Craig Patterson: “Sempre en Galiza introduciuse no meu cerebro e xa forma parte de min”

Falamos con Craig Patterson, tradutor de Castelao ao inglés, co gallo da tradución de Sempre en Galiza, agora tamén Forever in Galicia.

Foto de Patterson na presentación do libro no Concello de Rianxo

A semana pasada fun tomar uns viños con Craig Patterson, o anglo-irlandés que acaba de presentar Forever in Galicia, a súa tradución da obra cume de Castelao. Quedamos nun bar da rúa Orzán e estivemos de parola un tempiño antes de cear.

Philip: Unha cousa que non deixo de repetir é que as nosas traxectorias vitais presentan unha sorprendente serie de casualidades. Somos de cidades veciñas (Cheltenham e Gloucester). Entre 2002 e 2004 ti dabas clases na Universidade de Birmingham, na mesma facultade onde eu fixen a carreira, e incluso dirixiches o TFM da miña profesora de galego. Aínda encima, coñecémonos por primeira vez traballando os dous aquí na mesma academia de inglés. A primeira pregunta é sobre iso. Que tal a experiencia de ensinarlles a túa lingua materna aos rapaces d’A Coruña?

Craig: Iluminadora. Cheguei a Galicia con algunhas ideas de como gañar o meu pan. Pensei en empregar as habilidades docentes que xa tiña, fun a unhas entrevistas e terminei nunha academia dando clases a grupos de nenos e adultos. Os primeiros días foron a experiencia pedagóxica máis difícil a que me afrontei nunca. En Oxford eu impartira algún titorial sobre Valle-Inclán pero aquilo foi moito máis doado, unha conversa amena cuns alumnos brillantes. Non obstante, logo da primeira semana puiden adaptarme e ao final foi unha experiencia moi agradable. Impresionoume o nivel. A xente adoita dicir que aquí se fala moi mal o inglés, pero se o comparamos coa ensinanza de linguas estranxeiras no Reino Unido, tan mal non está. A educación secundaria en Galicia terá os seus problemas, pero en xeral impresionoume.

Philip: O tema da lingua galega algunha vez saíu en clase?

Craig: É unha cuestión sociolingüística moi interesante. Frutífero tema para unha tese. Claro, eu procuraba empregar case sempre o inglés, pero de cando en vez soltaba algunha palabra en galego e, si, mirábanme como se fose un animal exótico ou un marciano que acaba de aterrar. Pero a verdade é que normalmente estaban encantados. Penso que a maioría das veces non houbo nada de hostilidade. Nós, galegofalantes estranxeiros, rompemos os esquemas típicos, os prexuízos herdados, especialmente cando chegamos formados: os nosos pais non nos falaban en galego e, porén, falámolo, e tampouco somos pailáns.

Philip: Que diferenzas ves entre a forma de ser dos galegos e a dos británicos?

Craig: Os galegos son máis cautos e tímidos que a xente do sur de Inglaterra. Son parecidos neste senso aos galeses, fóra das grandes cidades de Cardiff e Swansea, e aos irlandeses tamén. Para min, isto xurde da experiencia compartida de seren pobos conquistados. Os galegos teñen moito en común cos españois: unha actitude relaxada cara á vida e o tempo, o cal non impide que sexan moi traballadores. Encántame o seu humor negro, algo que, na miña opinión, é outro produto da súa derrota histórica e de viviren baixo o xugo de alguén alleo. Teño un tío de Galway cuxo humor é así. Creo que pillei o humor galego bastante rápido grazas a todas as veces que fun ao pub con el e o meu pai cando eu era pequeno. O meu pai é de Irlanda do Norte, pero o seu humor é como un puño na cara. Moi diferente ao humor surirlandés. Igualmente coñecín moitos galegos aos que lles gusta The Quiet Man, a peli de John Wayne. É a versión Legoland de Irlanda -unha fantasía idílica- pero paréceme que os galegos a aprecian máis que outros españois.

Philip: Quería preguntar sobre a túa tradución d’A esmorga. É un texto moi complexo e ten moitas expresións coloquiais. Como facías para superar estas dificultades?

Craig: Blanco Amor escribe nunha linguaxe propia, o cal efectivamente supuxo un reto considerable. Eu contaba coa axuda de Xesús Fraga e Xabier Cid (de Betanzos e Ourense respectivamente), e houbo ocasións nas que eles non puideron pórse de acordo sobre o significado dalgunha expresión ou outra. Isto dábame unha liberdade paradoxal porque me permitía interpretar o texto ao meu xeito, pero coido que fomos capaces de establecer o que Blanco Amor quería dicir na maioría dos casos. Non me gustan os estereotipos pero si diría que os galegos son bastante bos para a ambigüidade. Hai o tópico do galego que atopas nunha escaleira e que non che sabe se está subindo ou baixando. El si que o sabe en realidade, pero non cho vai dicir.

Philip: Tes dito que moitas cousas de Sempre en Galiza seguen sendo relevantes. A que elementos te refires? E que cousas ‘caducaron’?

Craig: Que porcentaxe da obra segue vixente? 65%, 70%, 75%… por aí anda. Que elementos? Os dereitos e os prexuízos lingüísticos; os dereitos e os prexuízos culturais; a dicotomía entre o poder centrípeto que emana da Meseta e unha federación descentralizada de pobos que se apoian mutuamente e respectan a súas diferenzas mutuas. Castelao estaba seguro de que os portugueses se xuntarían ao seu proxecto federal. Non sei se tiña razón pero seguro que estarían máis dispostos que os españois do centro. Esta cuestión vémola no que está pasando co tema da independencia catalá, na falta de diálogo, respecto e comprensión. Segue sendo moi relevante o seu amor a Galicia e a misión de facer que os galegos tamén valoren e amen o que teñen. Hainos que xa o fan, pero non todos.

Que caducou? Castelao sempre foi un antisemita. Daquela era un prexuízo moi común, malia que non se pode xustificar hoxe en día. En cambio, o seu racismo contra as persoas negras ostensiblemente diminuíu co tempo. Vemos esta evolución nos apuntes de Castelao que se publicaron na edición do Parlamento Galego de Sempre en Galiza, de 2000. Estes case son máis fascinantes que o propio libro. Describe o noxo que sentía cando viu unha muller branca e loura camiñando da man dun home negro polas rúas de París, pero nótase asemade que ao fondo el sabía que o que sentía non estaba ben. Porén, estes prexuízos aínda existen hoxe en día, como os discursos que atacan aos xitanos. Eu teño escoitado -despois dun par de tragos- varios políticos galegos manifestar prexuízos contra os xitanos, como Castelao.

Philip: A túa maneira de ver Galicia cambiou ao longo destes catorce anos dende que comezaches a tradución de Sempre en Galiza?

Craig: Si. Como osmose, Sempre en Galiza introduciuse no meu cerebro e xa forma parte de min. Isto é un privilexio. Coido que cando moitas persoas nacen, hai algo que botan en falta na súa vida sen sequera decatarse. Eu este ‘algo’ atopeino en Galicia. Porén, non a amo cegamente. Ao principio se cadra si, pero agora son máis fan da frase de Thomas Jefferson: o disentimento é a forma máis elevada de patriotismo. Sempre en Galiza contribuíu a esta paixón… irracional que agora sinto por esta terra. Porén, sempre procuro facer pasar esa paixón pola peneira da crítica construtiva e brutalmente honesta.

Philip: Como poden aproveitar esta obra os historiadores do mundo anglosaxón?

Craig: É unha historia alternativa de España que axuda a pluralizar o campo. A historia que escribe Castelao é boa e rigorosa, especialmente se lembramos as condicións extremas nas que estaba traballando: nun barco de refuxiados, no frío illamento dun rañaceos de Nova York… Mataron membros da súa familia. Hai algúns erros de índole historiográfica no libro, pero para ser unha historia de Galicia que remonta aos celtas e acaba na Segunda República, realmente os erros son poucos. Foi Paul Preston quen dixo, nunha conferencia en Ferrol, que facía falta unha tradución de Sempre en Galiza. Que un historiador do seu nivel opinase así claramente me alentaba e daba esperanza.

Philip: Volvendo ao tema da relevancia actual da obra, a que se refería Feijóo cando dixo recentemente que “somos a Galicia que soñaba Castelao”?

Craig: Eu non sei como funciona a mente de Feijóo. Ás veces pregúntome se ten mente, sen máis, especialmente no que concirne aos seus coñecementos da cultura galega. Seguro que está en Youtube o vídeo de Feijóo naquel programa de Fernanda Tabarés (o programa xa non se emite, o cal é lamentable porque era un espazo de debate moi pluralista). Pregúntanlle a Feijóo cal é o seu libro galego predilecto. En primeiro lugar di “algo de Rosalía”, e logo, cando lle preguntan que libro en concreto, contesta que os “poemas gallegos”. Que galego non che sabe o título de Cantares gallegos? Pois é bastante típico deste novo PP que sucedeu a Fraga. Don Manuel era un home desprezable, sobre todo cando era ministro de Franco, pero si tiña certo respecto e magnanimidade cara á cultura galega. Don Manuel recibiu a Fidel Castro como un fillo de Galicia que retornaba á terra. Feijóo non ten esta magnanimidade. Cando dixo o que dixo, a Fundación Alexandre Bóveda inmediatamente o desmentiu aseverando que a Galicia que soñaba Castelao non existe aínda, e eu estou de acordo.

Philip: Que outros textos de Castelao recomendarías para un lector curioso?

Craig: Cousas é un libro marabilloso, un pouco como Roald Dahl porque é bo para nenos e para adultos tamén. Os dous de sempre toca moitos temas filosóficos: to be or not to be, se a ignorancia é felicidade… este tipo de cousas. Os vellos non deben namorarse tamén é unha obra excelente que podería interpretarse sobre o escenario hoxe en día. Castelao era moi perspicaz.

Philip: E que outros escritores galegos che gustan?

Craig: Son moi amigo de Francisco X. Naval – Chisco Naval. Eu tiven o honor de traducir o seu poemario Nova York: ceo e mazá, o cal constitúe unha crítica ben fundamentada do estado actual dos Estados Unidos. Destaca tamén a súa novela A noite branca; ten catro narradores e está baseada nas conversas do autor coa súa nai sobre a participación dun parente na División Azul. A máis recente é Alma e o mar. A protagonista é unha muller maltratada, un tema sensible e moi complicado. Chisco enviou o texto a dez amigas -todas mulleres- e decidiu só publicalo se todas lle dicían que estaba ben. Ao parecer todas deron a súa aprobación. Tamén mencionaría a Martín Veiga, o poeta que dirixe o centro estudos galegos en Cork. El publicou o poemario Diario de Crosses Green, unha obra melancólica e reflexiva sobre o barrio de Cork onde vive. Tamén recomendaría A Veiga é como un tempo distinto de Eva Moreda, sobre a experiencia dos emigrantes galegos en Londres durante os sesenta, que eu acabo de traducir.

Patterson cunha auténtica Guinness irlandesa e o seu flamante pasaporte irlandés, logo de presentar a tradución en University College Cork

Philip: Agora teño unha pregunta de orde práctica. Ti es membro correspondente da Real Academia Galega. En que consiste esta categoría?

Craig: Creo que non lle fai dano o sistema literario contar con algúns galegos adoptivos. Por exemplo, vin a Úrsula Heinze nun documental da TVG e o seu amor por Galicia era palpable (eu son moi crítico coa TVG, pero fan uns documentais formidables). En termos prácticos… a RAG mándache un libro de cando en vez. O seu valor xace máis nas conexións que se forxan entre as persoas. Hai cousas que eu cambiaría: non me gusta como trataron a Méndez Ferrín; penso que poderían aproveitar máis a representación dos membros correspondentes no exterior; habería que facer máis para incorporar ás mulleres e a xente nova en xeral. Pero que conste que sigo crendo na RAG como proxecto.

Philip: E xa para rematar, tes morriña de Inglaterra?

Craig: Os meus pais veñen visitarme dúas ou tres veces ao ano. Actualmente a min non me fai moita ilusión volver. Dáme unha sensación de decadencia, de que hai algo podre na sociedade británica. O outro día pegáronlle a unha muller por falar español no bus. Todo isto está relacionado co Brexit. Os políticos empregan discursos cada vez máis violentos e os cidadáns responden con violencia. Non teño morriña precisamente –morriña no sentido dun anhelo profundo que satura o teu ser– pero si hai cousas que boto en falla. Coma ti, son dunha das comarcas máis belas de Inglaterra, ao pé dos Cotswolds (a terra de Laurie Lee), e ao lado do Severn Vale e o Forest of Dean. A túa cidade, Cheltenham, é señorial e encantadora. Non ten unha catedral como Gloucester, pero si ten menos tendas cutres. Boto en falla os pubs do Reino Unido e Irlanda. Fóra destes países non hai pubs. Hai bares, si, pero non se pode charlar cunha boa cervexa ao carón da lareira nun pub de verdade. Encántame a cociña galega, e prefiro a cociña galega á británica, pero de cando en cando boto en falla a diversidade de restaurantes interesantes e de boa calidade que temos nas Illas Británicas. Cando veñen os meus pais de visita, tráenme unha encarga de Marmite e queixo Cheddar Extra Vintage (un asunto de vida ou morte). A pesar de todo iso, non me arrepinto de terme mudado a Galicia. Síntome en casa. Desafortunadamente para os galegos, non creo que marche agora, metido en gastos…

Sempre en Galiza en inglés

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí