Evanxeo para unha nova era. Pensar en Evangelion a través de Walter Benjamin

Unha lectura benjaminiana dos dilemas existenciais propostos na tetraloxía Rebuild of Evangelion ás portas do noso propio Xuízo Final.

París, Francia, nalgún momento tralo fallido Cuarto Impacto –e polo tanto, ao redor do ano 2032 da liña temporal na que transcorre Rebuild of Evangelion–. O arranque de Evangelion: 3.0+1.01 Thrice Upon a Time sitúanos na “Cidade das Luces” no canto da habitual Toquio-3, mais custa identificármola, transmutada nunha estraña materia vermella e sen rastro de vida tras unha das últimas apocalipses provocadas polo ser humano. WILLE, organización rebelde adicada a evitar novos Impactos (apocalipses), leva a cabo unha arriscada operación militar para facerse cuns compoñentes de reparación para os seus Evangelion que foran ocultados baixo a superficie da outrora metrópole europea.

Non tarda en aparecer o inimigo: unha formación de xigantescos  drones humanoides aos que se enfronta a piloto Illustrious Makinami no Eva-08 para gañar tempo, á que segue unha ringleira de pernas do mesmo tamaño colosal que avanzan marcando o “paso de ganso” militar nunha clara alegoría da marcha do exército fascista alemán sobre a París do 13 de xuño de 1940. Traéndolle de volta a alegoría a Hideaki Anno, autor desta ficción animada elevada á categoría de icona pop que se estende ao longo de máis de 25 anos, non custa imaxinar en escena ao filósofo xudeu Walter Benjamin escapando desa París alternativa perante o avance fascista dos Evangelion baixo control de NERV.

Evanxeo para unha nova era. Pensar en Evangelion con Walter Benjamin

Aquela apresurada fuxida a través dos Pirineos comezara uns anos antes en Berlín co ascenso e consolidación do Partido Nazi. Benjamin, intelectual xudeu e marxista, pasou os seus últimos anos nun exilio cada vez máis difícil de manter, ante o avance europeu da Wehrmacht e co seu rostro nas listaxes de morte das SS, durante o que apura o seu legado teórico. Daqueles últimos meses en París data precisamente o seu derradeiro texto escrito en vida: as coñecidas teses Sobre o concepto da historia, ás que se debe esta homenaxe improvisada. Acurralado finalmente na fronteira francocatalá, as autoridades franquistas impídenlle o tránsito cara Lisboa –onde pretendía embarcar a Nova York– e retéñeno nunha fonda de Portbou na que Benjamin decide suicidarse cunha sobredose de morfina antes que ser entregado á Gestapo.

Conta a lenda popular da vila que o suicidio non foi tal e que o filósofo foi asasinado na súa habitación por axentes do servizo de intelixencia nazis tras arrebatarlle un último borrador. Polo informe da aduana e o testemuño das súas camaradas de fuxida sabemos que non se separaba en ningún momento dese documento, abrazado á maleta en que o levaba. Sobre el chega mesmo a confesar que era máis importante que a súa propia vida. De calquera maneira, o misterioso manuscrito desaparece en Portbou e hoxe descoñecemos o seu contido –quizais un avance no Libro das pasaxes, obra cumio do autor que nunca chegara a rematar? Se cadra unha nova redacción das Teses?–. Procurar unha cronoloxía precisa da historia de Benjamin sería, en todo caso, unha certa inxustiza co seu pensamento filosófico.

Walter Benjamin traballando.

Hedgehog’s dilemma

O uso en Evangelion dun vocabulario teoloxicamente cargado coa iconografía xudeocristiá que caracteriza a este anime de mechas sui generis, puidera abofé semellar unha excentricidade accesoria do que pretende ser unha sesión de psicoanálise do adolescente protagonista –que á vez, non deixa de ser un avatar do autor. Parece sensato pensalo así, e mesmo o propio Anno ten confirmado a lectura psicoloxista. Como sintetiza na súa análise da serie de TV orixinal o youtuber Dayoscript, “isto vai sobre persoas, pórse na pel dos demais, simpatizar co próximo”; e polo tanto, “Anxos” e “EVAs” serían sinxelamente o MacGuffin da trama: todo semella xirar ao redor “diso” que á vez, é “o de menos”

Non pretendemos aquí botar por terra esa análise e mesmo cremos que sintetiza axeitadamente o que pode agardar da saga quen se achegue a ela por vez primeira: non o habitual espectáculo bombástico e testosterónico que rexe os canons do xénero, senón máis ben un anime de silencios, personaxes emocionalmente rotas e conflito existencialista. Anno pon no centro da súa historia o “dilema do ourizo” e impélenos como público, o mesmo que ao mozo Shinji Ikari, a non fuxirmos do vínculo humano por medo ao sufrimento, a darmos un salto de fe sen paracaídas no que se lle abren as portas á catástrofe –como vimos no final de Evangelion: 2.22 You Can (Not) Advance– na procura da nosa felicidade individual.

— Oe, Misato. Coñece-la fábula do Dilema do ourizo?
— “Do ourizo”? Refíreste a eses animais que están recubertos de espiñas?
— O que lles pasa aos ourizos é que cando queren intimar con outro ourizo, canto máis se achegan, máis dor se causan coas espiñas. Cos seres humanos sucede o mesmo. Se Shinji parece tan reservado, é porque lle da medo sufrir e provocar sufrimento.
— Pois vai ter que acabar aprendendo que ser adulto significa buscar a maneira de relacionarse cos demais, sen ter en conta os posibles perigos.[1]

Por que, logo, Walter Benjamin? Seguramente, ningún pensador máis idóneo para falarmos desa procura da felicidade que este paria da Alemaña nazi que, como lembra o filósofo Reyes Mate na magnífica Medianoche en la historia (Trotta, 2006), elixiu mirar a miseria do seu presente “non como un factum ou destino” senón “como un atentado insoportable ao dereito á felicidade”. Lonxe do coaching merdeiro dun best-séller de autoaxuda, a proposta benjaminiana vén cargada de dinamita revolucionaria para o noso presente –para todo presente, como veremos– e irrompe en Evangelion aínda traizoando a mercadotecnia que en última instancia dita as liñas da propia narrativa  da serie.

Hai nas Teses unha verdadeira defensa dese patrimonio da humanidade chamado felicidade, si, mais a felicidade da que nos fala Benjamin precisa certas aclaracións para non confundírmola co cálculo utilitarista de quen procura refuxio no hedonismo. Porque se cadra “os cartos non dan a felicidade” –metafísica última do diñeiro–, pero a cuestión para as famentas e a súa prole é visceralmente material, non unha entelequia. A súa felicidade atópase na satisfacción de necesidades e soños presentes, non futuros. No que o filósofo marxista repara con atino é que se a idea de felicidade vai ligada ao soño frustrado (en tanto que este último convértese en momento de felicidade cando é redimido da frustración), o presente ao que alude é tamén un pasado frustrado (que non foi, e que “preséntase” en tanto que posible). O dereito á felicidade que reclaman as chamadas a rematar con toda opresión, é pois para vivas e mortas.

 

Weaving a Story

Interesa pouco ou nada aquí a adscrición política de Anno ou o posicionamento explícito que toma nos seus guións; a ollada materialista de Benjamin ao produto cultural, Evangelion neste caso, atopará nos seus refugallos verdades imprevistas polo artista en continua actualización. O seu proceder é o do chatarreiro/trapeiro que remexe entre o que na obra de arte parece autónomo e harmonioso, rexido por inapelables leis do “estético”. Nun claro paralelismo coa crítica de Marx á lei do valor agochada tralo fetichismo da mercadoría, a crítica estética de Benjamin desmonta nas inconsistencias da obra a súa apariencia mítica –categoría que el asocia a aquilo que se nos presenta como naturalizado, desprovisto de historia–, declarando así o seu carácter aberto mesmo fronte á inxenuidade idealista da “arte politizada” que comulga co marco comunicativo burgués para achegar a súa opinión ás masas.

Un exemplo particularmente oportuno desta última posición témolo na serie de animación que o Partido Comunista da China comisionou para o 200 aniversario do nacemento de Karl Marx, O Líder (pinyin: Lǐng fēng zhě; 2019). No seu repaso pola biografía do revolucionario, O Líder válese da estética dun anime bishōnen xaponés e os clixés máis manidos do melodrama romántico porque entende que é o mellor xeito de comunicar a súa mensaxe política ao público adolescente chinés –a saber: a “continuidade do marxismo” no “pensamento de Xi Jinping sobre o socialismo con características chinesas”, para o que o libre mercado ou a exportación de capital e financeirización da economía son os prolegómenos da prometida sociedade sen clases–.

Cartel promocional da serie sobre a vida de Marx comisionada polo Partido Comunista Chino.

Como se pode comprender, este xeito de politizar a arte non pode máis que xerar produtos compatibles cunha cultura que en principio élle adversa; se o que se busca é comunicar un contido político –o radical que for– exterior á obra de arte, cal había ser o sentido mesmo da existencia das artistas? A efectividade que se lle pretende na transformación da vida, das relacións sociais, é sinxelamente absurda se reparamos en que non deixan de ser estes criterios externos, que permanecemos no terreo da mediación arte-vida mentres continúa a catástrofe capitalista (tamén) no cultural. É de novo nos refugallos, esta vez da historia contemporánea da China, onde atopamos unha verdadeira vía transformadora para unha nova sociedade redimida dos seus pecados: a Revolución Cultural, cumio ideolóxico do proceso de construción do Socialismo derrotado manu militari en 1976.

A sincronicidade aquí entre Benjamin e a Garda Vermella maoísta precisa de pouca explicación: comparten a radical oposición á metafísica historicista infiltrada no materialismo histórico. Abondaría mesmo con substituír as palabras axeitadas por “Partido Comunista da China” na tese XI do filósofo, e estariamos ante unha crítica directa ao actual “Soño Chinés” e a súa fe burguesa no progreso e a técnica. “Deixar facer” ás forzas produtivas para chegar nun futuro ao Paraíso –a sociedade da liberación humana–, non é máis que a cínica idea de que avanzaremos mesmo se retrocedemos no terreo das relacións entre clases; a utopía reitora que xustifica todo sacrificio humano e natural.

Por disparatado que pareza, isto ten un nome no universo ficticio de Evangelion: o Proxecto de Complementación , co que a sinistra organización SEELE pretende o renacemento da humanidade unificándoa nun ente divino perfecto para liberala das súas miserias inherentes; unha utopía que demanda absoluto sometemento de natureza (a loita contra os Anxos, a creación dos Evangelion a partir destes) e ser humano (as nenas e nenos soldado, a morte indiscriminada nos sucesivos Impactos), e que mesmo trae manual de instrucións histórico (os Pergameos do mar Morto). Filosoficamente, viría a ser este un retrato grosso modo da concepción kantiana de progreso que nace co capitalismo, na que a natureza queda reducida a material abstracto de dominio polo todopoderoso traballo, e a subxectividade resultante idealiza a súa historia nun dogma lineal e homoxéneo. Unha lóxica de desenrolo de acontecementos que comparten fenómenos políticos aparantemente opostos como son socialdemocracia e fascismo, da que Benjamin nos alerta sen nos mover da tese XI.

 

The Day Tokyo-3 Stood Still

Se a historia fose –como afirman as utopistas– cadea de progreso, a barbarie fascista ou colonial serían, polo de pronto, elos non apenas xustificables senón necesarios da mesma. A posición revolucionaria responde a isto co “Rebelarse é xusto!” maoísta: a idea de que as condenadas da Terra non teñen que agardar para rachar coas súas cadeas. “O materialista histórico –dinos Benjamin– considera tarefa súa a de cepillar á historia a contrapelo”; isto é, reconsiderar a historia dende a ruptura coa imaxe de necesidade do seu pasado, desguedellar un suposto peiteado que só interesa ao opresor. Esta crítica da concepción metafísica de tempo lineal é indisociable da súa crítica ao “progreso”, e constitúe o fundamento desde o que comprender logo a chamada nas Teses a unha “interrupción mesiánica do tempo”.

Se con Benjamin e a escola materialista declaramos que a historia non ten un camiño predeterminado nin existen leis suprahistóricas, o “mesiánico” vén sendo a consciencia desa incompletude do histórico, de que as cousas puideron/poden ser diferentes. O pasado queda, pois, aberto (nada do acontecido foi ontoloxicamente necesario) e o ceo da historia despexado (podemos rescatar e facer xustiza ás posibilidades fallidas das revolucións pasadas no agora). A verdadeira “bomba atómica espiritual” do texto de Benjamin está precisamente en lembrarnos que o tempo da revolución social non é un mañá que nunca chega nin un onte perdido para sempre: é sempre hoxe. Mais ao tempo, fainos unha advertencia terrorífica: “tampouco os mortos estarán a salvo de vencer o inimigo”.

O dogma burgués e positivista do “progreso” na historia (común a conservadores, socialdemócratas e o marxismo vulgar) constitúe para o filósofo o verdadeiro Anticristo contra o que vén loitar o Mesías. Noutra obra de obrigada referencia para a lectura atenta das TesesWalter Benjamin: Aviso de incendio (Fondo de Cultura Económica, 2004)–, o sociólogo Michael Löwy conclúe en termos semellantes que “a interrupción mesiánica/revolucionaria do Progreso” non é senón a resposta benjaminiana “ás ameazas formuladas contra a especie humana pola continuación da tempestade maléfica e a inminencia de novas catástrofes”.

Na mesma semana da estrea internacional de Evangelion: 3.0+1.01, o IPCC facía público o seu Sexto Informe sobre o cambio climático. As conclusións deste  Libro da Apocalipse secularizado non deixan lugar a dúbidas: non hai problema político máis grande nin de maior urxencia a nivel global. E, con todo, o ecoloxismo parece predicar vestido cun cartaz no que se le “The End Is Near” para o que semella un deserto político. Pouco había cambiar a cousa se no canto de crise climática a ameaza fosen os Anxos de Anno. Neste particular contexto, a proposta benjaminiana da detención do tempo ben puidera pasar por un dos lemas das que formamos parte da xeración Z e nos resistimos á desidia doomer imperante.

 

A Cruel Angel’s Thesis

Se hai un fragmento que transcendeu con especial forza dun texto que, lembremos, é apenas un brevísimo borrador non pensado para a publicación dun xa de por si relativamente descoñecido autor –até o punto de que non é infrecuente a súa omisión no currículo europeo do Grao en Filosofía–, é sen dúbida a tese IX sobre “O Anxo”. Nesta, descríbesenos con verdadeira paixón un cadro de Paul Klee titulado Angelus Novus que o filósofo posuíu nos seus últimos anos de vida, e que el identifica co “anxo da historia” empurrado pola tempestade do “progreso”.

Evanxeo para unha nova era. Pensar en Evangelion con Walter Benjamin

Hai abofé –citándomos de novo a Reyes Mate– un “abismo entre o que o anxo do cadro suxire a calquer espectador e o que ve nel Benjamin” alén do estético. O prezo da fama da tese pagouse en posteriores malinterpretacións da mesma como unha sorte de postura melancólica de cara a historia. Nada máis lonxe da intención de quen adicara estas teses a criticar precisamente a sensación de impotencia ante a historia. Pero que representa, logo, o “anxo da historia”? Cómpre aquí, primeiro que nada, subliñarmos que a mirada do anxo non se di en ningún momento que sexa ou deba ser a “nosa” (a clase oprimida, o “historiador materialista”). O propio Benjamin especifica que é diferente o que nós vemos e o que no mesmo punto ve este ser sobrenatural.

En realidade, a escolla mesma do mito anxélico (intercesores entre Deus e o ser humano, o divino e o profano) está a nos falar xa de que hai unha dialéctica histórica do inmanente-transcendente: a historia constrúese entre o desexo imposible do anxo (fechar a historia e amañar a desfeita) e a tempestade imparable que o empurra ao futuro (o chamado “progreso”, o tempo cronolóxico kantiano). Liñas máis adiante, Benjamin falaranos da curiosa sincronicidade popular durante a Revolución de 1830 en París ao disparar en multitude de puntos da cidade ás torres dos reloxos, escenificando así a fin do tempo da tiranía e o comezo dun tempo novo de liberdade.

“Interromper o tempo” é, polo tanto, introducir a novidade no mundo contra a idea de que estamos atadas a unha tráxica repetición de catástrofes; un salto de fe cando aparentemente “non toca”. Logralo fundaméntase na resposta concreta que damos á inxustiza desde a mirada da pobre, verdadeiro pulo para calquer acción transformadora da orde vella. A antiga prohibición xudea de “indagar o futuro” –repetimos con Benjamin– era a condición para que “cada segundo” do seu presente fose “unha portiña pola que podía entrar o Mesías”; e isto, constitúe unha lección de suma importancia para a política revolucionaria do presente.

O que non pode lograr o “Anxo”, pódeo o “Mesías” pobo. Retomándomos por un intre a actual crise climática, atopamos que nin sequera a precisión científica dunha inminente data límite para evitar a apocalipse fai saltar tódalas alarmas: falta a organización dun movemento político de masas capaz de impor “cambios rápidos, amplos e sen precedentes en todos os aspectos da sociedade” (IPCC). Souberon sempre, famentas e historiadoras materialistas, que tódolos días son o Día do Xuízo Final e que logo, non cabe outra que unha práctica política radical e inmediata.

 

The Beginning and the End, or ‘Knockin’ on Heaven’s Door’

Cando Benjamin fala de que se nos concedeu “unha fráxil forza mesiánica”, alude a que as potencialidades nunca de todo perdidas das loitas do pasado, reclaman seren activadas na práctica revolucionaria do agora; ao vencello histórico entre as oprimidas do pasado e o presente, na súa procura común da completa liberación humana (felicidade). Cas debidas distancias, atopamos a mesma idea nos minutos finais do filme The End of Evangelion (1997), cando a voz de Yui Ikari dille ao fillo: “Tódolos seres vivos teñen o poder de ser devoltos á vida e a vontade de seguir vivindo. O Paraíso está en calquer lugar sempre que teñas vontade para vivir”.

Debemos ter en conta que a felicidade no que “puido ser e non foi” da que nos falaba Benjamin ao comezo das teses é –pese do que algúns quererían logo facer ver– materialista (toma como obxecto de crítica os soños de felicidade infrutuosos) e dialéctica (non romantiza estes soños, senón que parte das razóns do fracaso para levalos a cabo nun “espertar” popular). É a posición dun comunista. Hideaki Anno, pola súa banda, apenas roza coa punta dos dedos a superficie: “A felicidade só se atopa nos soños dun mesmo” (Rei a Shinji, de novo en The End of…). En Evangelion: 3.0+1.01, a resolución do Impacto Adicional será articulada sobre o común denominador da felicidade soñada por cada piloto dos EVAs: un mundo novo (o noso mundo real) no que poder formar vínculos humanos reais, e no que non cómpren Evangelion.

Fotograma do episodio 25 de Neon Genesis Evangelion.

A lectura da saga que propón este artigo non pretende, nin moito menos, ser unha exexese completa dunha trama e imaxes frecuentemente herméticas e confusas (e que dito sexa de paso, abondan en incoherencias e inconsistencias propias). A serie e películas admiten, abofé, diferentes niveis de interpretación filosófica e non filosófica nas que adoitan repetirse outros nomes como Schopenhauer, Freud ou Kierkegaard, mais tamén do cinema tokusatsu da era Shōwa ou animes de culto. Walter Benjamin entra neste peculiar universo como intruso, sen dúbida, mais un intruso ben pertinente: a poucos segundos da medianoite do Reloxo do Xuízo Final, a raiola de esperanza para a humanidade está nun Canón de Positróns que apunta para detelo. Pero para que se deteña o tempo –para que aconteza a revolución socialista– as masas oprimidas teñen que accionar o gatillo. O disparo pode, efectivamente, errar; mais Benjamin, Marx ou Mao, lémbrannos que quen loita como pobo pode convertirse no Mesías e transformar o mundo no Paraíso.

 


[1] Neon Genesis Evangelion, episodio 3, minutos do 4:51-5:31. Trátase do diálogo entre Ritsuko e Misato, e está diretamente transcrita da versión galega.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí