Javier Fraiz: “Co jazz un boticario e un premio Grammy poden gozar da mesma linguaxe”

Javier Fraiz é un dos maiores cronistas do jazz no país. Falamos con el aproveitando que sae "Abro comijazz", recompilatorio dos seu artigos.

O perseguidor de Julio Cortázar é un dos cumios da arte do relato curto. Nel Bruno, xornalista e doble do escritor arxentino, persegue polas rúas de París a Johnny Carter, unha homenaxe ao saxofonista Charlie Parker. Nunha das súas reflexións, Bruno musita: “mañá escribirei para Jazz Hot unha crónica do concerto desta noite. Pero aquí, con esta taquigrafía esborranchada sobre un xeonllo nos intervalos, non sinto o menor desexo de falar como crítico”

Iso é o que Javier Fraiz fai nas súas crónicas desde máis de dez anos. Pequenas e fermosas pezas literarias nas que captura eses momentos máxicos da música en directo que tanto botamos de menos. Periodista do Faro de Vigo e gañador do Premio Carracedo de xornalismo da Deputación de Ourense en 2019, vén de publicar “Abro comijazz”, unha recompilación dos seus mellores textos. Charlamos con el sobre a morriña dos concertos, a saúde do jazz en Galiza (Jácome mediante) e da historias detrás dos grandes nomes do xénero.

 

Abres o libro coa crónica do concerto de Ron Carter no Café Latino (Ourense) en 2010. Foi o teu primeiro achegamento ao jazz?

Xa fora a máis concertos, pero ese o foi punto de inflexión para saber se era capaz de verter sobre o papel o que vía neles. Cando me enterei de que Carter tocaba no Latino, púxenme como meta de escribir algo. A través de Eduardo, o dono do local, xurdiu a posibilidade de entrevistar a Carter. Non todos os días tes a oportunidade de conversar con alguén tan relevante. Estamos a falar dun dos principais contribuíntes ao historia do xénero. Foi parte do quinteto de Miles Davis nos sesenta e, con máis de 2.500 álbums gravados, segue xirando aos seu oitenta anos.

Cheguei no medio dos ensaios e Carter díxome “Wait” de forma moi seca. Pensei que me ía botar a bronca por interrompelos, o medo desa aura de músicos bordes e distantes. Todo o contrario. Pecharon o ensaio co So What [de Miles Davis] e foi flipante ver como tocaban co local practicamente baleiro. Ao rematar fíxome un aceno, collemos un par de cafés e subimos á balaustrada do Latino, onde conversamos. É un local precioso, con moitas reminiscencias dos locais de jazz de Nova York.

Por iso a portada do libro é unha foto de Carter feita por Jesús Regal, e a primeira crónica é dese concerto. Ademais dese primeiro empurrón, Carter tivo máis man no nacemento do libro. Hai un par de anos no festival de Lugo, antes dun concerto do seu cuarteto Foursight, pensei “Cando foi a primeira vez que vin a este? Cantas veces o vería xa? Xa pasaron máis de dez anos cubrindo concertos. Por que non recompilar todos estes textos e facer unha viaxe por as cidades, concertos e épocas?”.

 

Como se enfronta un a unha figura da altura de Ron Carter?

Podes levar un guión escrito de preguntas, pero logo cando o tes diante “atrapállaste”. Ademais está o tema do idioma, que dificulta a conversa, aínda que el foi moi amable e paciente. Cando me trabucaba traducindo as preguntas pedíame que me tranquilizase, procurando que me sentise cómodo. Esa actitude comigo foi clave para que me achegase ao jazz doutro xeito, e cambiase esa percepción de arte difícil. Esta música está en realidade aberta de par en par, non é algo tan intelectual e difícil como se nos vende. A conversa despois foi fluíndo durante uns vinte minutos. Rematei cun sorriso de orella a orella e desfrutei do concerto á noite. Ese impacto quedou marcado para sempre.

 

Javier Fraiz: Co jazz un boticario e un premio Grammy poden gozar da mesma linguaxe.
Foto de Brais Lorenzo

O jazz é un dos poucos xéneros no que aínda segue habendo ese contacto, case corpo a corpo, cos público.

Probablemente o jazz é o formato no que público e artistas estean máis preto. Moitas veces antes de comezar o concerto os músicos teñen que atravesar o espazo do público. E outras nin sequera hai escenario e os músicos están a centímetros das mesas. Non hai unha barreira que separe a músicos e ouvinte. E non hai que coñecer a arquitectura ou a linguaxe do que escoitas para desfrutalo. Hai unha cousa moi bonita que conta Xose Miguélez no prólogo do libro. O máis grande para un artista é ese momento en que a música absorbe e emociona o público.

Sen pretendelo, estando na situación que estamos, no libro tamén hai un poso de nostalxia… Que felices eramos indo a clubs e compartindo espazos, copas, cancións! E agora que triste ter todo isto aparcado. Benvido sexa se nos permite evocar e compartir con cariño e eses momento tan felices. Oxalá máis cedo que tarde cheguen de novo.

 

Xusto ía preguntarche polo impacto da pandemia na preparación o libro.

A idea inicial era recompilar máis crónicas, pero a situación non me permitiu facelo. Os dous últimos concertos do libro son os últimos concertos aos que fun. Ía voltar a Porto a ver Dave Holland e a Kenny Burrell, pero a pandemia parouno todo. O de Wynton Marsalis, no que estabamos case 3.000 persoas sen saber o que viña diante… Debeu de ser un dos últimos concertos organizados antes do estado de alarma.

 

De que material se nutre o libro?

Hai crónicas e entrevistas publicadas no xornal, textos para outros dun blog persoal. Algunhas pezas son inéditas, como as da Casa da música de Porto, a de Patricia Barber e a de Silvia Pérez. Tamén hai bastantes textos que preparei para varias temporadas do  ciclo de jazz de Estrella Galicia. Sumando todo fixen o puzzle que é “Abro comijazz”.

 

Como te iniciaches no mundo do jazz?

Facendo ese exercicio de memoria durante a preparación do libro, e pensando na primeira canción ou disco, non cheguei a unha resposta. Realmente cheguei por derivación das músicas negras anglosaxonas, o rock e o blues fundamentalmente. Algo espertoume na cabeza ao escoitar a James Brown. Iso foi mérito do meu tío Antón, dende pequeno sempre me meteu neste tipo de música, sobre todo co disco Sex Machine. Logo vímolo en Ourense no ano 2000, e o home facía o que podía. Nada parecido ao danzarín enérxico e suorento que todos temos na cabeza.

Ao final un é o resultado do que un le, escoita, viaxa… é unha suma de todo. Sen dúbida foi moi importante saír da casa, ir a mercar discos e de concertos. A min coincidiume tamén co inicio da época universitaria. E en Ourense é moi importante o labor que fixo Peggy Records. Alí fun capaz de descubrir bandas, discos, e estilos aos que non chegaría só, se non fose pola labor de prescrición de Carlos Álvarez. Non sei se foi o Kind of Blue de Miles Davis ou o A Love Supreme de Coltrane, algo de Chet Baker ou Louis Amstrong. Ao final todos comezamos polos clásicos. Despois sempre intentei ler sobre a súa vida, obra e contexto histórico dos artistas.

 

Javier Fraiz: Co jazz un boticario e un premio Grammy poden gozar da mesma linguaxe.
Portada do libro, con foto de Jesús Regal

As túas crónicas teñen un estilo moi vivo, cunha linguaxe literaria precisa e chea de metáforas. Case como unha improvisación de jazz. Como é o traballo de preparar unha crónica?

Pásame algo como o que dicía Ricardo Colmenero di no seu libro “Literatura infiel”. As columnas non nacen de repente. Ás veces pasa moito tempo ata que sabes o que queres plasmar. Nos concertos pasa un pouco isto. Hai certo paralelismo co mesmo jazz. Tes unhas ideas preliminares ou concepto coas que saes do concerto, pero despois finalmente cando te pos a escribir saen dun xeito ou o outro.

Gran parte das crónicas foron para o Ciclo de Jazz de Estrella Galicia. Precisaba telas rematadas ás poucas de rematar o concerto, polo que é unha escritura urxente e apresurada. Terminado o concerto, nun parkin ou nun hotel, púñame a escribir desde a unha ata as tres da mañá. Creo que iso queda reflexado no texto.

Hai tamén unha evolución entre a primeira crónica do libro en 2010 e a última en Madrid no 2020. No propio estilo vense diferentes. Non son o mesmo cronista, porque non son a mesma persoa. Xa non só o tema de documentarme mellor ou aportar unha determinada visión, senón que o enfoque e a mirada cambia co paso dos anos e un vai modelando o seu estilo. O que ves doutra xente condiciona a túa forma de escribir, pero un tamén vaise modelando a si mesmo.

Por exemplo, hai unha crónica dun concerto de Rudresh Mahanthappa, uns dos mellores saxofonistas da actualidade, para o festival de jazz de Lugo, no que presentaba un disco homenaxe a Charlie Parker. Pois ben, ese concerto escoiteino entrando e saíndo, cun ritmo diabólico digno de Charlie Parker. Coindiciume xusto cubrindo unha macroperación policial para o xornal. Cheguei sobre a bucina e estiven entrando e saíndo para falar coas fontes e os compañeiros sobre a operación. Necesariamente esa crónica non pode ter o mesmo estilo que outra na que podo tomarme tranquilamente unhas cervexas (risas).

 

Un dos mitos que derribas é esa imaxe do jazz como música para intelectuais con xerseis de pescozo alto. En realidade é unha música popular enraizada co blues e a música popular negra.

Se o libro pode valer de algo, humildemente, que sexa para demostrar iso, que non exista ese muro, que é un prexuízo. O jazz é un idioma universal. A mostra  témola en que cando a Al Foster chega a Galiza e precisa músicos para facer unha xira, atópaos. Con independencia da lingua que falen, en canto comezan a ensaiar todos comparten esa linguaxe universal. Esa capacidade tradúcese tamén no público. Por exemplo, a película Soul de Pixar fixo moito ben. Un dos temas centrais é o jazz, con ese profesor frustrado que vai facer unha proba de son a un club que existiu nos sesenta e setenta en Manhattan. Aí vese a importancia que ten esta música como un envoltorio para calquer público. A ti pódeche gustar o jazz e trap, non hai problema, é compatible.

 

Ademais o jazz é unha das músicas máis maleables. Desde o seu nacemento, partindo do blues, pasando polo jazz fusión dos setenta ata o neosoul actual, vaise adaptando ás novidades de cada década.

A un tipo que lle guste Led Zeppelin ten que gustar do Bitches Brew. A alguén que lle guste Enrique Morente ten que gustarlle Jorge Pardo. A demostración de que é unha música para calquera é que apela a xente de distintas xeracións. É unha das únicas músicas mais capaces de unir a público novo e maior.

 

De feito, moita xente entramos no mundo do jazz a través do jazz fusión, coas bandas do Chick Corea e o Bitches Brew. 

Creo que era Santana o que dicía aquilo de “o rock ten uns centímetros de profundide, mais jazz ten un océano”. Hai unha serie de terreos lindeiros entre músicas que son moi produtivos para un estilo e outro. Quen di que “Omega” de Enrique Morente é flamenco ou rock? Ou quen di se Bitches Brew é rock ou jazz? Están en terreos tan permeables que satisfán aos fans dos dous lados, incluso aos puristas.

Por outra banda, hai moitas bandas de rock que operan como unha banda de jazz. Wilco é un exemplo claro. Teñen a súa introdución, o seu desparrame no medio e o ponte no medio, no que todos volven a converxer. As etiquetas están superadas en todas as artes. Que máis da como definas unha obra? O importante é que chegue, que nos saque da tristeza e nos faga felices durante media ou unha hora que dura a obra.

 

Unha das mellores anécdotas do libro ten que ver precisamente con esa universalidade: Kenny Garret [un dos mellores saxofonistas do xénero, e membro das bandas de Miles Davis nos noventa] tocando na tenda de instrumentos de Gonzalo Jácome.

Foi unha historia moi bonita. Descubrina días despois de que pasara. Fun buscar unha púa á tenda de Jácome e ao saír escoitei un son de saxo ás dez da mañá dun luns. Viña do fondo das galerías, nun local empapelado con papel de xornal, todas noticias de jazz. Alí estaba Cleto González, un farmacéutico xubilado. Contoume a historia e amosoume fotos e vídeos do encontro. Kenny, premio Grammy, estaba mirando unhas partituras na tenda de Jácome. Cleto andaba por aí e recoñeceuno, mentres Kenny probaba un piano. Cleto invitouno a quecer os dedos no seu local de ensaio e alí foron os dous. Un boticario e un premio Grammy desfrutando da mesma linguaxe.

 

Outra das cousas que resaltas no libro é a boa saúde da que goza o jazz en Galiza,  sobre todo grazas á labor de salas como o Jazz Filloa (A Coruña), Clavicémbalo (Lugo) e o propio Café Latino (Ourense).

Vai pouco lin na Opinión que Grandío (dono do Jazz Filloa) en ningún momento plantexaba pechar o local. Un deses titulares felices que gusta ler. Levan dende 1980 programando música, con ese formato propio de dous pases dunha hora de duración. No libro conto que é un dos clubs de jazz máis pequenos do mundo (risas). Teñen anécdotas moi bonitas,  como cando durante o festival de jazz da Coruña xuntaron nunha jam session a Marsalis, Jorge Pardo e Joe Henderson, ata ben entrada na madrugada. Esa mística dos locais galegos é algo do que temos que sentirnos orgullosos. Unha labor cultural de máis de corenta anos no caso do Filloa, e máis de trinta no caso do Latino e o Clavicémbalo. Tamén están os festivais de jazz de Lugo, Ourense e Pontevedra… Teñen traído a este recuncho grandes nomes de talla mundial.

Iso fixo unha gran afección ao jazz en Galiza, fundamental para que teñamos dende vai dende vai xa 30 ou 40 anos un elenco de músicos galegos potentes, na vangarda europea. Dende os tempos de Alberto Conde e Paco Charlín, pasando por Abe Rábade, Xan Campos, Xacobe Martínez, Pablo Añón, Xosé Miguélez… Músicos que floreceron e formáronse aquí, ademáis de en Europa e Estados Unidos. Temos unha posición central no mundo do jazz pese a ser periféricos en outras moitas cousas.

Javier Fraiz: Co jazz un boticario e un premio Grammy poden gozar da mesma linguaxe.
Foto de Brais Lorenzo

Niso tamén xogaron un papel clave os programas especializados nos Conservartorios e as Escolas municipais de música.

Si, pero faría falta un apoio público más estable e menos conxuntural. Algo que está sentindo o jazz, probablemente máis que outros xéneros, é que a pandemia está limitando á mínima expresión os concertos. Ata o verán foron aguantando medianamente, pero dende o outono ata esta parte está sendo moi difícil. Se a iso lle sumas que para ser rendible, tes que cubrir un aforo mínimo e certo prezo das entradas, con clubs pequenos de cun público medio de 100-150 persoas… Moitas dificultades para a economía e vida dos músicos. Non todos teñen unha estabilidade laboral cunha praza fixa como docentes.

Dende a administración e a sociedade civil temos que facer un esforzo, porque a música non é considerada un sector esencial. Fagamos unha reflexión. Que rol xogou a música no noso confinamento? Temos a resposta clara. Fai falta un cambio de mentalidade e un cambio con políticas estruturais para que un sector enteiro non quede sen sustento nin sen posibilidades de difundir a súa música.

 

Que lle falta ao jazz para dar ese salto ao gran público?

Pouco máis se pode pedir aos axentes culturais, moitas veces os programadores son particulares ou autónomos. É importante que as administración públicas e as grandes empresas aposten polo xénero. E ao público hai que pedirlle que lle dea unha oportunidade. A proba é que, unha vez que probas, hai un público moi fiel, como mostra a asistencia continua aos festivais e salas. Entre todos podemos facer algo máis para que o jazz siga vivo.

 

Moitas das crónicas son de músicos galegos, como comentabas antes, de primeiro nivel.

Non é un tema do que poña no CV ou no DNI do artista, todos os artistas merecen o mesmo respecto. A realidade é que os músicos galegos están nun nivel estratosférico. Esa época na que nos concertos ou festivais só traian grandes artistas internacionais xa pasou. Os programadores tiran moitísimo máis polos artistas locais. Aquí pode facerse un festival de jazz de nivel só con talento local.

Que falta nas programacións? Hai pouca visibilidade das mulleres. Por exemplo, o ano pasado no Festival de Ourense estivo María Toro, presentando o seu disco Fume. Se está programado Jorge Pardo, tamén debería estar ela. Non por cotas, nin por quedar ben, senón porque teñen o nivel e aínda non se están visibilizando. Igual que se tardou en dar espazo a músicos locais, porque só parecían bos os de fóra, é preciso que haxa moitas máis mulleres nas programacións. É unha materia pendente.

 

Falando de mulleres, a figura de Billie Holliday está moi presente ao longo do libro.

Unha das crónicas do libro é o José James no festival de jazz de Lugo. Un dos temas máis brutais do concerto foi a versión do Strange Fruit, un tema sobre o racismo, que por desgraza non parece tan afastado. Holliday é unha referencia para todos. No libro hai unha maioría de homes, entre todas as crónicas só aparecen Norah Jones, Silvia Pérez Cruz, Sarah Mckenzei Patricia Krauss e Carmen Sousa. Se podo facer unha segunda parte do libro, sei que é unha manteria que teño pendente.

 

O jazz é un xénero que salpicou tamén o cine e a literatura. Que obras recomendarías para alguén que quere internarse no mundo do jazz?

Comezaría coas sesións en Dial de Charlie Parker. A Love Supreme, Giant Steps e Blue Train de Coltrane. O Kind of Blue e Sketches of Spain de Miles. A autobiografía de Miles Davis é un manual moi didáctico para aprender sobre a vida dun músico de jazz. No cine está o biopic de Charlie Parker de Clint Eastwood [Bird, 1988], e tamén o Cotton Club de Coppola (1985).

 

Ao longo do libro están tamén moi presentes os tres grandes músicos do xénero: Charlie Parker, Coltrane e Miles Davis.

Cando un comeza a escoitar e descifrar a historia do jazz, sempre comeza por estas referencias. Charlie Parker foi o primeiro gran revolucionario. Xunto con Thelonious Monk e Dizzy Gillespie creou un novo estilo, o bebop, para distanciarse música das big bands e as orquestras. O propio Miles Davis, cando chega a Manhattan, gastou todo o salario dun mes percorrendo os clubs ata atopar a Parker e tocar con el. John Coltrane foi expulsado da banda de Miles Davis polos seus problemas coa droga e, unha vez limpo, revolucionou o xénero con A Giant Steps.

E despois está Miles Davis, quen década tras década foi revolucionando o xénero. Cando consideraba que un estilo morrera, voltaba a fusionar e transformalo completamente. Moitos artistas “vellos” que pasan por Galiza comezaron nas súas formacións. Miles marcou o camiño de varias xeracións durante catro décadas.

 

En total, o libro abrangue máis de dez anos de concertos. Cal é o concerto do que gardas un mellor recordo?

Aparte do primeiro de Ron Carter, probablemente o de Wayne Shorter no Rosalía de Castro (A Coruña). Tamén é unha das primeiras crónicas do libro. Foi alucinante ver os cambios de estilo, época, volume… O que me transmitiu nos primeiros cincuenta minutos do que durou o primeiro corte foi indescritible. Estabamos todos esperando para aplaudir e dar unha gran ovación, e cando terminou o primeiro nin puidemos aplaudir, estabamos completamente desarmados. Só lembro unha experiencia similar, cando escoitei por primeira vez a Wilco en directo.

 

Falabas antes de artistas vellos e figuras pasadas. Por quen pagarías por ver en directo ou entrevistar?

Unha pregunta moi complicada (risas). Gustaríame poder entrevistar a Miles Davis á volta de Francia nos anos cincuenta, namorado profundamente de Juliette Greco. Vivir no París da época, un dos lugares máis igualitarios e libres do mundo, e volver a un país segregado como os Estado Unidos, tivo que ser un shock importante. Moitísimos músicos de jazz viviron na súa carne a lacra do racismo, incluído o acoso da policía e a prohibición de acceder a clubes.

 

Naquela época Europa acollía aos músicos de jazz como auténticas superestrelas do rock.

Miles coñeceu en París a Sartre, Dalí… Deuse conta de que alí había un ambiente cultural libre, completamente afastado do que vivía nos Estados Unidos. Chegar a un sitio no que se apreciaba tanto a súa música como a súa valía persoal era motivo de celebración.

A violencia racial foi moi importante. Por exemplo, Betty Smith morre porque lle denegan a atención médica nun hospital para brancos, por ser negra. Ata ese nivel chegaba a vileza do racismo. Gustaríame preguntarlle por como foron capaces de sobrepoñerse a esas dificultades, e ás adiccións. Esa mística da era dourada do jazz sempre permanecerá, porque o que fixo esa xeración de músicos foi brutal.

 

O jazz tamén ten un historial de cadáveres novos e bonitos, e certa aura de malditismo. Penso, por exemplo, en Jaco Pastorius, alguén capaz de revolucionar o xénero e un instrumento, e que morre novo e en circunstancias tráxicas.

Pastorius morreu por unha malleira nun clube no que non o deixaban entrar, nunha noite de xolda na que xa o botaran dun concerto de Santana. Hai moitísimas vidas tristes na historia do jazz. Chet Baker morre caendo da ventá dun hotel en Amsterdam. Aínda non se sabe aínda se foi accidente ou suicidio. Lee Morgan foi asasinado pola súa muller nun clube de jazz. Glen Miller, morre na Segunda Guerra Mundial, nun accidente de avioneta mentres viaxaba a Inglaterra para animar ás tropas. E por suposto a morte prematura de Charlie Parker, vítima da heroína e o alcol. Algúns conseguiron librarse, como Davis, Coltrane de Sonny Rollins, pero moitos sucumbiron e consumiunos a adicción.

 

Para rematar, non podiamos falar de jazz sen mencionar os estándares. Inicialmente eran pezas ou melodías da música popular, que se van transmitindo de xeración e xeración, e forman parte do repertorio de todas as formacións.

A pesar de que sempre son a mesma canción, acábanse convertendo en temas distintos. Non é o mesmo o Caravan de Charles Barkley que o que poidan tocar aquí os Hot Chocolates. Os estándares acaban transmitindo o coñecemento, pero deixando a base para que as bandas de cada momento acaden a súa propia arquitectura musical. Sen marchar de Galiza, Abe Rábade sacou vai pouco unha versión en piano dun tema de Mercedes Sosa, e realmente acaba sendo unha composición propia de Abe Rábade, por moito que sexa un estándar. Cada artista vai dándolle un acabado moi distinto as composicións tradicionais, esa liberdade que ten o jazz. Os esquemas tamén son libres (risas).

 

Abro comijazz” foi editado grazas a unha campaña de micromecenado. Podedes mercalo en formato físico e electrónico en libro.com Podedes seguir a Javier en Instagram e Twitter.

As fotos son de Brais Lorenzo e a portada de Jesús Regal.

 

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí