as sutilezas intestinas do Imperio Selenita, baste dicir que o seu fundamento ideolóxico era a natureza divina do Emperador. Comprenderedes que a revolución popular de Estritia, que subvertera liñaxes antigas para instaurar algo semellante ao que vós chamariades “República”, resultaba do máis incómodo para os xerarcas imperiais. Estritia era un país relativamente afastado, moi extenso pero irrelevante no económico e disgregado no social, polo que a súa revolución non era unha verdadeira ameaza para o Imperio. Con todo, a batalla ideolóxica non era algo que se menosprezase nos salóns selenitas, e por iso encargóuseme a misión de viaxar ata a lonxíncua Estritia, infiltrarme nas elites intelectuais do partido revolucionario e minar a súa convicción, empregando os medios que considerase necesarios.

Arrumei unha equipaxe lixeira e unha egua tranquila para a viaxe. Tardaría varios meses en chegar ata a fronteira, e outro tanto desde as lindes do país ata a capital, atravesando a enorme estepa estrita. Detallo os aspectos loxísticos porque o tempo é importante para entender a miña transformación. Saído dos territorios imperiais, viaxei de incógnito, temendo que o meu acento e maneira me delatasen como selenita. A ninguén parecía importarlle, porén. Eu nunca saíra do imperio e para a misión aprendera a lingua e algúns detalles sobre a sociedade estrita.

Mais ninguén me falara da música. A música. Debedes comprender que no Imperio temos grandes compositores e intérpretes, mais a música alí ten sempre un compoñente ritual e de clase, as cancións marcan barreiras e acontecementos. Nada me preparara para os tríos de acordeón, violín e guitarra que agroman nos bares, nas festas patronais, nos grupos espontáneos dos cruces de camiños e das pradarías infinitas. Sazmidat, sazmidat, berraba nun chouto agudo o acordeonista nunha furiosa alegría que eu nunca coñecera, que non sabía interpretar.

As letras das cancións non eran revolucionarias, non chamaban a rebelión e derrocamento, en moitas ocasións eran apenas laios filosóficos, cando non temas con títulos improbables como “Periodos Zumque” ou “Centráquidos Granado”. Cando intentaba preguntar a algún estrito pola composición ou  estrutura, sempre me contestaba cun sorriso na cara e unha expresión rara que significa algo así como “Música Problemática”.

Ás veces o violín invocaba e unha voda rebuldía nunha aldea nómade. Doutras, as músicas tocaban só para os máis vellos do lugar, que escoitaban cos ollos pechados e as mans xigantescas cruzadas, quizais recordando cando eles mesmos podían executar a técnica, tanguer a guitarra de póutega do norte do país.

A miña viaxe polas estepas borrou en min cousas e pintou outras por riba. Din rodeos e estiven perdido varias veces. A miña segunda lingua pasou a ser a primeira. Perdín a noción das distancias.

Cando cheguei á capital de Estritia, non me sorprendeu atopar o que era apenas un grupo de edificios administrativos sobrios colocados nun lugar lixeiramente elevado da estepa. Un lugar de reunión alcumado de centro político. Non puiden evitar comparalo coa capital selenita, e rin en alto pensando na cara que porían os xerarcas se intentase describirlles o lugar en que se fraguara a conspiración republicana. Non acontecería. Cantaruxando a melodía do chorimiel atravesei a capital e subín como quen baila polas escaleiras de bidueiro da sede do Partido. Alí confesei que traballara para o imperio e xurei fidelidade á Revolución.

 

Ofrenda, de Momboi

O EP de Momboi solta o seu rock sudamericano con ar galego e eu penso nun bar, non, unha taberna, un lugar onde convocar historias. Si, mais esta taberna non está nun cruce de camiños concorrido, senón no confín máis afastado da facenda dos Señores do Viño. Só unha pista de terra chega ata a taberna da Ofrenda, atravesando quilómetros e quilómetros de viña, cepa e pedra. Alá na costa, que parece a outra punta do mundo, os Señores brindan nos seus pazos colgados no alto dos outeiros, e celebran a estampa dos barcos saíndo pola foz do río para exportar algures o sangue embotellado. Mais neste recanto da facenda a viña é inhóspita e arteira, traballada polas almas máis afoutas, ou as máis desesperadas. Fíos de espaller foron lanzados en terrazas tan lonxe que entre a poda e a vendima unha xeración de homes pasara xa pola terra. De chan duro, viño duro, e as cepas de tan terra adentro crecen e sobreviven case soas, pois non hai xofre no mundo como para sulfatar a facenda dos Señores. Neste recuncho érguese a Ofrenda, que como poderedes imaxinar, é acubillo para aqueles que non teñen ningún outro.

De entrardes polas portas batentes e atravesardes a escuridade densa de fume e alcol, atoparedes ao outro lado da barra a Uxía. Ah, Uxía, son as noites sen saída, os días de verdade, en camiños de sangue, en camiños de sangue, cántanlle os parroquianos convertidos en bardos, louvanzas en aturuxo que soan veladamente agresivas, un resumo moi acaído da atmosfera que se respira un día calquera na Ofrenda. Podedes pedirlle unha cunca de sangue a Uxía, non esperedes un sorriso, e quizais teñades medo do rifle colgado por riba do estante, mais teriades máis tino temendo o coitelo oculto.

No tempo de santos, no paso do outono ao inverno, a viña infinda vai perdendo as súas cores e coas uvas todas gardadas nas adegas dos Señores, queda pouco traballo por facer. Non hai época máis perigosa para perderse por entre as cepas. As cuadrillas saben que as demais cobraron a paga da vendima e a primeira trasfega, así que a falta doutra ocupación intentan roubarse unhas ás outras. No tempo das noites longas, non é raro que mentres Uxía abre unha pipa de barrantes na taberna, desde fóra, ao lonxe, chegue o murmurar de berros e disparos. A xente desta terra chámalle “viño” ao sangue e “sangue” ao viño, ou iso me contaron, quizais para rir de min.

Unha cuadrilla entra na Ofrenda e os seus membros quedan na porta, mirando para o resto con desafío. Teñen o ollar do gaucho, aínda que na facenda dos Señores non ten sentido que os foraxidos anden a cabalo terraza arriba e abaixo ou por entre as estreitas filas do espaller. Todos son máis ben baixos, nervudos e de brazos longos: corpo de escalador. De entre eles destaca a figura do seu líder, un vello chamán, Osvaldo Guzmán. Faille unha revirada reverencia a Uxía, saca unha tesoira de poda e lévaa á fronte a modo de saúdo. A tatuaxe dunha ringleira de oenococcus no pescozo sinálao como mago. Hai algo de teatral na súa postura, sabe que domina a sala e alonga o silencio máis do normal. “O ceo está comigo, a luz está comigo!” a súa voz ronca atravesa a Ofrenda e nunha furiosa arroutada comeza a debullar un a un todos os agravios sufridos polo seu grupo de honorables xornaleiros.

Matáronlle uns amigos e quere vinganza. Non ha procurar a xustiza dos Señores. Pronunciar a palabra xustiza naquelas terras en que a viña se converte en xungla sería mesmo unha aldraxe. Non, acode ata a Ofrenda para conseguir aliados, predica na taberna e busca entre as caras presentes quen se queira unir a el na santa misión. Cando remata a homilía, faise de novo o silencio. Non parece que ninguén atenda á súa petición.

Póñome en pé e ofrezo unha man a Osvaldo. Si, acepto. Que me leve con el a Monterrei, que me crezan os brazos e afíen as miñas tesoiras, que me ensine os camiños secretos por debaixo dos inxertos novos. Si, marcharei con el ata o fondo da facenda dos Señores, onde viño e sangue son a mesma cousa.

Viaxar coa música. Trilitrate, Momboi e Koroiev
Os compoñentes de Momboi, quizais na Ofrenda.

 

Valverde, de Koroiev.

Quizais pareza un tópico, mais non podo evitar viaxar cara a ciencia ficción coa electrónica de Koroiev. Mais non me podedes negar que é curioso que a cuestión máis complicada da colonización de Hämarik ía ser a construción do ascensor.

As enxeñeiras chegaran á conclusión de que a maneira máis eficiente de asentar unha poboación numerosa no exoplaneta era mediante a creación dun xigantesco rañaceos que puidese albergar no seu interior a totalidade das colonas. As condicións climáticas, atmosféricas e xeolóxicas de Hämarik facían desta opción, a priori absurdamente cara, a máis sustentable a longo prazo. Deste xeito, as seiscentas mil almas que hoxe viven en Hämarik teñen o seu domicilio nunha das 867 alturas do monstruoso edificio que se levanta, solitario, desde a codia do planeta ata a máis alá da súa atmosfera, nun cumio que tamén é peirao da estación espacial onde atracan as naves chegadas desde a Terra. A baixa gravidade e a abundancia de materiais fixeron a construción do rañaceos máis doada do esperado, mais o problema como sempre, trouxéronos as humanas. O movemento vertical requirido por unha sociedade montada de arriba abaixo precisaba un intricado sistema de ascensores. A voracidade móbil das colonas superou as expectativas de todas as sociólogas e os módulos laterais que intentaron dividir o rañaceos en varios tramos estancos resultaron nun caos administrativo e loxístico. O proxecto Hämarik ameazaba con fracasar e a presión sobre a ciencia teórica buscando unha solución ao problema deu nun resultado sorprendente: o ascensor cuántico.

O ascensor cuántico é un aparello montado en plano vertical que se traslada de xeito non causal, de xeito que, cun gasto enerxético moi pequeno, a plataforma do elevador pode estar en varios lugares a un mesmo tempo. Isto permite levar ás pasaxeiras aos destinos, non tanto transportándoas, senón executando a realidade posible de que as que queren ir ao andar 352 por exemplo,  “estean xa” no andar 352.

Cilla empregaba o ascensor cada día, para ir da súa casa ao traballo, ao supermercado, ao agregador de novas ou á médica. Nativa de Hämarik, Cilla dedicábase á microbioloxía e para ela, como para todas as súas compatriotas, o ascensor era un elemento vital pero cotiá. Porén, o devir das xeracións e as viaxes incesantes dotaron ao ascensor dun sentido semi-místico. Veredes, a natureza cuántica do aparello fai que unha porcentaxe moi baixa pero constante de viaxes resulten nun erro de localización, que te acaba colocando nun andar distinto do marcado. Esta discrepancia, que a ciencia explica como mero marxe de erro, acabou xerando unha norma social para as hamarikenses. Convencidas da infalibilidade do seu proverbial ascensor, asumiron que se o andar non era o esperado, debíase a que en realidade era o lugar onde querías, ou onde precisabas estar. Así, se acabas polo ditado do ascensor nun negocio, tes a obriga moral de entrar e consumir nel; se resulta que é a casa dunha familiar, serve como recordatorio de que tes que chamar máis; e se o piso inesperado é dunha descoñecida, a etiqueta esixe que vos permitades forxar unha relación significativa. Un número nada desdeñable de parellas en Hämarik son formadas polos erros do ascensor.

Como seguro que vos estades imaxinando, ese día a coitada de Cilla colleu o ascensor cuántico para ir á súa oficina e acabou, sen saber como, na casa dunha completa descoñecida que resultou chamarse Aloia. Aloia era unha enxeñeira de minas máis ou menos atractiva e da idade adecuada, así que Cilla non cuestionou os designios do ascensor e quedaron para tomar algo tres ou catro veces. Deitáronse e saíron durante unhas semanas, mais non acabou de funcionar, en gran medida pola obsesión de Aloia polas teorías da conspiración. En particular, cría cegamente na idea de que antes da construción do rañaceos, as primeiras arquitectas abriran enormes cavernas subterráneas en Hämarik, bóvedas dedicadas á terraformación xusto debaixo do edificio, agochadas polo goberno ata que fosen sostibles ecoloxicamente. Valverde chamábanlle, a cidade asolagada. Un paraíso de bosques, fragas e ríos onde poderían moverse en horizontal e gozar da natureza sen os límites dos pisos. Cilla intentaba non poñer os ollos en branco cada vez que Aloia describía, afervorada, as supostas marabillas de Valverde.

Levaban un tempo sen verse cando o ascensor volveu mover o destino, desta volta deixando a Aloia xusto na porta de Cilla. Se as deslocacións cuánticas son un evento extraordinario, que unha persoa podía vivir unha ou dúas veces na vida, o feito de dous casos estaren enlazados desta maneira era case inaudito. Tiveron que volver saír xuntas un tempo. Deixáronse de novo. O ascensor volveu a sinalalas tres veces máis e o asunto fíxose tan sonado que a presión social virou insoportable. Acabaron por casar.

Converterse nunha micro-celebrity e sentirse escolleita pola maxia cuántica non fixo máis que alimentar a conspiranoia de Aloia. A parella máis querida de Hämarik, as amantes do ascensor, discutían día tras día metidas no piso que desgraciadamente agora compartían por contrato. Cilla tivo que soportar (e recordemos que en realidade só por non violentar ao seu entorno) o nacemento progresivo dun síndrome mesiánico en Aloia, que aproveitaba a súa fama para facer declaracións públicas cada vez máis delirantes. Toda unha auténtica baixada aos infernos. E isto non é unha metáfora.

Baixar, baixar, baixar, a vida non podía ser só ese ir e vir entre andares, as olladas por fiestras industriais a un planeta deserto. Aloia comezou a baixar cada día ata a base do edificio e alí predicaba para quen a quixese ouvir. Imaxinou o Antichton, a Illa da vaca onde poderían beber auga sen depurar, as longas veigas de Beara onde os paxaros nacen ceibos baixo a terra. A descuberta, nun novo deslocamento cuántico, dun auténtico andar-1, restrinxido porque estaba dedicado á aparataxe eléctrica do rañaceos, foi como maná para secta valverdina. Instigados por Aloia comezaron a cavar ás agochadas nos cimentos do edificio, primeiro sorteando as medidas de seguridade, despois xa tan amplas en número que non se podía evitar a furia do seu labor. A visible animadversión que Cilla mostraba cara Aloia en público converteuna na maior representante dos negacionistas de Valverde. A opinión pública polarizouse ata o extremo mentres as seguidoras de Aloia seguían cavando e cavando. Greves xerais para ir cavar, roubos de material de construción… No transcurso de dez anos as cavernas de Hämarik extendíanse ao longo dunha extensión semellante á do propio rañaceos, e a poboación decidiu resolver as tensións, que ameazaban con virar en violentas, nun tratado. As cláusulas do texto determinaron que a prole de Hämarik quedaba dividida en dúas: a metade sería dona e señora das cavernas, o Valverde que se construíran para si; a outra continuaría na seguridade do Rañaceos, renunciando a toda pretensión sobre a terra do planeta. Só o ascensor, coas súas bases do edificio expandidas tamén polas cavernas, sería territorio neutral. O tratado foi firmado polas dúas líderes das faccións enfrontadas, Aloia de Valverde e Cilla do Rañaceos. Foi o primeiro convenio internacional da historia que establecía, como preámbulo, a declaración formal do divorcio das signatarias.

Viaxar coa música. Trilitrate, Momboi e Koroiev
Koroiev viaxando en ascensor cuántico.
Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí