A unificación iugoslava: entre o iugoslavismo e a conveniencia

Análise histórica do proceso de unificación iugoslava durante o período posterior á Primeira Guerra Mundial: un momento de cambios radicais no mapa europeo.

Este artigo de Josep Dorca apareceu por primeira vez na revista Ab Origine publicado como La unificació iugoslava: entre el iugoslavisme i la conveniència”. Da tradución do catalán ao galego encargouse Jairo Dorado Cadilla.

Unha das consecuencias máis evidentes da fin da Primeira Guerra Mundial foi a mudanza radical na configuración do mapa europeo. Un dos principais motivos desta mudanza foi a defunción do Imperio Austrohúngaro, que desaparece dando paso a novos estados: Austria, Hungría, Checoslovaquia, Iugoslavia e Polonia -nestes dous últimos casos con territorios procedentes doutros países. Ademais, algúns dos seus territorios foron anexionados por estados xa existentes coma Romanía ou Italia.

Durante os anos noventa do século pasado foron moitas voces as que afirmaron que Iugoslavia, á marxe das tensións e contradición internas, se disolveu polo interese das potencias occidentais coa fin de incrementaren a súa influencia e controlaren máis facilmente uns estados novos, máis febles ca Iugoslavia. Este argumentario non era novo. Durante os anos vinte, esa era tamén a análise que as potencias vencedoras da Primeira Guerra Mundial impulsaron sobre a desmembración do Imperio Austrohúngaro. O historiador François Fejtö estudou o tema en profundidade aportando moitas probas como, por exemplo, a mudanza na interpretación dos famosos Catorce Puntos de Wilson. Propuxérase primeiro unha solución baseada na autonomía de determinados territorios pero ao final da guerra interpretouse que boa parte destes territorios habían de se converter en estados independentes.

Non se pode negar que durante o século XIX algúns intelectuais propuxeran o Ilirismo, teoría que apostaba pola creación dun estado que acubillase a todos os eslavos do sur. A incidencia real, porén, destas propostas non foi alén de certos círculos reducidos. Os autores máis citados son os croatas Ljudevit Gaj e o bispo Strossmayer e, en menor medida, o esloveno Jernej Kopitar. As súas propostas foron cambiantes e non sempre querían dicir o mesmo ao falar de unir a todos os eslavos do sur baixo un mesmo estado. Agora ben, certo é que nos anos inmediatamente anteriores á Primeira Guerra Mundial este debate revivira e tiña máis incidencia.

Antes do comezo da guerra, os territorios que conformarán Iugoslavia estaban divididos en diversos estados. Por unha banda estaban os reinos de Serbia e de Montenegro, ambos independentes. Pola outra estaba o Imperio Austrohúngaro que era, de feito, unha monarquía dual. Vinculada a Hungría estaba o Reino de CroaciaEslavonia (non confundir con Eslovenia), relativamente autónomo e os territorios de Bačka, Sirmia e o Banato -no sur de Hungría-, sen ningún nivel de autonomía. Vinculadas a Austria estaban Dalmacia, Carintia, Estiria e Carniola (estes tres últimos poboados por eslovenos, sen constituíren unha única entidade). Finalmente Bosnia e Hercegovina, incorporada ao Imperio no ano 1908 e administrada por un gobernador, estaba desvinculada tanto de Hungría coma de Austria. Serbia, antes das Guerras Balcánicas (1912 – 1913) expandírase territorialmente (Kosovo e boa parte de Macedonia) e aumentara o seu prestixio. Estaba gobernada pola dinastía Karađorđević e o xefe de goberno era Nikola Pašić.

Reino de Serbia despois das Guerras Balcánicas (1912-1913), con Kosovo e Macedonia e sen a Voivódina. Fonte: Wikimedia
Mapa étnico do Imperio Austrohúngaro. Fonte: Wikimedia Commons

En comezando a guerra, despois do atentado de Saraievo, os eslavos da zona quedan divididos en bandos enfrontados. Os partidos croatas e eslovenos apoian ao Imperio e moitos sudeslavos participan na dura ofensiva contra Serbia. Tamén é certo que haberá algúns, sobre todo en Bosnia, que se alisten coma voluntarios para loitar con Serbia.

A creación da primeira Iugoslavia, moi probablemente, sexa o froito da conveniencia dos eslavos do Imperio Austrohúngaro no momento da súa desintegración así como do interese do Reino de Serbia, que adquiría así unha relevancia e un papel maior do que tiña.

Á hora de analizar a creación deste novo estado hai que centrarse, sobre todo, en tres grandes actores: o Reino de Serbia por unha parte, os croatas e eslovenos do interior do Imperio pola outra e adicionalmente o Comité Iugoslavo que facía as funcións de intermediario entre eses dous.

O Tratado de Londres e o Comité Iugoslavo

No marco das negociacións para que Italia participase na guerra no bando da Tripla Entente, asínase o 26 de abril de 1915 o Tratado de Londres segundo o que aceptaba participar a cambio, co acordo de Serbia, de se anexionar os territorios nos que moraba unha porcentaxe, aínda que minoritaria, nada desprezábel de italianos (Gorizia, Istria, Dalmacia, Trentino, Triese e o Tirol Sur) así como Carniola e Vlora.

Este tratado era secreto pero o seu contido foi feito público por Frano Supilo, ao que informara o ministro ruso de negocios estranxeiros. O feito de que se fixesen públicas estas informacións esmorece o interese de parte da poboación do Imperio por se achegar a Serbia e reforza a lealdade ao Imperio o que provoca, como reacción, a creación do Comité Iugoslavo o 30 de abril de 1915. Este comité estaba formado por menos dunha vintena de membros, todos exiliados e de todas as nacionalidades eslavas do Imperio aínda que predominaban claramente os de orixe dálmata, os máis afectados polas pretensións italianas. Entre os seus membros cómpre salientar a Ante Trumbić e Frano Supilo. O seu obxectivo era, abertamente, a consecución dun estado que agrupase a todos os eslavos do sur.

Tense especulado moito sobre a súa función. Por unha banda parece estar bastante claro que tiña o visto e prace de boa parte dos croatas e eslovenos do interior do Imperio a pesar de que non sempre as súas posturas eran coincidentes. Tamén é innegábel que Serbia estaba interesada en negociar e telo como interlocutor porque non desexaba que Croacia e Eslovenia se convertesen en estados independentes, sendo un xeito de exercer algún control sobre estes países. Sexa como for, as relacións coa monarquía serbia foron tirantes e en varias ocasións estiveron a punto de se romper completamente, como cando Supilo ameazou coa independencia de Croacia no caso de que Serbia non recoñecese a igualdade de todos os grupos nacionais no novo estado. Non querían, xa que logo, que o novo estado fose unha prolongación de Serbia, senón que fose radicalmente novo.

Serbia e os eslavos do Imperio

No interior de Serbia, pola outra banda, as cousas non andaban de todo ben para o goberno de Pašić. As derrotas de 1915 fixeron que o seu crédito político diminuíse extraordinariamente o que comportaba que o seu partido, o Partido Radical, padecese unha importante excisión, os Mozos Radicais. Este novo partido quería dar un chanzo adiante na democratización do país e estaban máis abertos a negociar co Comité Iugoslavo sobre a formación dun posible novo estado. Con estas demandas conseguiron apoios moi importantes e fixeron que abanease o omnipotente Pašić.

Durante todo o transcurso da guerra, porén, a opción preferida polos croatas e eslovenos do Imperio era a coñecida polo nome de trialista. Un claro exemplo foi a Declaración de Maio de 1917, impulsada polo esloveno Anton Korošec, do Partido Popular Esloveno e asinada polos 33 deputados sudeslavos (eslovenos, croatas e serbios). No texto reclamábase a unificación de todas as terras do Imperio onde vivían e transformar a monarquía dual nunha monarquía con tres grandes entidades.

A Declaración de Corfú

Porén, pouco despois, o 20 de xullo de 1917, asínase a Declaración de Corfú, un documento de grande transcendencia. Asinado, por unha banda polo goberno serbio (polo primeiro ministro, Pašić) e pola outra por Ante Trumbić, presidente do Comité Iugoslavo. É importante xa que apuntaba dun xeito claro cara a creación deste novo estado, formado por Serbia e polos territorios do Imperio onde vivisen serbios, croatas e eslovenos, baixo a dinastía Karađorđević, algo que entraba en contradición coa Declaración de Maio. Segundo este documento, o novo estado sería formalmente unha monarquía parlamentaria, plenamente democrática e con sufraxio universal masculino, igualdade dos tres nomes, das tres relixións e dos dous alfabetos, aínda que non se detallaba moito máis e deixábase a concreción en mans dunha asemblea constituínte, polo que non quedaba claro que carácter tería, centralista ou cun aquel máis federal ou federalizante.

A Declaración de Corfú. Fonte: Wikimedia Commons

A disolución do Imperio e a unificación

A partir de 1918 comeza ser evidente que o Imperio Austrohúngaro camiñaba rapidamente cara a desintegración. Internamente había claros síntomas de decadencia, en tanto que a pequena e mediana burguesía comeza a rompelo, tanto en Bohemia e Moravia coma en Austria, Hungría, Croacia, Eslovenia… Anton Korošec foi un dos políticos que abandonou a idea de permaneceren no Imperio e comeza a defender a proposta dun estado iugoslavo independente. Seguindo este plan, impulsa a creación dun Consello Nacional (Narodno Vijeće) a principios de outubro.

O desencanto das tropas xa provocara diversos motíns -o máis destacado en febreiro de 1918 en Kotor, Montenegro- e numerosas desercións, que aumentan ao anunciar Bulgaria -aliada do Imperio- a rendición o 29 de setembro. Naquel contexto é posíbel afirmar que a autoridade austríaca esmorece.

A pesar dos intentos desesperados do Imperio por se salvar con chamadas pouco cribles de transformación nunha federación, o 29 de outubro de 1918, a Dieta croata aproba pór fin á unión con Hungría, apodérase de Fiume e entrega a autoridade ao Consello Nacional presidido por Korošec. Convértese así no novo goberno provisional de todos os territorios sudeslavos do Imperio. A súa autoridade, porén, era moi feble: constantes motíns e pillaxe, sen que estivese claro o apoio internacional.

Ljubljana, 29 de outubro de 1918. Fonte: Wikimedia Commons

Eses días de incerteza foron aproveitados por Italia para ocupar Trieste, Pula (Istria), Zadar, Šibenik…, xa que consideraba lexítimos os seus dereitos de ocupalos segundo as cláusulas do Tratado de Londres de 1915. A febleza do goberno, o pouco apoio internacional e a ameaza italiana acaban por decantar de todo ás elites, que eran as que formaban o Consello Nacional, cara a unificación con Serbia e Montenegro, e con este obxectivo comezan as conversas co goberno serbio. Non quere isto dicir, sen embargo, que non houbese contradicións internas: Pribićević, por exemplo, defendía a unión inmediata con Serbia; Trumbić quería primeiro a unificación de todos os territorios do Imperio e a posterior negociación en pé de igualdade con Serbia; Radić opúñase ao proxecto iugoeslavista (opúñase ao centralismo serbio e apostaba pola forma republicana do estado). Impuxéronse finalmente as teses de Pribićević.

Simultaneamente, en Bosnia e Hercegovina tamén se creara un Consello Nacional, semellante ao impulsado por Korošec. O 29 de outubro, o anuncio feito en Zagreb foi moi ben recibido e tan só dous días máis tarde, o Consello Nacional faise co poder efectivo en Bosnia e Hercegovina cando o gobernador, Boris Sarkotić, o cede. Constitúese o 3 de novembro o primeiro Goberno Nacional de Bosnia e Hercegovina, de curta duración.

Xenebra convértese, o 6 de novembro, no escenario de conversas entre o goberno serbio e o Comité Iugoslavo que agora si que representaba o Consello Nacional. O 9 de novembro asínase unha declaración na que se acordaba constituír un novo estado, único e indivisíbel, cun goberno formado por membros dos dous principais partidos serbios (os Vellos e os Mozos Radicais), do Comité Iugoslavo e do Consello Nacional.

Paralelamente os feitos tamén se precipitaban en Montenegro. O 6 de novembro as tropas serbias ocupan o país. Créase de seguido un Consello Nacional, coma goberno provisional, encabezado polo coronel Dušan Simović e un Comité Executivo Central para a Unificación de Serbia e Montenegro que establece as bases para elixir unha Asemblea que se debía pronunciar sobre a unificación con Serbia. Foron moitas as voces que criticaron as circunstancias nas que se fixo a elección: sen tempo de debate, sábese que moitos electores non puideron votar, o exército serbio controlaba o proceso… A Asemblea electa votou, o 24 de novembro, cunha amplísima maioría, a unificación dos dous reinos: 163 dos 168 deputados, unha unanimidade sospeitosa. Todo isto fixo que desde Montenegro se veña defendendo, tradicionalmente, dous puntos de vista sobre esta cuestión: para uns foi unha reunificación nacional e para outros, porén, unha simple anexión.

Afondar no caso de Montenegro é interesante porque mostra un feito esencial, alén das múltiples interpretacións que se poderían facer, e é que non houbo en todo o proceso de unificación a vontade de o referendar democraticamente. Realizouse unicamente un plebiscito a Carintia, no ano 1920, para delimitar as fronteiras con Austria.

Uns feitos semellantes aconteceron na Bačka, na Sirmina e no Banato (a Voivódina). Unha vez disolvido o Imperio, o 1 de novembro proclámase a República do Banato, fornecida polo Partido Socialdemócrata, só recoñecida por Hungría e de efémera existencia. O 15 de novembro, o Banato foi invadido por tropas serbias -tamén a Bačka e a Sirmia- e a independencia foi liquidada. No seguinte ano, co Tratado de Trianon, o Banato foi repartido entre Romanía, o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, e Hungría.

O 1 de decembro de 1918, finalmente, unha delegación croata foi recibida polo rexente, Alexandre I en Belgrado, momento no que solemnemente se proclama o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos. O novo goberno de coalición foi presidido polo serbio Stojan Protić e del forman parte Korošec, Trumbić e Pribićević. Non será até finais do ano 1929, tras o golpe de estado de Alexandre I, que o estado pasará a se chamar Iugoslavia. Tense argumentado, dun xeito simplista, que este novo estado era unha invención e a absolutamente artificial. É evidente que os feitos expostos demostran que respondía a uns intereses concretos nun momento moi determinado. Durante o período de entre guerras as importantes contradicións internas levaron ao estado a extremo do colapso en diversas ocasións. No ano 1941 tropas alemás, italianas, húngaras e búlgaras invadiron o país, que foi liquidado coma estado. A loita antifascista dos partisanos implicará una reconstrución dunha segunda Iugoslavia sobre un novos alicerces.

Unificación iugoslava
Mapa do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, 1918. Fonte: Wikimedia Commons
Para saber máis...

FEJTÖ, François, Réquiem por un imperio difunto. Historia de la destrucción de Austria-Hungría, Madrid, Ediciones Encuentro, 2015,

VEIGA, Francisco, La trampa balcánica, Barcelona, Grijalbo Mondadori, 2002

JELAVICH, Barbara, History of the Balkans. Twentieth Century, Cambridge University Press, 1993

Dorca, Josep. La integració de Montenegro a la primera Iugoslàvia: reunificació sèrbia o annexió? Balcània, 8 de març de 2015

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí