Trinta Lumes, de Diana Toucedo. O Courel máis vivo e o máis febril

Crítica de Trinta Lumes, de Diana Toucedo, unha película arredor da serra do Courel e o mundo dos mortos. Un documental, un poema e una historia.

O pai dun bo amigo meu da aldea é catedrático de bioloxía e ornitólogo, un deses poucos traballos que dan boa escusa para pasar longas tempadas nas montañas, sen intermediario entre ti e a natureza. Contoume meu amigo que acompañando a seu pai nalgunha desas estadías no Courel, quedou moito impresionado ao atopar aldeas completamente abandonadas, con casas aínda en pé, e obxectos abandonados polos antigos ocupantes aínda dentro delas. Contábamo porque dicía que atopara algún libro vello e sabe que a min me gustan esas cousas. Pero en realidade se recordo a historia é porque me pareceu emocionante, transformar as rutas de montañas nesa busca de tesouros esquecidos, como piratas ou arqueólogos improbables da memoria.

Trinta lumes creo que parte dun lugar diferente pero acaba fascinada por esa mesma historia. Por iso a súa trama principal é a de Alba e Samuel, dous adolescentes do Courel que descobren esas casas baleiras e os restos das vidas que alí aconteceron.

Trinta lumes

O Courel

Esta trama é a cerna de Trinta Lumes, pero non é ao que dedica a maior parte da súa metraxe. Comentabamos antes que o de ornitólogo é un dos oficios que permite pasar longos meses no monte: outro é o de directora de cine. Conta Diana Toucedo nunha entrevista en A Cuarta Parede que “estiven dous anos indo ao Courel cada poucos meses facendo estadías de arredor dunha semana. Quería traspasar a liña de “veño aquí de vacacións” e non ser allea, senón ir coñecendo máis xente da comunidade e que me van abrindo máis portas, chegar ao punto de estar integrada coa familia”. Hai moito na película dese proceso de aprendizaxe, achegamento e integración; de observar os lugares, as persoas que viven alí e os seus xeitos de convivir. De documental, en definitiva.

Courel en Trinta Lumes

Aparecen ante nós algúns personaxes, pero esquecemos rápido que son personaxes, porque a ollada que fai a cámara sobre eles é de lenta observación, de mirada obxectiva. Durante moitos minutos de Trinta lumes, a película é testemuña dun xeito de vivir, quere retratar máis que contar, se Alba é a protagonista da trama, o Courel é probablemente o protagonista da película. No seu vestido de documental, a película é incontestable. A recuperación da memoria e a conservación no noso imaxinario das tradicións é un tema recorrente en moitos dos creadores novos actuais, pero se Toucedo destaca é precisamente porque non se queda no idílico nin no puramente etnográfico, está interesada na vida real, nos matices e nos contrastes. Observamos as labores do campo, muxir o leite ou recoller as castañas, pero tamén como os homes cortan lousa na fábrica ou venden as castañas a unha cooperativa que vén por elas. As patacas e a carne mestúranse nunha enorme pota sobre o lume na escuridade, pero tamén vemos á vella señora mirando para a TVG mentres calceta pola noite. Os adolescentes conviven cos seus maiores e aprenden os seus xeitos milenarios, pero tamén ven vídeos de Youtube sobre o Halloween no colexio, charlando coa profesora en inglés. A única vez que se pronuncia a palabra “moderno” en toda a metraxe é un sacerdote nunha homilía en galego, no medio dunha misa en castelán.

Trinta Lumes cociñando

O xeito de achegarse á realidade do Courel é de respecto case reverencial. Toucedo permite tomas longas e silencios mantidos. Hai moita verdade no retrato. Os que amamos o noso rural gozamos de Trinta lumes precisamente porque non necesita edulcorar nada, abraza o híbrido, non un esencialismo baleiro.

O mundo dos mortos

Baixando un grao no concreto da película, non viaxamos a un Courel calquera, senón ao do inverno, o dos primeiros días de Novembro e da noite de Defuntos. A película volve facer aquí un marabilloso exercicio de recolla, e atravesan a película todos os ritos asociados a esas datas, enmarcados no clima e os labores do campo propio do tempo. É minuciosa no seu catálogo: a limpeza das tumbas, o simbolismo do lume nas noites longas, as anécdotas do tempo en que se empregaban as cabazas ou as campás para asustar aos máis cativos, as lendas de mouras, ata o vagalume como animal que vive entre os dous mundos. É moi intelixente empregar un recurso etnográfico, as lendas arredor dos mortos, para encadrar o tema da película. Abriga aínda máis de contexto á historia que se pretende contar pero consegue encadrar a trama de xeito gradual e sutil, sen romper a película en partes.

A historia de Alba

No esforzo de presentarnos lugar (O Courel) e tempo (o novembro de mortos), pasa a maior parte da película, e nese labor é onde atopa o seu espírito e ritmo. Pero falta aínda encadrar a historia de Alba e Samuel, falta encadrar a ficción no documental. Toucedo emprega para iso algunhas técnicas que podemos comentar. En primeiro lugar, apostar por unha estrutura circular, de inicio e final que se tocan, cunha escena de apertura onde unhas persoas con farois berran o nome dunha rapaza que buscan polo monte, incriblemente evocadora.

Tamén introduce un elemento claramente narrativo, unha voz en off, que destaca precisamente pola súa artificiosidade sobre o conxunto do filme, a pesares de aparecer en moi poucas ocasións. Esa voz en off, a de Alba, vertebra o relato e a distingue a ela como protagonista, en tanto que é unha especie de narradora da súa propia historia. A voz en off introduce un elemento de pulso lírico, nun discurso fragmentario e metafórico co que Alba narra os seus pensamentos. Tamén as escenas onde aparece a voz teñen esa vontade poética, o documental vira sen nos decatar cara momentos case de fantasía e realismo máxico, onde mesmo se engaden uns pequenos efectos, as luces dos mortos que persegue Alba.

Unha escena, cara o final da película, tamén destaca por romper un tanto os ritmos que trae a película, pola necesidade de contar e lanzar a historia cara o final. Samuel e Alba entran nunha casa abandonada, pero a cámara agora móvese dun xeito máis vivo, perseguíndoos e pechando ángulos. Ata este punto a historia estaba formada por pequenas escenas de vida, pero aquí o xeito de narrar de súpeto é máis narrativo, hai un diálogo guionizado e uns personaxes actuando. A escena deixa para min unha sensación estraña. É precisamente neste momento cando sinto que estou a coñecer de verdade a Alba e Samuel, pero a película está a piques de rematar. Decide romper as súas costuras previas e lanzarse a contar unha historia, pero só cando chega o final.

Trinta Lumes árbore

Esta tensión entre xéneros é probablemente o que converte a Trinta Lumes nun produto único, pero tamén o que lle impide ser un filme absolutamente redondo. Documental durante a gran parte da metraxe. Poético no xeito de introducirnos aos seus personaxes e na mirada que olla o seu contexto. Narrativo nun punto moi concreto, pero que nos recorda que despois de todo, o que estabamos a ver era tamén unha historia. Documental e fantasía, quizais ata película de terror. Ata que escribín estas liñas non o pensara, pero é incriblemente ambicioso. Non parece xusto destacar como algo positivo nunha película o gran papel que fai como documental e ao tempo pedirlle que sexa máis narrativa, pero atópome a min mesmo caendo nesa contradición.

Supoño que no fondo isto acontece porque me parece unha gran película e é natural pedirlle máis, que nos dea máis de si mesma. Trinta lumes lévanos ao Courel máis vivo e ao máis febril, o dos vivos e dos mortos. Retrata o mundo e o sobrepasa por medio da maxia das historias. Alcanza un nivel de sobresaínte en varias das súas intencións, e onde non o consegue, deixa ao espectador cunha fame gorentosa de imaxinación. Esa sensación quizais non é a da perfección, pero a quen lle preocupa iso.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí