Ah, as maquiniñas dos Bares… Cando a fauna escolar e pseudo quinqui das décadas dos 80 e 90 pagaban con moedas por xogar unha partida, e os mellores videoxogos estaban fóra dos fogares, as grandes compañías facían obras de altísima factura.
Contra foi unha desas máquinas, quizais unha das máis carismáticas e inspiradoras do xénero Run & Gun, con temática de misión bélica e de invasión extraterrestre a partes iguais. Dous mercenarios enfróntanse á organización terrorista Red Falcon, con esporádicas e paulatinas aparicións de monstros alieníxenas. Realizada pola todopoderosa Konami en 1987 (famosa xa na época por tótems dos videoxogos coma Scramble, Gradius ou Road Fighter), e fortemente influída polas películas de acción de alto presuposto da época, coma Rambo, Aliens, Depredador e Commando (mais sen licenza comercial de ningunha delas); foi un exitazo a ambas beiras do Océano Pacífico, recibindo incluso versións nos seguintes anos para ordenadores e consolas da época.
Ao longo das seguintes décadas realizáronse moitos remakes e secuelas, nas que os principais ingredientes comúns eran: un argumento estereotipado e predecible, xogabilidade cun alto nivel de esixencia, e a palabra Contra coma parte do seu título (as primeiras versións europeas mudaron o nome a Gryzor e Probotector, pero iso é outra Historia).
Hoxe comentaremos Contra Evolution, versión de recreativa só dispoñible para o mercado chinés datada no 2011 (e que anteriormente fora lanzado para dispositivos móbiles).
Aos protagonistas do primeiro Contra, Bill e Lance, súmanse dúas novas combatentes, neste caso unha figura feminina de orixe xaponesa, Sally Inohara (unha sorte de Ninja e Soldado de Elite) e outra chamada Erica Ricci, unha mercenaria xermánica. A nivel persoal, o menda que escribe o artigo pódevos dicir o chulos que resultan os portraits destas personaxes no menú de selección (con base do modelado 3D con moito retoque fotográfico, sobre todo nas caras e nas partes orgánicas), algo tradicionalmente reservado aos RPG´s online e xogos do mercado para móbiles. Se a isto lle engadimos unhas poucas frases dixitalizadas para cada un deles/as (tan típicas do xénero de acción como “Take ‘em out, Come get some!!“), temos o gancho asegurado para os usuarios.
A diferencia doutras entregas de Contra coma Hard Corps (que saíu para o mercado de 16 bits a mediados dos 90) o ou o derradeiro xogo que saíu este mesmo ano para o mercado occidental, Contra Returns, tódolos protas son humanos; á fin e ao cabo, este xogo é unha revisión da primeira entrega do Contra, e non hai exabruptos nin flipadas propias doutros xogos dos diferentes volumes da saga.
Unha das principais taras coas que se enfrontou o staff de Tencent, a desenvolvedora licenciada, foi a de converter o set gráfico primixenio a un en 3D que respectase a perspectiva clásica do xogo orixinal (en resumo, gráficos prerrenderizados e retocados). Partindo da referencia da Placa Base dos 80, que ofrecía restricións máis que evidentes, típicas da época (entre as que se incluían limitacións de cores por elementos, resolución gráfica de menos de 300 pixels de ancho e un puñado de frames nas animacións do protagonista e inimigos), a third party chinesa obtivo uns modelados máis que correctos, detallando en volume o que no seu momento era pixel art. Isto é bastante apreciable nas fases en 3ª persoa, despregando a profundidade real dun entorno que no seu momento Konami só insinuaba a través das perspectivas simuladas). Completa incluso elementos ou partes de elementos, que só unha resolución de 1024 x 768 pixels demanda, algo a suliñar nos Bosses, ás veces totalmente redeseñados dende cero. Tamén hai sombras e degradados, pero en maior parte “falseadas” a través de texturas ou retoque posterior. Esta técnica, que en 2010 tiña pegada pero que hoxe en día só tería cabida no mercado indie, non chirría nin presenta buratos de estilo. A pesares de basearse na Placa Arcade, o esquema das fases presenta máis similitudes coa versión da consola de 8 bits de Nintendo, a NES (quizais a versión máis recoñecible no mercado xaponés e de EEUU).
A música do xogo non é máis que unha mellora en varias pistas das melodías do arcade primitivo en música electrónica, pero sen innovar en exceso (demasiado carisma no chiptune orixinal dos 80!).
E todo coa autorización legal a través da Konami, desenvolvedora orixinal detrás do 80% dos xogos da saga orixinal, e que dende hai uns anos non goza nin da frescura creativa nin da liquidez económica dos seus anos dourados (e diso poden dar conta os ximnasios e as máquinas pachinko que alimentan o seu sustento financeiro).
Á semellanza doutras máquinas recreativas da época, a Placa Blase desta máquina estaba montada nun PC de 32 bits. Aínda que non se sabe moito dela (e á diferencia doutras contemporáneas coma a Lindbergh de Sega, ou a Taito Type X), non foi necesaria enxeñería inversa e posterior emulación para podela desfrutar nun equipo doméstico. Entre os arquivos atopamos formatos perfectamente recoñecibles para un usuario de Windows (de feito, a secuencia de vídeo final do xogo é un vídeo en MPEG, enganchado dende o código orixinal e non ten ningunha encriptación nin encapsulamento, e os mapas son arquivos de tipo binario). Máis barata de desenvolver (e de traballar con ela).
Conclusión
Contra Evolution non traizoa á maquina Arcade de 1987; pero a pesares de manterse dentro das “costuras” de remake en HD, tenta potenciar parte das súas melloras ata semellar un título con identidade propia. E isto, tendo en conta que a idea orixinal era facer unha proba no suculento mercado dos smartphones chineses (nesa versión de 2010 as dúas personaxes femininas só eran desbloqueables só se rematabams o xogo con calquera dos protagonistas masculinos), é moito máis do que se agardaba dela. Por isto, en Tencent foron recompensados cun contrato para desenvolver outra entrega de Contra para Smartphones de derradeira xeración (esta vez nova en moitos aspectos).
Soldados de Elite infiltrados nunha misión suicida. Centos e centos de tropas inimigas.
Alieníxenas que actúan como se fosen parte dunha peli Kaiju. Música con moita tralla e acción sen límites.
Benvidos millenials. O avó segue molando.