O mago de Lublin e un xogo de mans: se Bashevis Singer é Cunqueiro, Kafka é Cela

A novela de Singer, O mago de Lublin, xera unha comparación entre autores xudeus e galegos, sobre as maneiras de vivir a identidade cultural.

É curioso como xogan os libros coas túas expectativas. Coñecín a Bashevis Singer de rebote, nun fío de Jairo Cadilla no Twitter (hoxe eliminado, mais que Jaureguizar homenaxeou nesta columna). Jairo imaxináballe a Singer unha relación co noso Ánxel Fole, do que o autor polaco en yiddish mostrara admiración en varias ocasións, como se atopase un espírito afín coa súa literatura no outro estremo do continente. Aínda que todo resultou ser unha boutade, non foi por iso menos evocadora, polo que Bashevis Singer quedou no fondo do meu ollar de autores aos que seguir.

Non tiven que agardar moito. Pouco despois Rinoceronte editou O mago de Lublin e non dubidei en levarmo para a casa. Ah, as expectativas. Co texto sucinto da contraportada e a referencia tuiteira agardaba quizais un libro de historias populares e ton livián, se cadra cun aquel de terror, como o que namora n’A lus do candil. A novela non tardou moito en sacarme do meu erro. O mago de Lublin conta a historia de Yasha, un mago itinerante que viaxa por toda Polonia co seu espectáculo. Cunha ollada intimista, explora as contradicións e dobreces do seu protagonista, unha especie de Don Xoán xudeu cunha esposa devota agardando por el en Lublin, mais cunha amante en cada cidade. O seu amor depredador para coas mulleres e a relación conflitiva coa súa relixión, que marca o pasado de Yasha mais que pensa a miúdo en repudiar, son os eixes fundamentais da novela.

O mago de Lublin e un xogo de mans: Se Bashevis Singer é Cunqueiro, Kafka é Cela.

Hoxe case parece un tópico, tratado ata de xeito cómico por xudeu-americanos como Seinfeld ou Woody Allen, e tamén n’O mago de Lublin atopamos un estudo sobre culpa e xudaísmo. A culpabilidade consume a Yasha, que se debate constantemente entre a ambición ou o conformismo, entre a súa esposa e o seu orgullo de conquistador, nunha loita entre as identidades en conflito que viven dentro del. Bashevis Singer constrúe unha personaxe memorable desde a complexidade e saca o mellor da súa pluma en escenas verdadeiramente fermosas. Penso en particular nos dous momentos do libro en que Yasha entra por casualidade en sinagogas; dúas escenas en espello ao comezo e cara o final, onde rito e lingua simbolizan primeiro a caída moral e despois a redención do personaxe, en dous momentos moi emocionantes. Ah, e o final, do que non vou comentar nada porque non sei aínda que pensar e non llo quero estragar a ninguén.

O mago de Lublin paga moito a pena, sen dúbida, pero nel non hai Fole por ningures. Fun reclamar a Jairo, que me contestou que o paralelismo pode atoparse nos contos e non así nas novelas. Con todo, a lectura do libro dera un froito inesperado en forma de relación. Entrara n’O mago de Lublin buscando a Fole e, sen agardar por el, a quen atopei foi a Kafka.

 

Un convidado inesperado: Kafka, xudeu de incógnito

Recordo ler (sinto non lembrar a quen para citalo) que Kafka non tivo herdeiros, senón epígonos. Penso que hai verdade nesa sentenza, porque se ben é evidente o papel central de Kafka na literatura do século XX, a súa influencia é case sempre oblicua, de forma, de ton se cadra. Os autores que toman a herdanza kafkiana demasiado pegados ao orixinal adoitan fracasar, mentres que os seus mellores seguidores afástanse del dun ou doutro xeito. Por isto a relación foi sorprendente, porque na obra de Bashevis Singer os ecos de Kafka aparecen xusto no sentido contrario. N’O mago de Lublin non hai unha correspondencia estilística, mais si unha certa maneira de facer a mímese (entendido aquí o termo no sentido de Auerbach de representar a realidade), que ten ese aroma que se pode atopar nunha lectura desprexuizada de Kafka.

Diredes vós, ah, pois non é tan difícil entender o por que. Dous autores de xeracións próximas, (é certo que Singer comeza a publicar unha vez morto Kafka, mais o autor checo morreu moi novo), os dous viven en países do leste de Europa e forman parte da minoría xudía. Parece claro, a relación entre os dous é cultural. Mais entendédeme a min; non é difícil esquecer que Kafka é xudeu. As coordenadas vitais de Kafka sitúano nunha encrucillada moi peculiar. Nado en Praga a principios do século XX, pertencía á minoría xudía, pero de fala alemá, dentro dunha cidade que nesa altura formaba parte do Imperio Austrohúngaro. A identidade de Kaffa é como unha matrioska de minorías dentro de minorías, onde se mesturaban condicionantes relixiosos, lingüísticos e étnicos en pugna. A isto hai que sumarlle a súa propia situación persoal, el é a segunda xeración urbana nunha familia de clase media que veu do campo. Xa vedes o pandemonium. Non é casualidade que autoras como Casanova ou Sapiro, que teñen teorizado nas últimas décadas sobre a idea da “literatura mundo”, estuden polo miúdo a Kafka, pois esas súas circunstancias históricas fan moi difícil enmarcalo como un elo máis dentro dunha literatura nacional. A un mesmo tempo, é reivindicado pola literatura xermana por estar as obras escritas en alemán, enxalzado como o grande escritor checo na súa Praga natal, os xudeus destacan o elemento relixioso na súa obra… Como ningunha destas apropiacións pode gañar definitivamente, o que sobrevive é a idea dun Kafka xenial e illado, desligado da tradición e creador da modernidade universal. Porén, a relación coa obra de Singer, esa faísca que vive no cerne das súas historias, pon de manifesto que o substrato relixioso-cultural xoga un papel esencial no que fai inimitable a obra kafkiana.

O mago de Lublin e un xogo de mans: Se Bashevis Singer é Cunqueiro, Kafka é Cela.
Kafka lucindo un chapeu fungo digno dun mago

É interesante entón ver como os dous autores se relacionan de maneiras tan distintas con este substrato. Bashevis Singer podería ter tamén desde o punto de vista vital certas tensións: a ameaza nazi nos anos trinta forzouno a marchar con pouco máis de trinta anos aos Estados Unidos, onde viviu a maior parte da súa vida e fixo a súa carreira literaria. Mais mesmo nesta situación de exilio da Polonia natal, Singer mantivo sempre unha posición “militante” da súa identidade xudía, en particular xudeu-europea. Ademais da vertente política (manifestou en varias ocasión que non comungaba co sionismo), destaca o aspecto lingüístico, xa que aínda que eran editadas nos USA, sempre empregou o yiddish nas súas novelas, reivindicando o seu uso literario. Tamén na propia temática das novelas hai unha vontade na obra de Singer de reconstruír a memoria do pobo xudeu no leste de Europa, do seu modo de vida e idiosincrasia, tarefa que compartía co seu irmán Israel Joshua Singer, ensaísta e historiador de prestixio. Se diciamos antes que en Kafka as influencias xudaicas teñen que ser rastrexadas e aínda que se albiscan nunca son enunciadas directamente, para Singer a dignificación da súa lingua e cultura son o motor do seu proxecto literario. Cando Bashevis Singer gaña no Nobel de literatura en 1978, supón o recoñecemento a todo un movemento de literatura en yiddish que el lidera.

Teño que admitir que se ben lendo O mago de Lublin tiven xa a primeira intuición da relación entre os dous autores xudeus, a pista máis grande acabou por darma o propio Singer. Intentando profundar neste asunto dei cun conto del, titulado moi significativamente Un amigo de Kafka, onde narra a relación entre un narrador (alter ego do propio Singer) e un actor de teatro xudeu vello e empobrecido, que lembra os seus días de gloria cando actuaba por toda Europa, Praga incluída, onde afirma que tivo unha boa amizade con Kafka. O conto é ficción, mais parece unha chiscadela que Singer fai ao lector, conectando a súa obra coa de Kafka pola vía dese teatro popular xudeu, unha arte moi viva a comezos do século XX que movía compañías a través de diversos países, cohesionando e dando referentes comúns pola vía do drama ás comunidades xudías do leste de Europa.

O mago de Lublin e un xogo de mans: Se Bashevis Singer é Cunqueiro, Kafka é Cela.
Bashevis Singer era moi de chapeu

 

Agora faremos o truco de maxia. Intenten sentirse abraiados

Dado que ao final Fole non atopou sitio aquí, quedei pensando se unha relación como a de Singer e Kafka podería ter equivalentes na literatura galega. Vaia por diante que a seguinte parte do artigo ten un pouco de xogo de mans, que se debe ler co escepticismo co que, por outra banda, deberían ser lidas sempre as metáforas. Mais creo que tamén hai algo de certo na seguinte comparación: a relación Singer-Kafka co xudaísmo pode ser parecida á de Cunqueiro-Cela coa a identidade galega.

Singer e Cunqueiro fan unha parella que se mira de esguello, non se senten incómodos un na compañía do outro. Despois dunha xuventude abertamente galeguista, Cunqueiro durante a guerra civil pasa formar parte da falanxe (moi interesante sobre esta etapa as series de Xesús González Gómez en Biosbardia) mais despois da primeira posguerra, durante os anos 50, abandona definitivamente o mundo político e volve a publicar en galego, lingua na que construirá a súa obra literaria. Se Bashevis Singer era un exiliado en Nova York, Cunqueiro é unha especie de “exiliado interior” que escribe en galego durante o franquismo, desde unha posición non combativa no político, pero sen dúbida minorizada no cultural. Cunqueiro e Singer son dous conservadores (o polaco abertamente antiocomunista) e se ben non debemos ser cándidos sobre a relación de Cunqueiro co réxime, tampouco cabe moita dúbida sobre a súa vontade de inserirse na tradición literaria galega. Non creo que entre os dous haxa moitas concomitancias no estilístico: Cunqueiro practica máis a épica e a fantasía, mentres que Singer é máis realista e centrado na psicoloxía. Porén, a relación dos dous co seu substrato cultural é moi directa, unha carta de amor. Na frase de antes “para Singer a dignificación da súa lingua e cultura son o motor do seu proxecto literario”, podemos mudar o nome polo de Cunqueiro sen ter que mudar unha vírgula. O interesante da comparación entre Cunqueiro e Singer é que ningún dos dous entran no paradigma do “escritor nacional”, capitalizable por un movemento nacionalista. Ao final, o compromiso innegociable tanto do polaco como do mindoniense foi para coas súas linguas. Singer defendendo o yiddish nun novo continente, Cunqueiro como aquel que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis.

De Cunqueiro non atopei foto con sombreiro, pero esta con cunca ten o seu encanto.

Xa fixemos a primeira transmutación, queda o máis difícil aínda. Singer e Cunqueiro ollaban un para o outro con complicidade, mais a este lado do escenario Cela e Kafka míranse con certa confusión. Con todo, hai algo aquí. Igual que non é difícil esquecer que Kafka é xudeu, de seguro que máis dunha lectora esquece ou nunca chega pensar que Camilo José Cela é galego. Si, naceu en Iria Flavia e viviu alí a infancia, pero marchou bastante novo para Madrid e escribiu toda a súa obra en castelán. As súas novelas máis famosas non transcorren en Galicia nin a nosa terra e cultura son o centro da súa creación. Con todo, hai algo aquí. Diciamos antes que as coordenadas histórico-vitais de Kafka colócano nunha encrucillada onde non se pode adherir con facilidade a ningunha tradición. No caso de Cela, as súas circunstancias tamén o deixan a medio camiño, máis el toma a decisión de non quedar en terra de ninguén e adhírese de forma activa ao sistema literario e político español. Se os anos falanxistas de Cunqueiro resultan desconcertantes, cando pouco despois de morrer Cela soubemos do seu papel como delator cultural para o franquismo, o dato completaba a imaxe dun home que non só conviviu co réxime, senón que colaborou activamente con el. Xa no 1957 entrou na Real Academia española e mesmo foi Senador na primeira lexislatura da democracia, durante a súa vida gañou o Cervantes, o Planeta ou o Príncipe de Asturias… a súa é a figura do escritor español laureado.

Mais acontece o mesmo que pasaba con Kafka e por moito que nós o poidamos esquecer, Cela é galego. Ao lelo non son poucas as ocasións onde xorden pequenos xiros, a lóxica interna dun narrador, a perspectiva coa que se narra unha escena, onde un lector avezado pode atopar, sen buscar demasiado, relacións ou pegadas da cultura galega. De feito Cela non sentía a súa galeguidade como problemática, simplemente non a vía como un elemento central da súa obra literaria. Se en Kafka as diversas identidades loitan por gañar o foco e iso fai moi difícil clasificalo, Cela consegue a mestura de xeito maduro e estratéxico. Non renuncia ao seu substrato galego cultural, emprégao e aprovéitao sen o colocar nunca no centro, escolle como lingua literaria o castelán e articula unha de serie obras que o poden colocar no centro do canon español. O padronés sabe que a súa relación co galeguismo é tan oblicua e indirecta como a do xudaísmo en Kafka; e con todo, sempre aí, ao fondo do escenario.

A figura de Cela é incómoda para o nacionalismo galego. Por unha banda os intelectuais do seu tempo decatábanse do elemento galego na súa obra e non é casualidade que en 1962 Vicente Risco traducise A familia de Pascual Duarte. Cela nunca escribiu máis que en castelán, pero é significativa a súa acendida defensa ante a RAE da eliminación acepción de galego como “tonto” “bruto” ou “tartamudo”. Viviu a maior parte da súa vida fóra de Galicia, pero as súas últimas palabras foron “Viva Iria Flavia!”. A complexidade en Kafka vén predeterminada pola súa mastrioshka identitaria, mais no caso de Cela a indefinición é froito dunha longa carreira e de xestos que poden parecer contraditorios. Cela sentíase galego e a galeguidade pode rastrexarse na súa obra, pero el nunca quixo inserirse na literatura galega nin promover coa súa obra a nosa lingua e cultura. Así, é moi difícil reivindicalo como escritor galego, igual que sería mentir afirmar que Kafka é só un escritor xudeu.

Cela sendo Cela, e un sombreiro tamén.

 

Pequena reflexión final. Non sabemos onde estaba o truco.

Agora que xa sacamos todos os escritores do chapeu, quería pechar todo isto cunha pequena reflexión sobre o legado e recepción destes autores. Podería parecer a priori que Singer e Cunqueiro, pegados a unha tradición e cultura concreta, teñen todo ao seu favor para manterse relevantes. Así é, creo eu, no caso de Cunqueiro, probablemente non tan coñecido fóra de Galicia pero reivindicado, lido e estudado na súa terra, onde segue ocupando un papel central no canon. Singer en vida acadou moita sona e recoñecemento, mais o declinio en falantes do yiddish e o peso cada vez máis forte do hebreo e o sionismo fan que a súa obra fique un tanto esquecida, ao enfraquecer a cultura que lideraba (o que lle pasaría a Cunqueiro se esmorecese o galego).

Na outra beira temos a Kafka e Cela, os que se relacionan coa súa identidade cultural de forma máis oblicua. O caso de Kafka é ao tempo unha excepción no seu momento e moi indicativo do que pode traer o futuro. Alcanzada a fama só despois da súa morte por unha serie de casualidades, o seu legado cristalizou nunha especie de patriarca dunha modernidade universal nun contexto de forte globalización. Tendo en conta esta tendencia, a súa influencia ten pinta de perdurar aínda moito tempo se o “sistema mundo” acaba por asentarse. Cela, en cambio, partía de inicio na mellor das situacións: abandeirado dunha literatura forte como a castelá, contaba ademais con prestixio internacional e un Nóbel gañado. Porén, despois da súa morte en 2002 teño a sensación de que o sistema español ten esquecido moi rápido a súa figura. No centenario do seu nacemento no 2016 apenas houbo actos, nin observo que a súa obra sexa revisitada por ningún movemento. Se cadra hoxe a súa figura mixta, incómoda no político e co galego mirando desde o fondo da sala, xa non resulta útil. Quen sabe.

O mago de Lublin e un xogo de mans: Se Bashevis Singer é Cunqueiro, Kafka é Cela.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

2 COMENTARIOS

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí